Se Gabriel Celaya afirmaba que «a poesía é un arma…, cargada de futuro», ser poeta é unha cousa moi seria e transcendente.  Pero se na vez de ser un poeta só, é un xuntoiro de poetas, que agrupa nada menos que a máis dun cento de vates, a arma da palabra ten aínda moita máis potencia. Se a isto lle engadimos que esta asociación a forman mulleres e homes que, dun xeito ou doutro, non só están relacionados co mundo rural, senón que están afastados dos mundos académicos, institucionais e aínda editoriais, a súas voces póñense moito máis serias e singulares. E se non se queda só na Galiza, senón que tamén forman parte poetas do alén Miño, é preciso prestarlle a  atención que se merecen. E se son capaces de xuntarse a recitar máis dun medio cento deles en calquera vila ou parroquia, a súa poesía colle un ar cuasi revolucionario. Velaquí os Poetas do Reencontro, que forman parte da Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa.

O libro Poetas do Reencontro,  Colleita de poesía Galaico-Lusa, deu o ano pasado o primeiro paso dunha andaina de compilación anual de poesía galego-portuguesa, con vontade de perdurar no tempo e ser o referente anual desa Irmandade poética e artística.

Pero se o libro é importante, máis aínda o son as súas diferentes presentacións, a un e ao outro lado da raia no que se xuntan poetas a recitar e a confraternizar. Que é o que os move: «a irmandade, humildade, respecto, unidade e o sentimento poético en xeral, rexeitando calquera alarde de superioridade duns participantes sobre outros, proveñan do norte ou do sur do Miño, en pé de igualdade, e que, con todo, en silencio, sacan o mellor da linguaxe poética e conseguen reflectir as tendencias actuais da poesía galaico-lusa», en palabras de Anxo Boán, un dos argalladores.

Os precedentes do libro, desta asociación e do que aínda vai vir, hai que procuralos no «I Encontro poético da irmandade poética galega nas terras de Chantada», celebrado no ano 2018.

Alí tomaron a decisión de seguir cos encontros, de crear unha asociación, de publicar cada ano os versos, como se fosen unha colleita de viño, e de extender os encontros ao sur do Miño.

A resposta desde Portugal non puido ser mellor. A portuguesa Ester de Sousa e Sá, promoveu e executou un libro titulado Coletánea de poesía Luso Galaica, na que aparecen poetas galegos e portugueses en paridade.

No libro Poetas do Reeencontro rachan esta paridade e acollen a todos e todas os que se agrupan na Irmandade, naceran onde naceran. Cada quen oferece en catro páxinas froitos da súa inspiración poética.

Os libros, que van vir anualmente, pretenden publicar «o contido do acontecido en cada reencontro anual de poesía, cultura e arte, simbolizando a unión entre ambas culturas», afirma Boán.

Organizados alfabeticamente, a temática, en galego ou en portugués, aínda que ten moito que ver co agro, é diversa, como diversos son tamén a estrutura poética, que abala desde o soneto ao verso libre.

Os primeiros encontros

Os versos aparecerán anualmente coma unha colleita de viño. Non é unha frase feita, porque este libro, e os que veñan, non terían existido sen que, desde hai quince anos, Ramón R. Porto, outro poeta chantadino, viñera organizando anualmente un encontro de poetas ao carón das cubas e bocois da adega Terras de Bendaña.

Nos primeiros anos concorreron famosos e moi laureados poetas da Galiza. Logo a reunión foise nutrindo a cada máis de xentes que están dun xeito ou doutro fóra do que se podía denominar circuíto literario galego. Finalmente, tamén apareceron os poetas portugueses.

Outro arrequicho foi a publicación no ano 2017 do libro Eco dos Poetas de Chantada, construído por Xosé Lois García. Daquela xa se celebrou un encontro de poetas galegos no que estiveron presentes 26 declamantes.

Hai noveis e consagrados, xente moza e entrada en idade. Hainos que son labregos, e outras que viven en grandes cidades. E hainos con varios libros publicados e, algúns, que aínda andan niso atarefados.

Ao ano seguinte, na presentación do libro 48 Sonetos, de Anxo Boán, tamén se deron cita un bo feixe de poetas das Terras de Chantada. E como o pasaron ben e viron que era bo, que diría o deus cristián, decidiron quedar cada ano.

Pero non cavilen que a Irmandade poética son só poetas das Terras de Chantada. Nela intégranse diversos colectivos de poetas doutras latitudes e, mesmo, versos soltos.

Así, están na Irmandade os bates do Ribeiro Poético, de Culturalia GZ, de Os Vilares Lareira de sonhos/NPG Nova Poesía Guitírica, da Fraternidade Cultural Luso-Galaica, do Círculo Poético Ourensano, os de NPGgazeta.gal; membros da prestixiosa Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto, da Asociación cultural Poetas da Ribeira Sacra ou da Asociación Cultural e gastronómica Luso-Galaica.

Hai noveis e consagrados, xente moza e entrada en idade. Hainos que son labregos, e outras que viven en grandes cidades. E hainos con varios libros publicados e, algúns, que aínda andan niso atarefados.

Que treme a cultura oficial! Velaí veñen os poetas en irmandade a recitar polas vilas, polas tabernas e a conspirar nas adegas… Certamente que a poesía está cargada de futuro. Cantos poetas hai que, se cadra, nin os seus veciños sabían que existían!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here