Recentemente Netflix subiu o interesante documental, “Masacre en el Estadio”, dirixido por Bent-Jorgen Perlmutt, sobre a morte de Victor Jara. Hai nel tres minutos que explicarían a situación actual de Venezuela.
Nunha carta desclasificada, Henry Kissinger manifestaba a súa preocupación ao presidente Richard Nixon, pola vitoria de Salvador Allende, en Chile: “Non podemos opoñernos á súa lexitimidade porque foi elixido legalmente (Allende was elected legally), temos que socavar a súa capacidade para gobernar e que non se mostre ao mundo como un modelo de éxito” (min. 40 do documental).
En Venezuela, despois de perder case todas as eleccións, a oposición tomou a determinación de non presentarse ás últimas, hai menos dun ano, convocadas á Asemblea Constituínte, e ampararse nesa ausencia e boicot activo para eludir a legalidade e lexitimidade que aparentemente preocupaban a Kissinger.
A emigración venezolana comeza a ser mal acollida


A pesar de ser tratados con mimo polos medios, esta postura, así como as súas actitudes persoais, están a provocarlles problemas nos países de acollida. A xenofobia contra os venezolanos é xa preocupante en todos os países de América aos que teñen chegado nun número importante. En Panamá abundan as queixas de que non respectan as normas mínimas de convivencia. En Perú e Ecuador producíronse manifestación xenófobas. Os arxentinos non os queren.
Demasiados venezolanos? Desde logo é un factor, pero hai algo máis. Ten que ver coa idiosincrasia do país. Os venezolanos son doces e espontáneos e tamén algo excesivos. Din que o clima inflúe no carácter. Venezuela é terra de choivas torrenciais. Cando os venezolanos se poñen en modo torrentera non hai argumento que os pare.
Meter a un habitante dos “cerros” no meu piso! Os novos problemas da clase acomodada
En décadas anteriores, en Venezuela ningún trámite administrativo se levaba a cabo seguindo unha norma estrita e case todo se podía “arreglar”, desde a compra do carné de conducir até a realización desde o estranxeiro de trámites que en teoría requirían presenza persoal. Era un sistema viciado, aceptado tanto polos funcionarios, que recibían os subornos, como pola cidadanía. Desde a chegada de Hugo Chávez, e a pesar de que segue habendo corrupción, xa non é tan doado saltarse as normas, algo ao que a moitos lles resulta difícil acostumarse.
Eses mesmos sectores tampouco aceptan que as regras do xogo tiveron que cambiar cando máis do 60% da poboación, que vivía por debaixo dos límites da pobreza, acadou o poder.
O límite á compra de dólares tamén supuxo unha modificación importante. Venezuela sempre foi un país inestable e unha parte importante dos aforros dos cidadáns, sobre todo dos inmigrantes, estaba en bancos estranxeiros e en divisas. Por exemplo, os meus pais, cando viviamos en Venezuela, aforraban en dólares do Canadá. Pero esa continua fuga de divisas supuxo sempre unha sangría para o país e neste momento resultaría inviábel para economía do Estado.
O problema é que os venezolanos acomodados nunca creron no Estado e sempre preferiron pagar seguridade privada antes que impostos. Un país seguro pasa, non obstante, porque a pobreza non supere certos índices e iso fai necesaria unha política económica e de reparto.
Un país seguro pasa porque a pobreza non supere certos índices e iso fai necesaria unha política económica e de reparto.
A oposición que quere volver atrás no tempo
O chavismo xestouse entre o malestar do exército despois do caracazo (no cal morreron entre 300 e 3500 persoas, por disparos pola Policia Metropolitana e Garda Nacional). Unha parte do exército adquiriu conciencia da situación do país despois da matanza.
A corrupción xeneralizada nas institucións, facía que só as instrucións dadas polo exército, que funciona con maior disciplina, se levasen a cabo. De aí que o exército siga tendo un papel relevante na aplicación dos cambios nos últimos anos. Até agora, a pesar das chamadas a un golpe por parte da oposición, os militares teñen sido fieis aos resultados electorais.
É a oposición civil a que se ten mostrado incapaz de manter o control da situación: En primeiro lugar chegou a un punto de non retorno. Só admite volver á situación anterior ao chavismo. Isto resulta inasumible para unha gran parte da poboación que, estando descontenta con Maduro, ten medo a estas posturas maximalistas. Hai que ter en conta que, na época de Chávez, o país reduciu o índice de pobreza do 62,1% de 2003 ao 31,9% de 2011. A porcentaxe de venezolanos “sen alimentación mínima” pasou do 16% do ano 2000 ao 5% de 2011, porcentaxe similar a de España, EEUU, ou Alemaña. En 2013 e 2015 Venezuela foi premiada pola FAO por conseguir taxas de desnutrición por debaixo do 5%. A UNESCO declarou a Venezuela libre de analfabetismo, ao reducilo do 9,1% ao 4,9%. Tamén se incrementou o número de persoas que ten acceso á sanidade pública.
A porcentaxe de venezolanos “sen alimentación mínima” pasou do 16% do ano 2000 ao 5% de 2011, porcentaxe similar a de España, EEUU, ou Alemaña. A oposición non pode ignorar estes logros e volver a 1998.
A oposición non pode ignorar estes logros e volver a 1998. Ese 62% de pobres, que había en 2003, ten dereito a voto e non está disposto a que a súa situación volva empeorar polas boas.

Hai un ano, houbo eleccións puideron presentarse, tiñan serias opcións de ganar. Pero a parte máis radical non se presentou, en protesta polos procesos abertos, a causa dos violentos disturbios de 2017, contra unha Sentenza da Corte Suprema.
O día das votacións parte da oposición levantou barricadas. En Caracas, chegou a producirse unha explosión ao paso dun convoi motorizado da policía, co resultado de varios policías feridos. Aínda así, máis de oito millóns de venezolanos saíron a votar. Algo mais de 5,8 millóns de votos por Maduro e houbo 2,7 millóns de votos repartidos entre os candidatos opositores Falcón e Bertucci que non se sumaron ao boicot.
As eleccións foron tachadas de fraudulentas pola oposición radical. A ONU negouse a supervisalas. Si o fixo o Consello de Expertos Electorais de Latinoamérica quen certificou a súa transparencia. O daquela Presidente do Tribunal Supremo de Ecuador e presidente do devandito Consello manifestou: “Estivemos nas auditorías dos días previos á elección, constatamos a legalidade da convocatoria á Asemblea Nacional Constituínte e a forma de reparto e elección dos membros da Asemblea. O que nos parece democrático e garante a participación”.
Pese a que a maioría dos partidos opositores non inscribiron candidatos e pese ao temor á violencia, a participación acadou o 41,53%. Máis ou menos, a habitual nos Estados Unidos.
Volvemos a Kissinger. Discutir a lexitimidade do Goberno para poder xustificar intervencións directas.
