O presidente portugués Rebelo de Sousa, lendo o seu discurso de recepción do premio Fernández Latorre na Coruña. ©Presidéncia da República Portuguesa

Coma en tantos asuntos onde nos vai a autoestima, formúlase a miúdo expresión pemisista sobre o noso trato con Portugal. Que eles son indiferentes. Escépticos. Que ignoran ou queren ignorar a nosa relación xenética. A semellanza mutua, a capacidade para interactuarmos sen intermediario. Mesmo, por veces, que prefiren ser interpelados por nós en castelán, antes ca en galego. A min paréceme que, frecuentemente, trato e experiencia están mediatizados polo contexto comercial onde ben veces nos encontramos, cos seus prexuízos e maila rutina xerada. Ora ben, moito daquilo tamén existe: foi de feito, non deixou de ser aínda, versión oficial, politicamente correcta. Bastante coincidente, por certo, coa orixe do seu país que indican as obras históricas de maior divulgación en Portugal. En todo caso, é unha visión das cousas que nos abaixa.

Supoño que esa perda de memoria, eludir ou ignorar que o Condado Portucalense pertencía a un espazo galaico antes de irse constituír en reino, veu como efecto de nós quedarmos integrados nun ámbito político que lles resultou hostil. Do peche de fronteiras. A verba galego designaba algo alleo e mesmo case se converteu en palavrão. Como for, seica en Portugal estudaron historia así moitas xeracións, e séguese estudando. Aparece nos últimos anos unha mudanza de actitude nomeadamente en xente nova, ámbitos culturais, artísticos e mediáticos: agora non lle imos analizar a causa, o asunto é que esta semana pasada deuse aquí, entre nós, unha contraposición entre aquela inercia vella e esta novidade que ben me gustaba considerar de futuro.

A primeira foi representada por Marcelo Rebelo de Sousa, nun acto celebrado na Coruña onde recibiu determinado premio. O personaxe é, nada menos, presidente da república portuguesa, pero non menos relevante será dicir que ten setenta anos. Deu un discurso onde Galicia non figuraba como parte do toro común de onde procede o seu país, senón como rexión española unicamente comparable á rexión portuguesa chamada Minho, coa que mantería parecido aparentemente só debido á relación de veciñanza. Por ende, referiuse á moderna literatura galega citando catro nomes de autores que escriben en español.

Rebelo de Sousa deu un discurso onde Galicia non figuraba como parte do toro común de onde procede o seu país, senón como rexión española

Salvador Sobral

A segunda deuse nun acto galego-portugués celebrado en Compostela. Aí, Salvador Sobral seica se declarou galego do sur e partidario de, xa que fomos un, continuar a sérmolo aínda que for doutra maneira. Sobral é cantante, gañou o Festival de Eurovisión do 2017, e interesa tamén dicir que ten vinte e nove anos. Rematou a faena interpretando como canción un dos poemas máis famosos entre os que Celso Emilio lle dedicou a Moraima.

Poderiamos dicir que hai un mundo onde La Voz de Galicia entrega premiose o Portugal oficial ignora o que fomos; fronte a outro onde institucións do ensino galego fomentan un encontro cultural para sermos. Ora ben, resultaría versión demasiado oportunista, e inconveniente negar unha hipótese de sinerxias alargadas. Talvez sexa politicamente inxenuo, pero conviría procurar que aquilo vello vaia quedando na obsolescencia, e o mutuo recoñecemento converténdose en normal. Con todo, para iso había ser ben certa xestión actual: que algunha institución galega faga chegar o malestar ou desacougo ao alto representante portugués que acaba de causárnolo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here