Querido Rafael: Cando entrei na Bazán en Outubro de 1963 aos 14 anos de idade, non imaxinaba que ademais de conquerir un emprego, que non era pouco, lograría asentar as bases da miña formación mais aló do profesional, ou sexa iso que chamaban «facerse un home». Antes mesmo, moito antes, de facer a mili.

E ti, querido Rafael, tes moito que ver. Miña nai, que traballaba nos comedores da empresa, sentía por ti verdadeira veneración. E non era para menos. Loitador incansábel, valente e decidido e sempre arriscando máis que ninguén na defensa da clase obreira dende a Bazán pero tamén cos da Peninsular Madereira, a Pysbe, Megasa, Astano e por suposto na loita contra a Ditadura e pola defensa das liberdades democráticas.

Rafael Pillado xunto ao escritor Ramón Loureiro nunha foto de Anxo Álvarez.

A factura que tiveches que pagar non foi pequena, e non é esaxerado dicer que para un relatorio fiel da historia do movemento obreiro se ten necesariamente que contar contigo, coa túa vida. Ti formas parte dun pequeno grupo de persoas que tiveron que ver coa miña maneira de entender a vida, a responsabilidade de cara aos demais, fortalecendo o que tiña aprendido da casa. Mediatizada esta formación pola represión da ditadura e, por que non recoñecelo, polo medo a esta mesma represión.

Recoñezo que seguramente fun un mal alumno, porque deseguido puiden comprobar que aqueles fundamentos poderían aplicarse doutro xeito. Daquel movemento sociopolítico e asembleario das CC.OO. saíron as primeiras reivindicacións que pretendían resolver a nosa problemática mais achegada. Ti mesmo defendías dende o PCG «a esixencia dun maior rigor na oficialidade do galego….»  Que «o ensino sexa competencia exclusiva do poder galego e asegure o uso do idioma galego en todos os seus niveis e ámbitos», e nada menos que referenciando o Estatuto de 1936 para «o establecemento do goberno galego…». Nada menos.

A factura que tiveches que pagar non foi pequena, e non é esaxerado dicer que para un relatorio fiel da historia do movemento obreiro se ten necesariamente que contar contigo, coa túa vida.

Certo é que poucas persoas coma ti, gañaron o dereito a equivocarse ou a cambiar as súas prioridades no terreo político e/ou social e aí é onde quedo paralisado por non ter claro ata onde estou «lexitimado» para agradecerche aqueles anos de loita comprometida sen pasar por alto aqueles outros que provocaron as diferenzas mais salientables.

E como estou na seguridade de que aínda non compartindo nada ou case nada do que escribo, aínda que sexa porque a ti che pasará algo parecido coa publicación das túas memorias, cada quen que conte a súa verdade que seguramente entre todos conformaremos a verdadeira historia.

Pois si, querido Rafael as túas «Palabras afiadas» seguramente provocarán algún que outro cabreo, segundo quen as lea e segundo como as interprete. Eu sentinme alagado, mais que nada porque liches a miña historia aquela de  Antes de perdermos a memoria e case estou seguro de que non a remataches porque pasaches por alto a posición da CIG defendida por min para a defensa do Sector Naval Público na Ria de Ferrol, a defensa do Economato laboral que aglutinara as 25.000 persoas relacionadas coa Bazán, por exemplo. E sen embargo á escola de aprendices e a sua disolución final adícaslle unha boa parte do teu relato, facéndome responsábel (non único, menos mal) daquela desfeita. Eu, que por unha vez botara man do vello manual marxista, «análise concreto da realidade concreta»  para poder salvar o máximo posíbel do desmantelamento previsto, e vas ti e arremetes contra aquela posibilidade.

A pesares de todo, agradézoche de veras tal recoñecemento porque aínda contando cunha minoría sindical á hora da toma de decisión, seguramente viches en min, capacidade de convencemento sobre os teus propios compañeiros de CC.OO. e UGT.  Magoa, querido Rafael, que por esa mesma correlación de forzas o Sector Naval da Ria de Ferrol está practicamente desmantelado.

No que pretendeu ser unha vida plena, a miña polo menos, está chea de altos e baixos moi afastada da dos líderes obreiros dos que nunca me cansarei de poñer en valor cada vez que se dea o caso e calquer parecido desas vidas coa miña e pura coincidencia. Eu, créeme, nada de que presumir.

índa estou a padecer con incredulidade aqueles anos da pretendida transición, chea de acontecimentos, de reivindicacións, e porque non recoñecelo a estas alturas, de posicións sectarias, esquecendo que Franco o Ditador a fin de contas morreu na cama.

Lamentábaste, querido Rafael da que tiveches que soportar por aquel 10 de marzo de 1977 que sei que impediches a lectura dun comunidado por parte de organizacións non convocantes daquel acto de Homenaxe a Amador e Daniel. Ou por exemplo a que tiñades armado no balcón do Concello de Ferrol cada vez que alguén pretendía o canto do Himno Galego. Primeiro boicoteo total, despois  a meitade  ata que por fin despois de empurrar, apagar a megafonía , etc. conseguiase.

Aquel ano de 1977 quedou gravado especialmente. Se este episodio fora en marzo, o 10 de abril dese ano, Xove: Nucleares NON gracias, cobraches da mesma moeda, porque como ti recoñeces o PCG non convocara tal manifestación. Ah sí «supós» que se trataba dun grupo autoproclamado «nacionalista» (o entrecomillado tamén e teu). Total segundo o teu relato ata quedaches coa chaqueta «rasgada». Sectarismo e exclusión daquela esquerda irredenta , que diría Juan Ignacio Marín. 

Vaia ano 1977. Son por fin as Eleccións ao Parlamento español e sen saber o motivo, despois de anos de loita, de entrega desinteresada, de arriscar mesmo as vidas para conquerir por fin un proceso electoral libre e democrático, o pobo agradecido dá as costas descaradamente a quen loitou por el e fai nacer a nova dereita da UCD. 

Unha vez mais a túa decisión de dimitir, non sei se por esta razón (é o de menos) e de reincorporarte ao teu posto de traballo en Monturas, volve poñer no mais alto o teu papel de persoa cabal, honesta e respetada. 

Pero sen rematar 1977 aínda quedaría a sinatura dos chamados Pactos da Moncloa. Un elemento mais distorsionador do aprendido dos meus lideres obreiros. Nunca comprendín a defensa a ultranza daqueles acordos que amordazaban os avances previstos da clase traballadora. Pola boca pequena recolles nas túas Palabras afiladas unha cita de Nicolás Redondo, «No entiendo la postura de los empresarios de no aceptar el Pacto de la Moncloa que lo que defiende fundamentalmente son sus intereses». Citas mais adiante a un dirixente de Comisiones Obreras  que escribe: «Pero todos estos hechos no pueden hacer olvidar los sacrificios que los acuerdos de la Moncloa suponen para las Clases Trabajadoras. Sacrificios y serios…». Xa non foi tanto os acordos que defendíchedes na Asamblea dos Comedores, senón como o facíades.

Querido Rafael, xa sei que seguramente excédome do que sería o debido respecto á túa traxectoria pero respecto tamén é confrontar contigo situacións que deron sentido ás nosas vidas. E claro como ti o fas con tanta vehemencia, contaxias aos demais, así que supoño que non te lamentarás.

Sei que seguramente excédome do que sería o debido respecto á túa traxectoria pero respecto tamén é confrontar contigo situacións que deron sentido ás nosas vidas.

Vaia vida a túa. Ata foches Concellal que para xustiza divina dirixias a policía local con importantes éxitos de xestión aínda que quedara un pouco escura por aquela  abstención relatada por ti mesmo nas túas memorias e que posibilitou o chamado pelotazo urbanístico  do Edificio de Servizos da Xunta de Galicia. Feito que como todo na vida que deu pé a interpretacións de todo tipo.

Xa ves querido Rafael que a historia recente dá para moito e á hora de fixar responsabilidades saímos seguramente mal parados, non o dubido, pero mentres tanto aquelo polo que tanto te lamentas con razón, por exemplo o traslado ao sur das nosas capacidades en electrónica, ten moito que ver coa noble causa que defendías dende o Comité Central do PCG abandeirando o “sentimiento de solidaridad con otros pueblos de España” . Sería por eso.

En fin querido Rafael como ves, aproveitei a lectura das túas memorias para agradecerche a túa entrega e facerte chegar o meu agradecemento polo aprendido naqueles tempos difíciles e xa sabes do aprendido tamén se desprende a capacidade de cuestionar e criticar o que nos rodea. Comprobei ademáis que practicas o que canta Joaquin Sabina: «siempre que me confieso me doy la absolución».

Forte aperta

Bouzamaior, inverno 2020  

        

2 COMENTÁRIOS

  1. Alfonso, se vivieron tiempos dificilísimos y tuve la oportunidad de conoceros a fondo, conservando un recuerdo admirable de vuestra entrega, en defensa de una clase y de una idea. Creo que no merece la pena discutir matices de aquellas situaciones que siempre contaron con un posicionamiento admirable por vuestra parte, aunque cada uno lo hiciera defendiendo su parcela, siendo eso lo único lamentable y que, desgraciadamente se repite, con una división de la izquierda que no tiene el menor sentido, cuando el objetivo final es claramente el mismo. En fin, a mí, que tuve el honor de vivir ese mundo, quizá como un convidado de piedra, por las circunstancias, pero que siempre os admiré y traté de ayudaros en lo poco que podía hacerlo, recordar todo aquello me emociona y confieso que os admiro de verdad y que solo deseo que los trabajadores consigan vivir en un mundo mejor y más justo. Por desgracia, veo difícil que cuenten con líderes sindicales de vuestra entrega y categoría, realmente excepcionales..

  2. Súmome ao agradecemento que se fai nesta semblanza ao noso admirado Rafael Pillado. Non só marcou unha forma de vida hacia os demais, preñada de anécdotas e moito risco. As anécdotas, descubrir aos trepas e aproveitados que se cruzaron no teu camiño. Os riscos, naquel oscuro panorama en contra dos traballadores, foi a meu modo de ver, dun apasionado de seus principios, eu che envidio!!. Outros coma min, cos ollos vendados, non aceptaban os na queles momentos o que che acontecía e entre dentes maldeciamos aos verdugos. Gracias Rafael, tu ejemplo, humanidad, tu conciencia social, es difícil de explicar, si no se toma coma un acto erótico de vida. Meus aplausos, sempre.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here