Ricardo Carvalho Calero foi sinatura habitual nas edicións especiais de A Nosa Terra (Rosalía de Castro, Luís Seoane, Eduardo Pondal e Curros Enríquez), e tamén en diversas ocasións no semanario, onde foi entrevistado no número 0 e en 1987, cando se cumprían os dez anos da nova etapa. Nese período dunha década foi aquilatando a súa posición sobre o futuro da lingua e repasou diversos episodios da súa biografía.

Carvalho Calero: a voz e a palabra

ANTÓNIO MASCATO

Parece que na súa mocidade o Seminario de Estudos Galegos sería clave no proceso de aceleración da ideoloxía nacionalista.  Vostede súmase enseguida ao Seminario, cal era a importancia real nesta perspectiva do seminario? 

A ACADEMIA ERA UNHA INSTITUCIÓN FOSILIZADA

Extraordinaria. Foi extraordinaria.  A institución veu remozar a loita por unha auténtica cultura galega que non estaba aínda representada por outros organismos como a propia Academia, da que se tiña a idea de ser unha institución fosilizada. Nós mirábamos á Academia como unha entidade na que se celebraban certas liturxias de tipo cultural ou patriótico que non tiñan a eficacia necesaria. Queriamos para o Seminario que fose iso, un seminario no que se investiga, formando xente, sementando. 

Que o motivou á militancia no galeguismo. Era aquel un tempo de euforia colectiva entre os sectores máis preparados? 

Evidentemente, quen tivese desexo de superación no campo científico ou no da creación literaria atopábase inmerso no campo do galeguismo que xa tiña prestixio. Aínda que os avances prácticos do uso social da lingua eran máis modestos que hoxe mesmo. O Seminario por exemplo era moi respectado; un alumno destacado tiña o seu lugar propio de traballo e de convivencia no Seminario. De maneira que como eu xa tiña lido e criado en galego tiña o meu lugar natural. 

A HOMOSEXUALIDADE DE BLANCO AMOR 

Hai unha pregunta que non é persoal. Non vai dirixida exclusivamente a vostede, máis ben á súa xeración, aos seus compañeiros de militancia. Fai referencia á marxinación que sufriu Eduardo Blanco Amor pola súa recoñecida homosexualidade entre os que serían seus aliados naturais… 

A que anos se está a referir? 

Aos anteriores e posteriores á guerra. 

Blanco Amor nunha foto dos anos 30.

Ben, nos anteriores el residía en Buenos Aires, eu non o coñecía, nin eu pola miña xuventude tiña capacidade de criar opinión. Nin sequera era eu sabedor de tal condición. Só sabía que Eduardo era un escritor galego, con aínda moi pouca obra. Cando publicou Poema en catro tempos fíxenlle unha reseña en Nós deste libro ao que cualifiquei como o mellor libro de poesía deste tempo. Non foi tratado por min dunha maneira severa, cando se manifestou como prosista, conseguindo unha obra máis importante que a de poeta. Tamén me ocupei dos seus escritos sen me incorporar ao grupo de persoas que falagaron a Blanco Amor, provocados pola vaidade máis ou menos infantil do propio Eduardo. Se analizamos a calidade da obra de Blanco Amor, a transcendencia para a nosa literatura, teremos que distinguir a fariña do farelo. Non todo é fariña en Blanco Amor. Polo demais el publicou un texto na Arxentina sobre un libro meu que foi o artigo máis favorábel á miña poesía naquel tempo, por tanto non tiña motivos de animadversión contra el. 

A LIBERDADE DO NOSO PAÍS EN SENTIDO INVERSO Á MODERNIDADE DOS ESTATUTOS 

Vostede foi con Luís Tobío redactor do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía. Gustaba que se refira a el e no posíbel fixera un exercicio de Dereito comparado relacionado co que foi plebiscitado no ano 36 e co actual.

Lois Tobío.

O que caracterizou a aquel proxecto, no que se atribúe a Bóveda un protagonismo que non tivo, foi o feito de ter sido redactado xustamente a seguir á proclamación da República, da que agardamos que negaría todo o anterior. Se a monarquía fora mudada pola república, o centralismo sería modificado polo federalismo, iso estaba no programa das forzas que combatiamos ao réxime anterior. A República, pois, tería que ser federal pero se foi un novo caso de incumprimento de promesas electorais, feitas sen vontade de cumprir cando chegue o momento. Neste contexto,  Tobío e máis eu proclamamos nese Estatuto a República Federal e declaramos no primeiro artigo que Galiza era un estado ceibe ou libre, non recordo o término exacto,  dentro da República Federal española. No Estatuto aprobado eu apenas participei, estaba traballando en Ferrol e só fun emendante. De todos xeitos hai que escalonar as posibilidades de desenvolvemento da liberdade do noso país nestes tres estatutos en sentido inverso á súa modernidade. O de hoxe, coa imposición do sistema provincial que só pode alterarse cunha lei, é moito máis restritivo para o posicionamento nacionalista que o estatuto do 36 que admitía a agregación a unha comunidade autónoma de territorios limítrofes se fose ese o desexo das seus habitantes, cousa que hoxe non é posíbel. Isto é só un exemplo. O Estatuto plebiscitado no ano 36 era á súa vez máis restritivo no relativo ao dereito de autodeterminación ou do nacionalismo en xeral que o que redactamos Tobío e máis eu.

ERA MÁIS LIBERAL PAZ ANDRADE QUE BÓVEDA 

Procure facer un retrato memorístico de Castelao e Bóveda… 

«Feliz aquel que muere sin haber conocido el límite de su grandeza» dixo Azaña como se fixese unha premonición. Ben. Se hoxe puxesen en revisión eses recordos tería que rectificar algunhas consideracións de mocidade, como é lóxico. Mentres non está feita a obra non pode ser xulgada en definitiva. Bóveda e Castelao eran figuras queridísimas na época. Castelao como mestre de todos nós. Bóveda como un de nós. Alexandre movíase nun campo ben diferente do perfil mítico que despois se lle atribuíu, era a eficacia administrativa, organizativa, un home de enorme sinceridade que en rigor podería ser adscrito entre os conservadores. Todas aquelas teorías que circularon colocando a Paz Andrade entre os conservadores e a Bóveda entre os progresistas non teñen máis fundamento que o influxo dos dramáticos acontecementos posteriores. Era moito máis liberal Valentín que Bóveda, non é esa a palabra, pois liberais eran todos. Lembro un mitin de Otero Pedrayo no que dixo que un galeguista podía ser católico, practicante e agnóstico, o que non podía era non ser liberal. Desde o punto de vista relixioso, Bóveda podería ser considerado como un home de dereitas, morreu no catolicismo cunha enorme dignidade. 

O certo é que todos estaban ligadísimos aos mozos daquel tempo, quíxenos moito e relacioneime intensamente con eles. Castelao era un orador político de primeira orde, valorabamos todas as súas facetas, non lle disminuiamos a súa capacidade como pintor. como artista. Bóveda revelouse como eficacísimo orador nos últimos anos, antes non estivera virado a esas funcións; perfectamente recordo a Bóveda dicir que estaba disposto a dar mitins en vilas pequenas ou parroquias, o que demostra que antes non era esa unha das súas funcións. Por riba era fornecedor para nós das cousas tanxibles, dos dados económicos e cousas así, xa que outros dirixentes eran de formación humanista ou literaria.

Calquera que conspira para enaltecer o idioma debe ser ouvido e respectado, e aquí estamos a piques de ser queimados na fogueira.

Hai unha parte da súa biografía que é parcialmente descoñecida: é aquela que se refire ao seu comportamento en canto se produce a sublevación fascista.

Ben, eu estaba en Madrid facendo unhas oposicións e alístome no exército, participo na defensa de Madrid e de alí leváronme a Valencia para facerme oficial. Paso logo a formar parte do Exército de Andalucía, desde Madrid pola radio falábase do fin da Guerra que se estaba pactando. Cando quedaron rotas as posibilidades de paz algúns xefes fóronse, un poder insurxente de antigos presos fascistas fixéronse cargo da cidade e comezaron o acosamento, os encarceramentos. Logo duns anos de cárcere, ante a imposibilidade de manter tan elevada poboación penal fomos saíndo algúns e puiden retomar ao meu país, en liberdade condicional.

Cunqueiro, Del Riego e Carvalho nunha foto anterior a 1936
Cunqueiro, Del Riego e Carvalho nunha foto anterior a 1936

Vostede non estaba máis comprometido que outros compañeiros que non tiveron problemas graves co fascismo, o certo foi que algúns como vostede se mantiveron nas súas posicións mentres que outros traicionaron. Houbo moitos comportamentos miserables… 

Efectivamente houbo diferentes comportamentos. Con todo, non debe facerse análise dos comportamentos sen ter en conta a grave ameaza que pendía sobre nós polas nosas anteriores actividades, culturais, políticas.

Penso que de ter ficado no lado inmediatamente ocupado a miña sorte tería sido diferente, non creo que puidese ter evitado unha sorte aínda máis adversa. A verdade é que foi desigual a fortuna de cada un. Pereceron persoas que teoricamente estaban menos comprometidas que eu mesmo, outros encontraban a salvación na fronte ao alistarse ao exército de Franco. Houbo efectivamente condutas moi curiosas, moi estrañas. 

Como o comportamento de Risco ou de Filgueira Valverde… 

Son comportamentos de comprensión doada. Outra cousa é que nos atrevamos a emitir un xuízo de valor sobre eles.  A conduta de Risco non foi o resultado dun medo insuperábel, non! Risco era un home que estaba sempre fungando, movéndose nervioso, no que tiñan que producirse unhas reaccións psicofísicas moi acusadas ante o perigo, ante as ameazas. Ideoloxicamente era un home que chegou a ser hostil ao desenvolvemento da liberdade no que supón de axitación exterior e orde. Se Risco fose un home máis temperado ou valeroso non lle tería terror á revolución social sobre a adhesión a un ideal galeguista. Só episodicamente foi Risco o xefe teórico do nacionalismo galego. Interesouse polo nacionalismo como noutro momento o fixo pola relixión oriental e cousas así. No fundo sentíase home conservador, inserto nunha tradición relixiosa, pouco compatíbel con movementos xa non digamos revolucionarios no sociaI senón con movementos laicos de liberdade política. 

O caso de Filgueira paréceme que é análogo, home de educación moi conservadora ao que se lle pode opor a conduta de Bóveda. Non hai que esquecer que con Risco xa se apartaran do Partido Galeguista, cando a decisiva incorporación na Fronte Popular. Espantados do contacto con determinadas forzas e persoas. 

Ao caso Filgueira pódese opor o comportamento de Bóveda.

Don Ricardo. como foron as súas relacións con persoas claves na posguerra como Ramón Piñeiro e os demais galeguistas superviventes.

Puxéronse en contacto comigo cando saín do cárcere, pero pola miña persoal situación non podía ser utilizado inmediatamente como cargo político na construción do galeguismo. Os que desempeñaron un papel fundamental na restauración galeguista foron aqueles que por ter servido no exército de Franco estaban considerados entre os menos desafectos ao réxime. Restabelecín relacións con grandes amigos como Del Riego ou Otero Pedrayo, pedíronme axuda cando era precisa e posíbel en proxectos como La Noche ou Grial; posteriores acontecementos estragaron moitos daqueles vínculos que nos uniron.  

Valentín Paz Andrade, a quen se ten referido anteriormente, declaraba nunha entrevista que publicou A Nosa Terra hai uns meses, que el tiña cartas de Castelao contra Piñeiro nas que o censura polo que esta a facer co Partido Galeguista no interior. Neste sentido parece existir un pacto de silencio entre as persoas que estiveron implicadas nos acontecementos da posguerra no relativo á liquidación do Partido Galeguista. 

Esas noticias teñen chegado a min moi sesgadas pola miña liberdade condicionada. A dirección do movemento no interior facía análises moi diferentes das que facía a dirección no exterior. O que se me dixo entón é que Castelao quería que se mantivese a práctica política sobre a base do mantemento da constitucionalidade da República, recoñecendo que a dirección do movemento correspondía ao Consello da Galiza constituído en Buenos Aires; mentres que as persoas que dispuñan de liberdade de acción para organizar no país os esforzos políticos, ou socioculturais  entendían que caducaran esas teorías, sen concederlle á dirección no exterior o papel de caudillismo. A base de todo isto era máis ben se había que pensar na restauración da República derrubada pola insurrección político-militar de 1936 –pensamento de Castelao, se non estou enganado– ou se había que pactar cos monárquico-liberais.  Valentín decidiu estar silencioso até os seus últimos días, eles saberán porque, eu fiquei á marxe. En calquera caso sería bo que saísen á luz os documentos que aporten luz a estes problemas, non convén falsificar a historia, nin emitir xuízos morais sobre as persoas, mais é necesario sabermos como se comportaron as forzas políticas e as personalidades que tiñan incidencia no tempo do que falamos. 

Contaríanos como Ramón Piñeiro se xuntaba en Lugo con outros vellos galeguistas sen ningún tipo de medidas de seguridade, de como non pode facerse así a loita clandestina, «pero é que Piñeiro tivo a rara habilidade de enganarse case sempre, estaba convencidísimo de que os fascistas alemáns gañaban a Segunda Guerra mundial e que había que prepararse contra tal eventualidade disparatada». Continua a falarnos dos seus tempos á fronte do Colexio Fingoy, en Lugo, no que desenvolveu unha urxente labor de formación pedagóxica nomeadamente na literatura e nas artes dramáticas. para chegar de retornado á súa Universidade. 

Carvalho Calero no I Congreso da AGAL en 1984. ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra.

No fin dos seus cursos universitarios prodúcese o que para moitos sería unha grande sorpresa.  Vostede renuncia a unha boa parte das súas investigacións, abandona a súa «Gramática Elemental» de éxito e debrúzase na defensa do reintegracionismo lingüístico do que chega a ser abandeirado… 

UN NACIONALISTA NON PODE SER MÁIS QUE REINTEGRACIONISTA 

Non, non, de maneira ningunha. Eu non renuncio a nada. Toda a tradición galeguista. desde os primeiros tempos baséase nunha información científica procedente do romanismo segundo o cal hai tres sistemas lingüísticos na península: oriental, central e occidental –con matizacións na realización das diferentes normas– e na programación dunha política cultural que se basee nestes principios científicos. Toda a xeración Nós está afincada na realidade dunha unidade galego-portuguesa que non se pode fragmentar. No momento no que a persecución de todo ideal nacional do noso país é moi intensa non é momento de que as distintas interpretacións que dentro do galeguismo podan darse sobre o problema da política lingüística se manifesten, mermando forza á conxunción do ideal do nacionalismo galego. Despregar a bandeira tería sido insensato naqueles momentos, fíxose cando foi oportuno, a teoría na que estamos é antiga entre nós. Un nacionalista non pode ser máis que reintegracionista porque a nación galega desde un punto de vista cultural ten uns límites flexíbeis, os que impón a existencia dunha serie de comunidades ás que foi transplantada a nosa lingua e que deron matices determinados a esa lingua.

Ricardo Carvalho Calero

Estase a referir á estranxeiría dos da outra banda do Miño e á estranxeiría dos de Madrid? 

Claramente. Aceitar que non hai máis Galiza que a provincial imposta desde Madrid e que os que viven na outra beira do rio Miño son máis estranxeiros que os propios madrileños paréceme unha postura non galeguista. Castelao expresa claramente que desexa que o galego conflúa co portugués para termos unha lingua de difusión internacional. Non pode desmembrarse o galego do seu sistema lingüístico, estamos no mesmo caso do valenciano e o catalán. Aquí aconteceu que determinadas persoas pensaren que o idioma representaba a forzas políticas de esquerda e opuxeron un valadar conservador para que os outros non chegaran ao mando, xorde así un neorexionalismo.  A miña postura mantén que o galego é simplemente unha realización dun sistema que é o Galego-portugués, que hoxe ten outras realizacións noutros puntos do mundo. Non se pode afirmar que o andaluz é castellano e o portugués non é galego. Claro, ocorre que mentres o territorio andaluz está dentro do español e hai temor a que unha relación máis estreita entra a Galiza que está no Estado español e a que está no Estado portugués enxendre uns lazos políticos contra os que están pondo trancas De calquera xeito xa Castelao prevía a unidade xeopolítica dos pobos ibéricos que terá necesariamente que formularse mediante unha federación, neste sentido o prexuízo anti-portugués é un disparate propio dos que non son nacionalistas. Nós non podemos loitar en Inferioridade de condicións. precisamos de chegarmos ás linguas que nos son propias para non perdermos a batalla. Ninguén fala de disolvernos en Portugal. Nin de perder a nosa particular maneira de falar. 

Nunha entrevista que publicou A Nosa Terra co actual Conselleiro de Cultura [Alfredo Conde] manifestaba que baixo ningunha posibilidade se ía subvencionar nada que non empregase a normativa oficial. Tampouco admitía a hipótese de acadarnos unha normativa de concordia. 

Xa lin esa entrevista. Mira, ao conselleiro hai que dicirlle que os diñeiros non son do estado, da consellería, son dos cidadáns, a min ninguén me liberou de pagar os impostos. Por tanto tamén é meu ese diñeiro. O certo é que a discrepancia plural coa normativa oficial é moi ampla. E iso que está apoiada polo aparello coercitivo do Estado.

A administración poderá manterse allea á miña obra por ser escrita en norma diferente á que ela promove, pero non por iso vai mudar o meu criterio. O ambiente que algunhas poucas persoas están viciando coa súa práctica é o mesmo no que se queimaban os discrepantes no século dezaseis, por herexes. Que o noso pobo teña que soportar isto… 

Carvalho en 1984, intervindo no I Congreso Internacional da Lingua Galego-Portuguesa na Galiza. ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra
Carvalho en 1984, intervindo no I Congreso Internacional da Lingua Galego-Portuguesa na Galiza. ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra

Isto quer dicir estes novos torquemadas? 

Ningún país con verdadeira conciencia de si mesmo toleraría esas prácticas. A creación literaria debe ser absolutamente libre, no ensino existe a lei que obriga ao emprego da normativa oficial que na práctica demostrou ser inviábel por non asumida. Entón o que hai que facer é mudar a lei, o demais será totalitarismo. Eu sei que se dan casos como este que pode ser o voso precisamente. Unha revista acóllese a unha disposición oficial que concede unha subvención aos medios en galego díselles «non se vos dá porque aí publica Carballo Calero que escrebe en portugués». isto é incivil, debe modificarse xa. Isto é así pola vontade dun reducido grupo de persoas que merecen ser modificadas do aparello do estado. A liberdade de expresión debe ser total. A ortografía entra no apartado de estilo do escritor. Calquera que conspire para enaltecer o noso idioma debe ser ouvido, respectado e aquí estamos a pique de ser queimados na fogueira. Xa digo, unha normativa de concordia para o ensino e liberdade na creación literaria Que o país reaccione contra estes residuos de totalitarismo e que desaparezan os torquemadas 

Se tivese que facer un resumo conciso do obxectivo do seu traballo, que diría? 

Que estamos por modificar a coexistencia desigual do galego e do español na sociedade galega, a realidade é que o galego non está nas mesmas condicións de competitividade que o castellano; algunha ex autoridade do goberno galego declarou que no seu fogar empregaba galego e castellano ao cincuenta por cento. Iso é unha cousa ridícula, a diglosia desemboca no aniquilamento da lingua menos poderosamente desenvolva.  A cooficialidade do galego é un sarcasmo, algo irreal como a liberdade que os burgueses dicían dos primeiros obreiros da revolución industrial; claro, fronte á liberdade de esixir, a liberdade de negar. O galego precisa afortalamento, recoñecemento internacional, primar o galego fronte o castellano, pensar que o galego fálase en Coimbra e no Rio de Janeiro. 

Carvalho Calero en A Nosa Terra

Ademais de artigos nas publicacións especiais A Nosa Terra/A Nosa Cultura, Carvalho escribiu diferentes artigos no semanario que poden ser consultados nestes enlaces.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here