Xesús Anxo López Pintos, competindo con mensaxe reivindicativa.

Querido Pintos: Como ando medio despistado ou máis ben porque vivo practicamente recluído na miña aldea de Bouzamaior, tiven que preguntar pola túa saúde. Felizmente estás san e repoludo froito seguramente da túa «adicción» ao deporte. E tiven que preguntar porque anda todo o mundo manifestando louvanzas pola túa entrega na defensa dos dereitos e liberdades. Nada menos, que asumindo esas louvanzas os teus  opoñentes sindicais de sempre, con quen non compartimos nin coincidimos nin tan sequera na defensa das nosas pensións públicas.

Meu Deus!!, pensei que morreras. Xa terás tempo para iso, xa o sei, pero mentres permíteme esta dedicatoria. E atrévome a facela porque sempre me vin retratado na túa maneira pouco habitual de entender o sindicalismo e a política, ou sexa a vida mesma, aínda que ti, teño que recoñecelo, a pesares de coller xa «outros tempos» aínda estes non son doados para isto da solidariedade, da de verdade non esta artificial ou como se di agor: de postureo.

Aproveito ademais para solidarizarme contigo e agradecerche os anos de loita, porque non estiven na manifestación de apoio á tua causa. Sei de sobra que a miña ausencia non restou para nada apoio popular. Non te queixarás: alcaldes, distintos responsábeis políticos e sobre todo os tres sindicatos baixo o mesmo lema: Contra da represión, Xustiza para Pintos .

Detención de Xesús Anxo López Pintos, que levantou a onda de solidariedade.

E non era para menos. A Lei Mondaza pon nas mans da policía e da xustiza mais retrógrada a posibilidade de xudicializar e castigar os comportamentos na defensa das liberdades públicas e o xuízo contra ti obrigou, e de que maneira, a enfrontarmos con esa realidade, e foi, ou sería, creo eu, o que motivou a todos os que coincidiron nesa manifestación. Manifestación que ademais de conseguir facer chegar á xudicatura o inxusto da súa actuación logrou aglutinar a un movemento social que moito boto de menos noutras causas que teñen moito que ver cos teus anos de loita polas empresas e actividades de Ferrolterra. E todo grazas a ti, á túa loita arriscada moito mais alá do que correspondería pola responsabilidade sindical e política que tiñas en cada momento da túa vida.

Xa sei que ate agora, e sobor de todo nestes últimos tempos estábamos na crenza de que nos despachos, nos foros de debate, e nos parlamentos,  nun estado democrático calquera, abondaría para resolver os problemas sociais e da clase traballadora. Aínda moitos  están instalados nesa creenza e persoas coma ti sodes un incordio, por iso puxeron en marcha a maquinaria represora.

Pero é que co teu historial delictivo  que outra cousa podíamos agardar. Dende polo menos 1983 compaxinabas as tarefas de concelleiro do BNG en Cedeira coa profesión de mariñeiro. Os profesionais do mar, sempre sometidos a duras condicións de traballo, tiveron en ti un defensor incondicional cando no sindicalismo organizado as eivas na defensa dese sector punteiro na noso país eran evidentes. 

Esa dura loita por millorar as condicións de traballo, tamén dende as Cofradías tivo que ter momentos case épicos nos enfrontamentos con Bastida aquel «bazanero» Patrón Maior,  demasiados anos, resultado dos procesos electorais fraudulentos que tanto traballo te levou desmontar. Eu, que coñecín  a Bastida na Bazan, sei de primeira man o difícil que debeu ser tombar os métodos caciquis deste persoaxe  nun sector tan complicado como o do mar.

Parece que a Lei Mordaza desaparecerá, pero “grazas” á túa loita puidemos comprobar a súa dureza e a súa inxustiza.

Pero non sempre o traballo ten a xusta compensación e moitas das veces o premio ven máis de fóra que de dentro. A pesares de contar co máximo respaldo de quen tiña que considerar os teus esforzos, sempre aparece alguén mais «maleable» e sei que non tivo que resultar fácil competir co «candidato oficial”» para acadar a máxima responsabilidade sindical na Comarca de Ferrol. E contra todo, os delegados e as delegadas, que si coñecían o teu traballo diario nas súas empresas, deron as costas a quen case sempre lograban dende os despachos poñer ou quitar aos máximos responsábeis. 

Ten que gratificar, e moito, que detido no Cuartel da Garda Civil, por un conflito nunha Cofradía, a filla dun garda de servizo, que te coñecía por tela defendido nun conflito nunha superficie comercial onde traballaba, baixe da súa casa no Cuartel e te auxilie cun almorzo que tiña mais de solidariedade que de vianda.

A loita nas empresas, cos traballadores e as traballadoras, seguro que xustifican a posición de cada quen á hora de escoller camiño a seguir aínda que sexa pouco comprendido dende fora. Así seguro que tiveches relativamente fácil acompañar ao delegado sindical de Mercadona. con quen coincidiches na loita sindical, para respaldar a súa candidatura ás municipais do Concello de Narón onde resides dende hai mais de 20 anos, ou non? E quen sabe. A fin de contas as carencias son tantas que seguro que postos a criticar ata o fan os que pouco ou nada fixeron, nin fan polo noso País.

Benquerido compañeiro, parece que por fin, se os compromisos os cumpren,  a Lei Mordaza desaparecerá, pero “grazas” á túa loita puidemos comprobar a súa dureza e a súa inxustiza. Agardo que as sentenzas sexan favorábeis e reparadoras. 

Deixo como despedida unha desas frases túas «como galego confío na xente da miña parroquia e como mariñeiro na xente do meu barco». Pois iso.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here