Non pensedes que o de «Nacionalista na Prevención….» está posto así como para lucir o artigo, non. Está posto, porque na mesma frase termos como: Nacionalista e Prevencionista da Administración Pública Galega case nunca tivemos oportunidade de facelas coincidir. Así foi, e así é Xosé Antonio Rodriguez Arribe, Nacionalista e Prevencionista loitando dende unha administración que estou seguro que o pouco que fixo, foi para que Arribe deixara de dar a tabarra. Para esa dobre loita, tiñas que ter unhas calidades especiais, e Arribe tiñaas. 

O meu con Xosé Arribe viña de vello, a pesares de que tardei en comprobalo. Cando a Executiva Nacional da CIG decide que fose eu o responsable de Saúde Laboral da Organización e como tal, responsábel desa área nos organismos de participación na Galiza e no Estado, o primeiro que fixen, foi comprobar de que medios materiais e humanas dispoñía a Administración galega despois de case 15 anos de ter transferida a competencia en materia de Prevención de Riscos Laborais. Así que visitei persoalmente os centros provincias do antiguo INSHT.

Achegándome ás portas do Centro de Rande en Pontevedra, un home de bata blanca, brazos en alto (os dous), recíbeme a berros: Telladiñooooo!!!!! parecía estar encantado da miña visita. Non daba crédito. Eu non coñecía a ninguén do Centro onde nunca estivera e menos a aquel home. Quedou abraiado cando comprobou a cara de incredulidade que poñía e que por moito que disimulara estaba moi claro que eu non o coñecía.

Ante aquela esperpéntica situación e sen mediar palabra, dixo que mellor pasáramos ao seu despacho. Alí móstrame un disco do Coro Toxos e Froles de Ferrol e na portada aparecía o grupo completo na Praza Maior de Madrid. De seguido sinala a un rapaz e dime: «este son eu, e éste outro eres ti….».

Con Alfonso Tellado, á dereita, nun curso de prevención de riscos laborais en 2007.

Foi como activar aquela parte da miña memoria que polo visto aquel home non necesitaba reactivar. Tiña todo tan presente como se aqueles discos gravados no estudio de Juan Pardo en Madrid o foran unha semana antes.

Sorte que tiven dese encontro. Eu necesitaba coñecer en que situación se atopaba o meu cometido e sen dúbida el tamén estaba necesitado de poder transmitir aos responsábeis sindicais os seus criterios sen ocasionar rexeitamento previo xa que os antecedentes do papel da administración galega na Prevención tiña ao sindicalismo en xeral e á CIG en particular, moi cabreados.

Pasamos por unha etapa de colaboración non exenta de conflito. Como noutras «competencias transferida»” a Prevención de Riscos foi sempre a gran esquecida e porqué non recoñecelo tampoco nos sindicatos foi materia preferente. Tiven sorte, moita sorte ,en contar con Arribe. É un tipo vocacional, de militancia activa en todo o que se propuña, ferrolán ou cedeirés ou que sei eu a pesares de nacer na antiga «rúa da cárcere» no Ferrol Vello, e como é a vida, deixou a carreira de Perito Naval grazas as ameazas dun profesor que «xurou» que mentres el fora profesor o seu tema non o aprobaría nunca.

E así foi. Marchou a Compostela a estudar Enfermería atopando traballo no servizo de garda do Hospital Xeral de Ferrol. O seu primeiro traballo recoñece que marcou o resto da súa vida. Nada menos que foi atendendo a parte dos traballadores da Bazán, feridos, moitos deles de bala, o 10 de marzo de 1972.

Moceando en Vigo non tardou en atopar traballo perto da súa moza gañando a oposición a unha praza de enfermeiro no Gabinete Técnico Provincial de Pontevedra e posteriormente tamén por oposición a praza de funcionario do INSHT.

A Lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais que viña a ser a integración do ordenamento xurídico español da disposición europea, non tiña quen desenvolvera semellante cambio de actitude en España e moito menos no noso País. O desenvolvemento desa Lei veu poñer de manifesto as carencias que padecíamos no mundo do traballo en materia de Prevención. Os indicadores de sinistralidade non facían mais que subir e só puidemos contar coa participación a e militancia dunhas poucas persoas. Como non, destacando Xosé Arribe.

Sei seguro que polo «agobio» que dende a administración padecían diante do elevado número de feridos e mortos en accidente de traballo, tiveron que botar man de Arribe. Un nacionalista non podía ocupar máis responsabilidade da que o posto raso marcaba, así que tiveron que contar con el para organizar e botar andar o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e posteriormente e finalmente ata a súa xubilación nomealo Xefe do Centro de Seguridade e Saúde Laboral de Pontevedra en Rande.

Afortunadamente o noso País contou, conta e seguramente contará con elementos como Arribe. No Programa da TVG «Ti que tocas» un dos fillos de Arribe, músico profesional, comentou que seu pai non estudara música pero sacaba acordes extraordinarios de calquera instrumento. 

Na Prevención igualmente. Para rematar a vergoña de non ter en Galiza unha Guía para a Vixilancia da Saúde na Pesca nun País con 1.498 Km. de costa e mais de 4.000 buques faenando. A quen encargaron esta tarefa: pois a Arribe, chegando a coordinar a Prevención na Pesca na Galiza e impulsando a creación do Grupo Cano xunto con Asturias, Cantabria e Euskadi, dirixindo o Equipo Técnico que elaborou múltiples Guias Técnicas para todas as Comunidades Autónomas do Norte.

Tocando a harpa céltica que el mesmo construiu.

Arribe é deses elementos incualificables. Sempre tiven moi presente todas as súas indicacións, por certeiras e moitas das veces revolucionarias. So dubidei na ocasión que comentou que estaba rematando a construción dunha Harpa Céltica xa que ese instrumento era a súa gran paixón. Ata que a vín non podía crer semellante chaladura: «Construir unha harpa». Pois así foi. Abraiado quedei cando o escoitei tocala. Unha harpa céltica de 36 cordas construída en dous anos seguindo a aprendizaxe no Taller de Luthería antiga da Universidade Popular de Vigo e seguindo as clases do Mestre Rodrigo Romaní

Daquel PSG de Siro, Beiras, Lola Arribe ou Celso Emilio Ferreiro, saíria Xosé Antonio Rodriguez Arribe o Prevencionista Total, un home bó e xeneroso que se nega a ser xubilado parado volcando a súa capacidade creativa coa fundación e posta en marcha do Museo dos Mares de Cedeira que xa ven ser un referente museístico dentro do campo dos Museos de pesca na Galiza.

Longa vida benquerido amigo e grazas por todo.

Dende Bouzamaior nun dia invernal deste maldito 2020

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here