Presenza no 1º de maio de 1978 da Unión Democrática de Soldados. © Arquivo PTE

No Boletín de Situación Nº 155 do SECED (antecedente do CNI, Centro Nacional de Intelixencia) relátase o medo e a preocupación que tiñan os servizos secretos españois a que se producise un levantamento dos soldados nos cuarteis galegos a pouco da morte de Franco. Os protagonistas pensan que non era para tanto. A lenta apertura dos arquivos militares abre novas perspectivas para historiadores e xornalistas

Estamos a finais do mes de maio de 1976. Na facultade de Historia de Compostela está convocada unha conferencia do capitán Xosé Fortes Bouzán, membro da UMD (Unión Militar Democrática). O acto é unha tapadeira para presentar a recén creada Unión Democrática de Soldados (UDS).

Os servizos secretos españois danlle moita importancia a esta conferencia, até o punto de que a poñen como exemplo na editorial do Boletín de Situación nº 155 do SECED, do que está a pasar nas universidades e nos cuarteis: “… un claro exemplo é a [asemblea] recentemente celebrada, sen autorización, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, na que se fixo referencia a uns chamados CRS (Comités Revolucionarios de Soldados) a través dos que hai que aprender a usar as armas e organizar a revolución, no propio cuartel e a poder ser, gañándose aos oficiais. Respecto as FOP (Forza da Orde Pública), exhortouse a non aplaudir. Hai que enfrontarse e, se non ceden, matalos”.

Segundo lembra Fortes Bouzán, non puideron avanzar na charla, pois o SECED xa tomara a precaución de congregar máis membros da extrema dereita que estudantes interesados na proposta. Así que, tomada a facultade, rebentaron a conferencia e para non ser agredidos, Fortes e outros participantes tiveron que refuxiarse no despacho do decano.

Rebelión militar” en Ferrol

Alberte Fernández Campo, sindicalista. ©CIG

Un ano despois tamén se espallou por Ferrol o rumor dunha “rebelión militar da Infantaría de Marina”, e mesmo tres soldados ían ser xulgados por ese delito. “Pero non houbo tal”, comenta Alberte. F. Campo, o único militante da UDS que existía no cuartel das Dolores e hoxe dirixente da CIG. O “único” que pasara fora un “plantón da compañía que mandaba o capitán Porro negándonos a comer o rancho. Pero foi espontáneo”. Aínda que os panfletos que repartiran realizando este chamamento puideron ter algo a ver.

Non se sabe o que redactaría o comandante Fraguela, responsábel do SIM e pai da que foi dirixente da AN-PG, Manuela Fraguela, pero semella que o Servizo de Intelixencia Militar controlaba mellor os soldados que o de “intelixencia civil”, o SECED. Poida que fose porque, naquel momento, tiña un infiltrado na UDS no cuartel das Dolores. Un soldado ao que nomeaban como Santi Fantasma, que resultou ser policía.

Aínda así, os tres soldados, con Alberte F. Campo á cabeza, foron xulgados por sedición e condenados a tres meses e un día. “Xulgados, o que se di xulgados, non fomos, ou eu, polo menos, non me decatei. O dia 30 de decembro do 1977 baixáronnos do autobús aos tres e entregáronnos uns papeis nos que comunicaban a pena. De alí á prisión de Caranza”, cóntanos Fernández Campo.

Porén, en algo acertaban os servizos de información militar: Alberte F. Campo era un dos tres militares que deran no verán anterior unha rolda de prensa, encarapuchados, dando a coñecer publicamente a UDS. E o que son as cousas, aquela pena a Alberto seguramente lle salvou a vida, porque o autobús do que os baixaron a última hora, tivo un accidente en San Miguel de Las Dueñas (León), no que morrerían 25 soldados.

Contaxio de Portugal

Lois Burgos, sindicalista da CIG.

O temor do xefe do SECED, hoxe tenente xeneral Andrés Casinello (Almería, 1927), que era o responsábel dos informes redactados para o presidente do Goberno, débese, sobre todo, aos contactos que tiñan os soldados galegos, concretamente os da Unión Democrática de Soldados (UDS), pero tamén da UPG, con militares portugueses do MFA (Movemento das Forzas Armadas) que triunfaran en Portugal no levantamento do 25 de Abril de 1974. Mesmo recollen a hipótese de que militares portugueses poderían ter ofrecido armas para preparar unha insurrección nos cuarteis galegos.

Tanto Fernando Solla como Lois Burgos, responsábeis galegos da UDS, confirman os contactos cos militares portugueses a través de Fortes Bouzán. “Si, reunímonos cos militares do 25 de Abril na casa de Fortes en Pontevedra”, afirma Fernando Solla, na altura secretario xeral do Partido do Traballo en Galiza.

Fernando Solla e Lois Burgos, responsábeis galegos da UDS, confirman os contactos cos militares portugueses a través de Fortes Bouzán.

Pola súa banda, en conversas anos atrás con A Nosa Terra, Otelo Saraiva de Carvalho e Vasco Gonçalves circunscribiron estes contactos a “meramente de tipo político e de apoio á democratización en España”. Segundo Xosé Fortes, os militares portugueses do 25 de Abril foron unha inspiración para a UMD, “pero non un exemplo a seguir”.

Margarita Ledo, a dirixente da UPG que estaba exiliada no Porto por aquel tempo, tamén remarca que “os nosos contactos cos militares de Abril foron estritamente políticos”.

En Portugal existía tamén unha organización de tropa a SUV (Soldados Unidos Vencerán) que , dalgún xeito, se podían asemellar a UDS, porque unha das súas misións era “impedir a involución” no seo do Exército.

Semella que os soldados galegos non tiveron contacto cos portugueses, a non ser persoais, e que a inspiración da UDS, segundo Lois Burgos, que pertenceu ao Comité de Dirección a nivel estatal, foi a organización holandesa dos soldados, que estaba legalizada.

O plano de insurrección

O plano de insurrección que tentan expoñer naquela conferencia da facultade compostelá e que tan a serio toman desde o SECED, ten moi pouco a ver cos principios e a finalidade da Unión Democrática de Soldados (UDS). A vista de que o intervinte non foi detido, membros da UMD consideran que ben podía ser un infiltrado do Servizo de Intelixencia Militar (SIM) disposto a rebentar canto antes a asemblea.

Segundo Xosé Fortes, tanto desde o Goberno coma desde a xerarquía militar tíñanlle moito máis medo á UDS que á UMD, “nós, quéirase ou non, eramos militares de carreira e, dun xeito ou doutro, non só nos tiñan controlados, senón que xa estabamos en conversas con algúns ministros”. Estas conversas, con Fortes Bouzán e co comandante Luís Otero (Madrid, 1932-2018), confírmaas Xosé Manuel Otero Novas, que foi Ministro da Presidencia con Adolfo Suárez.

Para Fortes, o medo aos soldados, sobre todo aos soldados galegos, víñalles ás altas instancias porque “os soldados eran totalmente incontrolábeis e tampouco sabían a forza que tiñan nin coñecían ben as relacións que podían ter cos militares portugueses de Abril”.

O propio Manuel Fraga Iribarne referiuse con temor, cando era ministro da Gobernación _-suponse que á vista dos informes do SECED- do perigo dun levantamento nos cuarteis galegos e a posíbel intervención do exército portugués apoiándoos.“En certos círculos pensábase que o PTE (Partido del Trabajo de España) pretendía, coa creación da UDS, dar un golpe ao xeito do 25 de Abril portugués pero non se pretendía chegar a tal extremo”, relata o investigador ferrolán Enrique Barrera.

A UDS era un sindicato

Nas eleccións de 1979 o Partido del Trabajo obtivo 192.000 votos e non acadou representación nas Cortes. ©Arquivo PTE

A UDS foi un sindicato clandestino de soldados, fundado no 1975 pola Joven Guardia Roja, a organización xuvenil do Partido do Traballo de España (PTE), que non perseguía reproducir a Revolución dos Cravos de Portugal, senón impedir que o exército español volvese intervir contra da democracia. Desde a UDS tentábamos concienciar os soldados, pero tamén gañarnos os oficiais”, afirma Xosé Luís Vergara, preso máis dun ano como dirixente da UDS.

Tanto para Lois Burgos, secretario de organización do PTG, como para Fernando Solla e Enrique Barrera, a UDS tiña como principal obxectivo “mellorar as condicións de vida que soportaba a tropa nos acuartelamentos, a mala calidade da comida, as novatadas ou o ambiente violento provocado polo alcoholismo de algúns mandos”.

Así aparece no seu periódico El Soldado e nos panfletos que repartían entre os militares de reemprazo.

En certos círculos pensábase que o PTE pretendía, coa creación daUDS, dar un golpe ao xeito do 25 de Abril portugués. Pero non se pretendía chegar a tal extremo, senón simplemente a un contragolpe. A UDS defendía abertamente a Constitución porque permitiría desobedecer ordes inxustas”, relata Enrique Barrera.

Barrera considera que “a UDS tivo algúns logros, como manter os pases pernocta, cos que os soldados podían saír do cuartel os fins de semana, pero non acadou un gran calado na tropa, porque a maioría prefería pasar a mili que meterse en liortas”.

Con todo, Barrera afirma que a UDS “provocou moito nerviosismo entre a oficialidade, que tendía a sobrevalorar a influencia das organizacións clandestinas. Unha parte cría que se ordenaban saír dos cuarteis para dar un golpe de estado, moitos oficiais e soldados se opoñerían. E esta crenza rebaixou os ánimos de oficiais potencialmente golpistas”.

Fernando Solla, terceiro pola esquerda, nunha reunión da Comisión dos 16 para a elaboración do Estatuto de Autonomía ©Parlamento de Galicia

Para Fernando Solla, que remataría sendo amigo e compañeiro nalgunha xeira política de Fortes Bouzán, “non é que nos fiásemos moito dos militares da UMD, pois, ao fin e ao cabo, nós eramos soldados e eles oficiais, pero compartiamos a arela da democracia”.

Pola súa parte, outro dirixente da UDS, o biólogo Xosé Luís Vergara, lembra como durante a súa estadía en Barcelona, tiñan o apoio aínda de ben oficiais nos cuarteis.

A partir de 1978, a UDS participou activamente no nacemento de ECCO (European Conference of Conscripts Organizatións), unha especie de sindicato europeo de soldados, que aínda existe hoxe, aínda que só en Austria, Dinamarca e Grecia, que son países nos que se mantén o servizo militar obrigatorio.

A UDS estaba dirixida en cada localidade por un militante que non cumpría o servizo militar, “No Ferrol era Manuel Bellón Vilela e chegaron a ser 12 afiliados, todos eles de Marina, que se reunían o último domingo de cada mes na cafetaría Oasis dos Cantóns. Tiñan que acudir cunha revista debaixo do brazo que comezase coa letra Q, e o responsábel achegaríase cun contrasinal”, relata Barrera.

A Manuel Bellón substituíuno como responsábel de Ferrol, Andrés Gómez, que foi detido no 1978. Aínda que, formalmente xa estabamos en democracia, o fiscal pediulle 12 anos de prisión. Finalmente a pena quedoulle en seis meses.

O ex ministro Otero Novas afirma que el non tivo coñecemento deses Boletíns de Situación nos que falan do medo ao levantamento dos soldados en Galiza e apunta a que o seguimento dos soldados era máis cousa do SIM (Servizo de Información Militar) que do SECED.

Algunhas veces os do SIM tiñan tan pouca profesionalidade que mandaban militares de idade para realizar o seguimento, o que os facía doadamente detectábeis. Noutras pretendían introducir nos Comités de Soldados, case pola forza, militares, o que tamén os delataba.

Que non transcenda publicamente

O biólogo Xosé Luis Vergara, foi alcalde de Cedeira

A Xosé Luís Vergara, que sería alcalde de Cedeira polo PSOE (2007-2011), detivérono o 16 de novembro de 1977 na estación de ferrocarril de Barcelona con propaganda da UDS. Condenárono a nove meses, tres pasouno na Cárcel Modelo de Barcelona, onde axudou a redactar un dos famosos manifestos da COPEL (Coordinadora de Presos Españoles en Lucha), e outros seis no castelo de Figueres. Logo cumpriría outros tres meses de cadea antes de repetir o servizo militar, como lles pasou a moitos da UDS.

O que menos quería o Exército é que se difundise a existencia da UDS. Sabían moi ben o que facían. Non te levaban a xuízo, metíanche a pena por faltas moi graves, que ían reiterando, pero sen acusarte de delito. Nós queriamos que nos acusasen formalmente para darlle propaganda a organización. Así que, como non saía nada para fóra dos cuarteis, tiñámonos que limitar a tratar de organizar os soldados, claro está, con moito tino, a publicar o periódico El Soldado e a repartir panfletos. Aínda así fomos quen de lograr triunfos en varios cuarteis, case sempre relacionados co rancho malo ou cos pases e permisos”, relata Vergara.

“El soldado” era o boletín clandestino da UDS,

Un destes plantes pola calidade do xantar produciuse no cuartel das Dolores e no Arsenal de Ferrol, cando moitos soldados devolveron o rancho”. Pero Barrera dálle máis importancia aínda a outra acción perpetrada taménen Ferrol no 1977 cando se concentraron os militantes da UDS nas inmediacións do Mercado Central e lanzaron por encima da muralla gran cantidade de exemplares da El Soldado, o seu xornal clandestino, “ao día seguinte non deixaron saír a ninguén dos acuartelamentos e redobraron as gardas”, cóntanos Barrera.

Lois Burgos tamén lembra como “ademais de negarse a comer o rancho en varios cuarteis, noutros mesmo asaltamos o comedor de oficiais” e por dirixir estas accións, Burgos non só estivo no cárcere, tamén o foron mudando de cuartel e de corpo, percorrendo media España. E o que sería logo dirixente da CIG, tan contento: “Eses traslados permitíanme ir montando Comités de Soldados por onde pasaba. Se o pedise eu, non resultaría mellor!”.

Os soldados galegos están fora

Os tempos da UDS son últimos anos da década dos setenta. O que para os máis vellos está ao rouse da esquina, para os máis novos, son tan afastados como unha guerra napoleónica. Pero, si, naqueles tempos, existía o Servizo Militar Obrigatorio. Esa mili que lles deu tantas batallas que contar a seus pais e avós e das que moitas persoas mozas non queren escoitar falar. Naquel servizo militar, a maioría dos soldados eran destinados fóra de Galiza, agás os da Marina, e aquí viñan soldados de fóra.

Esas dúas circunstancias son as que fan complexo seguir a traxectoria da UDS no noso país. A maioría daqueles soldados non viven hoxe en Galicia e por iso está moito mellor documentada a súa acción na Marina, que si tiña unha tropa formada maioritariamente por galegos.

A outra dificultade é a de tratarse a UDS dun sindicato clandestino, no que os seus membros eran coñecidos polos seus nomes de guerra, descoñecéndose na maioría dos casos os nomes reais e a súa procedencia. Falan de O Rubio, de Alfonso, de Xavier, de Milin (Salorio) , de Felipe o andaluz, do policía municipal de Neda, dun mariñeiro de Ribeira, de Pablo, un soldado das Pontes, doutro das Neves…

En Galiza a militancia da UDS non era moita, pero Lois Burgos conta como en La Linea, chegou a formar un comité con máis de cen soldados, “tan só nuns meses”.

E os soldados galegos, a non ser os da Marina, militarían polo Estado adiante e os seus contactos tamén serían de fóra, emporiso a dificultade para localizalos, aínda que, aprobada a Constitución deran a orde aos afiliados de non ocultarse.

Porque, os integrantes da UDS non só eran militantes ou simpatizantes do PTE, senón que, como afirma Vergara, “eu coincidín con algún militante nacionalista galego ou vascos como Andoni Arantxeta, que pasado o tempo foi dirixente do sindicato vasco ELA”.

Para Alberte Fernández Campo, que xa militara na UPG, e volvería á organización nacionalista logo do seu período na cadea de Caranza, nin o nacionalismo galego nin o vasco querían saber nada da UDS por ser de “obediencia estatal”, pero si que había soldados que militaban noutras organizacións ademáis do PTE.

Estas circunstancias deberon de ser as determinantes para impedirnos que localizásemos os que falaron na famosa conferencia da Facultade de Historia de Santiago de Compostela, cabo de Fortes Bouzán, que foi alí e non sabía o que o agardaba e que, como afirma Fernando Solla, “nin el, nin os outros da UMD, estaban moi de acordo coa nosa organización, pois, demócratas si, pero non deixaban de ser militares. Nós, aínda que mantivemos reunións formais con eles, tampouco nos fiabamos“.

Quen si o sabía eran os servizos secretos españois. Eles estaban alí e deixárono consignado no Boletín de Situación nº 155, redactado polo xeneral Andrés Casinello.

Eles tanto medo e nós sen saber nada!

Os Boletíns de Situación

Os Boletíns de Situación eran unha das tres vías de análise e comunicación que tiña o SECED, xunto as notas ao presidente do goberno, que redactaba o director, e a “valoración mensual”. Pero, segundo os especialistas, polo volume de información e polo seu contido, eran únicos na súa especie. Redactábanse semanalmente (agás nas vacacións) a partir da información que lles proporcionaban “varios milleiros de informadores máis ou menos conscientes da súa aportación ao SECED”, segundo o xeneral Peñaranda, que foi xefe da sección de política.

O seu contido pechábase os mércores na sede da axencia, en Castellana 5, xunto a sede do Goberno até o traslado deste á Moncloa.

De extensión variábel, estaban compostos, xeralmente, por entre 30 e 50 páxinas e podían ir acompañados de anexos con documentos internos orixinais, folletos ou propaganda requisados ás organizacións opositoras.

O seu proceso de elaboración, segundo o profesor Ernesto Villar, era o seguinte: durante sete días recollían a información de cada delegación territorial e de cada ámbito no que estaba dividido, (político, relixioso, laboral, etc). Os responsábeis destes sectores peneiraban a información máis importante, redactábana e enviábana á sede da central onde o equipo directivo dáballe o visto e prace.

Con toda a información escribían a “portada” e o “editorial”, coñecido popularmente como a “folla verde”.

O “inventor” de todo este aparato de espionaxe foi o seu primeiro director, José Ignacio San Martín, do que se dicía que “poñía e quitaba ministros”. San Martín foi condenado no 1983 a dez anos de prisión pola súa participación no golpe de estado do 23-F.

O SECED elaborou 216 Boletíns de Situación. Comezou no 1972 e rematou xusto o día no que os cidadáns volvían votar despois da longa noite de pedra, o 15 de xuño de 1977. No meses anteriores “o SECED infíltrase en todos os incipientes partidos políticos. Ávidos de militantes rexistados admiten a cantas persoas queren apuntarse e resulta sinxelo entrar neles, afirman fontes dos servizos secretos da época. Todos os partidos, incipientes ou consolidados, estaban infiltrados”, escribiron Joaquín Bardavío, Pilar Cernuda e Fernando Jáuregui no libro Los servicios secretos (De Bolsillo, 2001).

1 comentario

  1. Os de A Linea eran arrestados de Alxeciras,e toda Andalucía onde o PT, era moi forte. Alí estaba un rapaz de Pontevedra, Sam, chamase,e tíñanos a pico e pala por alá ,por Xibraltar.
    Os moi animales fixeron unha pintada na fachada da cantina, coincidiume ir visitalo e díxome o centinela que mellor o deixara que tamén me ían a ligar a min, pois eu tamen estaba nun cuartel en Ceuta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here