Este ano cúmprese o cincuenta aniversario da publicación, en alemán, do breve ensaio España e os españois de Juan Goytisolo. Até unha década despois, en 1979, xa chegada a democracia, non viu a luz en castelán.

A publicación de obras dedicadas a España e de autores españois en linguas estranxeiras, ao non poder ser dadas a coñecer no propio país, non é un fenómeno illado. Foi tamén o caso, por exemplo, de España tal como é, de Valentí Almirall, publicada orixinariamente en francés, ou de varios textos do federalista Pi y Margall.

José María Blanco White

Goytisolo forma parte dunha corrente de intelectuais encabezada por Américo Castro e seguida por autores como Márquez Villanueva, historiador apenas publicado en España pero recoñecido polos hispanistas dos EE UU, país no que residiu despois de marchar en 1959 e até a súa morte no 2013.

Goytisolo é tamén, como se sabe, un dos principais reivindicadores e difusores da obra de Blanco White (1775-1841), outro intelectual discrepante das ideas da época que acabou expatriado en Inglaterra.

O mito español

O actual mito español comezaría marcado, segundo Juan Goytisolo, pola “casta militar de Castela que se impuxo ás minorías diverxentes e ás zonas periféricas da Península a finais do século XV”. Goytisolo lembra que o propio Unamuno e a Xeración do 98 vanse manter, no plano estético, “fieis a esta identificación arbitraria”.

O escritor lembra algúns feitos coñecidos, pero pouco citados, como o epitafio orixinal da sepultura de Fernando III, chamado o Santo, morto en 1252, que foi redactado en latín, castelán, árabe e hebreo, unha pluralidade máis tarde encuberta. 

Cerrada, pouco a pouco, España a todas as tendencias relixiosas, filosóficas ou humanísticas diferentes, a estreitura intelectual chegou a que, en Alcalá, se fixesen “verdadeiros esforzos para extirpar os estudos de grego” ou a perseguir “a un cristián tan sincero como frai Luis de León”.

Goytisolo sitúa, por unha banda, “a opinión maioritaria de Lope de Vega, Tirso de Molina e Calderón” e, pola outra, “a ética individualista de frai Luis de León, Alemán e Cervantes”.

En Quevedo ou Unamuno ve autores que son conscientes da ruína de España, pero que acaban convertendo a pobreza “nun valor ético”.  

A orixe do “honor”

“Os Cristos e Dolorosas, na éxtase das súas angustias e sufrimentos, non teñen equivalente na arte pictórica de ningún outro país occidental”, di. Por outra parte, o eixo de todo o teatro español do século XVII será o honor, o que responde ao desgarro interno dunha sociedade dividida polas vellas castas aínda non totalmente asimiladas: a militar de Castela, a intelectual e financeira de raíz hebrea e a artesá e dos oficios mecánicos de orixe mourisca. 

Citando a Xavier Domingo, Goytisolo afirma que “todo o que o español leva en si de árabe é reprimido sen piedade e, en primeiro termo, a sexualidade”. Unha obra como A Celestina (1502) “puido divulgarse nun momento no que o Santo Oficio non controlaba aínda totalmente a vida e conciencia dos españois. Pero, desde mediados do século XVI, o amor carnal desaparece do horizonte da nosa literatura”.

A opinión cristiá vella quedaría representada no romanceiro, na novela de cabalerías, no drama de honor e no auto sacramental, ao tempo que “unha minoría de desconformes (ordinariamente conversos ou descendentes deles) produce unha serie de obras cuxo común denominar puidera cifrarse na vontade (máis ou menos aberta) de trastornar os valores establecidos e ofrecer a imaxe dun mundo desnortado”. 

“No momento –engade Goytisolo– no que o ideal castelá do heroe relixioso e guerreiro que loita por Deus e pola patria se converte nunha realidade exaltada e grandiosa, a novela picaresca crea a imaxe invertida del: o seu negativo fotográfico, o antiheroe”. Os protagonistas desta última son pillos, ladróns, criminais, verdugos, bruxas e prostitutas.

“Ao final do século XVIII, a poboación española contaba cuns dez millóns de habitantes, dos cales 1.400.000 pertencían á nobreza improdutiva e máis de 200.000 ao clero regular e ordes relixiosas”

Pasa o tempo, pero esa herdanza da vella casta militar e da pureza de sangue permanece, sen grandes modificacións. “Ao final do século XVIII, a poboación española contaba cuns dez millóns de habitantes, dos cales 1.400.000 pertencían á nobreza improdutiva e máis de 200.000 ao clero regular e ordes relixiosas. En Castela a Vella existía un título nobiliario por cada tres habitantes, e un por cada cinco en Navarra. Na única zona industrializada da Península –Cataluña–, a proporción, en cambio, é dun 0,33 por cento”.

Copiar pero non crear

Goytisolo lembra que os reformadores e ilustrados que van xurdindo, e que nalgún caso acadan a responsabilidade de ministros, como sucede durante o reinado de Carlos III, vense obrigados a importar as súas ideas do exterior, polo xeral de Francia, “sen decatarse de que non poden xermolar en terreo tan ermo”. 

“As disciplinas científicas e humanísticas –engade, citando a Cadalso– desapareceron das universidades españolas: nelas non se ensina nin matemáticas, nin física, nin anatomía, nin historia natural, nin dereito de xentes, senón casuística e siloxismos. Discútese sobre a constitución dos ceos: están feitos do metal das campás ou son líquidos, como o viño máis lixeiro?”. Outros, como Andrés Piquer e Vicente Calatayud “polemizan sobre se os anxos poden ou non transportar seres humanos, polos aires, de Lisboa a Madrid”.

A Inquisición acosará, até 1820, a curiosidade intelectual e, volvendo citar a Cadalso, di que “o español que publica as súas obras hoxe escríbeas con inmenso coidado e treme cando chega o tempo de imprimilas”. Así moitas delas son ocultadas e non ven a luz nunca.

Trátase sempre do mesmo fío condutor. En 1502, “os Reis Católicos prohibiran a importación de libros a fin de impedir a difusión das ideas dos xudeus españois expulsados que, en Francia, Inglaterra ou Holanda, expresábanse, por fin, libremente. No século XVIII, a vixilancia céntrase, sobre todo, nas ideas enciclopedistas”. E pon o exemplo dun oficial da Mariña que é acusado de ter no seu domicilio un busto de Voltaire. 

Psicanálise dos españois

Francisco de Goya.

Goytisolo sostén que Goya, nos seus Caprichos ou nas torturas que se reflicten nos Desastres da guerra, o que fai é “psicanalizar os españois”. Tamén lembra que Larra dicía ironicamente que “España dividiuse sempre en dúas clases: xentes que prenden a xentes que son prendidas”. 

Para Goytisolo resulta moi significativo que as dúas melloras testemuñas da realidade española do século XIX proveñan dun forasteiro (Borrow) e dun expatriado (Blanco White), mentres que os escritores peninsulares “naufragaban, polo común, na trivialidade e na retórica”. 

En 1870, a porcentaxe de analfabetos ascende aínda a máis do 60% da poboación. A I República cae, di Goytisolo, sen que ninguén erga a voz para defendela. E Unamuno escribirá máis tarde: “Os periódicos nada din da vida silenciosa dos millóns de homes sen historia que se levantan… a unha orde do sol e van os seus campos a proseguir a súa escura e silenciosa labor cotiá e eterna”. 

Goytisolo recolle tamén o “odio a muller” de Quevedo (“considéraa padecendo os meses e darache noxo”), o sentido das touradas (cos destros movidos polo interese en fuxir da miseria e non por unha idea de arte ancestral, por moito que así o escribise Hemingway) ou o latifundio do sur reconvertido ao negocio da cría de touros bravos.

Case ao final, resume a información dun xornal de Madrid de 1964, sobre unha procesión celebrada na capital con motivo do Venres Santo: “Dez mil quilos de ferro, distribuídos en cincocentas pesadas cadeas, foron arrastrados o venres polos penitentes da procesión do Silencio. A maior parte deles pertencían á Irmandade de Cruzados da Fe; outras, adquiridas no Rastro ao prezo de trescentas ou catrocentas pesetas, apareceron, incontroladas, á beira dun Cristo e dunha Virxe Dolorosa. E, por primeira vez na historia dos nosos desfiles de Semana Santa, tivéronse que alugar cadeas en certas ferraxerías ante a extraordinaria demanda que se produciu a última hora (…). Por outra parte, distribuíronse cinco mil cruces de madeira. Unha destas cruces, a que vai sempre detrás do Santo Cristo da Fe, está feita dun poste de telégrafos enteiro”. 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here