Hai agora dez anos que morreu Manuel Fraga Iribarne, pero a súa morte política xa se producira dez anos antes, cando a catástrofe do Prestige. Fraga que viu que tamén era unha «catástrofe política» non foi quen de pórse ao fronte da Xunta e delegou en Madrid, que, na práctica, suspendeu a autonomía sen recorrer ao artigo 155. José María Aznar aproveitou para desfacerse do presidente e sacarlle a G ao PP galego.

«Fallei a oportunidade da miña vida». Así é como se sentía Fraga Iribarne no mes de febreiro do 2003, cando o desastre do Prestige, segundo me relataría un dos seus próximos.

A crise do Prestige afectáralle ao presidente da Xunta tan persoalmente coma se o destino lle xogase unha mala pasada.

Fraga había anos que viña traballando arreo, coas contradicións inherentes á súa personalidade, a patina de galeguista que cubrise toda a súa dilatada carreira política e, con este manto, lustroso, viaxar pola historia con grandes letras douradas… E Beiras xa o agasallara logo do seu xuntoiro co de «abrazou o galeguismo histórico».

A estratexia pasaba por controlar ao PPdG con certa autonomía de Madrid, pacificar a sociedade galega e, por último, impulsar o dialogo institucional e o entendemento con Xosé Manuel Beiras.

Nun xantar en Vilalba dixérame que aspiraba a que os do BNG, polo menos se non o querían, que sería moito pedir, que valorasen finalmente o seu traballo por Galiza. Penso que falaba co corazón.

Manifestacion de Nunca Máis en Madrid o 23 de febreiro de 2003

Seus próximos mandaban recado aos nacionalistas de que a Fraga, naqueles días do Prestige, o que máis o amolaba eran os berros de “hai que ir morrendo, Manolo hai que ir morrendo”. Seica non podía crer que os galegos o quixesen tan mal. Seguramente tiña unha opinión tan alta de si mesmo que contemplaba ese rexeite dos «seus» galegos como unha traizón.

Fraga pensaba que o BNG o ía apoiar e, así, tirarlle máis compromisos de investimento ao Goberno central. Así mo dixo, queixoso.

Até daquela todo semellaba avanzar segundo os desexos do presidente. Pero chegou o Prestige polo mar, como tantas venturas, como tantas desgrazas.

O Fraga que sempre apoiou a súa carreira política no populismo. O Fraga de Palomares, dos tele-clubs. De Galego coma ti… Das bágoas no Parlamento, da tortilla e empanada…, só tiña que realizar o movemento tantas veces ensaiado nos discursos

Por que na desfeita do Prestige obrou ao contrario do que fixo sempre? Por que agardou unha semana para visitar as zonas afectadas? Por que non saíu sequera realizando unhas declaracións na TVG? Por que aprazou o habitual Consello da Xunta? Por que a Xunta non montou ningún operativo e só tiña unha xornalista ao teléfono para desviar as chamadas á Delegación do Goberno? Por que na vez de marcharse a Muxía, decidiu tirar cara Aranjuez, levando con el a Xosé Cuíña, amolado? Por que Fraga non foi Fraga?

“Estiven onde tiña que estar, Deus e Santiago veñen a axudar”, diría Fraga, moi no seu papel tempo despois.

Fraga non só creu, no primeiro momento, os informes de Madrid que lle indicaban que no mar de Fisterra non pasaba nada, senón que, logo do fallo sobexo, coa moral máis baixa ca Cardeñosa ao errar a porta vacía o gol contra Brasil, permitiu que Madrid non só desprezase a súa posición institucional, senón a súa autorictas dentro do partido.

A continuación, e xa perdido, comezou a miañar unha axuda para non pasar á historia cuberto co negro chapapote. El, que tivera a posibilidade da gloria nas súas mans poñéndose á fonte dos galegos e das institucións naquela crise, xogou cos reflexos condicionados doutros tempos, se cadra por ocupar un posto cambiado. Fuxiu dos cidadáns.

Se Fraga se puxese á fronte das reivindicacións populares, tería o apoio dos nacionalistas e dos miles de manifestantes na rúa. Así llo dixen daquelas en privado.

Non lembrou o sucedido na Guerra do Fletán con Canadá, cando acudiu á grande manifestación no Obradoiro. Ou si?

Cuíña Crespo comentarame por aqueles días que se Nunca Máis tivese aceptado a plataforma reivindicativa avenzada entre Fraga e Beiras, o PPdG tería estado na manifestación do Obradoiro e nada sería o mesmo.

O 10 de xaneiro do 2002, preguntábame eu: “que queda do galeguismo que predicaba o PPdG? Podemos falar dunha liña autóctona do partido cando non da a cara en situacións tan graves coma esta?”

O goberno en liortas, o partido roto, Cuíña cesado, o sucesor no limbo; Madrid facéndose co control e os cidadáns, como nunca sucedera, na rúa a miles berrando Nunca Máis.

Fraga maldicía a hora na que marchou de caza. Pero, na vez de recompoñer a situación, como lle reclamaban mesmo dentro do partido, decidiu derrancar contra a realidade, moi propio seu, e plantarlles cara aos cidadáns.

Puido gañar a gloria do recoñecemento no penúltimo envite da roda da fortuna e perdeuno todo: bótalle a culpa aos cidadáns dando pasos atrás na súa propia historia.

O PPdG, perdeu a «G», e Fraga por perder, tamén perdeu a presidencia da Xunta. Pero Fraga Iribarne non perdera toda a visión política. Tiña razón cando, xa nos primeiros días, afirmou que na Galiza non se estaba a producir só unha catástrofe medioambiental, senón tamén unha catástrofe política.

E aínda non era capaz de albiscar todo o que podía pasar. A José María Aznar só lle quedaba Galiza fora do control centralizador. A súa teima non só era a «unificación do partido», senón a «centralización do Estado».

Aznar impón a súa política

Galiza e Fraga eran un perigo. Fraga, até principios do ano 2002, revolvérase contra as políticas de Aznar e, non só pactaba cos «nacionalistas radicais do BNG», senón que os defendía en Madrid nas reunións da Executiva do PP, afirmando que «están dentro da Constitución».

Por se fose pouco para Aznar, un home inseguro, Fraga aínda contaba con moitos apoios internos, sobre todo «emocionais», dentro da estrutura do PP, polo que o ollaba como un perigo potencial aos seus designios de «gran Duce». Sabía que xa marchara e tiña reaparecido.

É neste contexto político no que se produce o desastre do Prestige e a batalla interna dentro do PP.

José María Aznar quixo demostrar, en primeiro lugar, a incapacidade de Fraga Iribarne para pórse á fonte da crise. Para logralo tiña que evitar por todos os medios o seu protagonismo.

Foi así como Aznar tomou nas súas mans non só a sucesión de Fraga, senón a configuración do goberno autónomo e, para iso, o primeiro paso foi parar a remodelación anunciada.

A marcha de Fraga Iribarne a Aranjuez, con Cuíña Crespo, a fin de semana decisiva, situouno xa en inferioridade de partida.

Porqué Fraga aceptou esa cacería se non podía cazar logo dunha accidente uns días antes ao saltar un regato en Sanabría? Que empresarios estaban tamén nese acto? Que ía procurando Fraga?

Coméntanme varias fontes próximas ao daquelas presidente, que investimentos para Galiza.

Mentres tanto, o Goberno central colleu na súas mans as rendas do Prestige, suspendendo, de facto, a autonomía ao asumir as súas competencias en Pesca e Medioambiente, sen necesidade de recorrer ao artigo 155.

Era a Delegación do Goberno, con Arsenio Fernández de Mesa á cabeza, quen centralizaba todos os operativos e quen comunicaba coa cidadanía. A Xunta desaparecera.

Todo se precipita coa grande manifestación de Nunca Máis en Compostela do 1 de decembro do 2002. As interrogantes sobre a repercusión da catástrofe, aínda abertas até aquel día, pecháronse coma os milleiros de paraugas ao rematar a manifestación.

Fraga Iribarne non ten máis remedio que convocar o Consello da Xunta, que viña aprazando para evitar disensión públicas, poucos minutos despois de baleirarse o Obradoiro. O Prestige non era a chapuza das «vacas tolas», levada con escurantismo e sixilo. O gabinete esquebraba cun enfrontamento aberto e navalleiro entre as dúas faccións.

Por un lado Xosé Antonio Orza, Conselleiro de Economía e López Veiga, responsábel de Pesca. Polo outro Cuíña Crespo, Pérez Varela, Conselleiro de Cultura e Miras Portugal, de Emigración.

Fraga cala.

Veiga e Orza acusan a Cuíña de querer levar a cabo unha política paralela que, na práctica, «significa rachar co Goberno central».

Cuíña contraataca forte e afirma que ante a inoperancia de Madrid «se hai que facelo, faise», denunciando o ninguneo que desde o Goberno central estaban a someter ao Goberno autonómico e ao propio Fraga.

O sector liderado por Cuíña Crespo presenta un documento con medidas concretas «para paliar a crise e que a Xunta se faga visíbel na catástrofe». Na práctica, é a defensa do autogoberno e o enfrontamento directo con Aznar.

Fraga négase a asinalo, pero si permite que saian adiante algunhas propostas, como a Comisión de Investigación do Parlamento. Comisión que lle demandara Beiras para seguir co «pacto» e que, como recoñecería o mesmo Fraga co tempo, foi boicoteada desde Madrid ao impedir que comparecesen os cargos institucionais relacionados co Goberno central.

Fraga, para contentar ao sector autónomo, crea un Gabinete de Crise, con Cuíña Crespo, Corina Porro e Pérez Varela para «dotar de medios aos voluntarios e que a imaxe da Xunta non apareza ligada a Madrid». Das competencias reais, que demandaba un sector do Goberno, nada.

En Madrid tamén manobraban. Aznar chama a Fraga para quedar a comer e consegue un pacto polo que Fraga se  «deixaría aconsellar» tanto na remodelación do Goberno como no nomeamento do sucesor. Como contrapartida, ofrécelle investir cinco mil millóns en cinco anos, o denominado logo, Plan Galicia, para que Fraga non perda as eleccións, que, daquelas, xa se convertera na súa máxima obsesión.

Pola contra, négase a que Fraga apareza nunha rolda de prensa xunto con Cuíña, Del Alamo, conselleiro de Medioambiente e Corina Porro, de Asuntos Sociais.

Ao mesmo tempo, reclaman a presenza de Xesús Palmou, secretario xeral do PPdG en Madrid. Alí recíbeo toda a cúpula do partido: Javier Arenas, Mariano Raxoi, Rodrigo Rato e Mayor Oreja.

Era unha medida de forza para demostrarlle ao PPdG que non tiñan apoios en Madrid, que a dirección do PP estaba totalmente unificada, que Fraga non estaba capacitado para liderar nada e que unicamente se Madrid se facía con control do partido na Galiza «se poderá superar a crise do Prestige».

Para deixar claro que non estaban dispostos a contar con Fraga nin coa Xunta para enfrontar o problema do Prestige, nomean a Rodolfo Martín Villa como delegado, para apoiar a Mariano Raxoi, que é mandado de virrei a Galiza.

A defenestración de Cuíña

As cousas estaban claras. As cartas sobre da mesa.

O día 7 de xaneiro, no Comité executivo do PP, José María Aznar afirma: «non quero a ninguén escondido detrás das pedras. Se vexo a alguén, irei sacalo eu mesmo». Referíase, sen citalo, a Xosé Cuiña.

Na Galiza, López Veiga era a punta de lanza dos ataques do centralismo. El si acusaba directamente a Cuíña e a outros compañeiros do Goberno de «acocharse para non saír manchados do chapapote».

O enfrontamento viña desde os primeiros días da catástrofe. López Veiga acusaba a Cuíña de non ter «dado a cara polo Goberno central». Cuíña a López Veiga de non poñer os medios necesarios para deter a contaminación nos primeiros días, ademais de ter unha estratexia de comunicación errada ao negar a dimensión da catástrofe. O conselleiro de Pesca déixase ver en todo momento ao carón de Mariano Raxoi nos seus paseos por Galiza, para que non exista dúbida de con quen está.

O mundo ao revés. Asumiran todas as competencias desde Madrid e, ao mesmo tempo, acusaban á Xunta de non facer nada.

Na campaña recentralizadora tamén participaron algúns empresarios. Fanlle chegar mensaxes a Fraga dicíndolle que «Cuíña non pode ser vicepresidente, pois non ten estudos». O bo é que, a maioría deles aínda teñen menos. Tamén circulaban «informes» sobre as empresas da familia Cuíña, que o conselleiro tiña que ir desmontando ante Fraga.

O 16 de xaneiro, a primeira hora, Fraga recibe unha chamada de José María Aznar pedíndolle que cese a Xosé Cuíña. Fraga négase.

Unha hora despois, reúnese o Consello da Xunta. Á mesma hora, a cadea SER difunde a nova de que as empresas familiares de Cuíña venderan material para limpar a costa por valor de 42.000 de euros. A información deixáralla un descoñecido na redacción de Madrid. Unha persoa ligada ao PP que xa realizara «traballos» semellantes en anteriores ocasións.

Xosé Cuíña pásalle unha nota a Fraga negando calquera ilegalidade. O tempo daríalle a razón. Pero o mal xa estaba feito, malia a que no Consello non se trata o asunto.

Fraga marcha xantar con Xesús Palmou ao restaurante Vilas. Tamén está Mariano Raxoi para reclamarlle que cese a Xosé Cuíña. Romay Beccaría agarda no Hostal.

Rematado o xantar, o presidente chama ao Conselleiro de Infraestruturas ao seu despacho. Cuíña non agardaba que Fraga lle dixese: 2ou me presenta a súa dimisión ou césoo”. E menos aínda que o xustifique cunha frase lapidaria: «esta é a gota que reborda o vaso». Son as palabras que máis mal lle sentan ao conselleiro. Escóitanse berros e acusacións de traizón.

Unha hora despois, Fraga tiña sobre a súa mesa unha carta de denuncia manuscrita. A crise do Prestige cobrábase a única vítima política.

Xa á noite, Xosé Cuíña reúne aos seus máis achegados na súa casa de Filgueira en Lalín. Dilles que alguén lle deu unha navallada. Baltar afirma que é preciso facerlle fronte á conspiración. Deciden que os parlamentarios de Ourense se pechen en Compostela.

Xesús Palmou, secretario xeral do PPdG, aparece como o home forte, un vicepresidente non nominal, coordinador do Goberno e substituto de Fraga na súa ausencia. O cambote, ex policía, ex amigo de Cuíña, non aspiraba a tanto. Pero Madrid decidía.

As presións do sector autóctono aumentaran, pero as de Madrid tamén. Fraga daba marcha atrás. A maioría dos medios, incluídos os de Madrid, gaban a decisión de Fraga afirmando que «comeza a modernización do PP, acabouse o caciquismo».

O 2 de xaneiro Fraga chamara a Cuíña Crespo para comunicarlle que o nomearía vicepresidente e Conselleiro de Medioambiente, encargado de xestionar todo o relacionado co Prestige. Sería tamén o encargado de executar a maioría dos orzamentos da Xunta os tres próximos anos. Orzamentos que deixaría comprometidos.

Fraga tamén informa a Xosé L. Baltar do próximo nomeamento de Cuíña, que, andado o tempo, pon ao bispo de Ourense como testemuña da conversa co presidente.

O mesmo Xoan Carlos de Borbón, se refire a Cuíña Crespo nas cacerías que comparten, como O Sucesor. Así o fixo tamén comendo unha caldeirada de polbo nas illas Ons.

Fraga prometéralle a Isolina Crespo, nai de Cuíña, ante o corpo presente do seu home, o Muiñeiro, que «o Xosé será o meu sucesor». Por iso non só Cuíña Crespo non agarda aquel día o cesamento, senón que é capaz de dicirlle aos seus: «agora comeza o mellor».

Cuíña non debe de darse conta como as gasta Aznar ou calibra mal as súas forzas. Non asiste á convención que o PP realiza en Compostela o 26 de xaneiro, coa presenza de todo Madrid. Tampouco semella que o botasen en falta, pois o outrora todopoderoso conselleiro, desaparecerá de todos os vídeos do partido ofrecidos durante a inauguración.

Aquel día Aznar, que até o día anterior non aparecera por Galiza e estaba escabullado polos apupos e asubíos, bramou desde a súa xenreira prepotente: «acabouse, con dous meses está ben», pedíndolle aos militantes que saísen á rúa e se enfrontasen directamente aos que protestaban.

Dous meses e dous días despois do afundimento do Prestige, tamén encallaba o PPdG. Cuíña Crespo quedaba abeirado na organización e, chegaba Núñez Feixóo, carteiro de Madrid, para ocupar o seu lugar.

Un dirixente do PP  dicíame comendo en Cacheiras unha semana despois: «Alfonsiño, estes que veñen agora é para terlles medo. Son amorais. Galiza impórtalles un carallo e outro tanto a xente do partido. Van ao seu nada máis».

Cuíña aínda teimaba que, logo das municipais, recuperaría o control do PpdG. Mentres tanto, Fraga Iribarne, na convención do PP en Madrid, preséntase como a grande vítima do Prestige. Entre loas e aplausos pídenlles que «recen para que Deus non me deixe sufrir unha derrota electoral».

A dirección do PP decide «amparar a Fraga». Non o facía ata daquelas? Só lles pedira axuda para «poderme retirar dignamente».

O presidente galego pensaba que unicamente con diñeiro sería capaz de volver a gañar unhas eleccións. José María Aznar ofrecéerallo no Plan Galicia. Fraga equivocarase unha vez máis. Non coñecía ao pobo galego tan ben como pensaba.

Traizoara aos seus e traizoárase a si mesmo, pero non por sentido de Estado. Claudicara ante Madrid para volver gañar as eleccións. Aínda que o 27 de febreiro bramara: «eu son o referente da autonomía de Galicia. Por iso viñen aquí e por iso mataría». Como Belén Esteban, pero no Parlamento.

En setembro do 2002, o PP celebra a súa festa galega. Non tivo nada que ver coas que puxera en marcha 10 anos antes Xosé Cuíña no Monte do Faro. José María Aznar releva totalmente a Fraga no protagonismo e case non se refire a Galiza na súa intervención. Se alguén quería saber o que pasara no PP galego, alí tiña a resposta plástica e concreta.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here