Juan Marín (Ciudadanos), Susana Díaz (PSOE), Juanma Moreno (PP) e Teresa Rodríguez (Adelante Andalucia) no primeiro dos debates electorais celebrados.

Os resultados das eleccións andaluzas non se entenderán ao xeito se non analizamos a súa sociedade, os cambios que se produciron nos últimos 50 anos e o papel do PSOE no desmantelamento  dos movementos sociais. A irrupción de VOX é a volta dos señoritos andaluces tradicionais.

Por máis que a sociedade galega é a andaluza sexan moi diferentes, o panorama político andaluz e o galego son moi semellantes. PP e PSOE puxeron en marcha nas dúas comunidades idénticas políticas que os levou a monopolizar o goberno autonómico por máis de 37 anos.

Ambos basearon as súas maiorías parlamentarias, pero tamén sociais, no que o sociólogo Manuel Pérez Yruela definiu como o “paradoxo da satisfacción”. Ao pasar do subdesenvolvemento á sociedade do benestar, bloqueouse toda reflexión crítica dos problemas a resolver.

A cidadanía olla para atrás e móstrase satisfeita co conseguido. Na vez de tentar avanzar ou relacionar co desenvolvemento que tiveron outras comunidades da UE ,de onde procederon a maioría dos fondos investidos, faise conservadora e ten medo a perder o acadado, pois nunca viviron mellor.

O pasado de miseria lastra o futuro. Ensimésmanse e non queren ver que se Andalucía avanzou nun 3%, o seu veciño Algarve fíxoo non 20% no mesmo período.

Con ese benestar e co “nunca vivimos mellor”, créase o que o economista andaluz Antonio Porras define como o “mito propagandístico” que se traduce en clave de optimismo.

Non queren ver que se Andalucía avanzou nun 3%, o seu veciño Algarve fíxoo non 20% no mesmo período.

Este estado de ánimo maioritario, satisfacción co pasado e medo ao futuro, só pode lograrse pondo a traballar todos os resortes, mesmo para-legais, cos que conta o poder, e cunha sociedade necesariamente moi subsidiada.

Ambos os partidos o fixeron, só que o PPdG válese do vello caciquismo e o PSOE andaluz teceu unha rede clientelar amparada polos subsidios necesarios, co PER (Plano de Emprego Rural) como elemento para rematar coa pobreza e coa dependencia do señoritismo dos cortijos. Os tan mentados ERES, foron unha anomalía práctica dese clientelismo socialista.

Desfacerse dos competidores

O PP en Galiza desfíxose dos seus competidores electorais naturais, realizando unha concentración parcelaría no centro-dereita e o galeguismo folclorizante, que chegou até a fronteira da autodeterminación.

O PSOE realizou algo semellante coa esquerda andaluza, chuchando, pouco a pouco, primeiro nos anos da Transicion aos cadros da ORT (Organización Revolucionaria de Trabajadores) e o PTE (Partido del Trabajo de España) e, logo, estes, coaptando, sen pausa, a unha boa parte dos dirixentes locais do PCE. No primeira operación coas xentes próximas a Cristina Almeida, máis tarde cos “carrillistas” e, logo, con moito militantes que necesitaban procurarse a vida e aceptaban postos remunerados na administración autonómica ou local, que rexentaban os socialistas.

A última serie en incorporarse foi antes desta eleccións, cando entraron no PSOE desde IU xentes próximas a Diego Valderas, quen fora vicepresidente hai catro anos con Susana Díaz. Aínda que o ex alcalde de Bollullos Par del Condado (Huelva), resistiu a chamamentos e presións.

En palabras dun ex dirixente do PCE, agora no PSOE, “trátase de aglutinar todo o electorado, desde as Irmandades do Rocío ás organizacións feministas pasando polos sindicatos”.

No 2014, Susana Díaz toma unha decisión que vai marcar a política andaluza para estes anos: expulsa do goberno a IU, para facerlle unha verdadeira OPA aos seus militantes, como xa realizaran anteriormente en ben concellos. Moitos dos cargos de IU quedan desamparados e sen traballo.

No 2014, Susana Díaz toma unha decisión que vai marcar a política andaluza para estes anos: expulsa do goberno a IU, para facerlle unha verdadeira OPA aos seus militantes,

O domingo 22 de marzo do 2015, Susana Díaz consegue 47 deputados e o 35% dos votos. Eufórica afirma que “logramos frear ao populismo de Podemos”. Finalmente pacta con Ciudadanos (9 deputados) un goberno en minoría.

Non é que a filla do fontaneiro teña unha ambición desmedida, que tamén, senón que o PSOE sevillano, que encarnan Felipe Gónzalez e Afonso Guerra, aprestáronse a defender o Estado de 1978 que eles axudaron a construír.

Levaron a Susana Díaz polos máis altos despachos de Madrid, primeiro ao Banco de Santander, onde xantou con Emilio Botín, logo co presidente de Telefónica, despois co da Caixa… E, finalmente, en El País, con Juan Luís Cebrián, que era un dos muñidores da operación.

Cal era esa operación? Nin máis nin menos que un golpe de estado interno dentro do PSOE, para impedir  un acordo con Podemos, desbancando a Pedro Sánchez e poñendo a Mariano Raxoi de presidente de España.

De primeiras, lográrono… até que falaron as bases.

Desfacerse dos movementos sociais

No ano 2006, sendo presidente Manuel Chaves, nomean á Duquesa de Alba, filla predilecta de Andalucía. Foi un xeito de desagravio por mor das manifestacións, ocupacións de terras, descualificacións e improperios, que os obreiros do campo, que dependían dos seus “cortijos”, viñan realizando contra a Casa de Alba.

Foi todo un símbolo, desagraviou a Duquesa e agraviou ao xornaleiros. Pero aos dirixentes socialistas xa non lles importaba moito. A maioría deles xa había anos que, segundo palabras do crego de Gerena (ex maoista) “como non poden ser señoritos, convertéronse en señoritingos”.

No ano 2006, sendo presidente Manuel Chaves, nomean á Duquesa de Alba, filla predilecta de Andalucía. Foi todo un símbolo: desagraviou a Duquesa e agraviou ao xornaleiros mobilizados.

Tanto é así que o propio Afonso Guerra mercara un “cortijo” neste municipio, a escasos metros de La Pizana, propiedade de Duquesa de Alba, famoso polas súas festas.

Pero antes, paseniño, foran desmantelando todos os movementos sociais, desde os veciñais aos sindicais. O xeito de rematar cos que podían ser contestatarios foi retirarlles as axudas, creando outros novos que eran os encargados de repartir subvencións e postos de traballo para lograr as “peonadas” esixidas e, así, cobrar todo o ano. “Na práctica, montaron unha administración paralela”, en palabras dun ex dirixente de Comisións Obreiras.

Para coutar os sindicatos empregaron os ERE. Un instrumento de reparto de prebendas aos afíns que comezaría cando o peche da mina de Boliden en Aznalcollar.

Paralelamente, comezaron tamén a incentivar as Cofradías de Semana Santa, as Irmandades das distintas romarías, comezando polas do Rocío, e as distintas “peñas” flamencas ou touriñas.

Simultaneamente institucionalizaron como “andalucismo” unha parte do seu folclore e “idiosincrasia”, que chegou até a gastronomía, que non o fixo tan ben Fraga Iribarne en Galiza.

Para completar o panorama, os servizos sociais, que controlaban a unha sociedade subsidiada, polas súas propias característica de pobreza, foron privatizados sen reparo, pasándoos a mans de oligopolios como o de Florentino Pérez.

Aí comezou parte do declive do PSOE que, coa crise, non foi capaz de satisfacer as demandas da sociedade, creando unha capa cada vez máis ampla de descontentos entre os seus votantes subsidiados e as clases medias, agora minguadas.

Só lle faltaba as disputas internas partidarias para que moitos decidiran cambiar o sentido do seu voto ou, mellor, quedar na casa.

Dous terzos dos votos que perderon foron a Ciudadanos, os outros a abstención.

IU e Podemos

Adelante Andalucía non foi quen de recoller os votos dos descontentos co PSOE. En política é ben sabido que dous máis dous non teñen porque ser catro. E, nesta ocasión, estaba claro que a alianza entre IU e Podemos tería moi difícil revalidar os resultados que logran por separado.

Son dous mundos distintos cando non antagónicos. A unha boa parte dos votantes de IU, sepáraos de Podemos un abismo tan grande como os separa do PSOE. (Lémbrome cando nos anos oitenta, na feira visitábamos as distintas casetas dos partidos con dirixentes do PCE, PP e CDS e a única na que non querían entrar era na do PSOE).

Hai que falar mesmo de inimizades familiares e, tamén, das que se viñeron incubando nestes últimos anos. No caso socialista polas fichazes, que elevarían a desgarros moi intensos no PCE. No caso de IU e Podemos porque moitos vellos militantes non entenden nin comparten a política de Alberto Garzón, nin a teima de Podemos de acabar coa súa cultura política.

Moitos vellos militantes non entenden nin comparten a política de Alberto Garzón nin a teima de Podemos de acabar coa súa cultura política.

Non comparten, sobre todo o “postureo” dos de Iglesias e a súa ausencia nos movementos sociais. Acúsanos de ser “un instrumento desmobilizador”.

Manolo Arregui, quen fora voceiro da deputación de Sevilla e membro do Comité Central do PCE, dime: “agora dóenme os resultados, como non me van doer, pero non fixen nada por evitalos”.

Un sector do PCE, crítico cos pactos con Podemos, considera que os de Pablo Iglesias son “o PSOE do ano 2000”. Achácanlles non só que non estean nos movementos sociais, senón que “funcionaron a xeito de válvula de escape para desmobilizar aos movementos xurdidos no 15-M”.

Nestas eleccións, a fractura entre o mundo podemita e o comunista, na vez de acurtarse, agrandouse malia aos acordos e alianzas.

E logo están as propias leas internas en Podemos Andalucía e destes coa cúpula de Madrid. “Todo un rosario de insensateces”, dime Javier E., un militante que “xa vía vir os resultados”.

Ciudadanos non ten estrutura en Andalucía, como si a ten o PP.

É certo que votos a Podemos nas anteriores eleccións autonómicas foron parar a gora a Ciudadanos e aínda a VOX?

Ciudadanos e o seu ascenso só sería a expresión mediática dun fenómeno creado polas cúpulas empresariais para Cataluña, que tivo en Andalucía o seu correlato, precisamente por ese antagonismo Cataluña-España, no que puxeron tanto empeño en acentuar tanto en Madrid como os independentistas. Pero Ciudadanos non ten estrutura en Andalucía, como si a ten o PP. “O seu problema vai vir cando teñan que facer política práctica e non propaganda”, dime un ex militante do PP.

Señoritos, non fascistas

A moitos lectores pode chamarlles a atención que sexa precisamente en Andalucía onde irrompe VOX con forza, pois teñen a idea de que esta rexión é de esquerdas polas súas condicións socioeconómicas… Só unha parte. Ningunha rexión do territorio español mellor que Andalucía, para que aparecese un VOX puxante.

O VOX que emerxeu en Andalucía, non se pode dicir que sexa un VOX fascista, senón a expresión do señoritismo andaluz que é tremendamente clasista, rancio, machista e homófobo. Tampouco non é xenófobo, senón aporofóbico: non discriminan por ser estranxeiros, senón por ser pobres. Non hai máis que ir a Puerto Banús  ou a Alcalá de Guadaira.

O VOX que emerxeu en Andalucía é clasista, rancio, machista e homófobo e máis que xenófobo, aporofóbico: non discriminan por ser estranxeiros, senón por ser pobres.

Son os señoritos dos “cortijos”, non hai tanto con dereito de pernada. Os dos touros, os de certas Irmandades de Semana Santa, coa lexión, coa Garda Civil (que sempre os serviu contra os obreiros do campo). O machismo de sombreiro cordobés e mantilla… Os das festas flamencas e “tablaos” exclusivos. Os de “Andalucía es España”, que se impuxo no franquismo e que o PSOE axudou a que perdurara. Se precisan un retrato, aínda poden ir a García Lorca.

Coñecín a eses señoritos andaluces cando montaron AP (andei por alí na caravana de Fraga). Eses que nos pobos pagaban eles o partido coma se fose o seu “cortijo”, abrían locais nas súas casas e mantiñan toda a organización contratando os seus traballadores e dándolle, xa daquelas, sobresoldos aos cargos provinciais.

Estes señoritos, reacios a perder os privilexios de toda caste, foron os que traballaron agora para VOX. Teñan en conta que a dereita española reivindica os votos de VOX como seus… Porque, non fondo, son os mesmos e defenden os mesmos intereses.

Non focalicemos en VOX (é unha visión española), cando o problema verdadeiro para as nosas liberdades é o PP de Pablo Casado.

Para rematar unha última reflexión: aquela esquerda estatal, alternativa, que “quería asaltar o ceo”, e ía lanzada cara o poder, está agora á defensiva. Témome que algúns dos que defenden “unha fronte ampla para frear o fascismo”, non tardarán en propoñer máis ca unha alianza co PSOE, cando o PSOE é, precisamente, un dos culpábeis da actual situación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here