Abel Caballero, alcalde de Vigo. © X.C.

En sete anos de goberno en solitario, Abel Caballero suprimiu programas e eventos culturais e trocou modelos museísticos. Os aspectos definitorios do seu programa cultural son: redución do orzamento cultural, abandono das infraestruturas culturais e falla de programación. Son a cuestión económica ou a crise as causas  determinantes? Non parece porque nos orzamentos hai superávits anuais,

 

“¡Oh tú, quienquiera que fuiste, que fabricaste este retablo con tan maravilloso artificio, que alcanzó renombre de las Maravillas por la virtud que en el se encierra, te conjuro, apremio y mando que luego incontinente muestres a estos señores algunas de las tus maravillosas maravillas, para que se regocijen y tomen placer sin escándalo alguno!” (Cervantes, El retablo de las maravillas).

 

Un particular retablo das marabillas é o que ten montado na cidade de Vigo o alcalde Abel Caballero. A mensaxe-guía dos seus principios de goberno é La cruz de los caídos.  Inaugurada polo ditador Franco, está cravada no monte do Castro. A pesar da Lei da Memoria Histórica e das peticións para derrubala, Caballero, apoiado por discutíbeis sentenzas xudiciais, mantén dita cruz en pé, para escarnio dos e das represaliadas polo fascismo. No polo inverso a concellería de Cultura nacionalista, no ano 2010, retirou o escudo anticonstitucional e franquista da fachada da Casa das Artes ao que seguiu a inauguración do monolito “Fiestra á liberdade” no barrio do Calvario, o vinte de marzo de 2011, como homenaxe aos que loitaron contra o golpe de 1936.

Nestes sete anos de goberno en solitario, Caballero suprimiu programas e eventos culturais ou trocou modelos museísticos. Os aspectos definitorios do seu programa cultural son: redución do orzamento cultural, abandono das infraestruturas culturais e falla de programación. A planificación só existe para o que vai ser triturado. Son a cuestión económica ou a crise as causas  determinantes? Non parece porque nos orzamentos hai superávits anuais, en total nestes anos máis de 180 millóns de euros. É dicir, non se trata dun problema de cartos, senón de ideoloxía e de vontade política. O actual goberno non inviste en cultura, ten outras preferencias, o que o leva a recortar os orzamentos culturais, mentres se dan cartos públicos a entidades privadas e se dirixen os superávits a outros fins. En tempos de crise é evidente que a responsabilidade institucional é priorizar os graves problemas sociais que padece a sociedade. Poderíase entender que eses superávits fosen encamiñados a paliar ditos problemas, pero non é así: a maior parte vai a  “obras de humanización” en superficie escaparatista.

O actual goberno non inviste en cultura, ten outras preferencias, o que o leva a recortar os orzamentos culturais

A lista de desaparicións e damnificados é abondosa:

Museo Marco de Vigo.

Museo de Arte Contemporáneo (MARCO): anunciou no 2012 o seu proxecto rebaixando en 200.000 euros a aportación do concello que na actualidade é de 605.000 euros. O afogamento para a institución con maior número de visitantes aumentou coa fuxida da Xunta e a desaparición das Caixas. Na actualidade trocou o modelo do MARCO, por outro de exposicións premanufacturadas por Telefónica, aparatos científicos ou unha mostra sobre Xulio Verne.

Rede de Museos. Proxecto da anterior equipa nacionalista, xa só existe como nome e non hai nin proxectos expositivos nin intención. A Pinacoteca pode perder o seu sentido inicial se, como se pretende, pasa ao MARCO a pintura galega o que semella coartada.

O Centro Galego de Fotografía,  feito no 2009- 2011, e ao que lle trocou o nome polo de Centro de Fotografía de Vigo, cun proxecto feito, continúa fechado sete anos despois, logo do cese da equipa artística que dirixía o Arquivo Pacheco que continúa desaparecido.

Verbum, Casa das Palabras.

O Verbum, que chegou a ter unha recuperación notable (no 2009, 36.560 visitantes) cunha programación moi diversa, pasou á irrelevancia, e a Casa Galega da Cultura ou a Casa das Artes teñen escasa actividade.

Os horarios reducidos dos museos son outro indicativo do nulo interese que teñen para o goberno municipal. Aínda que pouco importa o horario cando non hai nada que expoñer.

Pola contra nos orzamentos do 2018 nótase a política escaparatista de superficie. A decoración de medianeiras alcanza os 380.000 euros, mentres para a Pinacoteca se destinan 40.000 euros.

Da chegada a Vigo, do Pergamiño Vindel, grazas á Asociación Cultural Pertenza e ña Universidade de Vigo, nunha exposición histórica no Museo do Mar, o concello de Vigo quedou fora por propia vontade nun exercicio de deixadez como certificaron os perto de  40.000 visitantes.

O Auditorio Municipal, na Praza do Rei, foi inaugurado no 2010, o primeiro auditorio municipal con 288 butacas, pasa de ter unha programación diaria a outra de fins de semana, cando toca, e  con prezos abusivos de aluguer.

Outro experimento foi a entrada na Red Platea (INAEM) no mes de marzo de 2014, segundo se explicou “para mellorar a oferta” pero o único que demostrou foi desprezo polas iniciativas galegas, xa eliminadas, e aposta polas foráneas. De 17 espectáculos programados para o último trimestre de 2014, treceo foron da Red Platea e catro da AGADIC, dez en idioma castelán e catro en galego. No teatro familiar chegouse ao ponto de programar seis en castelán e só unha en galego. A Rede Platea non tivo continuidade.

A Rede de Teatro por barrios desaparece no 2012 despois de catorce edicións anuais con case 100 funcións anuais

Vigo a escena: a Rede de Teatro por barrios desaparece no 2012 despois de catorce edicións anuais con case 100 funcións anuais, e na última edición con trece compañías e trinta e tres asociacións. O teatro afeccionado (amador), que tivo a súa entrada no Vigo a Escena desapareceu con este e tamén saíu da programación do Auditorio Municipal a Semana de Teatro Afeccionado.

Festiclown, festival de referencia europeu. Morre no 2012 despois de ter un orzamento de 120.000 euros. Con el o Formaclown, que achegou ducias de alumnos e profesores como Lluna Albert, Leo Bassi, Philippe Gaulier,Antón Valén, Jango Edwars, Alain Vigneau, Claudia Contín, Ferruccio Merisi, etc.

ALT, Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. Despois de dezaseis edicións, morre no 2017 despois de ter 60.000 euros de aportación ata o 2012 chegando a rebaixarlle o orzamento ata 10.000 euros.

Teatro á feira: festa do teatro emerxente. Evento organizado no 2013 pola Asociación de Titulad@s en Estudos Superiores de Arte Dramática, nun intento de misturar gastronomía e teatro. Sen continuidade.

Vigotransforma. Festival de música independente organizado pola empresa Esmerarte. Despois de dúas edicións no 2010 e no 2011, desaparece de Vigo o 2012.

Imaxina Sons. Despois de trece edicións cambia a súa especial oferta musical e pasa a ser Festival de Jazz de Vigo cun orzamento de 50.000 euros, moi inferior aos anteriores.

Desaparece o Coro Concerto Vigo patrocinado polo concello desde o 2010. Morre o Concurso de gaiteiro solista e desaparece o Concurso Internacional de Piano Ría de Vigo, que pasara a ser propiedade do concello no 2011 e que anteriormente organizaba o R.C. Naútico de Vigo. Cun orzamento de 10.000 euros chegou a ter 50 participantes internacionais.

Cartaz do desaparecido festival Are-More

O Are More. Nace no ano 2000. Chegou a ter un orzamento arredor dos 600.000 euros. A súa última edición foi no 2009 pois a crise bancaria fixo que a Fundación Caixa Galicia retirara o seu mecenádego no 2010 xa co Teatro-Cine Fraga en obras, propiedade da mesma entidade. O feito de que o Concello non puidese financialo en solitario, unido á inexistencia dun espazo adecuado, (o anterior ano foi no Cine-Teatro Salesianos) fixeron que a edición do 2010 fose suspendida, agardando polo novo Auditorio-Pazo de Congresos. Até o día de hoxe non existen novas sobre o Festival Are More. O distinto tratamento que o xornal principal da cidade tivo coa suspensión do Are More e con outras desaparicións posteriores evidencia a súa parcialidade política.

No eido musical os únicos proxectos  que permanecen ou naceron son a Orquestra 430 que aumentou o seu orzamento desde 36.000 euros no 2009 a 123.000 euros no 2018;  Vertixe Sonora con 7.000 euros: o Festival Sinsal Audio con 7.000 euros; a Coral Casablanca con 23.500 euros, a Orqueta Clásica de Vigo con 16.000 euros, Amigos da Ópera con 50.000 euros; a  ACOPOVI Asociación de Corales Polifonía de Vigo con 195.000 euros e a Federación de Bandas de Música con 170.000 euros. Mantense o convenio co Cine Clube Lumiere con 10.000 euros e nace o festival Primavera do Cine, pero morre Secuencia Cero o festival de curtas que tanto éxito tiña.

Vigópolis. La Serie. Proxecto novo de vigopolis.com, unha páxina web, Twang Producciones e o Concello de Vigo coa colaboración da Escuela de Imagen y Sonido Marcote. Webserie  para promoción da cidade: “Una serie para potenciar el dinamismo cultural y creativo de los vigueses”. En castelán, tanto a páxina web como a serie. Sen continuidade a pesar da gran promoción nos medios e dun pregón, falto do mais mínimo nivel, en castelán, no Entroido.

Rede de Bibioteca de barrio. Un proxecto para dotar os barrios da cidade de bibliotecas de proximidade, dada a carencia histórica neste eido. A primeira, a  Biblioteca Neira Vilas no Calvario foi inaugurada o 24 de marzo de 2011. Na actualidade ten 11.000 asociados. Nos orzamentos de 2014 existe unha partida de Patrimonio Histórico para rehabilitación da Casa Patín de 500.000 euros xa propiedade do concello desde o 2011 pero trocaron o seu uso. Non hai novas sobre máis Bibliotecas de Barrio, aínda que o Auditorio Mar de Vigo acolle unha sala de estudo, cun aluguer de 600.000 euros anuais. Silencio hoxe e variadas ideas antes, sobre a  invisible Biblioteca do Estado.

Manter O Marisquiño é unha das randes apostas do goberno de Caballero, apesar do grave accidente de agosto de 2018.

Festas de Vigo: Entre as características negativas que Vigo presenta, existen dúas específicas que teñen concreción nas súas festas: a perda das tradicións e da identidade. Ou sexa, non hai unha festa de todos os vigueses, o que fai que as festas sexan unicamente os concertos en Castrelos, coa dispersión da identidade cidadán nos barrios, onde cada un ten a súa festa. Da idea motor do Vigo Aberto de 2007 , de converter a cidade nun polo de atracción e referente artístico, cultural e lúdico, a través de actividades diversas, pásase a mínimos no caso do 2014, practicamente en presentación, dando por boas as festas dos barrios e parroquias, sen Semana Grande, e cunha programación mínima, pero que para o alcalde son “las mejores de España”. Nas Festas de 2018 non houbo ningún artista galego excepto a Coral Casablanca..

A separación Concello-Relixión das Festas de Verán, no 2008, tanto no seu nome, como da procesión do Cristo da Vitoria, cun programa civil e laico, tivo críticas, e parabéns, pero as procesións volven a reaparecer con este goberno socialista, retornando así ao esperpento de misturar unha celebración católica nun programa lúdico e festivo.

Despois do desastre organizativo do Marisquiño pouco que falar del pero este goberno non sabe que camiño ten que seguir e só funciona baixo ameazas de fugas da cidade. Deixa esmorecer o Entroido, celebra unha Noite Branca dos Museos a pesar do abandono dos mesmos, ou recupera o Concurso de Rondallas do Nadal, a pesar de que os organizadores, no 2009, suxeriron ademais dun incremento orzamentario, un concurso de abandeirados. O Concello negouse, e recolleuno no IFEVI a Deputación de Pontevedra. Non podo deixar de facer odiosas comparacións entre os Ranchos de Reis que foron introducidos no programa do Nadal de 2009, coas rondallas militaristas.

A cultura galega e o idioma. Se o panorama é deste xeito para a cultura en xeral, non é unha excepción a cultura galega. Non se valora o feito diferencial galego como un potencial económico que aporta valor engadido aos nosos produtos culturais. Xa reseñamos anteriormente curiosas desaparicións de tradicións galegas, pero é moi reseñábel observar o desprezo total da equipa gobernante no uso do idioma galego, que segue a ser o idioma oficial do concello.

O orzamento para Normalización Lingüística no 2014 e de 309.509,32 euros, e no 2013 foi de 317.172,04 euros, e no 2018: 259.625,84 euros.

Mentres, o Programa Educativo Aulas Internacionais (Becas de Inglés ou Vigo en Inglés) ten un orzamento no 2018 de 1.764.000 euros. A maiores dos 80.000 euros das 43 achegas para formarse en inglés, francés, alemán, italiano, portugués, xaponés e chinés na Escola de Idiomas.

Auditorio de Vigo.

O Auditorio Mar de Vigo. Definitorio da situación actual, inaugurado en marzo de 2011. Foi, como todas as obras megalómanas, custosísimo, máis de 90 millóns de euros, cun hotel, centro comercial e de ocio, aparcadoiro e Auditorio. A primeira empresa hoteleira, Carrís, que o administraba fechou no 2013, facéndose cargo del a segunda, Eurostar, no 2014. O restaurante pechou, os locais comerciais e o centro de ocio non existen e o Auditorio funciona de maneira irregular e escasa. O Auditorio, que xa tivo unha redución cando estaba en construción pola multiplicación dos custos, naceu sen  equipamento artístico, o cal indica a improvisación e a falta de proxecto previo. Careceu moito tempo de cuncha acústica.

Un Auditorio-Pazo de Congresos adxudicado en concesión a “Pazo de Congresos S.A.” (Sacyr, Novacaixa e Grupo Puentes), e xestionado na súa programación por un arrendatario privado, Congrevigo. Xa houbo unha inxección de cartos públicos polo Concello de 5 millóns de euros, en 2012, á adxudicataria Pazo de Congresos S.A., case o orzamento da Concellería de Cultura mais Festas, ademais dunha prórroga nos anos de concesión de 25 anos máis, pasando de 35 a 60 anos.

O Auditorio é un monumento ao fracaso de privatizar a construción e xestión dun ente público.

O 17 de Marzo de 2014 e ata hoxe, unha nova empresa privada Organización de Ideas de Éxito S. L. (OIDE) asume a xestión do Auditorio. O 01-08-2014 o Concello asina un convenio coa nova xestora, OIDE, polo que inxecta 500.000 euros para financiamento de parte da programación do Auditorio, como está contemplado nos orzamentos aprobados polo PSOE e o PP. Mais cartos públicos para unha programación privada, con entradas non populares, para “potenciar a cultura”. A pesar disto, de pagar facturas da electricidade de 230.000 euros, ou do aluguer de salas de estudos por 600.000 euros anuais, a concesionaria quebra e deixa unha débeda de 74 millóns de euros. Tras negociacións o concello faise cargo do Auditorio pagando 35 millóns de euros e que segundo din non pagarán os vigueses (?), e venden a súa recuperación como un éxito. É un monumento ao fracaso de privatizar a construción e xestión dun ente público.

4 COMENTÁRIOS

  1. Faltame neste artículo, mencionar a E-trad e a Emao, que vén como ano tras ano se menguan os seus orzamentos e se lles esixe máis. Para mostra a supresión da aula de lutheria antiga na Emao.

  2. Como socia do teatro Ensalle fago saber que retirouselle a dita sala a subvención paupérrima de 6.000€, sendo unha sala moi considerada o longo de todo o país que programa compañías de arte contemporáneo e de vanguarda de alto nivel con premios nacionaes e internacionaes. Leva caseque 15 anos na cidade e lexos de téla como orgullo, cada vez iste consistorio a esquece mais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here