gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 21 Abril 2025

Auverneses en París, galegos en Madrid

No comezo dun interesante libro que se titula “La Galice, dez séculos de olladas francesas”, Henrique Harguindey Banet resume unha noticia dun xornal francés de 1876, referida a celebración do Día de Reis en Madrid. Boa parte do protagonismo corre por conta de asturianos e galegos, que naquel tempo monopolizaban case os oficios de carboeiros, panadeiros, recadeiros e augadores, na capital. 

Gravado francés recreando a festa burlesca cos galegos en Madrid (M. Vierge, 1876)

Algúns destes mozos soben a unha escada, para ver mellor, e a xente pregúntalles de onde veñen os Reis. Iso sucede en cada rúa e en cada encrucillada, segundo a crónica. Trátase de ser o primeiro en anunciar por onde entrarán eses misteriosos hóspedes que, por suposto, non chegan nunca. 

Uns anos antes, Mesonero Romanos xa tomara nota da farsa, que vista hoxe resulta mesmo difícil de imaxinar: “Consiste no engano máis ou menos efectivo ou simulado dos pobres asturianos e galegos, de a pouco chegados á Madrid, e cuxa suposta ignorancia fainos servir de xoguete aos pícaros e pillabáns da Corte”.

Mesonero Romanos compadécese deste mozos pobres que ese día, e durante horas, van pola cidade cunha escada, ridiculamente disfrazados e seguidos dunha turba ouveante que dá saltos e chimpos detrás deles, facéndolles burla irracional, até provocar algunhas caídas e incluso escalabraduras. 

Harguindey recolle outras referencias referidas a esta, ao parecer famosa, xornada anual. Algúns textos inclúen parodias ao idioma diferente que falan, por exemplo, os augadores galegos, aos que a xente chama “marusos” ou “marusiños”. 

Pola nosa parte anotamos que, aínda que viñan dun mundo diferente, é dubidoso que neses mozos todo fose inxenuidade. Probabelmente había tamén neles unha marxe alta de intento de adaptación. Para os marxinados, de calquera comunidade, ser obxecto de burla tamén representa, á fin de contas, unha forma de ser incluídos no grupo. 

Harguindey comenta, ao final deste capítulo, que esta imaxe dos galegos coincide coa dos auverneses en París, moitos dos cales tamén traballaban de carboeiros e exercían, en xeral, os oficios máis duros. (A Auvernia é unha antiga rexión francesa, poboada polos galos, antes da conquista romana, e que en parte inspirou os contos de Asterix).

Harguindey encontra, cando menos, outros tres textos de autores franceses que fan a mesma comparación entre o papel dos galegos en Madrid e o dos auverneses en París.

O libro, editado hai case unha década pola universidade compostelá, inclúe, por suposto, outros moitos retallos de textos interesantes, provenientes da man de autores, en principio neutrais, como eran os visitantes e cronistas franceses.  

Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada
Monforte de Lemos (1960). Xornalista, escritor. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das escritoras galegas, organizada desde A Sega. Xa hai varias semanas nas que diferentes escritoras lémbrana...

Darío Xohán Cabana, pedra de futuro

Cunha obra literaria  extensa, e fitos de grande éxito ("Galván en Saor" foi un dos primeiros best sellers en galego no tránsito dos anos...

Xela Arias, unha entrevista e un poema inédito

Perdido na selva da hemetoteca, fuxindo do buscador de texto, en marzo de 1982 publicábamos quizais un dos primeiros poemas de Xela Arias, man...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap