Cartaz do sorte de lotería de nadal de 1958

No 1963, no seu discurso de inauguración do Salto de Belesar, o xeneral Francisco Franco, afirma que este se construíu “utilizando o aforro rexional”. Unha mención certa e, ao mesmo tempo, estraña na boca do xeneral, se non se coñecen outros episodios e rumores sobre a procedencia do diñeiro: o gordo da Lotería Nacional.

O alcalde da Coruña, á esquerda, Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza e Francisco Franco.

A Pedro Barrié de la Maza tocáranlle no sorteo de Nadal do 22 de decembro de 1958, 180 millóns de pesetas, algo así como a metade do que custou a obra de Belesar.

Pedro Barrié de La Maza, encargara as seis series do 33.704, isto é, o número completo. Fontes da familia do Conde dinme que era “para repartir entre os traballadores, pero que estes non quixeron a lotería”.

Doce días antes do sorteo, a Lotería española poñía á venda unha serie máis.

Unha serie adicional, no número escollido por Barrié, que, deuse a casualidade que foi parar, integramente, ao Colexio de Orfos da Garda Civil. Outros, mal pensados, que non cren na sorte nin na casualidade, e menos aínda co ditador de por medio, falan de diferenzas e enfrontamentos dentro do Exército, e esa serie dos “orfos” sería un xeito de “compensación” de Franco para taparlles a boca polo premio ao seu amigo Barrié. Cuestión de estado, digamos, con palabras de hoxe.

Segundo a investigación realizada polo xornalista Gustavo Luca de Tena, logo do sorteo da Lotería, podemos serguir nas hemerotecas unha estratexia de información precisa e estudada: nos primeiros tres días, silencio e rumores. O día 26 de decembro de 1958 espallan un bulo pola axencia de noticias Cifra que recollen todos os medios: o gordo tocoulle a un emigrante coruñés, Jesús Deibe, que vive en Nova York.

O mesmo día 26 aparece unha coda: Deibe ten unha noiva en Barallobre e vai casar con ela e repartir os cartos entre os traballadores da Ría do Ferrol.

Este bulo podería ter saído do mesmo despacho de Barrié: os dous basilares do grupo Pastor son os Dalmau (fundadores) e Pedro Barrié (protagonista da súa expansión) D&B=deibe.

A noiva de Barallobre sería Astano, naquel intre en serios problemas económicos.

O día dos calotes, 28 de decembro, o peiteador Minguela chama a El Pueblo Gallego (xornal de Vigo que fora propiedade de Manuel Portela Valladares, daquela en mans da Prensa del Movimiento) e anuncia que o premio lle correspondeu a un turista brasileiro, João Baptista Alexandre, que marchara o mesmo día do sorteo no buque Cabo de Hornos para San Salvador de Baía.

Minguela conta que o turista, amigo seu, deixara amplas propinas no salón de peiteado.

Os reporteiros de El Pueblo Gallego fotografan varios billetes de mil pesetas supostamente deixados polo João Baptista no local de Minguela.

O calote custoulle un susto ao Minguela. O director do xornal denunciao por “roxo e masón”. Bromas, as xustas, e coas cousas de comer non se xoga.

As series no Banco Pastor

A prensa tardou en dar unha mínima noticia, e preferiuse deixar todo en rumor. Velaquí a breve noticia no ABC de 30 de decembro de 1958.

O 29 de decembro, a axencia Cifra anuncia que o premio puido tocarlle a Pedro Barrié. A mesma axencia confirma ao día seguinte que as seis series están depositadas no Banco Pastor de A Coruña.

Toda a prensa inclúe na información este parágrafo: “asegúrase que o diñeiro será empregado en beneficio de Galicia e, concretamente, na Coruña”.

Hai que quere atopar nesta frase unha xustificación do Conde amigo de Franco.

A súa dona e sucesora, Carmela Arias, repetiría, máis ou menos esta frase con ocasión do centenario do nacemento de Pedro Barrié: “tocoulle o gordo, pero foi para beneficio de Galicia”.

Carmela Arias afirmaba con ocasión do centenario do nacemento de Pedro Barrié: “tocoulle o gordo, pero foi para beneficio de Galicia”.

A crise de 1957

O certo é que, cando Fenosa comeza a construción do encoro de Belesar, no 1957, o Estado español pasaba por unha grande crise económica e semellaba que nin as arcas de Barrié, nin as do Estado, estaban para construír daquelas o salto máis grande e moderno de Europa.

Na obra El Franquismo, de Giuliana Di Febo e Santos Juliá esta crise de 1957 aparece descrita como segue: “No 1957, os desequilibrios e estrangulamentos provocados pola coexistencia da vella inercia autárquica coas medidas liberalizadoras tomadas desde 1951, tiñan levado a economía española a unha situación de bancarrota: non había divisas para facerlle fronte ao pagamento de importacións. Esgotamento das reservas, déficit da balanza de pagamentos, aumentos salariais pronto superados por unha inflación galopante, protestas estudantís, malestar social e folgas en Madrid, Asturias e Barcelona. Todo se aliou para provocar unha crise de goberno no 1957. (O Opus Dei toma o temón do Estado franquista)”.

Un dos cargos que traballaron naquela época na construción do encoro de Belesar, afirma que, cando comezaron as obras, Dragados lle tivo que deixar diñeiro algúns meses a Fenosa para poder realizar o pagamento das nóminas. Feito que non puidemos contrastar en fontes da empresa nin nos seus libros de contabilidade. Pero a nosa fonte é de toda solvencia.

No libro de José Luis García Delgado, Electra y el Estado, explícase que o enorme investimento esixido polos encoros do Sil e do Miño levaron ao Grupo Pastor a unha situación extrema, sobre todo logo da aparición da tarifa única: Galiza xa era excedentaria en enerxía, pero o dominio da distribución era vasco, madrileño e catalán.

Hidrola e a Unión Eléctrica Española só recibían o excedente de Fenosa cando a demanda superaba a súa propia produción. Despois pretendían que o excedente de electricidade dos encoros galegos debía ser considerado “ben libre”, posto que, argumentaban, ao non ser usada a electricidade en Galiza, perdíase.

E se se perdía, para que lle tiñan que pagar a Fenosa por ela.

Hai que ter en conta que o Réxime de Franco era debedor e se apoiaba nas grandes empresas eléctricas que, aínda hoxe, seguen a marcar moi moito a política do Estado, pois os accionistas de referencia son as familias da grande oligarquía española.

Franco nin podía nin quería ir directamente contra os grandes oligopolios eléctricos, pero tampouco podía deixar que se afundise o seu amigo Pedro Barrié, que tanto fixera por el, entre outras cousas, regalándolle o Pazo de Meirás e a Casa Cornide.

Os crentes afirman que Deus volve pola verdade e axuda a quen se axudan. Outros falarán da sorte dos arriscados. E, algúns que están de volta das novas, pensan tamén que Francisco Franco axudaba a quen o axudara.

Un sorteo que, por primeira vez non foi público

O sorteo de Nadal de 1958 non foi público por primeira vez desde a institución da Lotería de Nadal en 1763. Circunstancia que, noutro Réxime, o invalidaría legalmente.

Na porta do salón de sorteos naquel 22 de decembro de 1958, formárase unha ringleira de xente provista dun pase estendido polo director Xeral de Tributos Especiais, Francisco Rodríguez Cirugeda.

Entraron no salón do sorteo reporteiros e fotógrafos dos diarios e cámaras do No-Do. Cámaras e focos que foran autorizados por vez primeira o ano anterior.

O sorteo de Nadal de 1958 non foi público por primeira vez desde a institución da Lotería de Nadal en 1763.

Tamén no 1957 se dera a novidade de figurar como presidente do sorteo o Director Xeral de Tributos Especiais, asistido polo xefe de sección de Loterías, Rafael Alonso González. Completan a mesa un interventor de Facenda e o concelleiro de Madrid, Luís Álvarez Molina.

Rodríguez Cirugeda aparece recibido en audiencia por Francisco Franco ese ano de 1957.

O premio Gordo que lle tocou a Barrié, saíu ás 10,49 horas, mentres se xogaba a Cuarta Táboa.

Os únicos incidentes citados nas crónicas dos diarios son a caída dunha bola ao chan que foi recollida por un dos rapaces cantores do colexio de San Ildefnso e a potencia dos focos do No-Do.

Na crónica de La Vanguardia afírmase que os rapaces de San Ildefonso teñen que facer a viseira coa man par poder ler as bolas.

Como fixeron a trampa? Iso non se sabe. Polo menos nós.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here