Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e setembro de 1982, mantívose un debate aberto sobre os distintos pasos que colectivos, partidos e persoas independentes darían na fundación do Bloque Nacionalista Galego o 25 e 26 de setembro daquel ano, no frontón de Riazor. Recollemos neste PDF o percorrido documental daquel debate, e tamén aportamos unha galería fotográficA daquelas dúas xornadas de intenso debate que inclúen os retratos de Alfredo Suárez Canal, Eduardo Gutiérrez e Xosé M. Beiras, que eran cabezas de listas da organización nacionalista nas inminentes eleccións xerais de outubro de1982.
O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na Coruña o politico nacionalista Pablo González Mariñas. Presente en momentos fundamentais do devalar político contemporáneo, Mariñas foi deputado na primeira lexislatura (1981 e 1990) voceiro parlamentario de Coalición Galega (1983-1986) e secretario xeral do PNG-PG (1987-1990). Formou parte do goberno da Xunta presidido por Fernando González Laxe, como Conselleiro da Presidencia e Administración Pública. Esta entrevista que recollemos foi realizada en xullo de 2009, cando recén inauguraba o seu mandato Núñez Feixóo, e facía un balance da situación do momento, que aínda pasados trece anos mantén frescura e análises de utilidade no presente político.
“Soster que somos un país probe que vive da solidariedade do Estado é unha falacia histórica”
Foi Conselleiro da Presidencia con Fernández González Laxe e deputado do BNG até o 1 de marzo pasado. O profesor de Dereito Administrativo Paulo González Mariñas (A Coruña, 1944) é un veterano dirixente nacionalista, candidato á presidencia da Xunta por Coalición Galega e fundador do PNG, unha das organizacións integradas no BNG. É fundador do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, que presidiu varios anos e no que vén de sucedelo Anxo Quintana.
A presidenta do Tribunal Constitucional, Emilia Casas, di que agora xa é posíbel unha reforma constitucional, porque “está resolto o problema da autonomía política”. É porque os nacionalismos catalán, galego e vasco están á baixa?
Hai unha evolución moi gran- de na actitude de Zapatero de 2004 a hoxe. Primeiro apostou por avanzar na institucionalización dun estado máis plural e unha peza importante dese puzzle era a reforma constitucional (cambio do Senado, su-presión da lei sálica e nomeamento das comunidades autónomas, no que se inclúe o asunto das nacións do Estado). Iso veuse abaixo, non sei en que medida debido á ruptura do pacto para resolver o problema etarra. O resultado é que estamos xa nunha involución enorme cunha recentralización directa, sen disimulos. O pacto vasco de PP e PSOE é unha peza pero hai unha serie de medidas que lles permiten ese vaciado político da autonomía e o rearme do poder central.
Que medidas son esas?
Os poderes centrais utilizaron varios mecanismos. Por exemplo o uso abusivo das leis de bases. É un tecnicismo revelador: cando a constitución di que ao estado lle corresponde ditar as leis básicas e ás comunidades autónomas o que non é básico, sucede que nesas materias hai competencias compartidas. Cando a autonomía fai unha norma está a uti lizar competencia propia, non desenvolvendo o que di o estado, que o que ditamina é o mínimo común denominador para todos os cidadáns. A perversión é asimilar as leis de bases coas leis marco. Estas fáinas o estado como lle peta e se quere pídelle colaboración ou opinión ás autonomías. As autonomías desenvolven esas leis marco, non as básicas. Velaí un instrumento para centralizar: confundir leis básicas e leis marco. Hai máis exemplos xurídicos. A constitución di que o estado ten competencia exclusiva para a “ordenación xeral da economía”, pero resulta que as comunidades teñen á súa vez potestade exclusiva sobre gandería, agricultura ou montes, entón hai un choque e daquela o Estado dita normas que invaden a exclusividade autonómica. O elemento máis definitivo é o uso das normas e directivas europeas, para traspoñelas unilateralmente, cando podían facelo as autonomías no ámbito da súa competencia.
Eses serían procedementos técnico-xurídicos, pero a desnaturalización da autonomía é máis visíbel no político.
Aí teñen a Brunete mediática co martelo permanente de que se desfai España, atacando directamente o sistema autonómico que nos dimos e coartando toda tendencia cara o federalismo asimétrico. Nestes momentos estamos ancorados nunha concepción sacra da Constitución. Un gran contraste con Alemaña, que xa leva 47 reformas parciais da súa constitución. Eles entenden que reformándoa é como mellor a defenden, porque aumenta o grado de adhesión da xente a esa lei superior, para que sintoniza co pensamento cidadán.
E a pesar de todo ninguén é capaz de erguer a bandeira contra a autonomía.
Pero a dereita si fala de reformar a constitución para cargarse o título VIII, recentralizar o poder e desde logo non conceder ningunha asimetría. É ir contra a historia, porque o que está a producir o exceso de globalización é o florecemento dos espazos identitarios máis pequenos que acomodan mellor a vida da xente fronte á uniformización ou o ataque ás linguas.
O que está a producir o exceso de globalización é o florecemento dos espazos identitarios máis pequenos que acomodan mellor a vida da xente
O descenso do nacionalismo ou o seu afastamento do poder é relevante. Por que o PSOE non resiste e se deixa ir pola liña máis xacobina?
Penso que é influencia do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas). A función dos partidos non é só gañar eleccións tamén deben conformar a sociedade con arreglo a determinados valores e dar pautas de conduta. Cando se goberna a golpe de inquérito, a curto prazo, sen afán de conducir, de modular e buscar obxectivos máis elevados democraticamente poñémonos nesta situación. Probabelmente o PSOE detectou esta tendencia á baixa dos nacionalismos e decidiu vender centralismo.
Agora negóciase a fase final do financiamento autonómico, en que posición está Galiza?
Estamos rendidos. O sistema só podería ter unha posición valente de defensa de Galiza desde o Novo Estatuto. A Núñez Feixóo volveralle de continuo o remorso de ter abortado aquel estatuto de 2007. Agora vai a Madrid e Zapatero espétalle que se tivera un texto como de Cataluña tería unha boa base xurídico-política desde a que pelexar. Pero abortouno no seu día e agora págao. Saíulle mal o da “alianza das comunidades pobres” e non ten un Estatuto novo e, ogallá me equivoque, pero ten poucas bazas. Desde o BNG levamos dicindo que as cifras sobre o noso balance de gas tos e ingresos sempre se expresan trucadas (dicíao Paco Rodríguez nun artigo recente en Xornal de Galicia) e ninguén discute as nosas cifras. Nunca. Porque son verdade. A táctica do proceso recentralizador fala de que nos dan cartos por solidariedade, e non é así, son cartos nosos. Hai quen sostén que somos un país probe que vive da solidariedade do Estado, cando é unha falacia histórica.
============================
De cando Afonso Rueda non quixo Policía Autonómica
Hai poucos días o conselleiro da presidencia, Alfonso Rueda, case renunciou á posta en marcha da Policía Autonómica, que é un dos símbolos tamén do autogoberno.
O tema clave é o traspaso de competencias de tráfico. E se tes o tránsito tes a vixilancia dese tránsito e por tanto precisas policía autonómica. Creo que Rueda non se decatou e cando o faga vaise corrixir, porque si pediu a transferencia de Tráfico. Pode facerse o paripé de poñerlle transitoriamente aos policías unha escarapela cunha bandeira, pero igual tes que negociar con Interior. Ter policía propia é un símbolo básico para poder ver a realidade do poder autonómico. Por iso Rubalcaba é tan reticente. Un poder fáise real cando ten unha capacidade coactiva para levalo adiante. Até un modesto concello ten policía porque é a maneira de levar adiante moitas decisións. Eu como conselleiro se quería, por exemplo, pechar un bingo, tiña que pedirlle prestado os gardas ao gobernador civil. Iso non é un poder político completo, ter policía non é un capricho. Un goberno autónomo non é tal sen policía propia, e isto xa o falábamos no ano 1980, cando os Pactos do Hostal, previos ao vixente Estatuto. Tivemos que reformar o texto porque non contiña ese concepto fundamental de monopolio do poder público para facer cumprir as leis. Aquí só se fala de se é caro ou se nos prestan os policías. Pero se falamos de autogoberno isto é un asunto central. Pódese exercer o poder autonómico descoñecendo ou abeirando esas cuestións? Estamos vendo que se pode. E aínda máis: un mandato central do Estatuto de Autonomía di que “a comunidade autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia”, e o presidente Feixóo cachondéase disto cando di que moitos, entre os que eu me contaría, estamos perdendo o tempo en “tertulias identitarias”. Se o presidente do meu país é quen de levar unha campaña tan agresiva contra a lingua, que é o elemento principal desa identidade, eu que teño que pensar? Isto non pasaría en Cataluña, por suposto, pero tampouco en Andalucía nin en Asturias, que se o seu presidente fala mal do bable bótano. De que estamos feitos os galegos?
============================
‘O PP quere convencer da idea reaccionaria de que Galicia non acepta coalicións’
O BNG está nun punto crítico, logo da perda do poder na Xunta e de devalo electoral. Cal á súa análise?
Estamos nun momento complicado. O devalo global pode axudar a entender, pero en todo caso temos que facer unha renovación a fondo, que moitos compañeiros vemos necesaria desde hai tempo. Todas as organizacións teñen que evoluír, e igual que houbo unha Asemblea en Riazor en 1982, ten que haber outra. Renovar, abrirse á sociedade e lanzar unha mensaxe optimista. Un partido non pode ser só unha conciencia crítica, hai que estar no mundo e construír. O BNG ten que rematar xa coa interinidade actual, non pode agardar dous anos e debe anticipar a asemblea nacional. Temos que ser xenerosos, conectar coa sociedade e dar un corte histórico como tantos que se fixeron, para revitalizar e ilusionar á xente. Chama a atención que despois da derrota electoral e a difícil deglución interna, as actuacións do novo goberno fan que sectores outrora críticos comecen a añorar medidas do bipartito que non foron apreciadas. Hai persoas no BNG que pensan que é máis importante o traballo social xeneroso, aberto, sementando ideas e criticismo político e social, pero non gobernando. E hai outro grupo que entendemos que as organizacións políticas son instrumentos para conquistar parcelas de poder e gobernar. O BNG non vendeu con orgullo o traballo gobernamental e para min é o erro máis grave que se cometeu coas consecuencias coñecidas. Se non presumes das túas conquistas e logros, grandes ou pequenos, que houbo moitos, mal vas. Á xente, vémolo nos inquéritos, quedoulle unha idea de que foi un goberno pelexado. O PP coñece moi ben a psicoloxía colectiva e queren convencer da idea reaccionaria de que Galicia non acepta coalicións, e para iso teñen moitos apoios mediáticos. Temos unha tarefa difícil pero tamén unha enorme vitalidade. Dá gusto falar coa xente de base do BNG. Non podemos queimala. Están esperando que se retomen as luces dunha orientación para mellorar a vida do país, non só para a defensa da identidade, que é a raíz nosa de ser, pero non a nosa única función.
Benquerido amigo Suso Piñeiro: sempre tiven unha idea colectiva da vida, deixando pouco espazo para as decisións persoais. Salvando, como entenderás perfectamente, aquelas que só me comprometían como persoa. E isto de votar por unha opción ou outra, aínda que pareza «persoal» ten mais que ver có que se necesita como pobo, ou se o prefires, como colectivo. Si, si, será por defecto da práctica do sindicalismo bazanero que obrigaba a adoitar posición «“colectiva» mais aló do que «che pedía o corpo». E así me quedou.
Non parece esta unha práctica moi estendida xa que as verdadeiras explicacións sobre as razóns da non presenza do nacionalismo galego nos poderes do estado, eu, polo menos, non as escoitei. Meu deus, nunca na historia da democracia española o nacionalismo galego acadou Grupo Parlamentar propio. Nin cando os «actores da nova política» poderían constituílo. Isto si que é unha «anormalidade democrática»!!!. Debate tras debate de como facer, chegamos a 1996, (por poñer unha data) , medrando en conciencia nacional e chegando ao ano 2000 nada menos que superando os 300.000 votos e acadando tres deputados. Mantívose o tipo no 2004 e no 2008 e a partires desa data a caída foi espectacular. Non sei se nesta parte da nosa historia, teríamos algo que ver. Esa primeira, a do crecemento do nacionalismo ata acadar cotas extraordinarias en pouco tempo, seguro que forma parte do teu propio patrimonio.
Sei de sobra que cada quen terá unha teoría sobre o acontecido no nacionalismo nos últimos tempos, e non son eu quen de cuestionar ningunha delas, aínda que polo menos unha pareceume desatinada. Na miña deteriorada cabeza nunha fun quen de asimilar aquelo da Alternativa Galega de Esquerdas, mais que nada porque «resucitar» a Esquerda Unida só serviría para poñer en valor á súa máis destacada dirixente. Sei que ten pouco que ver pero o vivido no sector naval galego coa esquerda española (política e sindical) xa tería que dar moitas pistas, sobre todo vivindo ti e mais eu na Comarca de Ferrolterra.
E non é que o diga eu. A propia traxectoria dese proxecto pon ás claras o que eu pensaba dende o primeiro momento. Polo camiño quedaron persoas que, por unhas razóns ou por outras, apostaron pola fórmula avalada e potenciada nada menos que pola persoa máis relevante (ou polo menos unha das máais relevantes) do nacionalismo galego. A caída libre do nacionalismo galego obedece a outros moitos factores. Seguramente os máis destacados pode que teñan que ver con erros propios, estratexias e tácticas equivocadas ou vai ti a saber que.
Pero é que estamos ás portas dunhas novas eleccións e síntome afastado de non poucos amigos e amigas que conseguín nisto da política e o sindicalismo. Persoas capaces, influentes nacionalistas todas elas e que xa non «comungan» co de sempre. Porque viron como medraban uns cantos incapaces que vaia si souberon «afiliarse» a quen garantira o poder. Porque sentiron que os temas importantes non se trataban como deberían. Porque non abondaba ter máis votos nas asembleas internas para elixir candidato ou candidata sen antes valorar as súas capacidades. Porque a quen habería que relegar é aos incapaces que nunca cuestionan nada e non a quen debate cada asunto a tratar. Por exemplo.
Estamos ás portas dunhas novas eleccións e síntome afastado de non poucos amigos e amigas que conseguín nisto da política e o sindicalismo. Persoas capaces, influentes nacionalistas todas elas e que xa non «comungan» co de sempre.
Hoxe mesmo, lin e relin o teu correo. Na parte que convidabas a un xantar, non. Na outra. Ti, que tes no teu haber unha traxectoria impecábel, honesto, culto e moi capaz, ademais me comunicas o teu voto: «botáronme por herexe e agora síntome ceibe para pensar, votar e organizarme….». Sentín rabia e impotencia. Si, porque ademais da túa posición, sei de outros e outras que tan explicitamente ou menos, sentiron a súa exclusión, con razón, parte da razón ou que sei eu. O que si sei é que o nacionalismo galego organizado terá que facer os esforzos necesarios para conquerir unha reacción diferente de persoas que coma ti, tamén sodes inequivocamente nacionalistas. Xa sei, xa sei, sodes catro, dirán os que contan só os números. Para min é cuestión de calidade democrática porque trátase de compañeiros e compañeiras que déstedes corpo e vida ao nacionalismo galego en tempos mais difíciles e complicados.
Seguramente a culpa é miña por non ter capacidade de convencemento ou porque, no fondo, estou dacordo coa maioría do teu argumentario, só que nada xustifica nesta ocasión non dar respaldo ás candidaturas que posibiliten a presenza do nacionalismo galego no Parlamento Español, aínda que para iso teñamos que relegar o noso cabreo e pasar a controlar o traballo dos parlamentarios. Eu gardarei o meu propio listado de «desagravios» que non son poucos.
Non pode rematar este lamento sen desculparme polo atrevemento de facer pública unha reflexión persoal, pero é que os amigos estades para iso e nesta sección que tan xenerosamente me permite Afonso Eiré só me “comunico” coas persoas que algo tedes que ver coa miña posición diante dos retos da vida, aínda que no teu caso empezara por aquela «tortilla española» tan elaborada pola túa extraordinaria compañeira hai mais de corenta anos.
O dia 10 saberemos se o noso País seguirá paralizado, marxinado e esquecido ou se, polo menos, logramos un trato máis respectuoso. Que menos.
“Felipe González, de pronto, sacou un largo Cohiba, acendeuno devagariño e fumouno coma un sibarita. A min ese pequeno detalle chocoume, estrañoume. Era un trazo burgués que non encaixaba cos seus pantalóns vaqueiros, nin coa súa camisa barata de cadros, nin co seu esquerdismo…Na miña axenda privada de notas escribín: Felipe González, semella apaixonado pero é frío. Hai nel algo falso, enganador. Non me pareceu un home de ideais, senón de ambicións.
Quen isto relata é o comandante Miguel Paredes, axente do SECED (Servicio Central de Documentación), que foi entre 1972-1977 o nome dos servizos de intelixencia en España.
Andrés Casinello. militar e elemento central sempre nos diferentes organismos desde o SECED ao CNI.
Meses antes da celebración do congreso de Suresnes (outubro de 1974), que se financia con fondos achegados polo SPD alemán de Willy Brandt, ponse en marcha por parte do SECED a denominada Operación Primavera, unha serie de contactos con membros do PSOE do interior, para coñeceros seus plans políticos. “Tiñamos a misión de que o PSOE se achegase a posicións máis tépedas, na liña de moderación pragmática que lles recomendaba Willy Brandt”, afirma o Comandante Paredes.
O SECED non só entregou pasaportes aos principais militantes socialistas para que puidesen desprazarse a Francia, tamén os escoltou até Suresnes evitándolles problemas na fronteira e, aínda, foi quen de incluír na nova executiva socialista a máis da metade de militantes que estaba na órbita americana, non sen antes reunirse con Nicolás Redondo e pedirlle que non se presentase a secretario xeral, e así colocar a Felipe González, como relata o daquela capitán do CESED Manuel Fernández-Monzón.
Willy Brandt flanqueado por Felipe González, Slfonso Guerra e Galeote, durante a presentación en Madrid do XXVII Congreso do PSOE, en Decembro de 1976.
Os papeis de Felipe González
Estes feitos, loxicamente, non aparecen, na transcrición do encontro de Felipe González e Alfonso Guerra no 1976, co director do CESED, o coronel Andrés Casinello, e co xefe de información, o tamén comandante Xosé Faura, que publicou xornal El País o 22 de setembro.
O rotativo madrileño recolle ese encontro da cúpula socialista cos responsábeis dos servizos secretos dos documentos do propio CESED que están en poder de Felipe González, cuxo arquivo persoal leva uns meses aberto ao público.
Aínda así, nesta xuntanza, que aparece como se fose a primeira entre os dous líderes socialistas e os servizos secretos españois fundados polo almirante Carrero Blanco, pode ollarse que as ideas políticas que transmite o secretario xeral do PSOE, teñen moi pouco que ver non só coas que defende a maioría da militancia, tamén non coas aprobadas no congreso de Suresnes.
Felipe González, á dereita e Santiago Carrilo á esquerda, nunha fotografía de 1982.
Aínda que o PSOE inclúa no seu programa nesa altura o dereito a autodeterminación, nesa conversaGonzález móstrase a prol dun Estado autonómico, rexeitando que se articule “a partires da decisión soberana de non sei que pobos independentes”. Tamén se manifesta en contra dun “concerto económico para Cataluña”.
Cando se fala da Amnistía, os socialistas colócanse detrás da pancarta, pero González deixa claro o que vai ser a súa política e, tamén, o que sería a denominada Transición: “creo que neste país hai que saldar contas co pasado, pero até un límite”.
Nin que dicir ten que, sendo un partido republicano como aínda era o PSOE, González apoiaba plenamente á Coroa.
O golpe de Estado de Suresnes
Francisco Bustelo, un dos militantes elixidos como membro da nova Executiva do partido en Suresnes, que acompañaría logo a Felipe González a visitar ao embaixador estadounidense e, que, como el escrebe, comería logo repetidamente co conselleiro político da embaixada dos EEUU, afirma que en Suresnes hai tres grupos fundamentais: os vascos, con Nicolás Redondo, Eduardo López Albizu, Enrique Múgica e Txiki Benegas; os andaluces, con Felipe González, Alfonso Guerra e Eduardo Galeote e os madrileños, con Pablo Castellanos e Francisco Bustelo.
“Os vascos, ou mellor dito, Redondo, que era o seu peso pesado, eran decisivos. Se apoiaban aos andaluces, como fixeron en Suresnes, González tería o poder asegurado. Nicolás Redondo saberá por que o fixo”, afirma Bustelo.
“O asalto ao vello PSOE xa comeza no 1970, cos contactos entre Enrique Múgica e o destacado sindicalista alemán, Hans Matthöfer, que edita a revista Expres Español en Alemaña”, escrebe Alfredo Grimaldos en La CIA en España. O mesmo Rodolfo Llopis, daquela secretario xeral do PSOE, denuncia que Matthöfer “apoia economicamente as escisionistas do PSOE”. Justo De la Cueva, membro da comisión mixta de reunificación do PSOE madrileño, procede do sector histórico e deixa a militancia logo da “unificación” e declara: “O PSOE vai cara onde diga a CIA a través de Willy Brandt”.
“Os servizos secretos americanos e a socialdemocracia alemá altérnanse celosamente na dirección da Transición española con dous obxectivos: impedir unha revolución logo da morte de Franco e aniquilar a esquerda comunista”, sostén Grimaldos. E continúa: “este traballo fino da construción dun partido de esquerdas para impedir, precisamente, que a esquerda se faga co poder en España, é obra da CIA, en colaboración coa internacional socialista. O primeiro deseño remóntase xa á década dos sesenta”.
O PSOE e a CIA
Algúns socialistas non agardan a que a axencia de intelixencia norteamericano chame ás súas portas e son eles mesmos os que ofrecen espontaneamente os seus servizos. É o caso de Carlos Zayas, segundo documentación que aporta Juan Garcés.
Zayas sinalaba que había outros “informantes” do PSOE a CIA, sinalando a Joan Reventós en Barcelona e a Mariano Rubio en Madrid. Tamén desvela que o principal axente do PCE en Madrid é Federico Sánchez, alias de Jorge Semprún, que, andando o tempo, tamén sería ministro de Felipe González.
Os mozos que deron o golpe de man dentro do PSOE en Suresnes, comandados por Felipe González, van cumprir ao pe da letra o guión que lles prepararon. O poder está cada vez máis preto e o papel que ten que interpretar o PSOE na Transición levaría escrito desde bastantes antes da morte de Franco, pero remata de pulirse no 1974.
Henry Kissinger, era secretario de estado norteamericano durante os anos da Transición en España.
Logo da Revolución do Cravos en Portugal, Henry Kissinger, Secretario de Estado americano, alármase e viaxa a Alemaña para entrevistarse primeiro con Helmut Schmidt (canciller alemán entre 1974 e 1982) e despois con Willy Brandt para insistirlles que apoien decididamente ao PSOE.
García Trevijano escrebe: “por iso Felipe González non entra na Junta Democrática, porque se sente amparado por unha potencia superior, polos alemáns e os norteamericanos. Unha vez que está seguro dese apoio, trasládase a Madrid onde ten unha entrevistaco Rei e con altos mandos do exército, e establecen a estratexia a seguir para evitar unha radicalización. A min advírteme da situación Claude Cheysson, que sería ministro de Exteriores con Mitterrand, daquela comisario en Bruxelas”.
En Outubro de 1982 o PSOE gaña as eleccións por maioría absoluta e Felipe González é presidente. Un ano despois José Mario Armero, presidente de Europa Press que non só negociara a legalización do PCE, escribe: “a realidade demostra que hoxe en España goberna un partido socialdemócrata europeo, occidentalista, proamericano e decididamente atlantista. Nun ano de goberno, os homes do PSOE cumpriron un papel realmente singular: a case destrución da esquerda tradicional española substituíndoa pola socialdemocracia no que cabe a libre empresa, a propiedade privada, os europeos, os norteamericanos e a OTAN”.
O ex ministro e curmán de Francisco Franco, Salgado-Araujo escribe nas súas memorias queinforma “ao Caudillo como a CIA expón abertamente que coas súas actividades cumpre co seu deber de prever o futuro, pois do contrario a un réxime débil sucederíalle o caos e, a este, o comunismo”.
Con estes datos, se cadra, enténdese mellor a política histórica do PSOE e os xiros políticos de Pedro Sánchez e como unha cousa é pactarpolíticas sociais e outrapolíticas de Estado, na que o guión principal está escrito desde hai décadas.
Para moitos nacionalistas a manifestación do 25 de xullo en Compostela, e o seu remate na praza da Quintana, converteuse nun ritual laico. Algúns van dereitos a praza, sen realizar o percorrido, outros xa non entran. Pero non sempre foi así.
O dereito a manifestarse en Compostela, e o de entrar na parte histórica, tiveron que gañalo os nacionalistasa pulso e a paus.
No 1978 as forzas autonomistas convocaban unha manifestación que remataba na praza do Obradoiro. Os nacionalistas remataban na praza da Quintana, superándoos en manifestantes.
Ao ano seguinte, 1979, os partidos estatais xa non festexaron en Compostela o Día de Galicia, mentres que a manifestación do Bloque desbordaba a capacidade da Quintana.
En 1980 produciuse a primeira proibición de entrar no casco vello compostelán despois de dous anos consecutivos sen problemas.
No 1980, xa lle prohibirían os nacionalistas a entrada no casco histórico, cunha toma policial de Santiago sen precedentes. E así continuou até 1983, cando se remataba na praza de Galicia ante a imposibilidade de entrar de xeito legal, pero axiña se sucedían as manifestacións no interior da cidade antiga, os saltos, os berros, as cargas e as detencións.
Paralelamente comezara unha campaña para convencer á opinión pública que a manifestación nacionalista prexudicaba o turismo e a imaxe de Santiago, que debe de ser de todos, como o 25 de xullo, que era o Patrón de España.
Os nacionalistas respostaban cun lema, “non renunciamos á patria galega”, e afirmando que, ao non poder desnaturalizar a data, tentaban prohibila pola forza. Mesmo detiñan a xente na praza do Obradoiro por levar adhesivos do Bloque.
O golpe de Estado mudou moitas cousas
As formacións autonomistas esqueceron celebrar a data e os medios de comunicación teimaron en resaltar a Ofrenda ao Apóstolo como un grande acto central, cando o certo foi que viña decaendo na súa propia idiosincrasia pouco acorde cos tempos democráticos.
O golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 mudou moitas cousas. O punto álxido da presión do Estado español aos nacionalistas galegos e o intento de expulsar o Día da Patria extramuros da cidade vella de Compostela, hai que situalo no ano 1983. Foi o ano do desmantelamento da industria naval, das grandes manifestacións e das folgas xerais e co PSOE no Goberno central e no de Compostela, con Xerardo Estévez, ex militante do PSG, como alcalde, que puxo á policía local ao servizo da represión, adicándose a arrancar os carteis, pancartas e bandeiras nacionalistas.
Ao ano seguinte, as xentes do BNG regresaron á Quintana e atópanse tan a gusto que esqueceron a reivindicación doutrora de rematar a marcha anual na praza do Obradoiro.
Portada do número que deu conta da xornada do 25 de xullo de 1983.
As consignas máis coreadas naquel 1983 pola manifestación, que saíu da Alameda compostelá, eran ademais da clásica de “Galicia Ceibe, poder popular”, “Non a OTAN, soberanía nacional”; “Non. non, non, á nuclearización;”Non á represión, liberdade de expresión; “Lei antiterrorista, lei fascista” ; “Fraga, Felipe, Albor, a nova inquisición”, “Aborto libre, a muller decide”…
A manifestación, segundo ordenara o Gobernador Civil tería que dar a volta nunha praza de Galicia en obras e retornar a onde partira, na vez de entrar no casco antigo.
Mais os nacionalistas estaban dispostos a chegar ata Quintana tal e como solicitaran.
Cinco horas na Praza de Galicia
Iso pretendían, pero unha cousa era dicilo e outra logralo. Cando chegaron á Porta da Mámoa, atopáronse cunha compañía antidisturbios chegada desde Valladolid. A cabeza da manifestación fixo un intento de traspasar o cordón policial, pero foron repelidos coas mocas e a pancadas aos xeonllos dos manifestantes. Ante forzas tan desiguais non era cousa de intentalo de novo, pensaron os dirixentes nacionalistas.
Logo dun tempo de tenso fite entre mandos policiais e a cabeza da manifestación, a dirección nacionalista decidiu instalar na mesma praza unha tarima e un servizo de megafonía. Alí realizáronse as intervencións que ían ter lugar ao remate da manifestación.
Presentados por Xosé Agrelo Hermo, primeiramente Xesús Veiga deu lectura dun comunicado conxunto do MCG (Movemento Comunista de Galicia) e LCR (Liga Comunista Revolucionaria), que se referiu a que “a sombra de Gómez Aguerre é moi longa. Aquel gobernador Civil da UCD está a facer agora carreira política no PSOE”. [Aguerre fora gobernador da Coruña cando comezou a probición e era en 1983 alto cargo no ministerio do Interior].
A continuación, en representación do BNG, falou Francisco Carballo, que entre outras consideracións atacou duramente ao PSOE “que quere afortalar o capitalismo, baixo o cal non pode haber liberdade, nin paz, nin xustiza…”
Ao rematar a intervención de Carballo, tomou o micrófono Francisco Rodríguez para pedirlle á xente que sentase e non abandonase a praza, que pronto chegaría comida e bebida para todos.
Así foi. A sentada seguiu até as 18,12 horas, entre berros, música e cancións. Tamén baixo a choiva que se convidou ela soa, como tantos 25 de xullo en Compostela.
A crónica de A Nosa Terra o 25 de xullo de 1983, daba conta do momento en que se produciu a carga policial logo dunha xornada pacífica.
Comeza a guerra
Despois de máis de cinco horas de sentada, ás 18,12 comezou a “guerra”. Logo de pequenos amagos de incidentes por parte dalgún policía que se mostraba visibelmente agresivo e prepotente, un dos manifestantes, mentres se coreaba “ea, ea, ea, a policía se cabrea”, pasoulle unha bandeira polo casco a un deses policías, por encima do servizo de orde que estaba separando a policías e manifestantes.
Casquillo da munición empregada na carga policial.
O policía non resistiu e abalanzouse contra do servizo de orde, porra na man, golpeando de cacho para testo. Detrás seguírono todos malia a oposición de dous tenentes que, cos brazos abertos, pretendía impedir a liorta.
A carga ía con saña. Alí levou todo o mundo: rapaces, vellos, embarazadas, xornalistas… Arrombaron coa megafonía, mallando na xente que caía ao chan, algunhas veces, entre catro na mesma persoa.
Até se deu o caso que algún policía, alarmado, foi axudar a erguer a algúns dos que estiveran mallando no chan.
Utilizaron pelotas de goma e balas de plástico. Os manifestantes defendíanse con botellas e algunhas pedras.
Nesta primeira carga producíronse máis de 20 feridos, algúns de consideración, como no caso de Alberte Blanco, cun cóbado quebrado.
Crónica de A Nosa Terra o 25 de xullo de 1983.
Cando na Praza de Galicia só ficaba xente tombada ou feridos que non puideran escapar, a policía, presa non se sabe de que espírito febril, comezou a rachar con asañamento as pancartas e todo símbolo nacionalista que se atopaban ao seu paso, moitos deles colocados nos xardíns.
Seguidamente dedicáronse a entrar nos bares e, alí mesmo, aporrear na xente, sen preguntar. Nun deses barres cargaron tres contra un señor maior, un vasco con chapela, pero que non tiña nada que ver coa manifestación.
No café Derby entraron, porra en man, actitude ameazante dicindo, “os alborotadores e os que non teñan a conciencia tranquila que saian”.
E como non saíron, detiveron a dúas persoas.
Tamén foi detido un fotógrafo, ao que lle romperon a cámara e lle pegaron.
Quen isto escribe, logo de identificarse como xornalista a dous números da policía e ao brigada, foi retido, logo ceibado, volto e reter e, por último, o mesmo Brigada mandaría cargar contra del e máis outro compañeiro,.
As cargas policiais continuaron pola parte nova de Compostela, cara onde escaparan os manifestantes que levantaban barricadas con caixas e coches.
Tamén collían pedras das obras. Unha destas alcanzou a un policía. Colleuna e gardouna.
A policía disparaba bolas de goma, amarelas, e balas de plástico, verdes, directamente contra dos manifestantes.
Un dos momentos de maior tensión produciuse cando a policía cargou na Alameda, co recinto festeiro cheo de persoas maiores e nenos.
Xeonllo en terra, dous policías disparaban pelotas de goma por entre a xente.
Vítimas das cargas policiais foron atendidas en centros hospitalarios máis de 50 persoas. Tamén foron detidas outras 33, das que sete permaneceron en dependencias policiais até o 26 ás 21 horas, cando foron postas en liberdade logo de prestar declaración.
O rei deixa as cousas claras
Sorprendera, e non só nos círculos do nacionalismo, a brutal carga policial, sobre todo cando o gobernador era Domingo Ferreiro, un socialista tido por home dialogante.
En todo momento defendeu a actuación policial afirmando que “estaba en xogo a seguridade e a liberdade dos cidadáns”.Tamén afirmaba o Gobernador que os manifestantes so eran 300 persoas.
Desde o BNG contestábanlle que os manifestantes nunca puxeron en perigo nin a convivencia, nin os bens, nin as persoas. Preguntábanse tamén se eles só eran 300, para que quería o gobernador 400 policías.
Por outra banda, o propio Domingo Ferreiro comentaría que el nunca mandou cargar e que todo obedeceu a que a policía non puido coa tensión e coa fame e se lles foi das mans aos propios mandos.
Pero, segundo nos comentaba un policía galego que viña de Valladolid, todos estes anos a rutina era igual. Acuartelábanos ás sete da mañá, hora que almorzaban. Logo, até que todo rematase, non podían comer nin beber.
El afirmaba que todo era a man tenta para aumentar a súa tensión cando deran orde de cargar ou de reprimir aos manifestantes.
O Gobernador tamén dicía non saber nada deste xeito de actuar dos mandos policiais.
Pero as que estaban claras eran as directrices políticas: nación só existe unha, a española e o 25 de Xullo é o día de Santiago, patrón de España, única e indivisíbel. Se alguén tiña dúbidas abondaríalle con escoitar o discurso pronunciado ese mesmo ano 1983 por Xoán Carlos de Borbón na catedral.
Na ofrenda ao apostol, á que o Rei chegou contrariado, e foi das mías política das que tiña pronunciadom afirmou “honremos a bandeira de España, que é a representación da nosa unidade e depósito da nosa historia”.
A ofrenda máis política das que tiña pronunciado e das que pronunciaría despois nesa data e nese templo, propoñendo un auténtico programa de goberno.
“Síntome profundamente en España”, afirmou, para seguir deixando claro que “Galiza é un piar fundamental da patria que nos une” e pedíndolle ao apóstolo Santiago axuda para “que honremos a bandeira de España, que é a representación da nosa unidade e depósito da nosa historia”.Viñera aquel ano enfadado Xoán Carlos I de España. Non tiña pensado vir e debera mudar de plans.
Liorta na Xunta
O motivo non era outro que a negativa da Xunta de Galicia a asistir á ofrenda pois, na contra de nomear ao presidente Xerardo Fernández Albor como delegado rexio, fixérao na persoa de Domingos García Sabell, delegado do Goberno central na Galiza, logo que este llo pedise ao rei e ao mesmo Felipe González, nunha entrevista días antes na Moncloa.
O vicepresidente económico, Carlos Mella, convocou unha rolda de prensa na que afirmou que “con todos os respectos, a Casa Real cometeu un erro”.
A Xunta xa estaba amolada porque no peche da Porta Santa, na vez do presidente da Xunta, o delegado rexio fora o Ministro de Xustiza. O Goberno galego non acudiría ao acto.
Tanto a Xunta como Fraga Iribarne saíron afirmando que as declaracións de Carlos Mellaeran a título persoal, aínda que foran abenzoadas por todo o Goberno autónomo e polo propio Fraga Iribarne.
O rei chamaríaos á orde no propio discurso ao afirmar que “hai moito que facer para perder o tempo en minúsculas regueifas”.
Aquel ano 1983 os nacionalistas venceron e conseguiron a liberdade de entrar, de novo, no casco antigo.
Pero o que se estaba a propiciar por aqueles días desde Alianza Popular era un distanciamento entre Fernández Albor, que viña de ocupar o cargo de presidente con AP e os seus amigos de Realidade Galega que, aínda que desaparecida oficialmente, seguín tecendo moitos fíos na política galega.
Desde AP, enfrontando a Albor e García Sabell, tentaban que o presidente galego respondera ante Fraga e ante ninguén máis.
Carlos Mella anunciaba que a Xunta ía ser “moito máis virulenta con Madrid” e os nacionalistas criticaban que os únicos conflitos eran por “festas e protocolo”.
Mais aquel ano 1983 os nacionalistas venceron e conseguiron a liberdade de entrar, de novo, no casco antigo. Ao ano seguinte, no que tivo lugar o polémico traslado dos restos de Castelao desde Arxentina, acompañaríanos centos de retratos de Castelao até a Quintana, nunha das manifestacións máis multitudinarias.
Todos os luns, ás oito da mañá, Abel Caballero convoca os seus concelleiros a unha reunión no seu despacho. A xuntanza é curta. Poucas veces supera a hora. Comezan a falar por quendas e, cada quen, exponlle os asuntos do departamento que requiren a presenza do alcalde de Vigo. Non se discute. É o que diga o alcalde e el acapara toda a proxección pública, por miúda que sexa, incluídas as declaracións aos medios. Ao rematar a reunión, Abel Caballero ten que ter cuberta de actos toda a semana. E senón levantase as seis da mañá e sae na procura da xente.
Abel Caballero oficia de alcalde as 24 horas do díae como Camilo José Cela ou Belén Esteban, foi quen de crear a súa propia personaxe: O Alcalde de Vigo Abel Caballero. Ate fala en terceira persoa como os do famoseo.
Aquel político testán que militaba no PCE, aquel ministro fuxidío de Felipe González, aquel teimudo contrincante do seu inimigo Carlos Príncipe, até que Pepe Blanco e os papeis comprometedores llo sacaron de diante, aquel teimudo candidato socialista á Xunta, que se negaba a ver a realidade e prometía gañar por maioría absoluta e conseguiu os piores resultados na historia autonómica do PSdeG-PSOE, aquel medoñento candidato a alcaldía de Vigo, que semellaba que o seu retiro era novelar vidas que non puidera vivir… aquel político aparentemente fracasado gañou as eleccións e converteuse en alcalde.
E devagariño foi quen de construír a personaxe de Alcalde de Vigo Abel Caballero, que non ten nada que ver coas súas épocas pasadas, superando mesmo os tics familiares propios da casa dos Cabaleiro de Ponteareas, de longa tradición política, polo menos desde o seu bisavó liberal.
E Abel Caballero non só é alcalde as 24 horas do día, senón todos os días da semana, do mes e do ano. Desde que ocupa a alcaldía non gozou vacacións e só sabe de días soltos. Non coñezo a ninguén que lle sentase tan ben un cargo, que se esforzase tanto en aparecer. Nin sequera García Sabell, que tiña medo a que se non saía en todos as fotos a xente pensaba que “xa non mando”.
Porque se por algo se caracteriza Abel Caballero é pola súa capacidade de traballo e por facer da súa vida un acto de servizo ao Alcalde de Vigo.
Os 20 concelleiros acadados nestas eleccións son unha consecuencia de Abel Caballero estar ao servizo do alcalde. Diría máis, da súa capacidade en unificar na mesma persoa a Abel Caballero e ao Alcalde de Vigo.
Os 20 concelleiros acadados nestas eleccións son unha consecuencia de Abel Caballero estar ao servizo do alcalde. Diría máis, da súa capacidade en unificar na mesma persoa a Abel Caballero e ao Alcalde de Vigo.
Construcción do personaxe
Non lle foi doado construír a nova personalidade.O Caballero apoucado converteuse en showman. O Caballero retraído mudou falangueiro. O Caballero fusco derivou amábel. O Caballero metido no seu despacho pasou a facer sempiterna vida na rúa… E o Caballero doutor en Económicas puxo toda a súa memoria e o seu saber para logralo. Até é capaz de facerse o parvo para ser máis popular e mimetizarse co electorado.
Por iso o Alcalde de Vigo Abel Caballero é capaz de cantar cos bébedos na festa do San Brais e pagar viños se fai falta. Por iso o Alcalde de Vigo Abel Caballero é capaz de presentar todos os concertos de Castrelos, os do auditorio Mar de Vigo, cantando cando cadra coa súa amada Coral Casablanca. Por iso é quen de presentar a Cabalgata de Reis ou de desfilar como un personaxe máis do entroido chocando as mans á cidadanía no seu carnaval. Ou sendo o protagonista non casoiro que oficia no Pazo Quiñones de León.
Por iso é capaz de anunciar as “luces mellores do mundo” semellando bébedo e que non sabe falar inglés, logo de dar catro anos aulas en Inglaterra. “Chamádeme lelo, mentres me sacan as televisións e gaño votos”. Acaso Abel Caballero o que sempre arelou foi ser “popular” epor iso se fixo Alcalde de Vigo Abel Caballero: unha obra mestra de nova personalidade, sen asesores aúlicos, nin estudos de marketing.
Abel Caballero modificou os proxectos dos ascensores que realizara o bipartito (BNG-PSOE), para poder dicir que é cousa súa. O da subida a Torrecedeira desprazouno 400 metros, e xa non se conectan os tres que permitían subir desde Marqués de Valterra a Camelias.
Grande coñecedor da cidade
Caballero non sería Alcalde de Vigo só pola súa capacidade de dedicación ao posto de traballo. Moito a favor xoga a súa memoria. Quizais non existe hoxe vigués que coñeza coma el a cidade. E non a coñece por mapa, senón por pisar rúa a rúa: sabe onde está cada casa, cada árbore e, sobre todo, cada parque infantil e cada banco.
E se alí non hai un banco e alguén o reclama, ponse. E se naquela rúa hai unha fochanca e alguén llo di en público, mándaa tapar. Pois Abel Caballero, alcalde, sabe que o seu éxito radica en non dicirlle que non a ninguén: o Alcalde de Vigo Abel Caballero sabe vender coma ninguén que está ao servizo dos cidadáns. E estao se medimos todo por bancos, luces, árbores, plantas, asfaltados e a cidade e falar cos cidadáns.
A súa personalidade vai máis alá. Na vez de ser só alcalde é o mellor vendedor do Alcalde. E cando o que afirma non concorda coa realidade, non minte, porque sempre cree o que di. Se afirma que na manifestación contra a fusión das Caixas participaron 300.000 persoas, cando non chegaban as 45.000, non minte. Segundo a súa realidade estaba todo Vigo. E as persoas que non estaban, estaban… Porque todas están co alcalde.
El é economista e ben coñece a veleidade dos números e, como quen sabe sabe, e quen sabe é Alcalde de Vigo Abel Caballero, pois nin policía, nin concelleiros… ninguén pode dar o número de participantes sen que o decida o alcalde. E os medios, aínda que saben que non é real, non din nada, dan o número que quere o alcalde… e os vigueses créeno.
Poderíamos dicir que nesa manifestación comezou a nova etapa de exitoso alcalde. Coma Francisco Vázquez, cando se vota no Parlamento o da capital de Galiza, non só captou a oportunidade, albiscando o sentir maioritario da cidade, senón a posibilidade de exacerbalo e convertelo no seu grande capital político.
Francisco Vázquez despregou aquel anónimo alí na Mesa do Parlamento no xélido Xelmírez: “cúidate tu y cuida de tus hijos”. Papel que ninguén dos presentes puidemos ver, pero que tivo xornalistas a soldo e medios de comunicación interesados para contalo, ensalzalo e magnificalo.
Abel Caballero non ten banco nin Caixa. Pero conta tamén co Faro de Vigo e a Cadena SER para axudalo a modelar a súa nova personalidade. E tivo a habelencia de facer da ausencia da Caixa, que todo o gobernaba en Vigo desde os tempos do seu antecesor Portanet, no seu capital político, fabricando unha aldraxe e erixíndose no Quixote capaz de defender a Vigo contra todo e contra todos, comezando por Feixó e Santiago.
Xa tiña identificado o mal, os inimigos e os culpábeis. Non lle levou moito tempo crelo ao Alcalde de Vigo Abel Caballero que, como a maior parte da cidadanía viguesa, mesmo persoas progresistas, nacionalistas e ben informadas (como pasou na Coruña) non só estaban dispostas a mercar ese discurso, senón que acreditaban nel pois xa tiñan tamén a quen culpar dos seus males propiciados pola crise galopante. A contradición Vigo-Santiago converteuse na trabe política do Alcalde de Vigo Abel Caballero e Vigo nun cantón resistente ás supostas aldraxes.
Alberte Núñez Feixóo, presidente da Xunta de Galicia
Desde aquela repíteo unha e outra vez ante calquera problema que xurda na cidade olívica: é culpa de Núñez Feixóo, de Santiago… E se os políticos de Vigo o critican ou lle levan a contraria, non só están contra Vigo (Vigo é o Alcalde Abel Caballero) senón que están amigados con Feixoó e reciben ordes de Santiago. Tanto ten que sexan do PP, do Bloque ou das Mareas.
Por suposto que todos os medios de comunicación publicitan as súas palabras e as súas ideas non ousando levarlle a contraria. Non vaia ser que se escapen tamén as axudas que outorga e os convenios que asina e a publicidade. E todos sabemos que o fai, comezando por La Voz de Galicia. Porque sen a publicidade constante dos seus logros, só con luces, bancos e plantas, Abel Caballero, non sería o Alcalde de Vigo Abel Caballero.
Existen 15 grande proxectos que se veñen vendendo ano tras ano, a toda páxina, en portada e que nunca se executaron: o Teleférico do Castro, cruzar a ría en bicicleta, o bulevar de Beiramar, o metro, o proxecto de Nouvel, a Zona Atlántica de ocio, a Vía Galicia centro económico, a biblioteca estatal, o miradoiro (mellor do mundo) da Praza do Rei, unha nova Casa Consistorial… Todo menos derrubar a Cruz dos Caídos.
Todas comprometidas, segundo varios anuncios, pero sen executar. Non todos, a dicir verdeade, xa que logo de tres proxecto e oito anuncios, comezaron as obras do Centro Vialia.
Pero non só iso, é capaz de vender o que non ten máis remedio que realizar, pois estaba aprobado por anteriores corporacións, como o arranxo da muralla do Castro e o derribo de construcións.
Asistín a unha das súas obras mestras, a inauguración da Feira do Libro na rúa Príncipe. Os libreiros levaban anos tratando de trasladala desde a Praza de Compostela, pero o Alcalde Abel Caballero, negábase ano tras ano.
Pero un ano accedeu, e alí estaba el, co seu discurso non só felicitando os libreiros por “permitir este traslado”, senón que aproveita para anunciar que a rúa do Príncipe “será a rúa dos poetas, da literatura e que porá capas de pedra con versos”… E xa lle coloca unha a Carlos Oroza. Desde aquelas creo que van outras catro.
Pero se a Abel Caballero algo lle gusta son os centros comerciais, as feiras modernas, poida que por tradición familiar. E se por el fose, enchería a Vigo con outros cinco centros comerciais, cando están a pechar os que hai… Pero os comerciantes semellan encantados e, mesmo os que tiveron que pechar os negocios, vótano. Como Abel Caballero, a maioría dos vigueses descendemos da aldea e el condúcenos das corredoiras e a luz de candil a modernidade do neón e do bulleiro das rúas as estradas asfaltadas.
O mellor exemplo desta política de anuncios de obras e fastos sería a Panificadora. Non hai ano que non anuncie que alí se realizará un grande proxecto arquitectónico, que ano a ano vai mudado e que nin sequera pode comezar pois os terreos aínda non son propiedade do concello. Iso si, como pasa en outros moitos proxectos, convócanse concursos e páganse as ideas. Os estudos de arquitectura contentos coma unhas pascuas. E se hai unha maqueta feita aí está a obra realizada: o virtual convertido en en real polo Alcalde de Vigo Abel Caballero. Non me dirán vostedes que non ten mérito!
Escultura de Silverio RIvas na remodelada Praza de América (Travesas)
Pero non só iso. O Alcalde de Vigo Abel Caballero foi capaz de darlle unha nova identidade a Vigo, de construír o viguismo. Aínda que os das Travesas ou Teis, por non citar as distintas parroquias, sigan dicindo “vou a Vigo”, por ir ao centro, a día de hoxe séntense representadas por ese Vigo do alcalde… Certo que a identidade foi construída sobre a crise, e non sobre un proxecto de futuro, e unha imaxe virtual de fastos.
Construíuse a unidade viguista e viguesa sobre a desgraza de Pescanova, dos estaleiros e, sobre todo, da Caixa. O Alcalde de Vigo Abel Caballero, coma un novo abade do Val do Fragoso, soubo unir votos para, na vez de enfrontarse e derrotar aos franceses, derrotar “a Feixóo e a Santiago”.
Na Guerra da Independencía formouse o Vigo moderno e, agora, entramos noutra nova fase. O novo Vigo construído a golpe de intuición, seguindo a estela doutros notábeis edís, como Agustín Arca, que afirmaba: “os arquitectos están para facer os proxectos, eu para melloralos”.
O Alcalde de Vigo Abel Caballero, coma un novo abade do Val do Fragoso, soubo unir votos para, na vez de enfrontarse e derrotar aos franceses, derrotar “a Feixóo e a Santiago”.
Pequenas obras a esgalla
Pois así é como deseña as obras o Alcalde de Vigo Abel Caballero… Sempre son obras pequenas e realizadas en varias fases. As grandes obras, oito anos despois de anuncialas, non comezaron a executarse. Denomina humanizacións a colocar plantas e arboriños mentres arrancan ou podan até que sequen as plantas centenarias. E bancos, e lousas nas beirarrúas e xogos para os rapaces. Destes si que inzou o municipio por todas partes, o resto das obras sempre as concentra nunhas poucas rúas… Tratando que a cidade semelle estar sempre en obras e fachendeando do superávit orzamentario, conseguido ao deixar ano tras ano de investir as grandes partidas orzamentadas.
Atrás quedaron os tempos nos que o PSOE se opoñían as humanizacións proxectadas polo BNG, co apoio incondicional de Faro de Vigo, que chegou a darlle nun ano 153 portadas contra eses proxectos dos nacionalistas. Tres foron os principais cabalos de batalla: a Praza de Independencía, na que militantes do PSOE levaron a oposición e mesmo prometeron volvela abrir ao tráfico; a Porta do Sol, onde criticaban que existía un chanzo que non deixaba pasar a procesión de Semana Santa, e o aparcadoiro de Colón, que colisionava cos intereses doutro aparcamento realizado nas antigas instalacións do “xornal decano”. O Alcalde de Vigo Abel Caballero e o Faro, converteron en virtude todo que antes detestaban.
Hai que recoñecerllo, Abel Caballero é un mago da comunicación: capaz de facer o auditorio Mar de Vigo, rescatalo da concesionaria, sufragar os gastos da empresa de eventos, mercar de novo o centro e dicir que “aos vigueses non lles vai custar nada”… E a xente créello!
A política do Alcalde de Vigo Abel Caballero consiste, sobre todo, en facer brillar a súa marca. Por iso se apropia de proxectos anteriores, por exemplo, os famosos ascensores… pero cámbiaos de lugar, como en Torrecedeira e no Parque Camilo José Cela, ou no Casco Vello. Ten que aparecer idea súa, obra súa…, coa súa correspodente placa.
E se non gusta da arte moderna pois é quen de “reestruturar o MARCO”, grande referencia museística galega de vangarda e convertelo nun continente máis de cadros.
Ou non abrir o Museo de Fotografía, por ser cousa do goberno do BNG, estragándose o edificio e tamén os importantes legados fotográficos.
O Alcalde de Vigo Abel Caballero, está a construír unha cidade ao seu gusto, a súa imaxe e semellanza.
O Dinoseto símbolo da cidade de Caballero.
Un alcalde de esquerdas?
De esquerdas ou de dereitas?
As dereitas están moi contentas con el, por iso o apoian e deixaron de votar o PP. Nin sequera lles importa a imaxe de pailán que transmite porque, no fondo, a burguesía viguesa, sacando contadas excepcións, o único en que pensa é en facer diñeiro. E o Alcalde de Vigo Abel Caballero nunca mudou nada para impedir que os grandes capitais teñan todo o que lles fai falta, comezando por Citroën e continuando polas construtoras, que case sempre son as mesmas en realizar as obras ou, se queres entrar, tes que aliarte con elas.
E non é que o Alcalde de Vigo Abel Caballero queira facerse rico coma Paco Vázquez. Non. El é outro tipo de persoa, só quere ser alcalde, alcalde famoso, “alcalde popular”, como dixo esta mesma semana. E sabe que nada vende máis cos postos de traballo.
Por iso entre o seu equipo máis próximo ten aos ex secretarios xerais da UGT e de Comisións Obreiras en Vigo, para lle facer o traballo sucio cos sindicatos.
Lévase moi ben coas concesionarias de todos os servizos privatizados, que non cumpren o estipulado nin co prego de condicións nin cos traballadores, aos que nunca defende o Alcalde de Vigo Abel Caballero. Como será a cousa que até o PP o critica por “estar traballando para as concesionarias”!.
Non, no seu programa non está a reversións das concesións, senón que, cada ano, anuncia unha nova. Agora os ximnasios municipais.
Non digo que, como lle pasaba a Fraga Iribarne, non haxa quen se aproveite á súa sombra. Pero, ante todo, Abel Caballero é alcalde. E vende a mellora dos servizos sociais, aínda que unha acampada dos sen teito, pola que pasaron máis de cinco mil persoas, leve máis de dous anos coas súas tendas na Praza do Concello sen que lles faga caso. Ou é capaz de adiar os cheques sociais semanas e semanas porque quere entregalos persoalmente.
E dedícalle 2,4 millóns de euros, 2.300 euros por alumno, as bolsas para aprender inglés no estranxeiro, que sempre van parar aos escolares de colexios privados.
Polo contra, a Normalización Lingüística unicamente ten un orzamento de 250.000 euros, incluídos os funcionarios. E desta cantidade, ao comezo de ano, quedase a alcaldía 25.000 euros. A el non lle fai falta aprender galego, xa que o mamou… Pero non o fala. Como moitos dos habitantes de Vigo que veñen da aldea, rexeitan del, porque rexeitan do seu pasado e do da súa familia.
Sabendo isto, que o sabe, o Alcalde de Vigo Abel Caballero desterrou calquera manifestación cultural que tivera raíces galegas, fose música, arte ou teatro. Tamén a música clásica ou, aínda, o jazz…
Con dicir que converteu en símbolo da cidade a un arbusto, o Dinoseto…
Estas eleccións do 26 de maio son moi semellantes en tendencias e, aínda en resultados, ás de 2003, cando se podía albiscar como socialistas e nacionalistas eran quen desbancar ao PP da Xunta.
O PP cae aos mesmos niveis de votos ca naquela antesala das eleccións autonómicas. Non só non vai conseguir ningunha alcaldía nas grandes cidades, senón que tamén as perde en vilas significativas. Aínda así, o PP de Galiza non é o PP de España, por máis que Núñez Feixóo tente equiparalos na súa política práctica.
O PSOE sobarda por vez primeira o 30% dos votos nunhas eleccións municipais, aínda que haxa que descontar o “efecto Vigo”, cos 20 concelleiros de Abel Caballero. Caso inaudito que retrata moi ben unha cidade e aos seus medios de comunicación de referencia.
Un PSOE que, nas eleccións europeas, supera ao PP en cinco puntos porcentuais demostrando unha tendencia a alza.
O BNG móstrase, de novo, como a principal alternativa ao PSOE para as eleccións autonómicas galegas, que sempre tiveron unha dinámica propia.
Nas eleccións europeas, que poden ilustrar mellor o mapa político galego, o BNG non superaba os cen mil votos desde o ano 2004.Agora acadou 168.000, dobrando os resultados de hai cinco anos (80.000).
Pola contra, Podemos situouse nos 117.000 e Ciudadanos nos 96.000. Lídia Senra, a candidata de En Marea, só conseguiu 15.000 votos, fronte aos 106.000 de hai cinco anos, perdendo a súa acta.
Pola súa banda, Compromiso por Galicia só foi capaz de sumar 6.520 votos á candidatura impulsada polo PNV.
As diferencias
Aínda así, existen unhas notábeis diferencias a respecto das eleccións de hai doce anos.A situación do BNG é ben distinta. Daquelas, aínda que estaba xa en devalo electoral, mantiña unha maior fortaleza electoral nas grandes cidades. A recuperación do 26 de maio, non lle outorga aínda ese poder institucional que logo ten un papel considerábel nas eleccións autonómicas, aínda que volva ter representación en todas as cidades.
Pola contra, ten unha organización cohesionada, coa irrupción dunha nova xeración na dirección e o achegamento de novo de moita xente moza.
O BNG ten unha organización cohesionada, coa irrupción dunha nova xeración na dirección e o achegamento de novo de moita xente moza.
Tamén conta con liderado claro na persoa de Ana Pontón, xa baqueteada e exitosa nas pasadas eleccións autonómicas. Hai doce anos, lembremos, Xosé Manuel Beiras, aínda lle disputaba a supremacía ao candidato Anxo Quintana, tentando non só de ocupar o primeiro lugar pola provincia de A Coruña, eclipsando así ao candidato, e negociando xa antes das eleccións co PSOE o apoio nacionalista a investidura de Pérez Touriño e o seu posto como Presidente do Parlamento. Feito que o levou á ruptura con Anxo Quintana e o pase de Beiras á oposición tanto interna como externa, cando o alaricano ocupou a vicepresidencia da Xunta.
Gonzalo Caballero, o candidato do PSOE vai ter, por vez primeira, todo o apoio do partido en Madrid para asaltar a Xunta
Gonzalo Caballero, o candidato do PSOE, aínda non ten o prestixio que tiña daquelas Emilio Pérez Touriño, e tampouco se pode comparar con Ana Pontón. mais, pola contra, vai ter, por vez primeira, todo o apoio do partido en Madrid para asaltar a Xunta, algo que desde Ferraz lle escatimaron a todos os candidatos, cando non os boicotearon directamente como a González Laxe.
Tampouco vai ter Gonzalo Caballero un militante como Francisco Vázquez que o torpedee desde dentro. Quen podía facelo, sería Pachi Vázquez e xa está fora da organización e fracasado no Carballiño, no intento de conseguir a alcaldía, onde foi derrotado con contundencia polo PSOE.
O cambio, cambiado
A alianza entre sectores do nacionalismo e a esquerda estatal quedou rota e totalmente esfarelada. O que foi pensado para propiciar un cambio, e que se presentou hai catro anos como En Marea, fracasou nos seus postulados.
Xa quedara de manifesto nas eleccións xerais de abril pasado, coa ruptura total entre os aliados de comenencia. Pero aínda lles quedaba aí as chamadas “alcaldías do cambio”, que desta volta recibiron un forte correctivo, que os podería levar a dar o experimento por cancelado.
Quedaron sen ningunha alcaldía e noutros concellos ou non sacaron representación (Lugo, Pontevedra, Ourense) ou non pasan de ser testemuñais como no caso de Vigo, onde tamén descenderon un concelleiro.
O problema de En Marea, desde a óptica nacionalista na que eles operan, foi que serviu para asentar en Galiza a Podemos, aínda que os seus resultados no Estado, e sobre todo o seu papel en Madrid, os leven a descomposición ou a unha refundación na que Galiza pouco peso vai ter. E tamén a unha Esquerda Unidad residual que conta cunha deputada en Madrid para catro anos.
O outro problema teno o BNG, que deberá de analizar as causas de que os votos perdidos polas Mareas nas cidades que tiñan alcalde, foron parar ao PSOE, maioritariamente, e non optaron polo nacionalismo.Sen eses votos, o BNG non pode ser alternativa ao PSOE nas próximas eleccións autonómicas.
Que farán agora os capitáns das Mareas? Como será a súa cohabitación co PSOE? Que fará a En Marea de Villares,
Que farán agora os capitáns das Mareas? Como será a súa cohabitación co PSOE? Disolverase Anova, como piden algúns militantes? Que fará a En Marea de Villares, teimará en presentarse logo destes últimos resultados? Poderá comezar unha política de colaboración dalgúns destes sectores tanto nos concellos, como no Parlamento Galego, cando rache oficialmente o Grupo de En Marea, co BNG?
Segundo se resolvan estas incógnitas así van ser as posibilidades de que o nacionalismo non só volva gobernar Galiza, senón que o faga con forza ou minorizado a respecto do PSOE.
Desde 1977 os electores galegos sempre votaron nos comicios xerais máis en clave estatal que galega. Aínda que podemos afirmar que é consecuencia da pouca conciencia política galega, precisamos afondar máis nesta realidade para tratar de comprender a situación en toda a súa dinámica nacional.
As causas son múltiples pero podemos enxergar dúas principais que impediron este medre da idea nacionalista e a súa translación electoral.A primeira, a ausencia de medios de comunicación potentes, tanto públicos coma privados, que emitan as súas mensaxes en clave de país. A dinámica política galega forma parte intrínseca da estatal e tampouco se singularizan nin os seus problemas nin as súas solucións específicas.
A outra causa é que a autonomía galega non serviu para crear conciencia de nación, desprezada nos anos 80 suicidamente por unha parte do nacionalismo e pouco aprezada por unhas forzas que pensan as máis das veces en clave madrileña, moi ao contrario que en Euskadi e Cataluña. Pero tamén, como vimos o 28 de abril en comunidades como Canarias ou aínda co aumento de forzas rexionalistas como as de Cantabria.
O panorama que amosan os resultados electorais deixan poucas dúbidas. Se temos en conta que, ao comezo da Transición, o galeguismo que ostentaba poder institucional, tanto no eido político como cultural (nucleado arredor de Ramón Piñeiro) apostou pola inserción nos partidos estatais, atopámonos con outra eiva para crear conciencia. Co tempo, ese legado de Piñeiro foi recollido polo PP, facendo súa unha mensaxe de subordinación pero tamén a reivindicación de determinadas políticas propias, que explicarían en boa medida o comportamento diferenciado do PP galego a respecto do PP central.
Para mudar esta dinámic, non se trata tanto de forzar a unidade electoral, como apostan moitos laiándose dos resultados, senón de aumentar a conciencia nacional.
A dinámica de parte do nacionalismo desde antes da ruptura do BNG no ano 2012 (lembremos a oposición dunha parte dos seus dirixentes e militancia ás políticas de goberno autonómico no periodo 2005-2009) acrecentou a percepción de Galiza como apéndice da política estatal. As sucesivasconcrecións orgánicas das mensaxes de Xosé Manuel Beiras e os seus seguidores foron claras: as forzas políticas propias non poden conseguir os seus obxectivos sen unha alianza estratéxica coas forzas estatais. Primeiro era para acadar o ceo, logo para parar á dereita. E neste último obxectivo os votantes decidiron que o mellor era concentrar o voto no PSdeG-PSOE, o grande vencedor.
Dentro dun mes a radiografía, co poder municipal e as Deputacións en xogo, vai ser moito máis precisa e o tirón da dinámica de estado redúcese
O fracaso nestas eleccións foi notorio. As forzas estatais que sumaran, Podemos e IU, apañaron os restos do naufraxio dese sector do nacionalismo, pero apnas van servir para mudar a dinámica política galega.
Por se fose pouco, as diferentes mareas municipalistas e outras candidaturas locais, quebraron un discurso conxunto de país, apostando polo localismo e pola ambiguidade ideolóxica e a súa ineficacia é manifesta desde o punto de vista nacional.
O BNG, aínda dobrando os resultados de hai tres anos só pode apostar pola gobernabilidade se quer mudar, con paciencia e colaboración, unha dinámica que reduciu á nada a súa presenza na política estatal nas últimas lexislaturas. Podemos ollar que non abonda cos gobernos municipais, aínda que formen parte dunha imprescindíbel base para facer País, senón que é preciso realizar unha aposta clara por regresar ao poder no goberno galego, facendo realidade aquel eslogan de 40 anos atrás que dicía “gobernemos nós a nosa terra”.
A dinámica política de Euskadi e Cataluña, aínda sendo sociedades diferentes, non se entende sen ter en conta que foron os nacionalistas os que gobernaron desde o comezo os seus gobernos autónomos. E non foi por casualidade, senón por un pacto co Estado que non só reinstaurou os seus gobernos autónomos da fase republicana, rehabilitando os seus presidentes, senón que permitiu que tanto PNV coma CiU gobernasen nas súas respectivas comunidades, aínda non conseguindo maiorías.
As forzas institucionais galegas, pola contra, decidiron darlle a nosa gobernabilidade en exclusiva ás forzas políticas estatais, situando aos seus peóns tanto en AP, coma en UCD ou no PSOE. E non foi por casualidade, senón polo papel de freo á expansión dos autogobernos que pretenderon sempre que Galiza xogase no estado español.
Dentro dun mes a radiografía, co poder municipal e as Deputacións en xogo, vai ser moito máis precisa. Aínda coa simultaneidade das europeas o tirón da dinámica de estado redúcese esó as forzas políticas que teñen organizacións potentes van colocarse en boa posición para unhas autonómicas galegas que se albiscan no horizonte. E desta volta si van definir un antes e un despois na política galega.
No debate sobre a guerra civil, de cuxo final se acaban de cumprir 80 anos, dominan dúas posturas enfrontadas: a dos valedores das teses franquistas e a dos que argumentan que a culpa estivo repartida entre os dous bandos.
A tese legalista sostén que parte das forzas republicanas mantiñan posturas revolucionarias e que non respectaban a propia legalidade republicana, algo que, por certo, tampouco facía parte da dereita.
O máximo expoñente desta falta de respecto á lei por parte das forzas da República sería a tentativa revolucionaria de 1934. A iso Josep Fontana ten respondido que, coa mesma lóxica, habería que mencionar o intento de golpe de Sanjurjo no 32.
Escrutinio nunha mesa mesa electoral en febreiro de 1936.
Así formulado o debate, desde a óptica legalista, fai que este se limite á parte máis visíbel da política, a institucional, esquecendo que as posturas revolucionarias son acollidas por un amplo sector social a causa da intransixencia da oligarquía que sempre se opuxo a dúas medidas: a reforma agraria e os Estatutos. Sen resolver este grave problema estrutural era imposíbel que a legalidade funcionase normalmente.
É recoñecido por todos que a dereita española non aceptaba, por suposto, a revolución, pero tampouco o gradualismo. “Comede república”, dicíanlle aos xornaleiros. Para as clases baixas as reformas eran unha cuestión de supervivencia. Foi esa falta de reformas a que abocou a un sector á revolución. Non era, por outra parte, posíbel agardar indefinidamente, máxime cando durante o Bienio Negro viran como a dereita volvía atrás todas as reformas, por mínimas e razoábeis que fosen. Así, o anticlericalismo, salvo excepcións, non era tal, senón laicismo, con creación de escolas mixtas, para nenos e nenas. A postura contra os Estatutos era igual de intransixente, con negativas a todo diálogo.
Cartelería electoral en 1936 do lider da dereita José María Gil Robles.
Hai que ter en conta, ademais, que parte da dereita e a propia CEDA profesaban un republicanismo dubidoso ou mesmo eran claramente contrarios. A CEDA defendía a chegada do Estado corporativo (tipo Italia) pola vía parlamentar. A Gil Robles recibíano con berros de: jefe, jefe, cal Mussolini, e as súas mocidades, as JAP, acabaron entrando maioritariamente na Falanxe. As súas simpatías fascistas non eran nada secretas, como por outra parte tampouco o eran as de Calvo Sotelo.
Pola contra, as forzas republicanas eran maioritariamente legalistas, tanto no que respecta a Azaña (Izquierda Republicana), como a boa parte do PSOE, coa excepción dos largocaballeristas. No bando republicano había burgueses, socialdemócratas e revolucionarios. Estes últimos de dous tipos: os comunistas que defendían a democracia e a legalidade e así o fixeron durante a guerra, aínda que a consideraban unha fase previa de acumulación de forzas cara a revolución; e por outra parte os anarquistas que defendían a revolución inmediata.
Pero, en todo caso, o importante é que os gobernos da República estaban basicamente en mans do sector burgués e ultralegalista e contaban con pouca participación socialista e menos aínda do resto de forzas á esquerda. Isto viuse en Casas Viejas (manipulación dalgún xefe da garda civil, logo golpista, aparte), no programa moderado da Fronte Popular e nas medidas de goberno, decididas, pero razoábeis e tamén gradualistas, medidas que daban idea de reformismo burgués non de revolución proletaria. Algo que se pode comprobar, por exemplo, vendo o programa da reforma agraria, semellante ao que xa se aplicara con éxito noutros países europeos.
Os gobernos da República estaban basicamente en mans do sector burgués e ultralegalista e contaban con pouca participación socialista e menos aínda do resto de forzas á esquerda
Este legalismo, mesmo excesivo, tivo parte da culpa de que a sublevación militar non fose derrotada nos seus inicios. De Casares Quiroga fíxose célebre a frase: “se os militares se levantan eu voume durmir”, e a orde, igual á que deron outros ministros, de fusilar o sindicalista que se fixese con armas.
Mitin de Manuel Azaña.
Practicamente todos os gobernadores civís, columna vertebral do Goberno, mantiveron a mesma liña de non entregar armas aos que lles deran o voto e iso estivo na orixe da derrota, como explica Antony Beevor. Por iso, o Goberno foi acusado, durante aqueles primeiros días decisivos, de traidor por moitos cidadáns.
Os poderes republicanos actuaron en virtude da súa procedencia social e porque finalmente pesou máis neles o medo aos traballadores que aos militares sublevados. Unha actitude que lembra a do Goberno alemán no 18. A pesar diso, foron bastantes os burgueses e militares leais que pagaron coa súa vida a fidelidade á República.
Por último, hai que contar coa postura de alemáns e italianos. Sen a ponte aérea dos junkers 52 tería sido imposíbel o desembarco do exército de África na península. Pero tamén foi decisiva a postura de ingleses e norteamericanos que, desde o primeiro momento, consideraron que a de España non era, primordialmente, unha loita entre democracia e totalitarismo, senón entre burgueses ultraconservadores e unha alianza reformista-revolucionaria.
Podemos aprender algo desta época? Salvando as diferenzas obvias, quizais a dereita está volvéndose de novo intransixente.
Podemos aprender algo desta época? Salvando as diferenzas obvias, quizais a dereita está volvéndose de novo intransixente. Tamén podemos ver que os problemas de fondo, como é agora sobre todo o territorial, non se poden arranxar co recurso único á legalidade. Como di Beevor, “a historia de España ensina que a legalidade foi, moitas veces, tan só un termo arbitrario e subxectivo, pouco máis que un eufemismo para enmascarar o dereito de conquista e a vontade de instalarse por longo tempo no poder” (A guerra civil española, p. 80).
En 1975, aínda co ditador Francisco Franco no poder, Mikel Lejarza, El Lobo estableceu contactos coa UPG, e pasoulle datos ao Comisario Linares, antes de infiltrarse en ETA. Así o recolle no seu libro de memorias, escritas co xornalista Fernando Navarro, Yo Confieso (Roca, 2019).
Ofamoso infiltrado en ETA, Mikel Lejarza, El Lobo, fachendea no seu libro Yo Confieso que na Operación Lobo “collemos a 325 membros de ETA, dos cales 178 quedaron encadeados (…) Nesta mesma operación desmantelouse a UPG galega e detívose aos afíns a ETA nos grupos independentistas cataláns”.
Sorprende que no libro de memorias non lle dea máis importancia á Operación Lobo en Galiza, e non fale sequera das detencións dos etarras e, xa non digamos, da morte de Moncho Reboiras.
Acaso porque a súa afirmación de que “desmantelou a UPG” non se corresponde coa realidade, pois malia as detencións realizadas, o que foi a estrutura política da UPG seguiu case intacta, como moi ben sabía, pois conservaba algúns dos seus contactos en Galiza, segundo lle contou ao seu amigo o xornalista de Interviú Xavier Vinader.Tamén afirma no libro que cando un “se infiltra nunha organización e ten que liscar, sempre hai que deixar contactos dentro”.
Lejarza di reservarse nestas memorias os nomes daquelas persoas que están vivas ou en activo para “non prexudicalas”. Deses contactos de militantes da UPG con El Lobo, só puidemos saber que un deles fora militante nacionalista en Euskadi.
Lejarza di reservarse nestas memorias os nomes daquelas persoas que están vivas ou en activo para “non prexudicalas”.
Conta tamén Mikel Lejarza que cando traballaba en Madrid para Alicio Romero, unha tarde que estaban na oficina este empresario díxolle: “imos recoller a un galego que ven a Madrid, é un tío importante no mundo da arte e móvese moi ben. “Atopámonos,co marchante nun hotel que estaba na Gran Vía, montou no coche e comezou a falar -segue a contar Lejarza. Isto lémbrame o ano 75, eu era o xefe da UPG galega, nos meus tempos revolucionarios, e, me cago en la leche, o servizo secreto español tiña infiltrado a un axente ao que chamaban El Lobo e fodeunos a todos. El estaba no tema de ETA, pero como tíñamos conexión, pois fodeunos a todos”.
Segue contando El Lobo: “Non saía da miña sorpresa, sentado ao seu carón, pensei: que non se decate este cabrón de quen son eu”.
Estamos a falar de finais dos anos oitenta e existen algúns datos que non casan. O primeiro que ningún “xefe da UPG” no 1975 foi un importante marchante de arte. Existiu algún ex dirixente que, por aqueles anos oitenta, si traballaba na compra-venda de arte, pero non era “importante” na organización cando Lejarza operaba en Galiza, nin tampouco como marchante de arte cando se atopou con el en Madrid.
Recoñecería esa persoa a El Lobo e por iso lle sacou a colación o da UPG?Que foron facer entre os tres, pois Alicio Romero era unha tapadeira para os axentes secretos? Cal foi a operación? Pertencía este ex militante nacionalista tamén aos servizos secretos españois…? Que senso ten esa conversa entre dous descoñecidos?
Lejarza relata esa “casualidade” pero non achega máis información.
A infiltración na UPG
El Lobo conta así a súa infiltración na UPG: “Juan Ignacio Iturbe tiña outro amigo que manexaba máis lazos, mellores relacións dentro de ETA , así que me tocou facermeseu amigo. Era Javier Zarrabeitía, ao que chamaban Fanfa, porque era un fanfarrón . Un día saíu nas nosas conversas que era íntimo amigo de non sei quen da UPG-Unión do Pobo Galego. Con paciencia funo levando ao meu terreo. Pegámonos varias viaxes a Galiza para intimar e que Fanfa confiara en min. Membro da rama político-militar, confirmei que a través del podía achegarme máis aos etarras con influencia que estaba a procurar”.
Mikel Lejarza está a falar do ano 1974, cando está a preparar a súa infiltración en ETA. Tamén tiña que facerse valer ante a policía que o reclutou, así que, sen ter aínda datos de ETA que aportar, comezoulle a pasar información sobre a UPGao policía galego José Antonio Linares, seu compañeiro de estudos, que foi quen o convenceu para infiltrarse.
No libro de Memorias, Lejarza recolle a imaxe que circulou na prensa clandestina de diferentes organizacións pollíticas cando se destapou a súa condición de infiltrado policial.
Os da UPG non as tiñan todas consigo e algo ventaban. Despois de apropiarse nas oficinas do Documento Nacional de Identidade de Lugo de centos de cartóns para falsificar documentos de identidade, o comando da UPG ten unha reunión na que decide empregar medidas extraordinarias de seguridade, que incluían tamén os asesores vascos de ETA-pm que traballan con eles, principalmente a Villanueva e Goitía. Pero estes mostráronse renartes a aceptalas.
Eses membros de ETA desprazados a Galiza, fachendeaban de valentes e presumían de non ter medo. Rexoubaban cos galegos de que eles xa estaban afeitos e que se os pobres dos “upegallos” se atopasen en Euskadi, non abandonarían sequera os agochos no monte ou nos pisos francos.
Xavier A., que era o terceiro membro do grupo de asesores bascos da UPG, afirma en conversas que mantivemos con el, que “algúns dos que viñeron a Galiza tomárono coma se lles desen unhas vacacións. Entre eles o Fanfa”.
Xavier A. xustifícao dicindo que se relaxaran moito nos seus costumes, xa que as medidas de seguridade e a represión por aqueles días en Galiza non se podían comparar coas de Euskadi.
De todos estes asesores vascos, o que máis se saltaba as normas cando aparecía por Galiza era Mikel Lejarza, El Lobo. Avalentaba cos militantes nacionalistas, chamándolles cunicas e deixaba ver, de boas a primeiras, a súa arma.
O que máis incomodaba a Moncho Reboiras, líder do comando da UPG, e asasinado pola policía no Ferrol durante a Operación El Lobo (12 de agosto de 1975), era que Lejarza saltase as normas clandestinas e quixese contactar, pola súa conta, con militantes da UPG, fosen ou non do comando, valéndose dos contactos que lle proporcionara o seu amigo e militante de ETA, Fanfa, antes de El Lobo conseguir infiltrarse en ETA.
Mais no verán de 1975, cando Mikel Lejarza volve a Galiza, xa non era un militante calquera de ETA, senón que pertencía ao seu Comité Executivo como responsábel das infraestruturas no Estado español.
Lejarza sostén nas súas memorias que a súa misión era a de analizar o movemento nacionalista galego no seu conxunto para ver a capacidade operativa que posuía e, logo, calibrar a contundencia que se lles podía dar ás accións armadas.
Lejarza sostén que a súa misión era a de analizar o movemento nacionalista galego no seu conxunto para ver a capacidade operativa que posuía
Era unha proposta expresamente desautorizada pola dirección da UPG, que lle deixara claro que só eles dirixían a organización e o comando armado. Que era a dirección e o comando os que fixaban os obxectivos e os tempos e non ETA.
Ante esta situación, a dirección do comando da UPG, decidira establecer medidas de seguridade e normas que nin coñecerían os asesores vascos, e menos ca ninguén Lejarza, pois a UPG opoñíase as pretensións de ETA-pm, representada por Lejarza, de establecer unha base estábel en Galiza, e a súa teima de converter a nosa nación tamén na súa zona de guerra.
No Pacto de Madrid, asinado entre a UPG e ETA-PM no 1974, non se contemplaba a posibilidade de que ETA operase en Galiza pola súa conta. Só acordaran que a organización vasca lles enviaría dous membros cualificados para explicarllesaos militantes nacionalistas galegos o manexo das armas e explosivos. Pero, contrariamente co que pasou con Terra Lliure, a UPG sempre reclamou total soberanía.
Nun dos informes de Mikel Lejarza El Lobo, para a dirección de ETA, segundo Xavier A. afirmaba que “os da UPG móstranse desconfiados, nada abertos e pouco dispostos a colaborar coa estratexia vasca”.
A negativa da UPG a “colaborar” levou a unha forte discusión entre Moncho Reboiras e Lejarza no bar Riotorto de Lugo. Pero Lejarza xa contaba na UPG, desde aqueles viaxes con Fanfa, con coñecidos que, no ano 1975, xa lle reportaban a súas informacións sobre o nacionalismo galego. Informacións que lle facía chegar ao servizos secretos cos que traballaba.
Kinito, o confidente de Amedo
O expolicia José Amedo,condeado no xuizo sobre os GAL
Conta Mikel Lejarza unha operación en Irún que resultou un fracaso. Daquelas El Lobo estaba a infiltrar en ETA a unha tal Laura. “Kinito [Joseba Urquijo] estaba celoso dela, porque el non tiña aceso a Pakito [Francisco Garmendia], o dirixente etarra, (…) que ela o estaba gañando con moito menos esforzo ca el (Kinito). Ademais, nós pensábamos que Kinito era un etarra máis, pero descoñecíamos que era confidente do subcomisario da policía Xosé Amedo, ao que informou do que estaba montando Laura. (…) O 1 de xullo de 1987 non chegou ninguén co diñeiro (no tren de Hendaya), pero si apareceron os xendarmes franceses, que se botaron encima dela (Laura) e a levaron detida. Mentres tanto, Kinito (que estaba guichando desde un recanto) largouse a toda velocidade, porque xa o advertiran que desaparecese no momento no que a detiveran (a Laura)”.
Cando en 1986 se constituíu o PCLN (escisión da UPG) como partido dentro do BNG, un dos seus interlocutores, ademais de Alex Gorrigoitía, que levaba as relacións internacionais de Herri Batasuna, era Joseba Urquijo Borde, Kinito.
Urquijo, contrariamente a outras xentes da dirección de HB, sempre animou non só a ruptura do BNG, tamén á fundación do Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive (EGPGC).
Daquela, Urquijo era o representante de HB na maioría dos actos do nacionalismo galego: ven o Día da Patria Galega ou acude a distintos congresos.
No congreso de fundación do PCLN, pronunciou un discurso onde non só os convidou a rachar dunha vez co BNG, senón que afirmou que “vós sodes o verdadeiro BNG”. Discurso que negaría logo ante a Mesa Nacional de HB, cando estes o leron nunha crónica que enviei ao diario Egin e que foi censurada polo redactor xefe e membro da permanente de HB, Josu Muguruza.
Non pasaría nin medio ano deste discurso de Kinito en Compostela, cando descubriron en HB que era un confidente policial, algo que recoñeceu ante os seus propios compañeiros e liscou.
Así que, Amedo, o policía condenado no xuízo aos GAL, segundo manifestacións que lle realizou a un amigo común, tiña tamén información de todos os pasos que estaba a dar daquela o nacionalismo galego, sobre todo dos militantes que abandonaran á UPG eque actuaron coma se non pasase nada. Pero pasaba, o comisario Xosé Francisco, que se encargaba do seguimento do EGPGC, contaba desde o comezo con toda a “información necesaria”, segundo as súas propias palabras, sobre os militantes desta organización.
Mikel Lejarza aínda segue a traballar para o CNI e o libro, moitas veces, semella un axuste de contas entre sectores que se moven dentro do servizos secretos españois.
Non sabemos tampouco até que punto el pode ser máis fanfarrón que o Fanfa, o seu introdutor en Galiza.
A clandestinidade nos tempos de Reboiras
Xosé Ramón Reboiras
O desmantelamento do que se denominou no 1975 fronte armada da UPG, cando non era máis que unha célula dirixida por Moncho Reboiras, fíxolle comprender ao sector maioritario da dirección da Unión do Povo Galego que a violencia lastraba o seu proxecto político.
Desde este partido afirman que foron “causas obxectivas” o que os levou a decisión de montar ese grupo. Cada un podía ter dentro da dirección a súa idea do que debía ser esa célula. Hoxe tamén, cada quen é moi seu de rodeala da épica ou da súa visión persoal do que puido ser e non foi. Do que puido ser e non deu sido. Pero só existe unha realidade. Estábamos nos estertores do franquismo, que levou a un recrudecemento da represión, como demostraron os fusilamentos sumarísimos de 27 de setembro de 1975 sen importarlle ao ditador o clamor mundial de protesta.
“Nós tiñamos máis dunha ducia de militantes que se viran na obriga de pasar á clandestinidade, entre eles Moncho Reboiras. E a loita política na clandestinidade era moi problemática. Non podíamos sostelos e, algúns pasaban fame da de verdade. Por outra parte, non posuíamos nin multicopistas, nin ningún material de propaganda. Mesmo conseguir folios ou tinta era moi arriscado. Así que esta célula clandestina sería a encargada do “aprovisionamento”. Necesitábamos cartos e necesitábamos de todo. Pisos francos, primeiramente para ter os aparellos de propaganda e poder dar acubillo aos clandestinos. A precariedade era tal que un dos primeiros aparellos de propaganda tivemos que instalalo no convento dos Pasionistas de Melide, aínda que todo o mundo fale do de Cangas”.
Eses medios eran básicos para o movemento nacionalista, os sindicatos, as organizacións cidadáns e a fronte cultural, puidesen ancorarse nunha poboación galega que estaba espertando outra vez á política. A decisión de crear a AN-PG (Asaemblea Nacional-Popular Galega) desmente as teorías dos que manteñen que a dirección da UPG apostaba pola loita armada como un método político de intervención.
(Afonso Eiré en Infiltrados, Os servicios secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo. Biblos. 2013).
O xornalista Javier Ortiz (1948-2000) publicou en 2005 Así fue (Editorial Foca), un percorrido de primeira man sobre a vida dun político central na historia contemporánea basca, o ex presidente do PNV Xabier Arzalluz, falecido o 28 de febreiro.
O libro de Ortiz estaba elaborado coma o guión dunha grande reportaxe e apesar da distancia ideolóxica co seu interlocutor, conseguiu que Arzalluz dese o mellor de si á hora de facer unha autobiografía dirixida na que poucos episodios dos últimos corenta anos se botaban en falta. Home de xuízo rápido e intenso, Arzalluz non defrauda ao longo de seiscentas páxinas nas que bota luz e perspectiva ao devir do seu partido de sempre (PNV), sen fuxir de abordar os asuntos máis polémicos: ETA, guerra suxa, negociación do Estatuto, a ruptura de Garaikoetxea e a creación de Eusko Alkartasuna, as relacións co PSOE de González, a UCD de Suárez ou o PP de Aznar, ningún tema queda atrás.
Percorrida a historia persoal e o seu achegamento ao pensamento nacionalista, Arzalluz explica algunhas das “lendas” que corren sobre a súa peripecia biográfica, entre elas a da súa formación para crego que non foi nunca realidade. Resulta interesante sinalar un aspecto que desde fóra é pouco coñecido, referido á implantación do PNV no final do franquismo. Arzalluz percorría sinteticamente o que sucedeu internamente a partir do 36, desde a colaboración dos aliados durante a II Guerra Mundial (a dramática historia de Aguirre, as relacións coa CIA,…) e os condicionantes que iso supuxo despois durante a transición. Arzalluz recoñece a importancia da oposición comunista e mesmo lembra a discrepancia cos seus “nós non tiñamos ningún inconveniente en chegar a acordos co PCE. O que pasa é que mantiñamos relacións preferentes con algúns partidos que non estaban en absoluto pola labor. Os socialistas non os podían nin ver (…) pero eu non herdei ningunha aversión cara os comunistasnin a adquirín despois”.
Toda a Transición veu condicionada pola violencia intensa exercida desde o Estado para encaixar o proceso de democratización nuns lindeiros moi controlados. É toda esa época unha das máis intensamente tratadas no libro pois Arzalluz foi protagonista de primeira man en moitas das negociacións clave. Actuaba masivamente ETA e xa o PNV mantiña unha distancia do maximalismo. A descrición de Arzalluz sitúa a relación entre as posicións duns e outros “ETA naceu cun convencemento mesiánico total. Ditaminou que o papel do PNV estaba no faiado da Historia. Decidiu que non soubéramos aproveitar a nosa oportunidade. Nin na República.(…) Eles traían da man a verdadeira estratexia tanto no político como no social. (…) Por aquela época tiñan ‘teóricos’ que planificaran conseguir a independencia de Euskadi no prazo de catro anos. ¡Catro! O primeiro ano, isto; o segundo, o outro; o terceiro… Aínda están na prórroga do primeiro”.
En política, o que se deixa paralizar polo temor e avanza só sobre seguro ten pouco que facer
No libro son numerosísimas as referencias á ETA e á convicción de Arzalluz de manter sempre liñas abertas para buscar un final definitivo, “eu falei con eles sempre que puiden. Durante anos fíxeno con certa frecuencia cos poli-milis porque tiña un mediador: o irmán dun alto dirixente da organización. Daba por feito que non os ía cambiar, pero dunha conversa sempre queda algo. Por iso teimaba en seguir a falar. Pero con estes sempre rematas trasquilado. A conta daquelas conversas, Bandrés e Onaindía puxéronme a parir. Atribuíronme posicións que eu xamais mantiven. Dixeron que estivera ‘chapoteando en sangue’. ¡É realmente fantástico que xente que colleu as armasou que foi unlla e carne cos que puñan as bombas acusen de ‘chapotear en sangue’ a quen sempre estivemos en contra deses métodos!”
Aznar e Mayor Oreja
O xuízo sobre Mayor Oreja é demoledor e atravesa varios momentos do libro. Pagaa pena cando fai o xuízo conxunto de ambos despois de PNV ePP romper o acordo de lexislatura, “a mediados de 1999 díxenllo clara e publicamente a Aznar; as relacións entre o nacionalismo vasco e o Goberno de Madrid estaban a piques de naufragar; e sen posibilidade de arranxo posterior, por culpa do constante obstrucionismo e a sistemática mala fe de Mayor Oreja. Por suposto non me enganaba sobre a posición do propio Aznar. Xa sabía que tiña uns puntos de vista moi rudimentarios e esquemáticos sobre a realidade vasca e que trataba de tirar partido electoral da loita contra ETA. Que non quería saber nada de negociacións nin de diálogo. Pero a súa carreira política tiña máis campos de desenvolvemento. A de Mayor Oreja non. Mayor demostrou que era un político unidimensional. Cifrou todas as súas expectativas políticas na imaxe pública que daba en relación a ETA e o nacionalismo. (…) Non estaba disposto a replantearse nada de mediana importancia, o que convertía en inútil todo o demais. Creeu que podía arrastrar o nacionalismo vasco a unha especia de ‘san rexionalismo’ inocuo e baixo control. A verdade é que, aínda que se pasara todo o día conspirando, evidenciouse como un político moi torpe. Iso sen contar con que tampouco é home que se distinguise nunca pola extrema laboriosidade. Pregunteime moitas veces que fontes de asesoramento tiñan tanto el como Aznar. Porque ningún dos dous posúe intelixencia abonda como para elaborar pola súa conta unha liña estratéxica. Os políticos mediocres solen contar con persoas informadas e con bagaxe que os inspiran, márcanlles as pautas. No seu caso non sei que conselleiros puideron ter”.
Diferenzas con Garaikoetxea
Arnaldo Otegi, Xabier Arzalluz e Carlos Garaikoetxea.
A escisión de PNV e EA ocupa neste relato correlativo no tempo moitos momentos. Nun momento dado Arzalluz resume o pulso, concentrado sobre todo nas primeiras eleccións autonómicas após a ruptura, “o devalo de Garaikoetxea comezou a partir do fiasco que para el supuxeron aquelas eleccións e a negociación posterior frustrada. Para confirmar a súa pretensión de que o esencial da forza anterior do PNV aportábaa el –o tirón que tiña ante o electorado-, precisaba vencer nas urnas, tirar máis votos ca nós. E quedou a considerábel distancia. (…) Perdeuno a soberbia. Resulta curioso porque, polo xeral, Garaikoetxea é moi cauto, moi desconfiado. Cada vez que ten que tomar unha decisión pasa moito tempo dándolle voltas a todo que lle farán, que lle dirán, que pasará. É un home que goza de grandes calidades persoais: de aparencia, de capacidade para vender a súa imaxe, de formación (é xurista e economista), de oratoria… Ten todo o que un home público debe ter. Pero fállalle o carácter. (…) Falouse tanto das nosas diferenzas de personalidade! Os problemas de carácter de Garaikoetxea non tiñan nada que ver comigo. Eran seus. Eu tiven os meus. Ao contrario ca el, fun sempre moi lanzado, quizais en exceso. Nunca mirei demasiado o risco que corriamos por tomar tal ou cal decisión, se dela podía derivarse algo realmente importante. Segundo o dito latino, a fortuna axuda aos audaces, Pero non sempre é así. En todo caso, o que está claro é que, en política, o que se deixa paralizar polo temor e avanza só sobre seguro ten pouco que facer”.
“Todos sabemos que o Título VIII da Constitución foi imposto”
O mesmo día que se puxo en marcha unha das treguas frustradas de ETA, en setembro 1997, reuníronse en Bilbao os dirixentes do PNV, CiU e BNG que conformaban a Declaración de Barcelona. Naquela mesma xornada Xabier Arzalluz deunos unha entrevista (A Nosa Terra, nº 849. Setembro de 1998), que como en todo político de entidade, sostén aínda no tempo aspectos de interese e actualidade.
@Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra
A Declaración de Barcelona vai servir para facer pivotar ao seu redor o novo escenario de pacificación?
Aínda que a todos afecta, o tema da paz é exclusivamente noso, e non quixemos misturar aos demais. (…) O noso termo é formar parte de Europa, non a través de Madrid ou París, senón con peso propio, como poden estar os holandeses ou os eslovenos no seu momento. Coido que iso é o que ven, non con argumentos sabinianos, senón do principio de subsidiaridade. Chegado a un punto en que as fronteiras e as alfándegas desaparecen, a moeda é rexida desde un banco europeo, os sistemas defensivos teñen que acomodarse a ese marco… para que serve unha estrutura política como a do Estado, que xa non é soberano nin farrapos de gaitas? Por que estar realugado nunha casa que non necesites que te governe? Só considerando o principio de subsidiaridade que se está impondo en Europa, fai que pobos como o noso, estruturado politicamente, que se está gobernando aínda que sexa a nivel autonómico, cunha experiencia de goberno cada vez maior e mellor, non precise do Estado. Porque ao final o Estado está para servir os cidadáns non ao revés. Se os cidadáns coidan que e mellor para o seu progreso e benestar estar en Europa, por exemplo os bascos, sen necesidade de estar a través de España ou Francia. Esa é a vontade que debe imperar se estamos dentro dun marco democrático. Outra cuestión é que nos pareza que o funcionamento actual do Estado sexa o que nos axude a progresar, e aí ven o debate sobre federación ou confederación.
Para que serve unha estrutura política como a do Estado, que xa non é soberano nin farrapos de gaitas? Por que estar realugado nunha casa que non necesites que te governe?
Galeuzca faise porque se albisca a posibilidade dunha nova Transición, de estar nun punto de partida como hai vinte anos?
Non só non hai nada irreformábel senón que esta Constitución fíxose nos tempos nos que se fixo. Máis dun protagonista da Constitución tivo medo do ruído de sables, das imposicións militares. Todos sabemos que o Título VIII da Constitución foi unha imposición ou aseguramento dos militares. Que a integridade dun país estea garantida pola forza militar só seria correcto se se trata dun ataque armado exterior ou un levantamento interior armado. Pero que, en si,o exército defina nun xogo democrático o que é o que non é válido carece de pés e cabeza. Aínda máis. Quen decide nos conflitos que teña Galiza ou o País Basco co Estado ou con outras comunidades? O Tribunal Constitucional. Eu fun constituínte e o que se chama en dereito interpretación auténtica é a interpretación dunha lei a partir dos que a fixeron, que sabían no que pensaban. Estou vendo que máis alá do que di a Constitución é o Tribunal Constitucional o que decide e modifica a Constitución. Iso non pode ser. E só hai que ver o que está pasando coas vacantes do Tribunal. levan meses sen poder cubrilas, só porque dous partidos políticos, PP e PSOE, non se poñen de acordo. E eles son os que van decidir quen está nese Tribunal? Non teño porque sospeitar da honestidade dun maxistrado do Constitucional ou da Sá Segunda do Supremo, pero terán mentalidade e agradecemento favorábel a quen os poñen. (…) Non imos convivir moito tempo nesa situación.
Gregorio Peces Barba, ponente da Constitución, sempre está falando en clave de medo, con isto non se pode xogar é a súa frase recorrente.
Non sei temor a que. Peces Barba é unha boa persoa, e non o digo con segundas, pero ten unha mentalidade centralista. El ven dos democristianos e non vou reproducir o que dicía cando se facía a Constitución. Temor aos militares? No ámbito europeo non sei que pasaría se un exército intenta ir pola forza cando determinadas areas, catalana, basca e galega, tratan de buscar os seus camiños. Eu non lle teño medo. Alá eles porque eses tempos xa pasaron.
A dimisión da tenente de alcalde, Montserrat Lama, e o seu pase desde o PP a Ciudadanos, ou de tres alcaldes na última lexislatura, son apenas os retallos do esperpento municipal no que se converteu Xinzo da Limia, desde 1979. Todo un exemplo do que pasa en Ourense.
As ras teñen que liscar río abaixo na procura de auga, nunha emigración anual forzada. Os parrulos andan a enxergar nas pucharcas para bañarse. E os cabalos aprópianse da canle do rio Limia ao seu paso por Xinzo, pacendo na herba vizosa e “gañando a cebada” (emborcallándose na area). Máis de catro meses ao ano a canle do rio vai seca ao seu paso pola vila.
Que máis dá, o alcalde Antonio Pérez prometeu antes das eleccións municipais do ano 2011 que construiría un “porto deportivo”, con todo o arrouto do que foi capaz.
As críticas da oposición non se fixeron agardar, clarificando a incongruencia.
Desde Portos de Galicia sacaron un comunicado no que afirmaban que “estamos a elaborar un estudo das potencialidades e alternativas para o impulso da negación fluvial do rio Limia ao seu paso por Xinzo”.
Antonio Pérez, exalcalde da Limia,
E que dicían os veciños… Pois a maioría, aínda ollando a evidencia de que non hai auga, consideraban que “se o prometeron, algo farán”.
Do porto e dos 200.000 mil euros que se ían investir nunca máis se soubo, mais Antonio Pérez foi elixido alcalde por maioría absoluta.
Estivo no cargo até que o 21 de marzo do ano 2018 foi condenado por prevaricación e inhabilitado por oito anos e medio, sen considerar a dimisión até que se substanciou a sentenza.
Dimitiu pero segue a mandar, a ser o alcalde de facto. E así o denuncia Montserrat Lama, antes de abandonar o PP e fichar por Ciudadanos para ser a cabeza de lista limiá. A tenente de alcalde marchou escaramonada. Lama, que tamén era a voceira da Deputación de Ourense, non foi a electa para presentarse como candidata do PP.
O partido optou por Antonio Fernández Veiga, que xa fora concelleiro con Antonio Pérez. Hai que dicir que a elección do candidato popular tivo o seu aquel: o ex alcalde inhabilitado, Antonio Pérez, presidiu a mesa da executiva que tomou a decisión. Os militantes non votaron e nin sequera foron avisados. E a derrotada Montserrat Lama escandalizouse con esa foto.
Iso si, o PP convocou un pleno urxente, para repoñer o posto da concelleira díscola.
Cinco minutos que chegaron para que a oposición lle sacara as cores non só ao PP, tamén á candidata de Ciudadanos, preguntándolle que se eran tantas as irregularidades como non as denunciara e dimitira xa antes.
Con Isaac Vila chegou a dereita a alcaldía e con el chegaron tamén todos os enguedellos que arrastra Xinzo desde entón.
Para alcalde, Isaac Vila
Pero alcalde, alcalde, o que é que se di alcalde, porque llo seguen chamando anos despois de xa non exercer, en Xinzo, desde 1979, só hai un, Isaac Vila.
Isaac Vila, corenta anos intervindo na politica de Xinzo.
Con Vila chegou a dereita a alcaldía e con el chegaron tamén todos os enguedellos que arrastra Xinzo desde entón. Vila instaurou un xeito de facer política clientelar e moi mirado polos seus intereses, que non é única, sobre todo en Ourense, pero si que a perfeccionou.
A súa obra mestra foi cando instalaron a fábrica de vidro (Vidriera de Atlántico) de vida efémera e moi subvencionada, como pasou con outros moitos proxectos ligados a persoas relacionadas co PP.
Isaac Vila non só se facía pasar polo propietario da empresa, que non era, senón que prometía a todos postos de traballo.
Un día pregunteille a un dos propietarios:
– Cantos postos de traballo leva prometido o Vila?
– Máis de tres mil.
– Pero iso é case a metade do censo de Xinzo.
-Claro que é.
– E como ides facer, se a empresa non vai a contratar a máis de duascentas persoas?
– Iso mesmo llo preguntei eu. E ti sabes o que me dixo… Que eu non entendía nada de política. E explicoumo así: eu, a todos os que veñen, dígolles que si, que non se preocupen que os coloco. Os que entren vanme quedar agradecidos, non só eles, senón os familiares. Como moi pouco, serán preto de mil persoas. Moitos dos que non entren, tamén me estarán agradecidos, porque me molestaron e pensan que fixen todo o que puiden para colocalos. Serán máis de mil persoas. Outros tantos, polo menos, pedíronme un favor e non se van pór contra min publicamente, senón bótollelo en cara… Así que xa teño a maioría absoluta asegurada.
E acertou. Así foi como gañou por maioría absoluta no ano 2003 logo de estar inhabilitado desde 1997 por prevaricación, por facer negocios co concello.
Foi substituído polo seu compañeiro de CG e tenente de alcalde, Ramón de la Fuente, que foi apoiado polo PSOE e BNG, sen que os concelleiros do PP aparecesen polo pleno porque non se puxeron de acordo con Baltar.
Desde o ano 1999 ao 2001 existiu un interregno en Xinzo, no que gobernou unha coalición formada polo PSOE, BNG e Coalición Galega, co socialista e militante do PCG até 1985, Iglesias Sueiro, de alcalde.
As cousas comezaron a mudar pero non podían permitilo, así que, na segunda parte da lexislatura o alcalde foi Xosé Antonio Feixó Alonso. Este empresario presentaríase no ano 2007 a alcalde no concello de Baltar, polo PP, acadando a maioría absoluta.
A campaña electoral estivo chea de denuncias. Feixó Alonso foi acusado pola candidata socialista de ameazala para que non se presentase e, tamén, de tentar mercar a candidatos para que se retiraran.
O alcalde recoñeceu os feitos no xulgado, pero dixo que o ofrecemento de 6.000 € era só unha brinqueta que interpretaran mal.
A lexislatura dos tres alcaldes
Manuel Cabas, alcalde de Xinzo.
O 22 de marzo do ano 2018, o alcalde Antonio Pérez, presenta a dimisión por “motivos familiares”, cando a realidade é que estaba obrigado polar lei ao ser condenado e inhabilitado.
Como substitutofoi nomeado Manuel López Casas, que xa fora concelleiro no 1979 e ocupara diversos cargos na administración autonómica, ademais de ser parlamentario. Pero López Casas tamén dimite, e o 22 de agosto de 2018 Xinzo ten un novo alcalde. Trátase de Manuel Cabas López, que encabezara a lista do PSOE no ano 2007 e fora fichado por Antonio Pérez.
A elección tivo lugar nun pleno no que os concelleiros da oposición tiveron novas só pola prensa.
Para estas eleccións municipais, Antonio Pérez logrou situar a Antonio Fernández Veiga como candidato, desprazando a Monserrat Lama.
Poida que a política na comarca da Limia non se entenda sen as relacións empresariais entre os principais actores, que, ademais de compañeiros de militancia, son tamén socios.
O ex alcalde de Os Blancos, Xosé Antonio Rodríguez Ferreiro, foi condenado a cinco anos e tres meses de prisión por roubar 200.000 euros das arcas municipais. Antes, ergueulle un busto na localidade a Xosé Luís Baltar, póuxolle o seu nome única rúa-estrada e ao multiusos… e a súa muller conseguiu un emprego na Deputación de Ourense.
Ferreiro quedou inhabilitado para cargos institucionais, pero seguiu facendo política a prol de Baltar e, ademais, desde o cárcere, contrataba cos axuntamentos da comarca obras para a súa empresa. Entre eles con Xinzo.
Formou un sólido equipo político co rexedor de Baltar e antes de Xinzo, Xosé Antonio Feixó e con Antonio Pérez, alcalde de Xinzo até a primavera do ano pasado.
Logo da substitución de Isaac Vila, o triunvirato sentou as bases do baltarismo na comarca da Limia.
A xestoría de Antonio Pérez fíxose cargo dos negocios do seu colega Rodríguez Ferreiro mentres este estivo na cadea. Cando saíu libre enfadáronse por como xestionaran os seus intereses, non sabemos se económicos ou tamén políticos.
O ex-alcalde dos Blancos, José A. Ferreiro
Dáse a circunstancia que Ferreiro conseguira o terceiro grado contra todo prognóstico: só cumprira un ano de cadea dos cinco e medio a que fora condenado e non devolvera ao concello de Os Blancos os 200.000 euros que substraera no ano 1997.
Xa en liberdade racháronse acordos e, tramitáronlle un expediente por infracción grave na cadea de Pereiro de Aguiar, que o levaron, de novo, ao segundo grado. Non podía saír.
Mais para entender o mundo electoral da Limia, hai que situarse nos anos setenta, cando o grupo dos “curas Vitorinos” como lles chamaba o historiador Francisco Carballo, montan unha rede clientelar que tiña unha pata en Coren, outra na Caixa de Aforros de Ourense e a terceira nos concellos. Destacaba neste apoio a familia Laxe.
Foron eles os que lle deron o poder a Vitorino Núñez, que, cando foi seducido para aliar o PP cos seus Centristas de Galicia, e ocupar o cargo de Presidente do Parlamento, deixou a Deputación e perdeu non só o poder, senón as bases de votos.
En Ourense, Valdeorras a parte,o poder ten dúas patas, a Deputación, que é a principal empresa da provincia, e Coren. Onde se xuntan son invencíbeis. Sabíao ben Franqueira. Vitorino Núñez laiouse moitas veces da súa equivocación.
Un policía demócrata. Un policía para os novos tempos. Así se presentaba José Manuel Villarejo alá polo ano 1981 nas distintas entrevistas como Secretario Xeral do Sindicato Profesional de Policía.
Non tardaría en pedir a excedencia. Fíxoo dous anos despois (1983) para montar un cinguideiro que chegou a acumular 46 empresas e a ter 16 millóns de euros en capital social. Levaba 20 anos na policía e víaselle que non era un calquera. Soubo enxergar onde estaba e, na vez de combater a corrupción, fixo da corrupción o seu negocio. Non sabemos se coa lóxica de se non podes con ela, únete, ou se es un bobo se non te aproveitas, porque o farán os demais.
O cordobés, home arriscado, empresario avarento, decidiu traballar nos sumidoiros do Estado, que era onde estaba o risco, onde non había tanta competencia e onde se podía facer un bo negocio.
Pero mellor encerellar cubriuse co paraugas do Estado e cos medios do Estado, pois así sempre ten un a quen culpar e, tamén, quen o defenda.
Así que, dez anos despois daquela excedencia (1993), pediu o reingreso na policía. Non só o reintegran con honores, ascendéndoo, senón que lle deixan seguir mantendo a canfurnada empresarial, traballando e facturándolle ao Estado. Loxicamente en negro, polo que non tiña que pagarlle a Facenda.
Pouco importa que antes fose denunciado por “asociación ilícita, omisión da labor de impedir delitos, simulación de delitos, denuncia falsa, detención ilegal, intrusismo, estafa…” Alguén dá máis?A fiscalía, que retira a acusación cando ía ser xulgado na audiencia Provincial de Madrid. Paz e, logo, gloria.
Barrionuevo cando entrou en prisión pola trama dos GAL.
De home do ministro José Barrionuevo, o dos GAL, pasa a ser peón de confianza do electricista da “patada na porta”, José Luís Corcuera, e segue a traballar para Antoni Asunción, até que este tivo que dimitir pola fuga de Roldán, o director xeral da Garda Civil.
José Manuel Villarejo andaba nesas, e afirma que foi el quen lle levou 250 millóns de pesetas a Antonio Paesa a París, para que entregase a Roldán. Pero o que el non di é que só lle deu 80 millóns.
Desde aquela, está presente en todos os casos de corrupción e chafuldradas que saíron a luz: Infóorme Veritas contra Garzón, Gürtel, Lezo, Púnica, Palou, papeis de Bárcenas, ático de González, Caso Pujol, procés catalán, abdicación de Juan Carlos, gravación ao CNI, caso Pequeno Nicolás, loita polo poder no BBV, gravación a ministros… Os anos 2004 e 2005 realizou unha espionaxe masiva a empresarios, banqueiros, políticos e xornalistas. Pola súa conta? Para ter subministro no almacén? Ou por encargo? De quen?
Un home de Estado
J. M. Villarejo sabía moito. Ofrecía a información por ministerios e por empresas. E contaba o que quería como engado. Así que todos querían saber algo do que el sabía. Aproveitaba para gravar a uns e a outros e, logo, vender esa información, e non sempre ao mellor ofertante, senón seguindo a súa comenencia de “home de Estado”.
Podemos despachar ao comisario Villarejo coa afirmación dun policía que o coñeceu: “todo pola pasta”?
Sería un erro. J. M. Villarejo e a súa “policía patriótica”, especializáronse en realizar os traballos que ninguén quería facer, ou que non podían realizarse dentro da legalidade. As veces, os seus informes “chegaban averiados”, segundo unha fonte policial. Pero iso formaba parte desta clase de política e da espionaxe.
O policía Villarejo operou en Euskadi na época dos GAL. Villarejo coñecía cantos xornalistas, empresarios e políticos cobraban do fondos dos Estado e el, como fiel servidor, non ía quedar atrás. Merecía tamén unha recompensa.
Villarejo traballou para todos os Ministros do Interior: Barrionuevo, Corcuera, Asunción, Belloch, pero tamén para Alfredo Pérez Rubalcaba…
Porque Villarejo traballou para todos os Ministros do Interior: Barrionuevo, Corcuera, Asunción, Belloch, pero tamén para Alfredo Pérez Rubalcaba… Que foi quen o ascendeu a comisario, aínda que non tiña as cualificacións necesarias, e lle entregou a Medalla ao Mérito Policial.
Por iso, cando comezou a Gürtel, o PP, que tiña coñecemento das trapalladas de Villarejo, acusaba directamente a “Rubalcaba e a súa policía de estar detrás da operación”. Villarejo traballaba a dúas mans, como boa vaca.
Pero, sobre todo, nos últimos tempos, traballou pola dereita, para o ministro Fernández Díaz.
Con fondos reservados, montou a denominada Policía Política, que non só operou en Cataluña contra os independentistas, senón que tivo a súa ramificación en Galiza, na procura de confidentes e infiltrados e nas actuacións contra os independentistas, teimando en converter a Resistencia Galega nunha organización terrorista. Canta máis conflitividade, máis fondos reservados, cantos máis fondos, máis negocio.
Con fondos reservados tamén montou nos anos 2013 e 2014 unha operación secreta para arrombar coa documentación de Bárcenas, o ex tesoureiro do PP, agora no cárcere.
Jorge Fernández Díaz, ministro do interior nos gobernos de Mariano Rajoy.
Tentaban que os papeis que incriminaban ao PP en financiamento ilegal e por ter unha dupla contabilidade non chegasen a xustiza. Pero Villarejo, na vez de entregarlle ao Ministro Fernández Díaz os papeis, levounos para a casa. Claro, o ministro tiña que ter calada a boca. Que foi o que lle entregou e que foi o que arrombou e ten encriptado?
Pero o comisario Villarejo non actuaba só. Polas escoitas e polo que se deu a coñecer, mesmo pola súa defensa diante do xulgado, era unha actuación corrupta de toda a cúpula policial.
Por iso están incriminados Eugenio Pino, xefe da Brigada Política e Enrique Castellón, xefe da Unidade Central Operativa. E tamén da cúpula do ministerio do Interior, co ministro Jorge F. Díaz á cabeza, e seguido polo seu número dous, Francisco Martínez, e o director xeral da Policía daquelas, o hoxe senador Ignacio Cosidó, que tamén apareceu profusamente na corrupción que empodreceu ao PP valenciano.
Ollen vostedes que ninguén no mundo da política semella darse por decatado. Poida que todos teñan moito que calar e o cu de palla. Sobre todo nos casos da Policía Patriótica.
Segundo o diario Público, Eduardo Inda, director de OK Diario, sería algo máis que un difusor de informes falsos.
Pero tamén algúns maxistrados e fiscais, que aceptaron como bos informes e probas totalmente falsificadas. E xa non digamos moitos directivos de medios de comunicación, directores e empresarios, que non só reproduciron as súas informacións a sabendas de que non eran certas, senón que tamén pagaron informes contra a competencia e, mesmo, contra membros da súa propia casa. Así impediron que algún xornalista chegase a director. Segundo o diario Público, Eduardo Inda, director de OK Diario, sería algo máis que un difusor de informes falsos.
Algún destes informes que coñecemos só se pode cualificar cunha palabra: alucinante! Seguramente escrito por un analista con ínfulas literarias…, pero estaban avalados pola factoría de Villarejo.
Por que as distintas televisións teñen a Inda como un parzamiqueiro estrela? Só pola audiencia ou como xeito de difundir os que eles non se atreven directamente?
O caso BBVA
Francisco González segue a ser presidente de honor no BBV.
O episodio destra trama corrupta, que se nutre e bebe nos fondos reservados do Estado, que está chamando máis a atención mediaticamente, é a espionaxe que pagou o BBVA para controlar aos seus inimigos internos, que tentaban facerse coa presidencia do banco, expulsando ao chantadino Francisco González, Paquito El Argentino.
Este escándalo tan moito máis percorrido mediático ca outros por diversas cuestións. A primeira é que nel non se cuestiona o papel do Estado, senón que é unha liorta nas cúpulas económicas no que o Goberno de quenda, todo o máis, toma partido e move fíos. Mesmo pode aparecer como vítima. Por iso Rodríguez Zapatero é quen de reclamar responsabilidades.
Pero hai máis. A maioría dos medios de comunicación están aliñados coas grandes familias empresariais e van tomando partido e saldando contas. Algunhas ben atrasadas e resesas. Están, dun ou doutro xeito, interesados, en difundir as informacións ou contrarrestalas. Ademais, o tema ten tirón xornalístico. Quen non se lembra da serie Falcon Crest!
Nesta “nosa realidade” andan todas as familias litigando, as dos madriles, as vascas e un vedizo de Chantada que logrou desbancalos a todos pola súa amizade con José María Aznar, e pola renartería que aprendeu de seu pai, mercándolle propiedades que nunca viran aos emigrantes en Arxentina.
Hoxe non se poden facer negocios sen ter información dos teus competidores, pero, sobre todo, dos teus socios. A información é poder.
E Villarejo acumulou moita información. Por iso aínda ten moito poder. Pero tamén sabe que a acumulación de tanto poder é perigoso. Senón que llo pregunten a Julio Cesar no seu idus de marzo.
Cóntanolo o ex ministro Otero Novas. O Consello de Ministros do Goberno Súarez aprobou o Decreto de Bilingüismo pero logo non quería publicalo no BOE. As pexas ao galego non apareceron con Galicia Bilingüe.
O 15 de xullo de 1979, cabodano da morte de Rosalía de Castro, o ministro de educación Xosé Manuel Otero Novas (Vigo, 1940) presenta en Padrón, na propia casa da Matanza, nun acto solemne, o Decreto de Bilingüismo que aprobaría no inmediato o Consello de Ministros.
Presentar preséntao, pero non acaba de ser publicado no BOE.Xa apareceran os de Cataluña, Valencia, Baleares e País Vasco. Pero Galiza non merecía o mesmo trato.
Cóntao así o ex ministro Otero Novas: “chamei ao meu sucesor en Presidencia, Pérez Llorca, e vin que, por razóns que non me explicaba, estaba a adiar a publicación no BOE. Supoño que quería utilizalo como baza negociadora para algo que non me dicía. Xulgueino intolerábel. Díxenlle que, como no prazo de dous ou tres días non aparecese publicado no Boletín Oficial, eu mesmo convocaría en Galicia, onde me atopaba, unha rolda de prensa para explicar o que pasaba”.
O acordo ministerial era do 20 de xullo, e tivo que agardar todo un mes para ser publicado, concretamente até o 21 de agosto.
Comezaban as cambadelas legais ao noso idioma. Impedimentos regulamentarios que non tiña por exemplo o catalán, até o punto de que o Tribunal Constitucional, na súa sentenza 82/1986, do mes de setembro, falla contra a “obrigatoriedade de coñecer o galego” aos funcionarios.
O PSOE, do que era Delegado do Goberno en Galiza o presidente da Academia Galega, Domingos García Sabell, presentara o recurso contra da Lei de Normalización Lingüística, que viña de ser aprobada o 15 de xuño de 1983 no Parlamento galego.
Non existira tal recurso contra a lei catalá, da que bebía a nosa lexislación lingüística, impulsada por Camilo Nogueira. É máis, o mesmo Tribunal Constitucional, seguindo a xeira de medir cunha vara a lexislación galega e con outra a catalá, en teoría dúas nacionalidades históricas do mesmo rango, sentenza a prol do deber de coñecer o catalán, cando se pronuncia, no verán do ano 2010, sobre o novo Estatut.
As palabras do presidente Albor
O recurso de inconstitucionalidade interposto polo goberno de Felipe González contra a Lei de Normalización Lingüística foi impugnado polo Parlamento Galego. Impugnación que se decide nun pleno por unanimidade, intervindo por parte do PSOE Ceferino Díaz en ton moi crítico cos seus compañeiros madrileños. Un Ceferino Díaz que afirmaba anos despois: “dei moitas batallas, perdinas case todas e pagueino ben pagado”.
Pero non só o Parlamento impugna o recurso presentado en Outubro de 1983, senón que o presidente Xerardo Fernández Albor realiza unha declaración institucional na que afirma solemnemente: “Con esta lei a lingua non se lle impón a ninguén. O que fixemos foi recoñecer legalmente algo que é normal en Galicia”.
Fernández Albor, logo de anos de ostracismo e até rexoubas á súa conta, está agora a ser elevado a categoría de referente no PPdG. Pero aquel espírito do primeiro presidente autonómico elixido nas urnas, está moi afastado da política do PP que fixo bandeira da “imposición do galego” para atacalo.
Non só é propaganda, senón que a diferenciación do galego e o catalán segue a estar presente na política práctica do PP.
Así, no ano 2007, en plena acometida contra o galego, recorre o artigo 33 da Lei de Función Pública de Galiza, que viña de reformar, timidamente, o goberno do PSdeG-SOE-BNG.
Despois Núñez Feixóo cuestiona o Decreto de Plurilingüísmo no ensino, e, cando chega ao goberno reforma estas leis, interpretándoas de xeito restritivo. Antes usa ao galego como arma electoral, iniciando o que agora é práctica habitual no PP de Pablo Casado: novas falsas difundidas coma verdades e ataques persoais ad hominem.
O problema é que esta política, que triunfaría mundialmente con Trump, levou a Núñez Feixó a presidencia da Xunta… E o galego seguiu sufrindo embates e máis embates de quen debía de protexelo e fomentalo por lei, tentando conducilo cara unha situación social de inanición.
Lembrar que a Constitución, que tanto amenta e di defender agora o PP, recolle o dereito á igualdade, o que obriga aos poderes públicos a remover os obstáculos que se interpoñan para logralo. No que se refire a lingua, esta acción positiva é o que se coñece como normalización lingüística, segundo o propio Tribunal Constitucional.
Conta Otero Novas, aínda que semelle mentira, unha cousa é o que aprobaban no Consello de Ministros e outra o que saía logo no BOE para efectivizar as resolucións.
Así xogaba a UCD
Polo que conta Otero Novas, aínda que semelle mentira, unha cousa é o que aprobaban no Consello de Ministros e outra o que saía logo no BOE para efectivizar as resolucións.
Vexan senón outra “anécdota” que relata o daquela ministro de Educación: “Levei ao Consello de Ministros a designación do delegado do Ministerio en Lugo, a favor de Luciano Asorey. O Consello aprobouno, pero non remataba de saír no BOE. Días despois pregúntolle no Congreso ao meu sucesor en Presidencia, Pérez Llorca, porque non saíra aínda o nomeamento. Dime que está paralizado por orde do presidente Adolfo Suárez a petición dos deputados de UCD de Galicia.
“Un deses deputados era eu e non sabía nada. Así que fun directamente a Pío Cabanillas e inquirinlle, que co amigo meu que dicía que era, como tecera todo ás miñas costas. Tamén lle dixen que estaba a facer un xogo impresentábel, aínda desde o punto de vista exclusivamente de UCD. Engadín que, se logo de ter o nomeamento aprobado en Consello, daban marcha atrás, tiñan que sacar no BOE o meu cesamento como ministro. Pediume perdón e foi desdicirse ante Suárez”. Luciano Asorey foi nomeado delegado provincial de Educación.
E saben cal fora o seu “pecado” para o veto dos parlamentarios galegos de UCD? “Vetárano porque Luciano, sendo alcalde en funcións de Lugo, decidira, ou aceptara, pór a bandeira galega a media hasta no balcón cando UCD rachara as conversas sobre o Estatuto de Galicia”, afirma Otero Novas.
Así as xogaba a UCD,partido do goberno, na Transición.
Boletín de novidades
Recibe as novas no teu e-mail
Este páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para optimizar a túa navegación, adaptarse ás túas preferencias e realizar labores analíticos. Ao continuar navegando aceptas a nosa Política de Cookies.AceptarVer Pól. de Cookies
Política de Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.