Todos os luns, ás oito da mañá, Abel Caballero convoca os seus concelleiros a unha reunión no seu despacho. A xuntanza é curta. Poucas veces supera a hora. Comezan a falar por quendas e, cada quen, exponlle os asuntos do departamento que requiren a presenza do alcalde de Vigo. Non se discute. É o que diga o alcalde e el acapara toda a proxección pública, por miúda que sexa, incluídas as declaracións aos medios. Ao rematar a reunión, Abel Caballero ten que ter cuberta de actos toda a semana. E senón levantase as seis da mañá e sae na procura da xente.

Abel Caballero oficia de alcalde as 24 horas do díae como Camilo José Cela ou Belén Esteban, foi quen de crear a súa propia personaxe: O Alcalde de Vigo Abel Caballero. Ate fala en terceira persoa como os do famoseo.

Aquel político testán que militaba no PCE, aquel ministro fuxidío de Felipe González, aquel teimudo contrincante do seu inimigo Carlos Príncipe, até que Pepe Blanco e os papeis comprometedores llo sacaron de diante, aquel teimudo candidato socialista á Xunta, que se negaba a ver a realidade e prometía gañar por maioría absoluta e conseguiu os piores resultados na historia autonómica do PSdeG-PSOE, aquel medoñento candidato a alcaldía de Vigo, que semellaba que o seu retiro era novelar vidas que non puidera vivir… aquel político aparentemente fracasado gañou as eleccións e converteuse en alcalde.

E devagariño foi quen de construír a personaxe de Alcalde de Vigo Abel Caballero, que non ten nada que ver coas súas épocas pasadas, superando mesmo os tics familiares propios da casa dos Cabaleiro de Ponteareas, de longa tradición política, polo menos desde o seu bisavó liberal.

E Abel Caballero non só é alcalde as 24 horas do día, senón todos os días da semana, do mes e do ano. Desde que ocupa a alcaldía non gozou vacacións e só sabe de días soltos. Non coñezo a ninguén que lle sentase tan ben un cargo, que se esforzase tanto en aparecer. Nin sequera García Sabell, que tiña medo a que se non saía en todos as fotos a xente pensaba que “xa non mando”.

Porque se por algo se caracteriza Abel Caballero é pola súa capacidade de traballo e por facer da súa vida un acto de servizo ao Alcalde de Vigo.

Os 20 concelleiros acadados nestas eleccións son unha consecuencia de Abel Caballero estar ao servizo do alcalde. Diría máis, da súa capacidade en unificar na mesma persoa a Abel Caballero e ao Alcalde de Vigo.

Os 20 concelleiros acadados nestas eleccións son unha consecuencia de Abel Caballero estar ao servizo do alcalde. Diría máis, da súa capacidade en unificar na mesma persoa a Abel Caballero e ao Alcalde de Vigo.

Construcción do personaxe

Non lle foi doado construír a nova personalidade.  O Caballero apoucado converteuse en showman. O Caballero retraído mudou falangueiro. O Caballero fusco derivou amábel. O Caballero metido no seu despacho pasou a facer sempiterna vida na rúa… E o Caballero doutor en Económicas puxo toda a súa memoria e o seu saber para logralo. Até é capaz de facerse o parvo para ser máis popular e mimetizarse co electorado.

Por iso o Alcalde de Vigo Abel Caballero é capaz de cantar cos bébedos na festa do San Brais e pagar viños se fai falta. Por iso o Alcalde de Vigo Abel Caballero é capaz de presentar todos os concertos de Castrelos, os do auditorio Mar de Vigo, cantando cando cadra coa súa amada Coral Casablanca. Por iso é quen de presentar a Cabalgata de Reis ou de desfilar como un personaxe máis do entroido chocando as mans á cidadanía no seu carnaval. Ou sendo o protagonista non casoiro que oficia no Pazo Quiñones de León.

Por iso é capaz de anunciar as “luces mellores do mundo” semellando bébedo e que non sabe falar inglés, logo de dar catro anos aulas en Inglaterra. “Chamádeme lelo, mentres me sacan as televisións e gaño votos”. Acaso Abel Caballero o que sempre arelou foi ser “popular” epor iso se fixo Alcalde de Vigo Abel Caballero: unha obra mestra de nova personalidade, sen asesores aúlicos, nin estudos de marketing.

Abel Caballero modificou os proxectos dos ascensores que realizara o bipartito (BNG-PSOE), para poder dicir que é cousa súa. O da subida a Torrecedeira desprazouno 400 metros, e xa non se conectan os tres que permitían subir desde Marqués de Valterra a Camelias.

Grande coñecedor da cidade

Caballero non sería Alcalde de Vigo só pola súa capacidade de dedicación ao posto de traballo. Moito a favor xoga a súa memoria. Quizais non existe hoxe vigués que coñeza coma el a cidade. E non a coñece por mapa, senón por pisar rúa a rúa: sabe onde está cada casa, cada árbore e, sobre todo, cada parque infantil e cada banco.

E se alí non hai un banco e alguén o reclama, ponse. E se naquela rúa hai unha fochanca e alguén llo di en público, mándaa tapar. Pois Abel Caballero, alcalde, sabe que o seu éxito radica en non dicirlle que non a ninguén: o Alcalde de Vigo Abel Caballero sabe vender coma ninguén que está ao servizo dos cidadáns. E estao se medimos todo por bancos, luces, árbores, plantas, asfaltados e a cidade e falar cos cidadáns.

A súa personalidade vai máis alá. Na vez de ser só alcalde é o mellor vendedor do Alcalde. E cando o que afirma non concorda coa realidade, non minte, porque sempre cree o que di. Se afirma que na manifestación contra a fusión das Caixas participaron 300.000 persoas, cando non chegaban as 45.000, non minte. Segundo a súa realidade estaba todo Vigo. E as persoas que non estaban, estaban… Porque todas están co alcalde.

El é economista e ben coñece a veleidade dos números e, como quen sabe sabe, e quen sabe é Alcalde de Vigo Abel Caballero, pois nin policía, nin concelleiros… ninguén pode dar o número de participantes sen que o decida o alcalde. E os medios, aínda que saben que non é real, non din nada, dan o número que quere o alcalde… e os vigueses créeno.

Poderíamos dicir que nesa manifestación comezou a nova etapa de exitoso alcalde. Coma Francisco Vázquez, cando se vota no Parlamento o da capital de Galiza, non só captou a oportunidade, albiscando o sentir maioritario da cidade, senón a posibilidade de exacerbalo e convertelo no seu grande capital político.

Francisco Vázquez despregou aquel anónimo alí na Mesa do Parlamento no xélido Xelmírez: “cúidate tu y cuida de tus hijos”. Papel que ninguén dos presentes puidemos ver, pero que tivo xornalistas a soldo e medios de comunicación interesados para contalo, ensalzalo e magnificalo.

Francisco Vázquez.

Naceu o coruñesismo, con aquela aldraxe de nomear capital a Compostela, e Francisco Vázquez abandonou o galego de socate (aínda que non puido superar o seu acento), esqueceu ao Inspector de Traballo progresista e próximo aos traballadores, e converteuse en clasista, altanero, soberbio, coruñesista: en Paco Vázquez Alcalde. Agora os seus amigos eran os empresarios e a Loxia C-2 (non legal) que se reunía no edificio do Casino xunto ao Obelisco e gobernaba a cidade, deseñando permutas de solares. Paco Vázquez non sería Paco Vázquez sen La Voz de Galicia, pero tamén non sen o Banco Pastor e Caixa Galicia.

A aldraxe da Caixa como despegue

Abel Caballero non ten banco nin Caixa. Pero conta tamén co Faro de Vigo e a Cadena SER para axudalo a modelar a súa nova personalidade. E tivo a habelencia de facer da ausencia da Caixa, que todo o gobernaba en Vigo desde os tempos do seu antecesor Portanet, no seu capital político, fabricando unha aldraxe e erixíndose no Quixote capaz de defender a Vigo contra todo e contra todos, comezando por Feixó e Santiago.

Xa tiña identificado o mal, os inimigos e os culpábeis. Non lle levou moito tempo crelo ao Alcalde de Vigo Abel Caballero que, como a maior parte da cidadanía viguesa, mesmo persoas progresistas, nacionalistas e ben informadas (como pasou na Coruña) non só estaban dispostas a mercar ese discurso, senón que acreditaban nel pois xa tiñan tamén a quen culpar dos seus males propiciados pola crise galopante. A contradición Vigo-Santiago converteuse na trabe política do Alcalde de Vigo Abel Caballero e Vigo nun cantón resistente ás supostas aldraxes.

Alberte Núñez Feixóo, presidente da Xunta de Galicia

Desde aquela repíteo unha e outra vez ante calquera problema que xurda na cidade olívica: é culpa de Núñez Feixóo, de Santiago… E se os políticos de Vigo o critican ou lle levan a contraria, non só están contra Vigo (Vigo é o Alcalde Abel Caballero) senón que están amigados con Feixoó e reciben ordes de Santiago. Tanto ten que sexan do PP, do Bloque ou das Mareas.

Por suposto que todos os medios de comunicación publicitan as súas palabras e as súas ideas non ousando levarlle a contraria. Non vaia ser que se escapen tamén as axudas que outorga e os convenios que asina e a publicidade. E todos sabemos que o fai, comezando por La Voz de Galicia. Porque sen a publicidade constante dos seus logros, só con luces, bancos e plantas, Abel Caballero, non sería o Alcalde de Vigo Abel Caballero.

Existen 15 grande proxectos que se veñen vendendo ano tras ano, a toda páxina, en portada e que nunca se executaron: o Teleférico do Castro, cruzar a ría en bicicleta, o bulevar de Beiramar, o metro, o proxecto de Nouvel, a Zona Atlántica de ocio, a Vía Galicia centro económico, a biblioteca estatal, o miradoiro (mellor do mundo) da Praza do Rei, unha nova Casa Consistorial… Todo menos derrubar a Cruz dos Caídos.

Todas comprometidas, segundo varios anuncios, pero sen executar. Non todos, a dicir verdeade, xa que logo de tres proxecto e oito anuncios, comezaron as obras do Centro Vialia.

Pero non só iso, é capaz de vender o que non ten máis remedio que realizar, pois estaba aprobado por anteriores corporacións, como o arranxo da muralla do Castro e o derribo de construcións.

Asistín a unha das súas obras mestras, a inauguración da Feira do Libro na rúa Príncipe. Os libreiros levaban anos tratando de trasladala desde a Praza de Compostela, pero o Alcalde Abel Caballero, negábase ano tras ano.

Pero un ano accedeu, e alí estaba el, co seu discurso non só felicitando os libreiros por “permitir este traslado”, senón que aproveita para anunciar que a rúa do Príncipe “será a rúa dos poetas, da literatura e que porá capas de pedra con versos”… E xa lle coloca unha a Carlos Oroza. Desde aquelas creo que van outras catro.

Pero se a Abel Caballero algo lle gusta son os centros comerciais, as feiras modernas, poida que por tradición familiar. E se por el fose, enchería a Vigo con outros cinco centros comerciais, cando están a pechar os que hai… Pero os comerciantes semellan encantados e, mesmo os que tiveron que pechar os negocios, vótano. Como Abel Caballero, a maioría dos vigueses descendemos da aldea e el condúcenos das corredoiras e a luz de candil a modernidade do neón e do bulleiro das rúas as estradas asfaltadas.

O mellor exemplo desta política de anuncios de obras e fastos sería a Panificadora. Non hai ano que non anuncie que alí se realizará un grande proxecto arquitectónico, que ano a ano vai mudado e que nin sequera pode comezar pois os terreos aínda non son propiedade do concello. Iso si, como pasa en outros moitos proxectos, convócanse concursos e páganse as ideas. Os estudos de arquitectura contentos coma unhas pascuas. E se hai unha maqueta feita aí está a obra realizada: o virtual convertido en en real polo Alcalde de Vigo Abel Caballero. Non me dirán vostedes que non ten mérito!

Escultura de Silverio RIvas na remodelada Praza de América (Travesas)

Pero non só iso. O Alcalde de Vigo Abel Caballero foi capaz de darlle unha nova identidade a Vigo, de construír o viguismo. Aínda que os das Travesas ou Teis, por non citar as distintas parroquias, sigan dicindo “vou a Vigo”, por ir ao centro, a día de hoxe séntense representadas por ese Vigo do alcalde… Certo que a identidade foi construída sobre a crise, e non sobre un proxecto de futuro, e unha imaxe virtual de fastos.

Construíuse a unidade viguista e viguesa sobre a desgraza de Pescanova, dos estaleiros e, sobre todo, da Caixa. O Alcalde de Vigo Abel Caballero, coma un novo abade do Val do Fragoso, soubo unir votos para, na vez de enfrontarse e derrotar aos franceses, derrotar “a Feixóo e a Santiago”.

Na Guerra da Independencía formouse o Vigo moderno e, agora, entramos noutra nova fase. O novo Vigo construído a golpe de intuición, seguindo a estela doutros notábeis edís, como Agustín Arca, que afirmaba: “os arquitectos están para facer os proxectos, eu para melloralos”.

O Alcalde de Vigo Abel Caballero, coma un novo abade do Val do Fragoso, soubo unir votos para, na vez de enfrontarse e derrotar aos franceses, derrotar “a Feixóo e a Santiago”.

Pequenas obras a esgalla

Pois así é como deseña as obras o Alcalde de Vigo Abel Caballero… Sempre son obras pequenas e realizadas en varias fases. As grandes obras, oito anos despois de anuncialas, non comezaron a executarse. Denomina humanizacións a colocar plantas e arboriños mentres arrancan ou podan até que sequen as plantas centenarias. E bancos, e lousas nas beirarrúas e xogos para os rapaces. Destes si que inzou o municipio por todas partes, o resto das obras sempre as concentra nunhas poucas rúas… Tratando que a cidade semelle estar sempre en obras e fachendeando do superávit orzamentario, conseguido ao deixar ano tras ano de investir as grandes partidas orzamentadas.

Atrás quedaron os tempos nos que o PSOE se opoñían as humanizacións proxectadas polo BNG, co apoio incondicional de Faro de Vigo, que chegou a darlle nun ano 153 portadas contra eses proxectos dos nacionalistas. Tres foron os principais cabalos de batalla: a Praza de Independencía, na que militantes do PSOE levaron a oposición e mesmo prometeron volvela abrir ao tráfico; a Porta do Sol, onde criticaban que existía un chanzo que non deixaba pasar a procesión de Semana Santa, e o aparcadoiro de Colón, que colisionava cos intereses doutro aparcamento realizado nas antigas instalacións do “xornal decano”. O Alcalde de Vigo Abel Caballero e o Faro, converteron en virtude todo que antes detestaban.

Hai que recoñecerllo, Abel Caballero é un mago da comunicación: capaz de facer o auditorio Mar de Vigo, rescatalo da concesionaria, sufragar os gastos da empresa de eventos, mercar de novo o centro e dicir que “aos vigueses non lles vai custar nada”… E a xente créello!

A política do Alcalde de Vigo Abel Caballero consiste, sobre todo, en facer brillar a súa marca. Por iso se apropia de proxectos anteriores, por exemplo, os famosos ascensores… pero cámbiaos de lugar, como en Torrecedeira e no Parque Camilo José Cela, ou no Casco Vello. Ten que aparecer idea súa, obra súa…, coa súa correspodente placa.

E se non gusta da arte moderna pois é quen de “reestruturar o MARCO”, grande referencia museística galega de vangarda e convertelo nun continente máis de cadros.

Ou non abrir o Museo de Fotografía, por ser cousa do goberno do BNG, estragándose o edificio e tamén os importantes legados fotográficos.

O Alcalde de Vigo Abel Caballero, está a construír unha cidade ao seu gusto, a súa imaxe e semellanza.

O Dinoseto símbolo da cidade de Caballero.

Un alcalde de esquerdas?

De esquerdas ou de dereitas?

As dereitas están moi contentas con el, por iso o apoian e deixaron de votar o PP. Nin sequera lles importa a imaxe de pailán que transmite porque, no fondo, a burguesía viguesa, sacando contadas excepcións, o único en que pensa é en facer diñeiro. E o Alcalde de Vigo Abel Caballero nunca mudou nada para impedir que os grandes capitais teñan todo o que lles fai falta, comezando por Citroën e continuando polas construtoras, que case sempre son as mesmas en realizar as obras ou, se queres entrar, tes que aliarte con elas.

E non é que o Alcalde de Vigo Abel Caballero queira facerse rico coma Paco Vázquez. Non. El é outro tipo de persoa, só quere ser alcalde, alcalde famoso, “alcalde popular”, como dixo esta mesma semana. E sabe que nada vende máis cos postos de traballo.

Por iso entre o seu equipo máis próximo ten aos ex secretarios xerais da UGT e de Comisións Obreiras en Vigo, para lle facer o traballo sucio cos sindicatos.

Lévase moi ben coas concesionarias de todos os servizos privatizados, que non cumpren o estipulado nin co prego de condicións nin cos traballadores, aos que nunca defende o Alcalde de Vigo Abel Caballero. Como será a cousa que até o PP o critica por “estar traballando para as concesionarias”!.

Non, no seu programa non está a reversións das concesións, senón que, cada ano, anuncia unha nova. Agora os ximnasios municipais.

Non digo que, como lle pasaba a Fraga Iribarne, non haxa quen se aproveite á súa sombra. Pero, ante todo, Abel Caballero é alcalde. E vende a mellora dos servizos sociais, aínda que unha acampada dos sen teito, pola que pasaron máis de cinco mil persoas, leve máis de dous anos coas súas tendas na Praza do Concello sen que lles faga caso. Ou é capaz de adiar os cheques sociais semanas e semanas porque quere entregalos persoalmente.

E dedícalle 2,4 millóns de euros, 2.300 euros por alumno, as bolsas para aprender inglés no estranxeiro, que sempre van parar aos escolares de colexios privados.

Polo contra, a Normalización Lingüística unicamente ten un orzamento de 250.000 euros, incluídos os funcionarios. E desta cantidade, ao comezo de ano, quedase a alcaldía 25.000 euros. A el non lle fai falta aprender galego, xa que o mamou… Pero non o fala. Como moitos dos habitantes de Vigo que veñen da aldea, rexeitan del, porque rexeitan do seu pasado e do da súa familia.

Sabendo isto, que o sabe, o Alcalde de Vigo Abel Caballero desterrou calquera manifestación cultural que tivera raíces galegas, fose música, arte ou teatro. Tamén a música clásica ou, aínda, o jazz…

Con dicir que converteu en símbolo da cidade a un arbusto, o Dinoseto…

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here