gtag('config', 'UA-106570544-1');
Martes, 29 Abril 2025

Unidade electoral e conciencia nacional

Desde 1977 os electores galegos sempre votaron nos comicios xerais máis en clave estatal que galega. Aínda que podemos afirmar que é consecuencia da pouca conciencia política galega, precisamos afondar máis nesta realidade para tratar de comprender a situación en toda a súa dinámica nacional.

As causas son múltiples pero podemos enxergar dúas principais que impediron este medre da idea nacionalista e a súa translación electoral.  A primeira, a ausencia de medios de comunicación potentes, tanto públicos coma privados, que emitan as súas mensaxes en clave de país. A dinámica política galega forma parte intrínseca da estatal e tampouco se singularizan nin os seus problemas nin as súas solucións específicas.

A outra causa é que a autonomía galega non serviu para crear conciencia de nación, desprezada nos anos 80 suicidamente por unha parte do nacionalismo e pouco aprezada por unhas forzas que pensan as máis das veces en clave madrileña, moi ao contrario que en Euskadi e Cataluña. Pero tamén, como vimos o 28 de abril en comunidades como Canarias ou aínda co aumento de forzas rexionalistas como as de Cantabria.

O panorama que amosan os resultados electorais deixan poucas dúbidas. Se temos en conta que, ao comezo da Transición, o galeguismo que ostentaba poder institucional, tanto no eido político como cultural (nucleado arredor de Ramón Piñeiro) apostou pola inserción nos partidos estatais, atopámonos con outra eiva para crear conciencia. Co tempo, ese legado de Piñeiro foi recollido polo PP, facendo súa unha mensaxe de subordinación pero tamén a reivindicación de determinadas políticas propias, que explicarían en boa medida o comportamento diferenciado do PP galego a respecto do PP central.

Para mudar esta dinámic, non se trata tanto de forzar a unidade electoral, como apostan moitos laiándose dos resultados, senón de aumentar a conciencia nacional.

A dinámica de parte do nacionalismo desde antes da ruptura do BNG no ano 2012 (lembremos a oposición dunha parte dos seus dirixentes e militancia ás políticas de goberno autonómico no periodo 2005-2009) acrecentou a percepción de Galiza como apéndice da política estatal. As sucesivas concrecións orgánicas das mensaxes de Xosé Manuel Beiras e os seus seguidores foron claras: as forzas políticas propias non poden conseguir os seus obxectivos sen unha alianza estratéxica coas forzas estatais. Primeiro era para acadar o ceo, logo para parar á dereita. E neste último obxectivo os votantes decidiron que o mellor era concentrar o voto no PSdeG-PSOE, o grande vencedor.

Dentro dun mes a radiografía, co poder municipal e as Deputacións en xogo, vai ser moito máis precisa e o tirón da dinámica de estado redúcese

O fracaso nestas eleccións foi notorio. As forzas estatais que sumaran, Podemos e IU, apañaron os restos do naufraxio dese sector do nacionalismo, pero apnas van servir para mudar a dinámica política galega.

Por se fose pouco, as diferentes mareas municipalistas e outras candidaturas locais, quebraron un discurso conxunto de país, apostando polo localismo e pola ambiguidade ideolóxica e a súa ineficacia é manifesta desde o punto de vista nacional.

O BNG, aínda dobrando os resultados de hai tres anos só pode apostar pola gobernabilidade se quer mudar, con paciencia e colaboración, unha dinámica que reduciu á nada a súa presenza na política estatal nas últimas lexislaturas. Podemos ollar que non abonda cos gobernos municipais, aínda que formen parte dunha imprescindíbel base para facer País, senón que é preciso realizar unha aposta clara por regresar ao poder no goberno galego, facendo realidade aquel eslogan de 40 anos atrás que dicía “gobernemos nós a nosa terra”.

A dinámica política de Euskadi e Cataluña, aínda sendo sociedades diferentes, non se entende sen ter en conta que foron os nacionalistas os que gobernaron desde o comezo os seus gobernos autónomos. E non foi por casualidade, senón por un pacto co Estado que non só reinstaurou os seus gobernos autónomos da fase republicana, rehabilitando os seus presidentes, senón que permitiu que tanto PNV coma CiU gobernasen nas súas respectivas comunidades, aínda non conseguindo maiorías.

As forzas institucionais galegas, pola contra, decidiron darlle a nosa gobernabilidade en exclusiva ás forzas políticas estatais, situando aos seus peóns tanto en AP, coma en UCD ou no PSOE. E non foi por casualidade, senón polo papel de freo á expansión dos autogobernos que pretenderon sempre que Galiza xogase no estado español.

Dentro dun mes a radiografía, co poder municipal e as Deputacións en xogo, vai ser moito máis precisa. Aínda coa simultaneidade das europeas o tirón da dinámica de estado redúcese e  só as forzas políticas que teñen organizacións potentes van colocarse en boa posición para unhas autonómicas galegas que se albiscan no horizonte. E desta volta si van definir un antes e un despois na política galega.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na Coruña o politico nacionalista Pablo González Mariñas. Presente en momentos fundamentais do devalar político contemporáneo,...

Carta á desesperada a un bo e xeneroso

Benquerido amigo Suso Piñeiro: sempre tiven unha idea colectiva da vida, deixando pouco espazo para as decisións persoais. Salvando, como entenderás perfectamente, aquelas que só...

“Operación Primavera”, como os servizos secretos sitúan a González na cabeza do PSOE

"Felipe González, de pronto, sacou un largo Cohiba, acendeuno devagariño e fumouno coma un sibarita. A min ese pequeno detalle chocoume, estrañoume. Era un...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap