gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 21 Abril 2025

Cumio sobre pederastia no Vaticano sen denuncias en Galiza

Comeza no Vaticano o cumio convocado polo papa Francisco sobre pederastia na Igrexa católica que vai prolongarse catro días. Un encontro sen precedentes. Por que se producen tan poucas denuncias no noso país?

Hai 21 anos publicaba Amigos Sempre, un libro no que denunciaba os malos tratos nun seminario, o de Lugo, entre eles os abusos sexuais e as violacións.

Facíao nunha novela, pero as persoas lectoras puideron albiscar nomes verdadeiros, entre os maltratadores e, tamén, entre as vítimas.

O libro tivo a súa gloria cos lectores (en masculino), moitos deles, pasándoo de man en man sen atreverse a mercalo coma se fosen ao quiosco por un Interviu, pero nula repercusión social.

Hai moitos seminaristas en Galiza. E, tamén, moitos que, partindo das aldeas, tiveron o seminario como única panca para acadar un certo poder en diversos eidos e, tamén, nalgúns casos, unha importante proxección social.

No ano 2010 pensamos que os tempos serían chegados…, e reeditamos o libro. As ventas tamén foron moi importantes. Pero a repercusión social tamén foi nula. Semellaba que aínda non estaba a ferraia para gaitas.

Hoxe, por fin, o Vaticano, semella que pretende enfrontar o problema dun xeito máis realista. O Papa Francisco semella que está disposto a abandonar o negacionismo e admitir a importancia do problema para a Igrexa Católica. De aí o Cumio antipederastía.

Sería un triunfo que acordaran que non é un pecado que se perdoa no confesionario ou con penitencia, senón un delito que ten as súas consecuencias no sistema xurídico de cada estado. E que non poden existir penados de primeira e penados de segunda, segundo sexan as súas crenzas.

Certo é que non é un problema exclusivo da Igrexa Católica, nin sequera das igrexas cristiáns, aínda que polas súas normas e a extensión dos seus internados, así como pola supeditación moral dos máis febles, estes delitos teñen unha maior extensión nos seus ámbitos de actuación.

Agardaba que, agora, a luz desta nova vaga de denuncias e de asuncións de responsabilidades, aparecesen algúns casos en Galiza denunciando os abusos sexuais.

E non me digan que non os hai. Eu presencieinos.

Levo anos preguntándome cal é a razón de que en Galiza non aparecese ningunha denuncia por abusos sexuais contra dos cregos.

Cheguei a matinar en ser eu quen realizase a denuncia pública. Pero sei que non son ninguén para dar a coñecer nomes e feitos se os protagonistas non queren.

Levo anos preguntándome cal é a razón de que en Galiza non aparecese ningunha denuncia por abusos sexuais contra dos cregos.

Mesmo deille voltas unha e outra vez até que punto eu non sufrira, tamén, abusos sexuais. Daquelas cheguei a conclusión de que non existiran eses abusos, porque non me deixei en máis dunha ocasión. Houbo un bico unha vez e xa non houbo máis. Nunca máis permitín que me tocaran.

Se non denunciei ao crego foi porque morreu, e porque existindo suicidios e intentos de suicidios, compañeiros que aínda non se repuxeron, quen era eu para denunciar que me roubaran un bico… Porque ían crerme daquela se non acreditaran na novela na que daba moito máis datos?

Polo que se ve, a sociedade galega non estaba preparada…, e eu tampouco.

Hoxe estou seguro que se este crego vivise, si que o denunciaría para que non puidese facer máis dano a outros rapaces.

Foron centos de anos de dominación da igrexa católica. De impor as súas verdades, a súa moral e o seu poder de dominación, espiritual e carnal.

Na literatura oral galega hai centos de pezas que falan dos cregos e das súas conquistas entre parroquianas e parroquianos.

En Amigos Sempre tamén conto o feito real dun crego que sempre chamaba a algún rapaz para que o lavase unha vez a semana e lle pedía que lle fregase as súas partes.

Cantas parroquias hai na Galiza nas que non conten as correrías sexuais dos cregos?

O meu tio, cando mudamos de crego en Laxe, atopouse cun veciño de onde proviña o novo crego que lle dixo:

-Amador, o voso crego durme coa criada. E é ela a que manda.

-Pois mira que me sacas un peso de enriba. Se quen manda é a Isaura e anda con ela, así deixará tranquilas as nosas mulleres.

Os abusos dos cregos nas parroquias, resolvíanse de varios xeitos, algúns expeditivos, pero nunca con denuncias. O mesmo pasaba noutros eidos laborais.

Os abusos dos cregos nas parroquias, resolvíanse de varios xeitos, algúns expeditivos, pero nunca con denuncias.

Será ese sometemento o que impide que en Galiza non se dese aínda unha verdadeira catarse social sobre os abusos sexuais?

Canto tardará en estar como pasou en Irlanda nos colexios de monxas?

Contentaríame conque nunca máis existiran abusos sexuais, nin a menores, nin a mulleres. Nin nos colexios nin fóra deles.

Non se vai conseguir acochando o problema.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario. Mestra excepcional, pedagoga da experiencia directa, a súa biografía alfómbrana as flores de moitas mulleres...

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e o debate que propoñía o recén desaparecido empresario galego Maxín Alfredo Froiz (1943-2022), segue de...

O sindicalista que recitaba a Curros

Tiven a sorte de coñecer, aprender e asombrarme coa súa dialéctica, cos seus coñecementos, coa súa postura diante das inxustizas que nos rodeaban a...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap