Unha das imaxes icónicas de Easy Rider

A carteleira de Netflix, aínda que pouco nutrida de filmes clásicos, ofrécenos a visión (ou revisión) de Easy Rider, unha das primeiras mostras de cine independente, realizada nos Estados Unidos e estreada en 1969 (aos cines españois non chegaría até 1974).

Easy Rider é unha road movie, diáfana e de fácil seguimento, a pesar de que os seus protagonistas fumen porros constantemente e a trama non pareza, ao principio, moi precisa.

Os actores principais son uns aínda novos Peter Fonda e Dennis Hopper, acompañados, na segunda parte, de Jack Nicholson. O primeiro fai ademais de guionista e o segundo de director. O seu futuro no cine veu marcado por esta obra.

Pero o importante é o que Easy Rider influíu sobre o cine posterior e incluso sobre a sociedade e iso tanto desde o punto de vista estético como desde o do contido. No seu momento logrou xa unha gran cantidade de público. Recadou 100 veces máis do que custara.

As motos de Fonda e Hopper, de guiador alto, así como a súa maneira de circular, parécense ás dos protagonistas da serie Fillos da anarquía; os exteriores da última parte do filme semellan a inspiración das paisaxes de True Detective; por último, o obxectivo dos protagonistas é ir ao Mardi Gras (martes de antroido) en Nova Orleans, un dos escenarios centrais doutra serie contemporánea, Treme de David Simon.   

Poden ser casualidades ou reflexos subconscientes de guionistas e directores que eran adolescentes cando se estreou Easy Rider. Pero se a isto lle sumamos a banda sonora (Jimi Hendrix cedeu un tema) e a estética escollida, sobre todo deses exteriores vistos desde estradas secundarias, comprobamos que todo nos resulta moi familiar. Simplemente porque son moitas as series actuais que recorren aos sons e a esas imaxes sucias dos anos sesenta que naquel momento romperon co concepto de beleza dominante.

En Easy Rider sentimos unha música que quebra abruptamente coas melodías e os ritmos anteriores e contemplamos unha paisaxe que vén sendo a Cara B do que até ese momento se nos mostraba no cine. Unha música que aos seus contemporáneos lle soaba a ruxidos e distorsións e unha paisaxe de industrias que penetran no campo e dun campo desordenado, carente de formas convencionalmente agradábeis.

Neste filme aparecen, sequera insinuadas, as bases da estética posindustrial e sobre todo as da natureza salvaxe que hoxe se encontran tan de moda.

Jack Nicholson.

Máis significativo aínda é como Easy Rider abre a temática da liberdade. Na última parte do filme, e despois de ter que fuxir dunha pequena vila, a causa das miradas ameazadoras da policía local e de moitos veciños que non toleran o seu pelo longo e a súa maneira de vestir, Nicholson ten este diálogo con Hopper:

–Antes este era un país adorábel. Non sei que é o que pasou.

–Que todo o mundo ten medo. Non podemos entrar nin nun hotel de segunda. Pensan que os imos degolar.

–Non lles dades medo vos. Dálles medo o que representades para eles: a liberdade.

–E que ten de mao? Todo o mundo a quere.

–Todo o mundo quere ser libre. Pero unha cousa é falar dela e outra moi diferente é selo. É moi difícil ser libre cando te compran e te venden no mercado. Claro que non lles digas nunca que non son libres porque entón dedicaranse a matar e a mutilar para demostrar que o son. Si, botan todo o día, dálle que dálle, coa liberdade individual e chega un individuo libre e cáganse de medo.

–Pois o medo non os fai fuxir.

–Non, o medo fáinos perigosos.

Se nos obrigásemos a facer balance, diriamos que o sistema asimilou todo aquilo que non puña en dúbida os negocios.

Vistas coa perspectiva de hoxe, algunhas escenas vinculadas ao hippysmo que Easy Rider retrata resultan inxenuas, como a da comuna, ou perigosas, como o de facerse co diñeiro para viaxar traficando con coca ao outro lado da fronteira. Pero tamén é posíbel observar como a crítica ao sistema que partía daquel rock inicial, da vida transhumante na procura de experiencias novas, do rexeitamento tanto das convencións sexuais como das propias cidades centradas case exclusivamente no comercio, acabou sendo dixerida polo propio sistema.

Hopper, Nicholson e Peter Fonda nunha escena do filme.

O consumo de drogas como motivo de coñecemento persoal viuse transformado nun xigantesco negocio xerador de violencia. Os hippys e os viaxeiros sen domicilio acabaron sendo representados no cine como borrachos e delincuentes. Pero, a súa moral, no que respecta á relaxación nos hábitos sexuais e de vestir, foi admitida en boa medida. Os anos sesenta marcaron un claro antes e despois neste sentido. Tamén as referencias aos chamados grupos étnicos (indíxenas e negros), daquelas case sen dereitos, acabaron sendo aceptadas.        

Se nos obrigásemos a facer balance, diriamos que o sistema asimilou todo aquilo que non puña en dúbida os negocios. E incluso aproveitou algúns dos novos costumes para amplialos. Fronte ás ditaduras clásicas, poderíase dicir que a democracia capitalista de Norteamérica fixo seu o vello lema: Todo o que non me mata faime máis forte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here