O pintor noiés Manuel Romero é o autor dun grupo de retratos de Antonio Fragaus, recollidos na web "Os nove anos de Fraguas en Lugo" (fraguasenlugo.org)

Aseguraba Antonio Fraguas, “son dun mundo que xa acabou”. Dicíallo nunha das dúas entrevistas que lle deu a este xornal. Unha en 1978 (nº 19, 2 de xuño) e outra en 1994 (nº 652, 15 decembro), esta última realizada por Manolo Vilar que hoxe exerce a secretaria na institución que fundou Fraguas, o Museo do Pobo Galego. As Letras Galegas recoñecen este ano unha figura que concita unanimemente afecto e admiración, pola súa obra incansábel e pola xenerosidade que presidiu a súa conduta.

O 17 de decembro de  1994 Fraguas doou a súa biblioteca de miles de volumes ao Museo que fundara, “a alternativa era vendela e iso si que me doería moito. Eu estou no remate da miña vida, se morro a biblioteca será un estorbo na casa (…) e déixolla a Santiago, porque eu débollo toda a esta cidade”.

Preguntáballe M. Vilar se a falta de conciencia de nós fai que se perda a identidade, e Fraguas reflexionaba, “a min entristéceme, estamos nun país que se vai empobrecendo. Pertenzo, recoñézoo, a un mundo que se acabou. O cambio foi total. Antes non había sitio que lle gañase a Galiza en cantar, poderíao igualar pero non superar. Aquí cantábase á mañá cando saías para o traballo, cantaban os homes e cantaban as mulleres, cantábase no traballo porque cantaba quen andaba a traballar as terras e cantaban os que estaban no taller, cantaban os canteiros que picaban na pedra… iso acabouse, non veu un decreto que dixese se proíbe cantar, proibiron moitas cousas pero cantar non. Cambiou todo, adquírese riqueza material pero pérdese a espiritual”

“A min entristéceme, estamos nun país que se vai empobrecendo. Pertenzo, recoñézoo, a un mundo que se acabou”

“Agora a xente non canta esas cantigas porque cambiou a vida. Antes tiñamos na mocidade as ruadas e eu fun moitas veces ao serán á ruada, non había que ser tenor precisamente para cantar, cantabas cunha moza ou con outra. Había poucos que soubeses graduar as voces, era a diversión máis importante pero tiña má literatura porque os cregos botaban contra ela, contra as muiñadas, as esfoliadas, todo… Nin ira para tanto nin a metade. Ás veces pasábanse de listos…”

Fraguas foi pioneiro no Seminario de Estudos Galegos,  cun sistema de investigación e divulgación que para el foi un modelo, igual que os seus admirados fundadores, como Losada Diéguez. “O espírito do Seminario era moi especial (…) nós facíamos as cousas por amor. Hoxe non se concibe que unha persoa traballe sen que perciba un diñeiro (…). Losada era un home que onde tocaba el parece que se gañaba todo. No Seminario non había sesións, a sesión era continua. Iamos para alí e botábamos a tarde”. Máis adiante Fraguas foi Secretario do Partido Galeguista na Estrada, “fixera campaña polo Estatuto e participei no último mitin que se celebrou na Estrada, con Castelao. Por iso me denunciaron pasada a guerra dicindo que eu era un comunista perigoso. (…) Estiven pouco tempo na cadea, só horas, pero foron tremendas, aquela noite vin a morte e desde entón para min pasoume o medo a morrer (…) As persecucións son unha cousa que non me gusta falar delas. Hai xente que lle gusta contar a min fixéronme tal cousa. A min non. Botáronme fóra do Instituto da Estrada e non puiden proseguir por moito tempo no ensino oficial, pero eses son cousas do oficio. Non tan graves cando un pode contalas, agora como unha testemuña da historia dunha época moi desagradábel que queira Deus que non se volte repetir nunca máis”.

Fraguas admiraba, como todos os colegas do seu tempo, a Castelao. En 1978 relatáballo a Xosé Ramón Pousa, “cando Castelao foi para Badajoz desterrado, escribía en A Nosa Terra unhas cartas que chamaba Verbas de chumbo. Hai unha anécdota del moi curiosa de cando foi visitar en Lisboa ao poeta da saudade Teixeira de Pascoaes. Paraba no hotel onde estaba Ramón Martínez López, catedrático nun instituto de Lisboa. Castelao contaba dunha vez que en Badajoz, nun dia de orballeira que ía ao cine cun amigo galego e andaba por alí un garda de asalto galego que tamén o coñecían. Castelao e o amigo compraron unhas castañas asadas e fóronse achegando ao garda cantándolle unha copla galega. Castelao cantaba e tocaba moi ben, tiña un sentido musical extraordinario. Empezaron con “Xa fun a Marín, xa pasei o mar…” e aqueloutra de “Vexo Vigo, vexo Cangas…”. Cando estaban chegando ao garda, este volveuse e díxolles, “calade, hom, calade que senón facédesme chorar”. E foi tal expresión de realidade que lle deu Castelao ao lembrar a anécdota que Teixeira bicoulle a man. Cando Castelao contaba unha cousa era monumental, vivía sempre todo o de Galicia. Castelao foi un gran pensador E eu penso que a mellor definición de Castelao é a de Cuevillas:  “Castelao é Castelao”, nada máis, non hai outro igual. Eu fun ocupar o seu sillón na Academia despois de non sei canto tempo sen facer o discurso. Eu prefería que me aplicasen o que chamaban a “lei de fugas”, que non por facer un discurso deixaban a un fóra. Dígoo como sinto, o sillón de Castelao na Academia non se debeu ocupar nunca nin por min nin por outro”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here