Jpsé Afonso na capa dun disco de mocidade.

Grándola. 25 de Abril. Revolución dos caraveis. Portugal. Nomes e datas que moit@s galeg@s asocian co nome de José Afonso. O cantor portugués  falou para A Nosa Terra nunha entrevista en 1985, cando xa se estaba a concebir a grande homenaxe de agosto daquel ano.

Zeca Afonso ten que estar apartado da actividade pública por unha enfermidade traidora –esclerose lateral amiotrófica é o nome da culpábel–, pero segue a demostrar que aglutina os anceios e mesmo as frustracións de moit@s portugueses, como se comproba coa masiva asistencia aos festivais-homenaxe que se están a facer por toda a xeografía de Portugal. José Afonso, aos seus case 56 anos, é un exemplo de coherencia e de compromiso co pobo «o rico sempre é un fillo de puta, onde atopas á mellor xente é entre a xente pobre». Chico Buarque, Silvio Rodríguez, Carlos Mejía Godoy,  Daniel Viglietti, e outros cantantes que interviron en Abril do 1984 en Nicaragua no «Concerto pola paz e a non intervención en Centroamérica» dirixíanlle unha mensaxe ‘(…) queremos enviarche unha aperta revolucionaria e contarche que te sentimos connosco cantándolle ao home novo que, como agora en Nicaragua, un día ha nacer en Portugal. (…)’» Con Zeca estivemos conversando mentres o cansancio non o impediu, nun esforzo que en nome de tod@s lle agradecemos.

Xa estou farto de falar e explicar por todo lugar que Galiza non é España, que é un país diferente, cunha cultura propia, unha lingua semellante á nosa…

«Hai unha grande confusión en Portugal sobre Galiza, e xa estou farto de falar e explicar por todo lugar que Galiza non é España, que é un país diferente, cunha cultura propia, unha lingua semellante á nosa… pero a xente non quer comprender, non se dá por enterada»”. Cando chegamos a Azeitão, nun dia bañado de sol a fins de marzo, iniciábase unha xornada que non iamos esquecer. O Xico de Cariño conseguira concertar esta entrevista co Zeca Afonso, a pesar de que a súa enfermidade impídelle falar Iongo tempo, e soe rexeitar moitas conversas que Ile piden os medios de comunicación. O propio Xico asegurábanos que fora unha deferencia con A Nosa Terra, da cal ten dito «gosto moito de lela, e os galegos teñen sorte de ter un xornal como ese». Alén da gabanza, que agradecemos, está o seu interese, de xa moitos anos atrás, por Galiza. A frase que inicia a entrevista resume esa actitude, mesmo militante, de amor solidario ao noso país «mando saúdos e apertas a todos os amigos galegos que seguen a miña traxectoria. É mágoa que non haxa cantantes galegos nos festivais, tiña que haber galegos!…» [referíase aos festivais José Afonso que se viñan celebrando na altura Portugal adiante nesa altura]. 

Chegamos á súa casa pasando xa o mediodía. O Zeca aínda había pouco que se erguera e sentíase canso, tanto que pensamos que non íamos poder conversar con el. Despois de varias horas, e con intervalos para poder descansar, conseguimos ir desfarrapando unha serie de temas, necesariamente falados por riba. O Zeca quer saber de todo e pergúntanos a nós, adiantándose, sobre o momento literario galego, sobre a reconversión naval en Galiza, sobre a situación lingüística e exponnos as súas opinións: «Galiza sempre foi unha patria de poetas… coñezo pouco o momento actual da música galega pero sei de Emilio Cao, de Milladoiro… Antes ía frecuentemente por Galiza, e sei perfectamente que hai unha opresión lingüística e unha opresión política; naqueles anos era unha minoría quen defendían a cultura galega». O achegamento de Galiza e Portugal xorde lóxico, «o intercambio cultural seria moi importante, pero a respecto da grafía penso que se debe manter unha grafía galega, hoxe por hoxe. Non podes dicir neno e escribir menino, dicir crego e escribir padre,… debe haber aproximación pero sen hipotecar a característica fonética galega». Sobre as dificultades de impor usos do idioma en terreos vedados «a lingua ten que ser defendida nas rúas, en todos lados. Introducir o galego en todos os hábitos cotiás é a única maneira de resistir». Zélia, a compañeira, tercia «nunha língua invariabelmente pérdense certos valores en función da práctica, e non é posíbel manter unha lingua no seu aspecto antigo». «É preciso defender a lingua, –é outravolta o Zeca–, é bonito. Eu estiven en Cangas do Morrazo e aló fálase un galego lindísimo. O núcleo de resistencia da lingua ten que partir de aí, de Cangas”, engade sorrinte.

Antes ía frecuentemente por Galiza, e sei perfectamente que hai unha opresión lingüística e unha opresión política

«Penso que hai un tema que tedes enfocado mal en A Nosa Terra, sobre a semeIlanza do Norte de Portugal e Galiza. Aquí hai un proceso que fomenta a división entre o Norte do país e o Sur. Falar no norte de alentajanos é como falar de Cuba ou de Moscova,… son estranxeiros, xentes que non traballan. O esquema que teñen sobre a xente do Alentejo é dun segregacionismo fomentado pola televisión. Nunca transmiten nada do Alentejo na RTP, e do Algarve só para falar do turismo. Nesa idea é que se trabaIla sobre a xente do Norte. O escurantismo existe tanto en Galiza como no Norte de Portugal, pero na Galiza a xente é moito máis aberta, moito máis lúcida. Sobre iso non teño a mínima dúbida». Perguntámoslle sobre se o estabelecemento dun eixo económico Galiza-Porto sería xerador dunha meirande aproximación: «mira, hai unhas semanas fixéronse uns actos no Norte dirixidos por un grupo de industriais, xente das cámaras municipais, algúns escritores e intelectuais, coa idea centralde que Portugal nunca sería nada sen Porto. Todo iso cun carácter localista e reaccionario. Aquí só teñen unha preocupación, pertencer custe o que custe á CEE [Comunidade Econonómica Europea, hoxe Unión Europea]. Non se fala de máis nada, todos os días. E a CEE é para eles unha garantía política da súa continuidade, non interesa se ten ou non beneficios para Portugal. Nunca se explicou o que se pretende con ela. Nada. Nunca foi feita ningunha consulta a ningún nivel. Sábese que a CEE é unha garantía política para continuar no poder, e asi, por exemplo, a reconversión fana con miras á CEE». 

José Afonso nunha das súas actuacions na Galiza nos anos 70, entre outros xunto a Xico de Cariño e Bibiano.

O canto e a militáncia… 

«Hai unha cousa que quero que denuncies, é ao Arnaldo Trinidade, o que levaba as casas de discos Orpheo e Rádio Triunfo, un típo que non paga, e que aproveitándose da boa vontade ten defraudado e esquilmado unha cantidade de cartos, especialmente declarando vendas que co tempo comprobamos que eran falsas. Dicia que, por exemplo o Fausto, vendía dous, tres ou ao sumo cinco milleiros de discos, e agora comprobamos que vende case 20.000 discos. Enriba, ademais de editar os discos nunhas nefastas condicións técnicas, dicia que a música de esquerda non había que promocionala…” Preguntámoslle se eran razóns ideolóxicas as que obstaculizaban gravar nas grandes casas discográficas, «eles non estaban interesados en integrar a cantantes cunha forte marca política. A min a Polygram ou a CBS nunca me convidaron», e sobre os límites entre o cantor comercial e o político dinos, «no proceso actual xa non hai esa diferencia, e iso non é unha crítica aos meus compañeiros. É unha época na que a fronteira entre o cantor político e o cantor de mercado case non existe. O cantor de intervención ten un produto máis elaborado, máis intelixente, máis activo, pero a distancia entre uns e outros non é tan grande como noutro tempo. Xa se foi o tempo en que o cantor collía unha guitarra e preocupábase máis polos resultados políticos da súa intervención que dun resultado artístico sofisticado. Hoxe apreséntase cun staff de músicos, cun bo caché, tendo coidado polos aparellos de son,…”, e non son compatíbeis?, perguntamos nós, «os músicos esixen un caché e o cantante político non pode pagalo. Faise mellor o traballo musical e iso implica determinados gastos. O cantor político presentaba un produto pobre: unha voz e unha guitarra. Cos medios actuais presenta un produto máis completo». 

A canción é un meio axeitado para axudar a un proceso de transformación, aínda que eu sempre fun moi escéptico acerca do alcance da canción

Cres que segue a ter sentido hoxe o cantor político?, perguntamos: “a canción é un meio axeitado para axudar a un proceso de transformación, aínda que eu sempre fun moi escéptico acerca do alcance da canción, mais coido que perdeu moito dese impacto que tiña. É moito xa un medio de consumo». E a Grândola, foi conxuntural?, “Grândola pertence á história, ao pasado. Se ti foses cantar a Grândola, para o Norte si ten un sentido: actúa como un medio de axitación nun terreo conservador, controlado polos caciques, os cregos, ten un determinado poder de subversión. Aquí non: podes cantar a Grândola e non pasa nada». A pergunta que surxiu era sobre a minimización dos chamados cantautores nos medios de comunicación, o Zeca abonda: «o capitalismo vai iniciar os primeiros pasos, as multinacionais toman conta da venda dos discos, e o seu obxectivo fundamental é vender o disco angloamericano. Pouca importancia ten o Zeca Afonso, o Fausto, o Vitorino,… venden 20.000 copias frente a centos de milleiros. Ti escoitas música angloamericana aqui en Portugal da mañá á noite, as 24 horas do dia». 

Xornada de homenaxe en Guimaraes en 2006.

Sobre o compromiso artístico e político esténdese: «o senso do cantor de intervención e a militancia política son indisociábeis para min. Non se pode cantar, non se pode dicir en palabras unha cousa que despois non se faga na práctica. O cidadán político é indisociábel do cantor. Nese camiño Daniel Viglietti é un exemplo para min». Non pensas que a actitude do intelectual europeu tende a divorcialo?; «iso pódese explicar en parte polo nivel de vida acadado nesa altura, pero o peor deses intelectuais é que son anticomunistas, por exemplo esa intelligentsia francesa. Son beneficiarios, pola situación que viven, da economía de mercado occidental, e non escreben para Nicaragua, para o Perú, para Panamá, para o Timor Leste. En en xeral non é esa a actitude, por exemplo, dos intelectuais latinoamericanos».

A situación de xenocídio no Timor Leste é unha constante na preocupación de José Afonso. Quer que nos festivais se Ile dé preponderancia aos comunicados que denuncian a situación desta ex colonia portuguesa invadida, coa indiferencia internacional e da ex metrópole, por Indonesia, «estou profundamente ligado a eles por opción. A situación do Timor Leste é de escándalo internacional. Non mereceu atención nin da ONU, en gran parte polo silencio imposto polo goberno portugués, polo goberno PS [Partido Socialista]. É preciso facer axitación en todas partes sobre esa situación». 

Esa seriedade, esa solidariedade internacionalista, lembrounos o final da mensaxe dos cantantes latinoamericanos en Managua “(…) aqui, en Nicaragua libre, non se suspende a poesía ante a agresión porque  como di o emblema deste encontro a loita é o máis alta dos cantos. Compañeiro José Afonso: o tue combate é o noso». 

Asombra a enerxía deste home, minado na súa saúde, cando se fala dalgunha inxustiza, ou dalgunha traizón, cando falamos de Nicaragua, ou da fame no seu país.  A Zélia entrégalle un debuxo saído na prensa portuguesa. Vese unha caricatura que recolle as declaracións dun alto personaxe político que di Fome en Portugal?, fome só hai no Brasil e en Etiopia, e encéndese nunha rabia calada que se Ile escapa dos ollos. Xantando comenta, «o problema de alcumes como fillo de puta é que perden valor polo uso tan extensivo que hai que facer deles». 

Os festivais e a participación popular 

Desde hai anos chegan as noticias da enfermedade do Zeca, aqui na Galiza, sen saberse realmente máis que xa non actúa nin dá recitais. Algúns galegos asistiron ao histórico festival do ‘Coliseu dos Recreios’, en Lisboa, no ano 1983, o festival, recollido nun LP grabado en directo, inesquecíbel para todos os que o viviron. 

Desde aquel primeiro acto multitudinario téñense sucedido festivais homenaxe sen interrupción. O día que voltabamos para Galiza tiña lugar un en Viana do Castelo; tres semanas antes fora Setúbal quen o vivira, «non sei por qué teñen esa acollida, é unha interrogación. Non sei que feitos suceden para xuntar ás persoas. Poden contribuír para dar unha noción de forza colectiva. Supoño que depende do medio e do que as persoas queiran facer» O Zeca, na medida do que pode, procura controlar que sexan actos de unidade, de mobilización e de participación «si, que sexan actos abertos con cantantes, bandas de música, grupos culturais. Eu proprio non me intereso. A música é un servizo prestado, e a utilidade dese servizo depende moito da función que teña nun determinado ambiente e nun determinado tempo. A acción actual é máis cívica e máis política». 

A asistencia é do máis heteroxénea, pero, chegan hoxe os cantores á xuventude?, «a relación que existe hoxe entre nós e a xuventude é completamente diferente á de hai doce anos, non ten que ver coa da resistencia antifascista. Cantamos para que? Aquilo que cantamos e dicimos, non estará desadaptado da situación actual, da realidade que se vive en Portugal e na Europa actual? En certa maneira a xuventude está alienada. Non quer pensar. É unha actitude que só persegue o gozo imediato do que se está a facer».

Aínda falamos de máis cousas, pero o esforzo do Zeca xa fora demasiado grande. Cánsao falar moito seguido, pero aínda ten tempo para chancear. O Samuel, un amigo que nos acompaña, lémbralle que cando o coñeceu mantiña conversas con catro grupos de persoas a un tempo. O Zeca rise, «é a miña vea frustrada de líder. Eu gustaría de ser como Napoleón, que escribía dez cartas á vez». 

Son as 7,30 da tarde. Véñenlle pedir unhas palabras nunha grabación para un grupo cultural no que el fora animador uns anos antes, chámano por teléfono para lle pedir entrevistas que ten que refugar. Dinos que mandemos un saúdo para todos os seus amigos de Galiza, e saímos de volta para Lisboa co ánimo entre ferido e contento.  Aínda lle ouvimos ao Zeca dicir, «qué pronto se me foi o día!». [A Nosa Terra. nº 268. 25 de abril de 1985]

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here