Cúmprense vinte anos desde que o portugués José Saramago recibiu o Premio Nobel. En Febreiro de 1986 A Nosa Terra entrevistaba a José Saramago na súa casa de Lisboa. O ano da morte de Ricardo Reis, o seu último romance daquela, estábao a tornar no escritor portugués máis lido. Mantiña Saramago a reivindicación da ironía na literatura como unha sorte de expresión de sabedoría e rebeldía continua. Daquela estaba a participar do lado do Partido Comunista na campaña en apoio de Salgado Zenha para a presidencia da República. O futuro Premio Nobel de Literatura revoltábase máis unha vez contra o intelectual descomprometido na súa face de espectador impávido. Co mesmo ideario anunciou o contido do que sería o seu discurso de recollida do premio: un alegato contra a inxustiza social manifestada nas 250 mans que acumulan a riqueza mentres milleiros de persoas morren de fame. Cifras que arrepían e que Saramago repite a mantenta.  Velaquí pódese consultar o seu discurso de recepción do premio en Estocolmo.

José Saramago na súa casa lisboeta en 1986. ©Xan Carballa. Fundación A Nosa Terra

Sobre a mesa de castaño hai unha pequena máquina de escribir que máis parece de correspondente na revolución mexicana. No terceiro piso da rúa da Esperanza (“esta palabra Esperanza, con minúscula ou sim ela, o melhor é riscala do nosso vocabulário”) entre o chifro dunha ambulancia e, por se foran os soldados da Inquisición, pensamos en Sete-Lúas, que camiña no branco da tarde atrás dun espíritu. No lenzo da ampla libraría, un rótulo de cartón (“Historia”) lembra algún safari de clasificación, aboiado no rieiro de novos libros. Desde este recanto de Lisboa, José Saramago (Memorial do Convento, O ano da morte de Ricardo Reis, Levantado do Chão, Viagem a Portugal, Poemas Possiveis) fai unha literatura que están traducindo en todo o mundo.

Ás veces, as literaturas voltan do revés o anteollo de Robinsón e descansan de espreitar o horizonte á busca dunha vela. A viaxe heroica métese daquela entre o decorado dun carreiro de formigas, as referencias do común ocupan o lugar da aventura e o interior do vocabulario das normas de obrigado cumprimento substitúe á retórica. Aos escenarios de José Saramago pásalles coma aos de Almeida Garret que escribiu un libro titulado Viagens da Minha Terra pero a terra de que se fala non vai moito alá de Santarem.

“Non sei ben o que en este momento está a pasar na Galiza, pero aquí durante moitos anos discutiuse o sexo dos anxos: a universalización ou a universalidade da novela portuguesa universal; como se interesarían outros países por ela. Neste momento, cando xa non se discute tal cousa, e estamos de feito interesados en saber que terra é esta e como é a nosa xente, descubrimos que os do outro lado das fronteiras, cando len as nosas novelas, din: iso que vostedes están a facer é mesmo bon. Pero aquí só estamos a falar de entre o Terreiro do Paço e Mafra, é onde decorre a nosa vida e é da nosa vida do que temos que falar. Se os demais queren saber de nós, é deste bocado de chan e de este bocado de vida do que teñen que saber. Non, desde logo, cunha novela inglesa ou francesa feita desde aquí. Esta reflexión non fai máis que dar conta de algo obvio… A Galiza terá tamén que encontrar o seu escenario entre Vigo e Lugo ou Santiago, por exemplo”.

Cando falan con entusiasmo dos Estados Unidos

de Europa, eu creo que están a brincar connosco

O escritor ten na máquina un fólio da novela que sucede á O Ano da Morte de Ricardo Reis (1984), da que xa se venderon corenta mil exemplares en Portugal. A proposta da que temos que falar da nosa vida e da nosa terra, está aquí desenvolvida nun razoamento que delimita iberismo e europeísmo.

“Se hai un tema central neste novo libro, é realmente a Península Ibérica  [aos poucos meses desta entrevista publicaríase A Jangada de Pedra]. E non ten que haber aquí confusión con ideas de iberismo ou unión ibérica, senón a conciencia de que deste lado dos Pirineos hai unha idea propia. Isto para alén das diferencias internas na península: Catalunya non é Galiza; Galiza non é Euskadi; Andalucía non é Castela e nada de isto é Portugal. Somos unha especie de enxaretado de culturas, de afirmacións rexionais e nacionais moi acusadas. E a pesares de todo canto tentou envolver e revolver estas diferencias, séculos despois, é dicir hoxe, os caracteres propios mantéñense e tenden a afirmarse cada vez máis. A noción que eu teño é que a Península Ibérica é algo particular, que nunca poderá integramente formar parte da Europa; nós non somos parte desa unidade que se chama Europa, que tampouco é tal unidade. O erro histórico é que antes de termos podido, como Península Ibérica, desenvolver todas as nosas capacidades propias, aquelas que son nosas e que non son confundíbeis con ningunha das expresións europeas, imos entrar (xa entramos) na caldeira de Europa. Polo demais tampouco é un compromiso para a vida e para a morte: hoxe están a construír Europa pero Europa mañá pódese desconstruír. E cando falan cun entusiasmo tan grande dos Estados Unidos de Europa, eu creo que están a brincar connosco. Non é posíbel facer así os Estados Unidos de Europa, converter só unha parte do continente europeo nunha organización da que sabemos de sobra que, se por eles fora, estaría dividida en estados pobres. Estes Estados Unidos de Europa non fan senón conservar unha relación de forzas e de dominio que existe xa. Só que en vez de ser países independentes terían un nome común pero non por mudar o nome dunha cosa muda nada. A miña novela, con recursos propios da ficción, metaforicamente, pretende explicar isto: que a Península Ibérica non é Europa. Agora non vos vou dicir máis porque revelaría o segredo do relato. Na colmea non se pode entrar”.

As veces a ironía é a máscara dunha grande dor

O humor e a ironía son marcas compartides por toda a literatura que permanece. Saramago tenlle chamado sabedoría. O sorriso seria pois a comprensión que vive a carón do nós como un peto contra as agresións; ferramenta perfecta de transformación. Ofrecémoslle que poña os marcos ás leiras cruzadas da impotencia e da rebeldía que hai no humor.

“É verdade: a ironía é rebeldía e tamén dor. Teño dito que as veces a ironía é a máscara dunha grande dor. Es irónico porque estás dorido, porque estás sufrindo. En vez de caer nas bágoas, na efusión dramática, hai unha especie de auto-cauterización coa que o autor se queima a si propio. Iso nótase nalgún dos meus libros porque eu emprego a ironía mesmo contra aqueles que eu máis amo. Onde é máis evidente é no Levantado do Chão, onde eu viro a ironía contra os labregos, os traballadores. Unha lectura errada podería levar até pensar que o autor se opón a estes personaxes. Unha grande confianza no propio futuro, faría probablemente que o ton irónico aparecese fora de lugar. No fondo a ironía é como quen asubía cando pasa por fronte dun cemiterio. É unha maneira de nos defendermos. Parecendo un sistema de ataque pode ser finalmente de defensa aínda que se poda ser menos pesimista no uso da ironía. Cando serve para desmitificar, para amosar o outro lado das cousas, para destruír os convencionalismos, é xa que logo un arma positiva. Con todo un, concordo: non será un sinal de impotencia pero si que é de fraqueza temporaria, digamos”.

Houbo un tempo en que José Saramago describiu a vida como unha longa paciencia até recoñecer que mellor se define como unha longa violencia.

“Probabelmente é máis unha intuición que o resultado dunha experiencia propia. Cando falo da longa paciencia é porque nos temos que resignar de vivir sucesivamente os días e nin todos os días son días que valían a pena; e violencia porque, a fin de contas, é unha sucesión de actos violentos que infrinximos aos outros e que os outros ten con nós. Finalmente, imos conseguindo vivir nunha situación de armisticio. Oscilamos entre a paciencia e a violencia e eu penso que escribir é unha forma de controlar esta tensión que existe entre unha cousa que se espera que aconteza e a violencia, que retarda ou precipita o que se desexa ou o que se teme”.

Son realista, con certos riscos propios

Nas novelas de Saramago hai unha grande reflexión irónica sobre os mesmos elementos do realismo. Á tremenda afirmación de que a paisaxe non existe, o autor opón unha paisaxe (“o que máis há na terra, é paisagem. Por muito que do resto lhe falte, a paisagem sempre sobrou…”) utilizada como imaxinación; parece como se quixera rir dos que afirman que a paisaxe está deshabitada e conseguira demostrar que os elementos materiais do realismo, estaban cheos dunha humanidade que non se quería ou non se sabía reflexar.

“Cada vez que alguén se interesa polo que eu estou a escribir a súa preocupación é onde se me pode colocar. Leo críticas e ensaios e doume conta de que unha das dificultades xerais sobre a miña narrativa é certa incapacidade por definirme. Quén é este home? Que libro é este? En moitos casos inventan razóns que non están máis que na cabeza de quen escrebe, sen apreciar o que é obvio. Eu creo que podemos tentar de explícalo por exclusión de partes. Eu non son un escritor surrealista; tampouco existencialista… A medida que vou retirando hipóteses, poida que a única cousa que permaneza sexa o realismo. Por todas as razóns, e precisamente porque eu tento de facer unha narrativa que abranga todo. Con isto non quero describir unha narrativa ecléctica, na que houbese un pouco de surrealismo, de existencialismo… A vida? Xustamente abrazar a vida, cinguir a vida. Eu penso que iso non pode facerse máis que nos cadros do realismo que son ben máis amplos de aquelo que se pense en certos momentos. Non hai moito preguntábanme nunha entrevista, pero vostede é realista? Eu coido que son realista pero xa me situaron no realismo máxico, no real marabilloso, nas influencias dos escritores latino-americanos. Son realista, con certos riscos propios”.

Por que non se quere que o escritor tome en conta

esa parte da vida social que é a acción política?

Ricardo Reis morreu en 1936 pero foi lapidado no 1984 con O ano da morte de Ricardo Reis. O intelectual liberal, culto, sensíbel, descomprometido observa o Portugal salazarista como un entomólogo; Fátima como un raro destino folcklórico-litúrxico; o golpe fascista en España coma un acontecemento do fado.

“Cando escollo a Ricardo Reis é precisamente a quintaesencia  do intelectual independente que declara que contentarse co espectáculo do mundo é o sinal da sabedoría, da sagesse. Os escritores que defenden a non participación na vida política de feito defenden en maior ou menor grado o estatuto do espectador: eu son espectador, non interveño, non participo; eu non estou sentado no escenario; fico aquí na miña platea e asisto. Como escritor, como persoa moi intelixente que son vou tomando nota do que acontece. Cando eu vou buscar ao Ricardo Reis, que declara que non ten nada que ver co mundo e o confronto co ano terribel que foi 1936, pregunto. É posíbel nunha situación semellante que alguén ouse dicir que non quere saber do mundo, dos homes? Cando se pregunta se un escribe debe comprometerse ou non, cústame entendelo. Considero que toda a vida do home, é un compromiso con todo: os seus clientes, os amigos, a familia, a patria. O home ten que facer un certo número de cousas ou non facelas. E dentro da sociedade está a acción política, por que non se quere que o escritor tome en conta esa parte da vida social que é a acción política? E coma se lle pedisen que se exprese nun sesenta ou setenta por cento da súa personalidade e oculte a outra. No meu país hai un certo número de autores que reclaman para si o estatuto especial de independente das loitas políticas e dos partidos. Pero cando ese autor é chamado a votar, como agora para a presidencia da República, tería que levar a súa independencia ao extremo e nin sequera votar. Tan pouco suxa as mans na vida política, que non move os pes para ir votar. Pero se vota, será por alguén, por algún partido, pero como se compromete? En segredo? E non se pode dicir publicamente cal foi ese compromiso? Se alguén di: son escritor pero non explico quen son eu politicamente, e corto unha parte da miña personalidade e exprésome parcialmente, eu sinto desexos de preguntar se eses escritores teñen medo de perder lectores”.

Reflexións dun autor moito antes da internet

Saramago participa nos actos públicos da campaña a presidéncia da República en apoio de Salgado Zenha, xunto con outros nomes ben coñecidos do Partido Comunista. O bruído da campaña sobe desde a rúa, e está na mesa sobre a que falamos, nas primeiras planas dos xornais. Nós falamos aínda dos libros deste escritor comprometido e da súa visión da galaxia Gutemberg.

“Ai ven a televisión con 25 canais que lle vai facer crer a algúns que está vendo o mundo cando o que estará vendo son algunhas imaxes do mundo, que non é a mesma cousa. Hai razóns para temer unha quebra de interese por un xénero como a novela, que ten trescentas ou catrocentas páxinas e require tempo de lectura. Paradoxicamente, no momento en que Portugal máis se nota a influencia dos medios audiovisuais estanse rexistrando as mellores tiradas de libros dos últimos trinta anos. Non estou a falar só dos meus libros (O Memorial do Convento, sesenta mil exemplares; O ano da Morte de Ricardo Reis, corenta e cinco mil), senón dos meus camaradas de letras que atinxen con facilidade dez ou quince mil exemplares de venta. Isto non acontecía hai anos. O que explica fundamentalmente este fenómeno é que o lector portugués que non concedía moita importancia á súa propia literatura, e prefería as traducións tal vez por efecto do 25 de Abril e das transformacións culturais e sociais que trouxo, e da participación dos cidadáns na vida do país, interesouse polos escritores propios. Pero tamén hai razóns para preocuparse. Vivimos unha profunda crise económica e, aparte dos méritos intrínsecos que un autor teña para que compren lean e discutan a súa obra, o lector non ten diñeiro para libros e síntese levado por unha presión a comprar o libro do que se fala. O Best Seller é unha torre que proxecta unha sombra sobre libros de grande mérito que deberían ser lidos pero non o son porque non se fala deles. Despois a Democracia tornouse institucional o que é un mal sinal… Pero daquela os escritores regresaron á casa e hoxe na narrativa hai aspectos interesantes. Outro aspecto a salientar é que desde hai moitos anos hai unha situación nova: non temos mestres literarios que definan unha tendencia ou unha escola”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here