gtag('config', 'UA-106570544-1');
Martes, 29 Abril 2025

Martínez Anido, o galego que aterrorizou Barcelona

Severiano Martínez Anido foi, durante moitos anos, máis lembrado en Barcelona que a represión do tempo da guerra, a pesar de que as súas actividades tiveran lugar moito antes. A súa imaxe aseméllase á do Duque de Alba en Flandres. A simple mención do seu nome causaba terror.

Como gobernador civil foi o responsábel da represión das folgas revolucionarias de 1902 e 1919, sempre con medidas especiais, entre elas a lei de fugas. Nacera en 1862, uns afirman que en Ferrol e outros que en Sober, na ribeira do Sil. A academia de infantería outorgoulle licenza a pouco de facer os vinte e dous anos. Con esa preparación partiu para a guerra colonial en Filipinas e Cuba. Na primeira destas illas, o exército especializárase en incendiar aldeas. Na segunda, estábanse a inventar os campos de concentración, onde os encerrados morrían de cólera e variola. Ao seu regreso, Martínez Anido converteuse en amigo do Conde de Bugallal e cando pasaba por Madrid hospedábase no hotel Ritz, lugar de encontro de políticos e ministros.

Pero foi na capital catalá onde se fixo célebre, sobre todo polo seu costume de axustizar tres obreiros anarquistas por cada morte que estes causaban nos seus atentados e tumultos. Tiña por hábito mandar deter as súas vítimas e logo guindalas ao mar desde un barco que se internaba en augas suficientemente afastadas da costa para evitar a incomodidade de que a marea devolvese os cadáveres inchados. Tamén chegou a ser coñecido o seu costume de mandar subir os presos aos últimos perpiaños das murallas de Montjuïc para desde alí precipitalos, a punta de baioneta, ao fondo da montaña. Xunto co tamén xeneral Arlegui, foi ademais o criador dos chamados Sindicatos Libres, integrados por pistoleiros ao servizo da policía.

Cando o presidente do consello de Goberno, José Sánchez Guerra, decidiu substituílo, xa nos últimos anos da Monarquía, ordenou como primeira medida urxente a súa presenza en Madrid. Anido xustificou o seu proceder:

–É que quero demostrar que eu son o home máis bruto de España.

O Presidente respondeulle:

–Non! O máis bruto, non. Pero un dos máis brutos desde logo.

Moitos grupos anarquistas conxuráronse para localizalo e darlle morte en calquera parte que se refuxiase, pero non conseguiron dar con el. Entre finais de 1922 e principios de 1923, viviu a salvo das súas iras na pequena illa de Toralla, situada na ría de Vigo, que desde 1910 era propiedade dun masón progresista (grado 33 da Masonería Gran Oriente), benefactor da cidade e de apelidos vascos, Martín Etxegaray Olañeta. Martínez Anido vestía nesta época como un obreiro: roupas modestas, alpargatas e boina, co obxecto de pasar desapercibido. O goberno encargáralle ademais a dous policías de escolta que o acompañasen en todos os seus paseos. Pero o ánimo de vinganza seguía vivo. Durante a República, con Anido refuxiado nese momento en Francia, algúns periódicos defenderon a idea de fusilalo se regresaba. Os feitos quixeron en cambio que o xeneral puidese retornar libremente de seguida e que o pasado polas armas, en 1936, fose Segundo Etxegaray, un dos herdeiros do propietario de Toralla.

É probábel que Anido non coñecese a situación pola que atravesaba o fillo do antigo protector seu. Incluso din que interveu desde Valladolid para que a familia que o salvara unha vez non sufrise máis represalias e que finalmente aconselloulle aos Etxegaray que tomasen un barco rumbo a América.

Pero o que máis chama a atención é un detalle acaecido ao final da vida do xeneral. Cóntao Luís Guitián, que foi director da banda de música de Sober e máis tarde alcalde, e a el contáranllo varios veciños.

Quizais vítima dun último presentimento, Anido regresou á súa aldea coa intención de organizar as vodas de ouro dos seus proxenitores. Estes finaran en realidade había anos, o que non representou un inconveniente serio para el, afeito como estaba a impoñer a súa vontade nas circunstancias máis adversas.

Decidiu, en primeiro lugar, entrevistarse cos veciños de maior idade, co obxecto de seleccionar a parella máis apropiada. Acto seguido, convocou un gran xantar, obrigou os dous vellos escollidos a presidir unha longa mesa instalada no corredor e díxolle a todos os convidados que se trataba dos seus pais. Os comensais finxiron dar crédito ao embuste ou mellor sería dicir que se comportaron como un amábel público naquela representación.

Poucas semanas despois, aínda non rematada a guerra, Martínez Anido morreu, deixando vacante a carteira de Ministro de Orde Público, entre outros cargos relevantes.

Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada
Monforte de Lemos (1960). Xornalista, escritor. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

O que non se conta do golpe do 23 de febreiro de 1981

O golpe de Estado do 23-F, do que se fan agora 40 anos, foi un fito nun proceso que procuraba pórlle o ramo a...

“Operación Primavera”, como os servizos secretos sitúan a González na cabeza do PSOE

"Felipe González, de pronto, sacou un largo Cohiba, acendeuno devagariño e fumouno coma un sibarita. A min ese pequeno detalle chocoume, estrañoume. Era un...

O enfoque legalista da guerra civil

No debate sobre a guerra civil, de cuxo final se acaban de cumprir 80 anos, dominan dúas posturas enfrontadas: a dos valedores das teses...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap