Nótase que Stefan Zweig o pasou ben escribindo este libro. A maioría das súas páxinas acadan un ton tan épico, sen perder o seu carácter descritivo, que obrigan a non despegar os ollos da lectura. Aínda que a obra é de 1927, hoxe diriamos que a maioría dos seus capítulos teñen o estilo dun thriller cinematográfico.

Estamos a falar de Momentos estelares da humanidade, que leva por subtítulo Catorce miniaturas históricas. Xunto con O mundo de onte, é probabelmente a obra máis coñecida e difundida do autor. Acaba de ser publicada en galego por Kalandraka, en tradución de Laureano Arauxo.

Zweig é un escritor ecléctico. Escribiu poesía, teatro, novelas e moitas biografías. Quizais sexa nestas últimas onde máis destacou. En Momentos estelares deixa ver reminiscencias románticas, que lembran por exemplo a Victor Hugo, un estilo que eleva o narrado case até a fantasía, pero que ao mesmo tempo ten como contrapeso o escepticismo a respecto do xénero humano que destila o autor. Hai que lembrar que Zweig contemplou a matanza da I Guerra Mundial, desde posturas pacifistas, e acabou por suicidarse en 1942, cando o exército alemán e os seus acólitos ocupaban xa case toda Europa.

O estilo de Zweig  eleva o narrado case até a fantasía e ten como contrapeso o escepticismo a respecto do xénero humano

Estas catorce pezas históricas, seleccionadas quizais non só pola súa excepcionalidade, senón probabelmente tamén polo seu dramatismo, foron escritas con gran apego aos datos, pero ao mesmo tempo aplicando recursos practicamente literarios. Por iso, e a pesar dos anos, a súa lectura segue sendo aconsellábel para os novos historiadores que intentan despegarse da monotonía propia do academicismo universitario.

Os tres primeiros textos serven de exemplo do que busca un lector que pretende aprender e ao mesmo tempo entreterse, como aconsellaba o clásico. O primeiro está dedicado a Cicerón, un dos homes que dignificaron a lingua latina, e o terceiro a Núñez de Balboa, o “descubridor” do Pacífico. A pesar da enorme distancia entre eles, estes dous personaxes tiñan en común que eran ambiciosos, que lles gustaba a política e que acabaron coa cabeza cortada polos seus adversarios. Por moito que ás veces se diga o contrario, a sociedade actual é, sen dúbida, moito máis pacífica que a de tempos pasados.

No segundo relato, corre aínda máis sangue, porque trata da conquista de Bizancio polos turcos. A cidade, e con ela a famosa basílica de Santa Sofía, acaban baixo as tropas musulmáns. Zweig describe cada un dos pasos bélicos levados a cabo durante o asedio, dándolle o maior brillo posíbel ás anécdotas. Neste caso, a máis importante é a dunha pequena porta entreaberta na muralla que deixaron esquecida os sitiados e pola que acabaron entrando as tropas turcas de elite.

A inspiración dos artistas

A medida que pasan os capítulos, o libro avanza cara épocas máis modernas e o autor non só recrea batallas ou asasinatos, senón tamén acontecementos que salvan o prestixio do ser humano. Así se nos describe o inesperado intre de inspiración no que Händel, xa na madurez, compuxo o Mesías; a historia do practicamente descoñecido autor da Marsellesa, que non era revolucionario nin era de Marsella; as circunstancias nas que un xeneral de Napoleón causou a súa derrota en Waterloo por ser demasiado obediente; ou o momento no que Goethe escrebe un longo poema sobre unha rapaza que non acepta a súa proposición de matrimonio. O famoso escritor tiña, no momento 74 anos e a moza 19 (17, segundo outras versións). Talvez a chamada Elexía de Marienbad, tan importante para a lingua alemá, daría hoxe para unha interesante relectura en clave feminista.

Cartaz da película biográfica sobre Zweig estreada en 2016.

Da conquista militar ao progreso científico

A conquista é unha das constantes e unha das claves deses momentos heroicos da humanidade escollidos por Zweig. Pero a conquista militar, xunto coa epifanía poética, transfórmanse co paso dos anos en avances ou en saltos científicos. A nova ideoloxía, a que máis impresionará a Zweig, e non só para ben, é o progreso. Así recrea o polémico descubrimento do chamado El Dorado, en California; a primeira instalación dun cabo telefónico submarino a través do Atlántico; ou a loita por ser o primeiro en chegar ao Polo Sur. O libro remata coa inopinada viaxe de Lenin a Rusia para iniciar a revolución bolxevique, desde o seu discreto acubillo en Suíza até chegar a San Petesburgo, a bordo dun tren blindado alemán. A perla final non impresionará demasiado os lectores pero probabelmente afectou moito a Zweig: o fracaso do presidente norteamericano Wilson que viaxou a Europa, ao remate da I Guerra Mundial, para establecer unhas condicións de paz duradeiras que superasen a “diplomacia secreta” tan habitual, e de nefastas consecuencias, en Europa.

Zweig foi sempre un humanista, un home moderado, coa virtude de que non lle daba nunca as costas ás inxustizas. Pódese ver nas discretas pero constantes alusións aos indíxenas sacrificados polos conquistadores españois. Zweig admira a capacidade de resistencia destes aventureiros pero non deixa de ver que van movidos pola cobiza e que poden ser tan devotos e humildes ante Deus como crueis ante os seus semellantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here