gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 28 Abril 2025

O novo xornalismo dixital, unha reflexión desde A Nosa Terra

Volve A Nosa Terra, en soporte unicamente dixital, aínda que dunha maneira distinta á do 2010-2011. Agora, do que se trata é de centrarse no contexto, máis que na noticia diaria. Pero de non menos importancia debería ser o cambio de estilo. Na rede non escribimos igual que no papel, aínda que todos estamos aínda algo presos do vello hábito, do mesmo modo que os deseñadores dos primeiros prototipos da aviación tentaban imitar as alas do paxaros.

A lectura en pantalla é máis rápida e menos constante, polo tanto lévase mal cos parágrafos longos e coas digresións. O non ter diante o artigo enteiro tamén nos impide escribir frases como “xa diciamos máis arriba”. Neste sentido, a escrita dixital parécese algo á radiofónica, fai necesario reiterar a idea e o nome do suxeito. No mesmo sentido, o uso dos pronomes (que substitúen o nome) non é moi aconsellábel porque provoca confusión.

Este tipo de escrita tamén recibe mal as abstracións e o uso de conceptos que obrigan a un grado de concentración que o lector poucas veces alcanza, neste novo marco. Algúns dirán que iso devalúa a lectura e que a simplifica. E, en parte, terán razón. Os textos filosóficos casan mal coa pantalla. Pero non hai que esquecer que tamén a escrita literaria estivo sempre máis apegada ao concreto que ao abstracto e que a noticia xornalística tradicional caracterizase pola súa materialidade. O como, o onde, o quen e o cando, deben ser perfectamente recoñecíbeis a primeira vista.

Se queremos ampliar a perspectiva das noticias, nesta nova etapa de A Nosa Terra que se acaba de abrir, teremos que evitar o recurso fácil á teorización. E teremos que darnos a entender mediante a relación seleccionada de noticias concretas. Isto é: máis que recorrer ao abstracto acudiremos á memoria e a comparación con espazos distintos ao noso. Temos unha hemeroteca e a vontade de estender a mirada. Velaí un exemplo: cando a lingua galega nos parece pequena, debemos pensar que a maioría das linguas que hai no mundo non teñen máis difusión que a nosa nin contan con medios moito mellores. As chamadas linguas internacionais (un argumento que tanto usan para desmerecernos) son en realidade só tres ou catro. E iso lévanos a concluír que a situación do galego, cos seus problemas, é máis habitual que a do castelán. Igualmente, o desexo de parte dos galegos de decidir sobre o propio é un afán visíbel na maioría das sociedades. A defensa dos imperios ou dun mundo unipolar representa a excepción, dentro das ideoloxías que percorren o mundo. As ideas dominantes poden ser dominantes pero iso non significa que sexan maioritarias.

Para certas persoas de esquerdas, as chamadas noticias de interese humano non constitúen máis que unha maneira de frivolizar o xornalismo. Nós pensamos de forma algo diferente.

E algo máis antes de rematar. Para certas persoas de esquerdas, as chamadas noticias de interese humano non constitúen máis que unha maneira de frivolizar o xornalismo. Nós pensamos de forma algo diferente. Todos entendemos o mundo a través dos veciños que coñecemos, antes que a través dunha teoría. Os nosos veciños interésannos e non está mal falar deles en singular. A diferenza entre unha reportaxe humana e o xornalismo amarelo non radica no protagonista da noticia senón no que se conta nela e na intención coa que se fai.

E nada máis. Intentaremos afondar e aprender cada día a facer este novo xornalismo (que, por certo, non é tan diferente do que no seu día preconizaron Tom Wolfe e outros) coa ilusión que dá todo o novo. E convidámosvos a que vos sumedes.

Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada
Monforte de Lemos (1960). Xornalista, escritor. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario. Mestra excepcional, pedagoga da experiencia directa, a súa biografía alfómbrana as flores de moitas mulleres...

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e o debate que propoñía o recén desaparecido empresario galego Maxín Alfredo Froiz (1943-2022), segue de...

O sindicalista que recitaba a Curros

Tiven a sorte de coñecer, aprender e asombrarme coa súa dialéctica, cos seus coñecementos, coa súa postura diante das inxustizas que nos rodeaban a...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap