O escritor Flann O'Brien nun retrato realizado polo seu irmán Micheál Ó Nualláin

Pode un autor parodiar a lingua minoritaria que el mesmo usa? O irlandés Flann O’Brien cría que era o adecuado, pois compartía a idea de Jonathan Swift de que a ironía é unha poderosa arma contra o fanatismo.

Selo de correos irlandés co retrato de O’Brien.

Flann O’Brien non era o seu verdadeiro nome. Ao longo da súa carreira utilizou varios pseudónimos, un deles proviña dun personaxe de teatro que representaba, de forma estereotipada, o irlandés medio parvo. Ese emprego de pseudónimos debíase en boa medida a que O’Brien traballou case vinte anos na administración pública e a sátira que contiñan os seus textos podía crearlle problemas. Escritor e xornalista, ademais de funcionario, algúns dos seus libros, como O terceiro policía, figuran no Canon Occidental elaborado por Harold Bloom.

A novela á que aquí nos referiremos titúlase A boca pobre e foi editada, en 1941, en gaélico e, en 1964, en inglés. O título está tomado dunha expresión irlandesa que alude ao feito de cargar as tintas sobre a pobreza e os sufrimentos que se padecen.

Lector voraz de textos en gaélico, falante nativo desta lingua e estudoso da súa literatura, inspirouse para escribir A boca pobre en varios textos anteriores. Por exemplo, dunha das obras fundacionais do irlandés tomou unha frase moi usada na novela: “Nunca haberá ninguén coma nós”. Esta afirmación, referida no orixinal ao fin dunha raza, é aplicada por O’Brien a un porco, animal que aparece con frecuencia no libro.

O’Brien era un inimigo das frases feitas e das ideas sen contido. Nesta novela repasa os tópicos sobre os labregos do seu país que serían os depositarios da pureza patria e que agora servían de ideal do novo Estado, aínda Estado libre e pronto República.

Versión en galego de ‘A boca pobre’, editado por Rinoceronte en 2016.

Un amigo de O’Brien escribía, en 1938, que o movemento de revitalización do idioma se caracterizaba por un fanatismo carente de humor, algo que, en realidade, contradicía o verdadeiro espírito irlandés. O propio O’Brien facía rexouba da suposta relación que había entre o baile da jiga, a lingua irlandesa, o ser abstemio, a moral e a salvación.  

Antonio Rivero Taravillo, que fai o prólogo e a tradución ao castelán do libro, afirma que, salvando as distancias, estas alusións a unha Irlanda quintaesenciada e hipergaélica seméllanse ao que o Quixote fixo coas novelas de cabalerías. O’Brien era consciente de como a personalidade propia fora levada, por exemplo, ao extremo de adoptar o kilt, ou saia escocesa, algo alleo á tradición de Irlanda. 

Desde o amor á súa lingua e á súa tradición literaria, que tan ben soubo integrar e adaptar no seu texto, o que odiaba era a visión recalcitrante do irlandés que ás veces acababa por suplantar a realidade.

Aínda que, segundo el, escribiu a súa obra moi apresa, topou para ser publicada con dous tipos de censura. Unha, a do Estado, que lle fixo suprimir referencias sexuais e outra, a propia da editorial para textos gaélicos, que supuña que todo o que se escribise en irlandés era ou ben para nenos ou ben para monxas.

Topou con dous tipos de censura. A do Estado, que lle fixo suprimir referencias sexuais e a da propia editorial para textos gaélicos.

O libro esgotouse en poucas semanas e reemprimiuse pouco máis tarde, algo nada común nos textos en lingua irlandesa. Pero despois pasaron vinte anos até que foi reeditado de novo.

O’Brien loitou sempre contra os estereotipos. Criticaba que algúns textos orixinais en irlandés fosen traducidos ao inglés coa obsesión xeneralizada de embelecelos, chegando a omitirse nalgún libros escenas, como a duns porcos nunha choza, por considerala pouco elegante. En compensación, O’Brien enche A boca pobre de porcos.

Antonio Rivero cualifica a novela de “auténtico esperpento irlandés”, ademais de obra deliciosa e por suposto humorística, na liña de Swift e de Twain.

Sergio Pitol dixo sobre ela que “é unha especie de réquiem en sordina por un idioma en vías de desaparecer, e polos últimos poboadores que aínda o falaban, descendentes de reis guerreiros e poetas prodixiosos, degradados a unha condición onde a diferenza entre a súa vida e a dos porcos, cuxa crianza os mantiña, era apenas perceptíbel”.

[A boca pobre. Flann O’Brien. RINOCERONTE EDITORA S.L. 2016; ISBN: 978-84-92866-76-2]

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here