©Fundación A Nosa Terra

Eu non sei con que Ramón Muñiz quedarme. Se con aquel traballador da Extensión Agraria de Compostela que teima na dirección clandestina da UPG pór a andar as Comisións Labregas, creando e dirixindo os Comités de Apoio a Loita Labrega (CALL) nos que un grupos de mozas e mozos, maiormente estudantes, mestres, profesores, pero tamén profesionais liberais, fomos mandados por Galiza adiante non só predicar a boa nova de que outra Terra era posíbel, senón de que había que volver a organizarse.

Predicadores, no senso máis estrito da palabra, pois, naquel primeiro grupo, tamén había algúns cregos, aos que Ramón Muñiz tamén enleara.

Se algo era Ramón Muñiz era optimismo e afouteza.

Ramón Muñiz, entre Xaquín Acosta e X.M. Beiras, durante a Asemblea fundacional do BNG en 1982, na Coruña. ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra

Se con aquel Ramón Muñiz que foi quen de tecer complicidades na creación do Bloque Nacionalista Galego, entre viaxes por toda Galiza creando grupos de independentes. Visitas a Xosé Manuel Beiras e a Aurichu Pereira, diálogos cos seus ex compañeiros na dirección da UPG, Elvira Souto e Ramón López Suevos. Chamadas a Francisco Rodríguez e a Bautista Álvarez. Conversas con Mariano Abalo e intentos de “domesticar” a Méndez Ferrín, (que aínda non pergueñara a Posición Soto, que, pasado o tempo, asumiría X. M. Beiras na creación de AGE), e aos de Galicia Ceibe e, aínda, aos libertarios de Arco da Vella.

Un traballo semellante de muñidor que xa realizara cando a creación da AN-PG.

Ramón Muñiz éra unha persoa dialogante. De consenso, non por condición, senón por razón.

Ou con aquel Ramón Muñiz, primeiro xerente de Promocións Culturais Galegas S. A., a empresa editora que revive no 1977 o semanario A Nosa Terra, tentando imbuír un pouco de realismo ao ímpeto dunhas mozas e mozos xornalistas que teimaban en comerse o mundo e estar en todos os lados. Os días e os cartos daban para o que daban e alí estaban el e Perfecto Ramos para deixalo claro.

Ramón Muñiz era realista, pero teimaba en transformar esa realidade.

Ou con aquel Ramón Muñiz que no II Congreso da UPG comezou polemizando pola constitución da Mesa que tiña que dirixir o Congreso e rematou facendo o mesmo, con X. L. Ledo e outros “das labregas”, en cada unha das cinco Comisións.

Aínda o estou escoitando: “o que controla a mesa, dirixe os debates, e quen dirixe os debates, gaña o Congreso”. E senón que llo digan aos de En Marea e a Villares. Ramón Muñiz era un polemista nato e teimudo.

Ramón Muñiz intervindo na Asemblea fundacional do BNG en 1982, na Coruña. ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra

Ou con aquel Ramón Muñiz que dirixiu as primeiras campañas electorais do BNG, tentando darlle un aire novo, asimilalo un pouco na forma aos partidos tradicionais, no xeito de comunicar as mensaxes. Lémbrome daquelas discusións con Francisco Trigo, nos locais de A Nosa Terra, da que era conselleiro, na rúa Doutor Cadaval de Vigo.

Ramón Muñiz non só cría na xente, senón que coñecía ben Galiza.

Ou con aquel Ramón Muñiz, que volvía a Madrid, onde se afiliara a UPG no 1967, e que comeza a falar da importancia da memoria histórica. Pasando da análise aos feitos comandou un grupo (Xosé López, Lois Celeiro, Pablo Viz, Carlos Basalo…) que comezaron a percorrer Galiza desde Ortegal ao Miño magnetófono na man, para deixar plasma a resistencia das galegas e galegos ao Cabalo de Atila, a súa loita e, en moitos casos, tamén a súa vitoria, aínda que semellara, daquelas, que fora ao contrario.

Foi esa idea da importancia da memoria a que o levou, nos últimos anos, a consagrarse non só a difundir a memoria do seu amigo Moncho Valcárcel, senón de todo o que implica a súa loita. Un día dixo do BNG: “é precisamente a súa historia a que lle da credibilidade no presente e seguridade no futuro”.

Muñiz era un home de acción que sabía da importancia de construír o propio relato… E de amizades.

Ou do Ramón Muñiz ecoloxista, que andaba Galiza na procura de inmortalizar, defender e mostrar lugares singulares. Así foi quen de construír os seus libros sobre as fervenzas.

Ou o Ramón Muñiz da Rede Galega contra a Pobreza ou  da Asociación para o Traballo Social e Comunitario. Sempre disposto non só a loitar polos máis desfavorecidos, senón polas causas máis nobres. Loitar non desde a caridade, senón desde a xustiza e a actividade política, único xeito de poder mudar a situación de fondo.

A Muñiz gustáballe resolver os problemas indo ao fondo.

Se me teño que quedar con algún Ramón Muñiz quedareime co do sorriso franco e o da aperta forte…

Asemblea labrega en Lugo contra a Cuota Empresarial en 1978. Intervén Ramón Muñiz. ©Fundación A Nosa terra

O director da loita das Encrobas

Ou o Ramón Muñiz que, aquel domingo de febreiro de 1976 se achegou As Encobras.

Todo estaba preparado para darlles o cheque aos veciños en pagamento dunhas terras que tiñan que abandonar, non se sabía para onde nin como, só o cando.

O verdadeiro crego das Encrobas arengaba: “Isto é coma un exército no que eu son o voso capitán. E un capitán nada pode facer sen os seus soldados, pero tamén os soldados non poden facer nada sen o seu capitán”.

Pero alí, quen apareceu como o capitán foi Manuel Rodríguez, Manolo das Encrobas, que interrompeu o discurso do crego berrando:

– Os cartos non solucionan nada.

– E logo que queredes?- Un caciquiño tentou deixar coa palabra da boca ao Manolo.

Pero este non calou, e comezou a declamar as peticións que Ramón Muñiz, agardando detrás del, lle preparara, e que se podían resumir en “cartos non, traslado da poboación” que logo daría paso a “a terra é nosa e non de Fenosa”.

Manifestación en Carballo en maio de 1978, en defensa do areal de Baldaio.

E logo viría o papel de Muñiz, como comisionado do Comité Central da UPG en Baldaio ou en Xove. O Muñiz que deseña a campaña contra a Cota Empresarial Agraria.

O Ramón Muñiz exiliado en Portugal no 1975 e que non lle importaba actuar na sombra sempre que a situación o requirise.

Ou con aquel Muñiz que chegou a Chantada a comezos de 1973. Chegou nun Alpine, que none ra calquera cousa e contactou comigo a saída do instituto:

-Ti es Eiré, eu son Marcelo (ou seu nome de guerra).Veño para que montes unha asemblea entre os veciños para reclamar o monte Faro para as parroquias.

Nin o coñecía nin tiña escoitado falar del. Deume a orde. Eu monteina, pero a Garda Civil desmontouma.

Ramón Muñiz, xunto a Encarna Otero e Lois Diéguez ©Xan Carballa-Fundación A Nosa Terra

Ou con aquel Ramón Muñiz que aínda non hai un ano, cando lle mandei un artigo que me pedira para o libro sobre Moncho Valcárcel me chamou e me dixo de xeito imperativo: “tes aí un paragrafo que che vou eliminar. Distorsiona a mensaxe e pode dar unha idea equívoca dese dirixente do que falas, pero, sobre todo, poden utilizar o dato para atacar a UPG. Xa sabes como fan”.

Era so unha anécdota dun 1º de Maio. Pero sacouna, non o ía sacar, porque Ramón Muñiz foi sempre leal coa persoas, pero sobre todo coas organizacións nas que traballou… E sempre tivo unha seguridade en si mesmo que, como sucedía coa maioría dos dirixentes nacionalistas dos anos setenta que eran de boa familia, e que  non tiñamos os pobres do leiras.

Pero se me teño que quedar con algún Ramón Muñiz quedareime co do sorriso franco e o da aperta forte…

Pero Ramón Muñiz foi, sobre todo, ese home imprescindíbel no nacionalismo galego moderno.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here