gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 28 Abril 2025

Sabugueiro: uvas das bruxas para lambóns

Saben o que se pode facer co sabugueiro… Cousas que eu nunca pensei.

Aí está o sabugueiro no que foi un día xardín, entre as rúas Conde de Torrecedeira e Marqués de Valterra de Vigo, que non o vedes medrar. Cada vez que se lembran, veñen e esmóucano, pero el volve agromar vizoso ensombrecendo a camelia que plantaron e coidaron, un tempo, con todo o mimo.

Vendo a súa capacidade de supervivencia e do que é capaz de medrar, cando paso por alí todas as mañás póñome a matinar se non se lle podería dar algún uso a tal arbusto que inza como inza por toda Galiza.

Cando era cativo, facía con el cichotes e outros brinquedos para xogar. Pero a quen lles importan agora os xoguetes artesán máis que a Xosé Manuel García e a Xosé López…

Tamén me lembro que unha vez que meu pai tiña unhas xigas no pescozo, logo de ir a moitos médicos, aconselláronlle que fose á Bruxa de Lalín que lle receitou un emplasto con uvas de sabugueiro cociñadas. Lémbrome que cheiraba a raios e que miña nai se queixaba de que lle luxaba toda a cama.

A Elena do Lamas, que era muller sabida, algúns dicían que menciñeira, outros que medio bruxa, explicábanos aos rapaces que non comésemos as uvas do sabugueiro, a non ser que estivesen moi maduras e “moi pouquiñas de cada vez”, que ollásemos para os paxaros, que se pousaban nel pero fuxían de contado.

Claro que tamén nos recomendaba que non saltásemos nos trollos, que nos podían engulir. No do sabugueiro faciámoslle caso, pois, comésemos ou non, ao andar a xogar con esas uvas, cando chegábamos a casa todos luxados, as nais podían quentarnos a badana. E iso escaramonábanos.

Pero o sabugueiro non era tan malo. Case non había casa que non tivese acodado, por diante ou por detrás, un sabugueiro. E as flores de sabugueiro deixábanse en auga na noite do San Xoán para lavarse con elas antes de sacar aos animais para que collesen o orballo. E aínda había quen penduraba un ramallo destas flores na porta da casa ou nas paredes. Había.

Para min o sabugueiro sempre estivo vinculado a menciñeiros e meigas, por iso aos seus froitos lles chaman as uvas das bruxas, polo tanto, sen ningunha utilidade hoxe, pois, como dicía o meu avó Francisco, desde que chegou a luz eléctrica fuxiron as bruxas.

E nesas andaba eu cavilando un día si e outro tamén, mentres non o vía medrar de tanto que medraba, sen que dese atopado para o que podían servir hoxe os pobres dos sabugueiros…

Até que hai unha tempada me convidan a unhas xornadas en Vilar de Santos, O rural imaxinado, abandono e volta, e me atopo con que hai unha empresa que utiliza comercialmente os sabugueiros. Eureka! Xa podo parar de darlle voltas aos miolos.

Vexamos.

Carabuñas Sabugueiro

Marmelada, xalea de flores, licores, cervexa… Son algúns dos produtos que pon no mercado a empresa Veigas do Sabugueiro S. L., baixo o nome comercial de Carabuñas Sabugueiro.

A empresa radicada, precisamente, en Vilar de Santos, cultiva dúas hectáreas nas que medran 600 plantas de sabugueiro, aínda que precisan outras tres hectáreas e unhas 4.000 plantas para facerlle fonte aos pedidos que teñen non só de Galiza e de España e Portugal, senón tamén da Grande Bretaña, Austria ou Alemaña.

Do sabugueiro nos receitarios tradicionais, na medicina popular e natural, como na nova gastronomía, podemos ollar como a ringleira de beneficios é para ler e non parar

Nelson Alonso e Eva González son a parella das terras do Condado que puxo a andar esta explotación. “Decidimos apostar e vivir no e do rural. Eva traballa precisamente no desenvolvemento rural para o concello de Allariz. Eu traballaba na automoción no Porriño. Comezamos sen saber moi ben o que facer, cunha parcela abandonada en Vilar de Santos que nos arrendou o concello. Fixemos varias probas con distintos produtos, marmeladas, sobre todo, e fomos probando, experimentando e preparando receitas. Á xente o que máis lle sorprendeu foi a marmelada de sabugueiro. Tamén foi a que máis aceptación tivo. Así que seguimos por ese camiño e fabricando outros produtos derivados deste arbusto”. Quen así fala é Nelson Alonso.

E como lles deu por aí é a pregunta que lle fago eu e a que todos vostedes estarían xa a matinar. “Os produtos do sabugueiro teñen moita aceptación en toda Europa, sacando en España, onde non existía mercado. Así que só foi recoller esas experiencia, adaptalas ao noso, e ver que aquí tamén tiñan aceptación”, comenta Nelson.

Todo semella moi simple, contado así. Un arbusto que medra e medra nas nosas terras, unhas flores que inzan en ramallos e uns froitos, as uvas dos sabugueiros, que maduran a todo madurar… E aos que ninguén lles fai caso.

“É que este froito só se pode comer cru se está moi maduro e en pequenas cantidades, xa que é moi indixesto. Pero se o cociñas ou o maceras ten unhas propiedades moi saudábeis…”, afirma o artesán-empresario de Carabuñas Sabugueiro.

Se procuramos, tanto nos receitarios tradicionais, na medicina popular e natural, como na nova gastronomía, podemos ollar como a ringleira de beneficios é para ler e non parar: bo complemento para a dieta saudábel; beneficiosos para o aparato respiratorio; axuda a calmar a tos; combate a otites, a retención de líquidos, a inflamación dos riles; axuda a durmir e saca as dores de cabeza, é desinfectante. E tamén se utiliza en champús e cremas para tratamentos e para as feridas. E gorentoso, gradoso…, diferente.

O que se di unha panacea…, e medrando como medran os sabugueiros por toda Galiza sen que ninguén se ocupe deles a non ser para darlles coa gatafouza ou, máis a rentes, coa machada…., até a chegada do día de San Xoán. Ese día todos non lembramos das súas flores.

Nelsoón ten uns datos certos, que nós puidemos confirmar, e unha análise, “en escavacións castrexas apareceron as uvas dos sabugueiros como alimento. Non sei que pasou para que os galegos rexeitáramos deste arbusto logo, das súas flores e dos seus froitos, e quedar unicamente coma unha planta medicinal cando non máxica como o demostra a tradición do San Xoán. Sería daquelas tamén unha planta máxica?” A ben seguro.

“Hai que ter en conta que antes o sabugueiro medraba a carón de todas as casas, así que algo tería que ter. E aínda hai lendas por Centroeuropa que relatan como os nenos, ao nacer, tiñan que levalos debaixo do sabugueiro, e o cadaleito cos mortos da familia tamén tiñan que pasar por debaixo do sabugueiro da casa”.

Si, o do sabugueiro nas casas ten algo de misterioso. Cando unha casa é abandonada e lle comeza a caer o tellado, o primeiro que aparecen dentro das súas paredes son as polas dos sabugueiros, mesmo antes que as silvas ou as edras.

Este triste espectáculo aterrecedor, é cada vez máis cotián no rural galego. Poida que, proxectos como os de Carabuñas Sabugueiro, axuden a coutar o despoboamento do rural e, os sabugueiros, na vez de ser a bandeira do abandono, sexan o cultivo que, con outros, rexeneren o rural galego.

De momento a empresa Veigas de Sabugueiro S.L., ten máis mercado ca produción e un premio importante, o que lle deron a súa xalea de flor de sabugueiro: o do sabor máis innovador no Forum Gastronómico de A Coruña.

E non pensen, a cervexa acada os 6,3 grados. Non lles podo dicir como sabe, pois teñen as existencias rematadas e non puiden catala aínda.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

As Caixas Galegas morreron de morte matada

Poida que haxa aínda xente despistada e outra carga as culpas, se cadra, contra quen non as ten. No final das caixas galegas hai...

Os ERE andaluces para xordos e mudos

«Ninguén pode crer que en Cádiz haxa case 800 xordos polos estaleiros, que nos anos 90 tiveron o visto e prácet do Goberno para...

Chantada, o rural ten futuro

Agora que caeu en desgraza, cítase moito como chantadino a Francisco González, o recén dimitido presidente de honra do BBVA. Aínda se fala tamén...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap