Poida que haxa aínda xente despistada e outra carga as culpas, se cadra, contra quen non as ten. No final das caixas galegas hai algúns interrogantes, pero tamén moitas certezas. Por exemplo quen decidiu pechalas.

Escribino tres anos antes da súa suposta entrada en crise. As miñas fontes eran de primeira man, Xosé María Arias, presidente do Banco Pastor e o chantadino Francisco González, presidente do BBVA:  a cúpula da banca española reunida con Rodríguez Zapatero na Moncloa, esixíralle que as caixas tiñan que deixarlles o campo libre por «competencia desleal». O presidente aceptou.

A partires dese día púxose en marcha a maquinaria. PSOE e PP chegaron a un grande pacto, no que participarían logo as burguesías vasca e catalá (CiU e PNV): quedarían unicamente dúas grandes caixas, Caixa Madrid e La Caixa, que irían absorbendo ás entidades onde non tiñan presenza, agás as caixas vascas, e as demais poñeríanas en mans dos grandes bancos para «reordenar o sistema financeiro español». O reparto de cargos e áreas de influencia sería paritario para PP e PSOE. UGT e Comisións entraron no reparto.

Para impedir esa posición dominante das dúas caixas, estas, na práctica, convertíanse en bancos.

Comezáronse a ditar leis a tal efecto e disposicións do Banco de España para que se cumprise o mandado.

Cando o presidente de Caixanova tivo coñecemento desta operación do PSOE e PP, chamou ao presidente Emilio Pérez Touriño, pedíndolle que fixese valer en Madrid a posición de Galiza e que tamén puidese conservar as súas caixas.

Non sei cal foi a contestación de Touriño nin as súas xestións, se é que as fixo. Só sei que os adxectivos que saíron pola boca dun sempre educado e temperado Xulio F. Gaioso contra o presidente da Xunta nunca pensei que as puidese pronunciar.

Ante a rebeldía das caixas autonómicas, comezaron a saír á luz os seus verdadeiros balances co fin de vencer a súa resistencia. Mentres Zapatero presumía da «grande fortaleza da banca española», esta estaba aínda peor que as caixas, como o demostran logo as cifras do rescate bancario.

Ante a rebeldía das caixas autonómicas, comezaron a saír á luz os seus verdadeiros balances co fin de vencer a súa resistencia.

Mais o Banco de España comeza a actuar só contra as caixas. E, para «sanealas», puxeron en marcha dúas operacións para que fosen os cidadáns os que cargasen coa desfeita: as accións preferentes e a saída a bolsa. Si, non era que non coñecesen o seu balanzo, senón que, por iso mesmo, tomaron as decisións que tomaron.

O que non quixo facer Pérez Touriño en Galiza intentouno Núñez Feixóo, traballando pola fusión das caixas. Como se ve agora polo seu balance (pagado en tres anos) haberá que investigar porque non sobreviviu a caixa galega, pois, mentres semella que o que ocorreu é cousa de malos banqueiros e malos funcionarios, o verdadeiro problema estivo no pacto entre as cúpulas do PP e PSOE. De Guindos, no 2012, xa dixo que todo fora «cuestión de Estado».

As caixas morreron de morte matada. E está claro quen as matou. Digamos a verdade verdadeira e deixémonos de lilas lilainas.


Hai novos datos?

Non é casualidade. O mesmo día que se coñecía a sentenza sobre Pescanova, a Audiencia Nacional tamén daba a coñecer outra sentenza que afectaba a Caixanova, pero con dous parágrafos moi impactantes: afírmase que a crise e a intervención por parte do FROB foi debida á «situación económica e financeira na que se atopaba Caixa Galicia no ano 2010, cando se produciu a fusión» das dúas caixas galegas.

Tamén sentenza o tribunal especial español que de non producirse esa fusión Caixanova «podería ter continuado por si soa».

En que se basea o tribunal para sentenzar: nun dos informes do Banco de España.

Pois a entidade reguladora española ditou varios informes contraditorios entre si, segundo andaban os ventos políticos.

Nun primeiro informe ditaminou que a Novacaixagalega era viábel, amparando deste xeito a fusión. Pero, mes e medio despois, sen que explicase o trasacordo, pasou a afirmar que a nova caixa galega non era viábel. Coincidiu con este informe a súa decisión de adiantar a posta en marcha dos acordos de Basilea III en seis anos, asinado por máis dun cento de países, para darlle un trato igualitario a bancos e caixas.

A cúpula de Pescanova, agora condenada, formaba parte, precisamente, do núcleo duro do Consello de Caixa Galicia. E, segundo varias fontes, entre elas administradores concursais que coñeceron a enxeñeira financeira montada por Pescanova, esta non era moi diferente á doutras importantes empresas, tanto españolas ou multinacionais. 

Tamén afirman que, de non caer Caixa Galicia, Pescanova podería ter continuado a mesma política de expansión internacional.

Mais, caída Novacaixagalega, xa non tiña a axeitada tapadeira para esa enxeñeira contábel. NCG chegou a posuír o 30% de capital de Pescanova e foi desinvestindo cando se produciu a fusión para non ter que lanzar unha OPA pola empresa. Un dos que mercou máis accións foi, precisamente, o agora condenado Fernández de Sousa (un 15%), polo que non agoiraba o que lle ía pasar a «súa» empresa”.

Ao quedar sen o paraugas financeiro autóctono, os fondos voitres de todo o mundo puxeron os ollos na multinacional galega que lideraba non só a pesca e conxelación nos mares do mundo, senón a distribución de produtos conxelados. Aí está nai do año.

Comeza unha loita entre os principais accionistas de Pescanova, coa familia Carceler, propietaria de cervexeira catalá Damm á cabeza, para facerse co control da empresa. Os bancos debedores tamén ven negocio e entran á rapina. Os créditos minguan e acelérase a enxeñería financeira. A disidencia, mesmo entre o capital galego é palpábel. A empresa auditora, BDO, avala as contas, pero hai conselleiros que se negan a asinar. Comezan as denuncias nos xulgados e estala todo o conglomerado empresarial posto en marcha polos Fernández (familia que xa rachara tamén) baixo as ideas de Valentín Paz Andrade.

A idea de empresa de país dun comezo deu paso a unha práctica antigalega e de alianza de Fernández de Sousa cos elementos máis reaccionarios de Galiza, querendo operar aquí do mesmo xeito que en «países coloniais» onde mandaba máis que os Gobernos. Aquí chocou, finalmente, co goberno bipartito. Mais a batalla interna entre PSOE e BNG pola postura fronte a Pescanova foi unha das máis intensas que se deu nese goberno de coalición, só comparábel ao Decreto Eólico.


Os dous bloques económicos galegos

Mais o que pasou coas caixas galega e tamén con Pescanova, non se entende sen a disputa existente desde que chegou a autonomía pola hexemonía en Galiza. Intereses económicos que se evidencian, xa que logo, tamén na política.

Cando se trasladou A Nosa Terra para Vigo e me convidaron ao primeiro xantar en Caixanova, fixen unha pregunta sen mala intención. Os meus colegas directores alí presentes, ríronse. Un deles, que estaba ao meu lado díxome: «cagáchela, amigo, xa te sitúan cos do Norte»”.  Cando remata o xantar achégase Xulio Gaioso e dime: «eu non sabía que vostede estaba cos do Norte, con Caixa Galicia». 

– Pois mire, non. A Nosa Terra e máis eu só lle estamos unicamente con Galicia – contesteille.

Así que, para simplificar, poderíamos denominar eses polos económicos como «Os do Norte» e «Os do Sur», pero cunhas fortes interrelacións, como xa veremos: nin todos os do Norte son da Coruña, nin todos os do Sur son de Vigo.

Ambas caixas lideraban os respectivos conglomerados e tiñan os seus voceiros mediáticos, éramos poucos os non alineados.

Un enfrontamento que se dá tamén na Confederación de Empresarios de Galicia, que nunca funcionou como tal e que leva agora tres anos sen presidente por mor das disputas «territoriais», que non son máis que tensións de intereses.

Ambas caixas lideraban os respectivos conglomerados e tiñan os seus voceiros mediáticos

E eses enfrontamentoa levábanos ao Goberno autonómico. Fernández Albor era un claro integrante dos do Norte. Como tamén González Laxe. Ou Xosé Luís Barreiro. Fraga Iribarne tentou compangar con todos como puido, mais a Xosé Cuíña levárono por diante os do Norte, malia os seus esforzos. Pérez Touriño tamén era dos do Norte.

A comezos dos anos oitenta retratei nunha extensa reportaxe aos do Norte, aos que cualifiquei como os C-2, unha especie de lóxia masónica, sen obediencia, como a que operaba na Banca Vaticana. O seu voceiro, ao comezo, foi Augusto Assía e, logo, Luís Caparrós, xefe de comunicación de Fenosa. Despois aparecería o grupo Ultreia. Caracterizábanse polo localismo e un profundo antinacionalismo.

Como dicía, non todos os do Norte viven n’A Coruña, nin todos os do Sur viven en Vigo.

O núcleo duro de Pescanova, Fernández de Sousa e Paz Andrade, estaban alineados cos do Norte.

Disputas en Vigo

Cando se estaba a tramitar o PXOU de Vigo, chámame a dirección de Caixanova. Quería saber a miña postura sobre este plan de ordenación urbana, a raíz dun artigo que viña de publicar. Tiña ben estudado este plano pois, antes de realizar o artigo, pasara moitas horas cun dos redactores, Daniel Pino, que me explicara detidamente non só as liñas xerais, os porqués, senón tamén as miñas dúbidas.

Mais desde Caixanova déronme outra visión que eu non tiña, afirmando que este plan «nunca vai ir adiante». Preguntei as razóns:

– Os do Norte non están ben situados, non teñen propiedades para revalorizar, así que farán todo o posíbel por tombalo e teñen o apoio do PSOE –contestáronme. 

Pensaban que Carlos Príncipe, primeiro tenente de alcalde, xa estaba aliado con Caixa Galicia e con el o PSOE a nivel galego onde aínda gobernaba Paco Vázquez.

Logo o BNG perdeu a alcaldía, sobre todo pola desconexión entre o equipo de goberno e a militancia, e comezaron os problemas co PSOE, precisamente en urbanismo.

Cando comezou o enfrontamento co BNG por mor do nomeamento do xerente de urbanismo que levou á ruptura do pacto municipal, había no PSOE quen apostaba porque o alcalde fose Miguel Barros, un home de consenso, pero, finalmente, decidiron que continuase Ventura Pérez Mariño, cos resultado que xa se coñecen: a ruptura do acordo entre nacionalistas e socialistas e a chegada de Corina Porro, do PP, á alcaldía.

Caixanova apostou forte por Miguel Barros. Consideraban a Pérez Mariño ligado aos intereses do Norte.

Con Abel Caballero, que presume de viguismo e de defensa de Caixanova, prodúcese, precisamente, o desembarco do capital do Norte na cidade olívica. Capital moi relacionado con Francisco Vázquez, un dos integrantes da C-2 coruñesa.

Sobresaen os negocios inmobiliarios de Inveravante, da familia de Manuel Jove, algúns relacionados co propio concello, como o Hotel Samil. Pero tamén os de Antonio Fontenla, presidente da patronal coruñesa, que o foi tamén da patronal empresarial galega.

Caixanova non gustaba en Madrid

Caixanova non gustaba nada no Norte, sobre todo cando desembarca nos propios Cantóns, pero tampouco en Madrid, sobre todo ao PSOE, por ser un polo de poder do sur de Galiza que non controlaban. Se Caixavigo era incómoda, logo da fusión con Caixa Ourense e Caixa Pontevedra, resultaba molesta, pois poñía en cuestión a mesma unicidade do poder autonómico. Aí coincidían PP e PSOE.

Pero os problemas de Fernández Gayoso cos socialistas comezaron cando puxeron en marcha a denominada «reconversión naval». Caixavigo non só non acatou as ordes de desmantelamento naval, tanto de estaleiros coma de pesca, senón que decidiu apostar polo tecido empresarial autóctono, moi ben representado na caixa. Fíxoo, arriscou moito, pero deu saído adiante.

O Banco de España ameazou unha e outra vez con intervila, pero, finalmente, non o fixeron. Desde A Nosa Terra publicamos un destes informes do regulador financeiro español.

Caixa Galicia, naqueles anos, nos que Francisco Vázquez campeaba na Coruña e no PSOE galego, con liña directa co seu amigo Alfonso Guerra, non apostou así polo tecido produtivo autóctono.

Tampouco o Banco de España a ameazaba, que se saiba. Polo menos non saíu nada publicamente, como no caso de Caixavigo.

Pero a cruz a Caixanova puxéronlla cando chegou o BNG á Xunta. Os nacionalistas impulsaron unha alianza do capital galego e do empresariado que se fixera e medrara logo do franquismo.

Anxo Quintana e Fernando Blanco foron quen de tecer alianzas e complicidades empurrando á burguesía autóctona a facer país e sacudirse a dependencia de Madrid.

O feito máis significativo foi a alianza para mercar Fenosa, no que ademais de Amancio Ortega e Jacinto Rei, estaba Fernández Gayoso. A operación foi desbaratada, a noite antes de asinar o documento de venda, por Florentino Pérez e o Banco de Santander, baixo a supervisión do PSOE.

Mais daquela comida nas adegas Calem do Porto, poderían ter emerxido máis colaboracións e máis negocios entre o empresariado galego, se non lle puxen proa desde Madrid e desde o Norte.

Un deses proxecto era o da industrialización de Galiza, aproveitando o Decreto Eólico, no que participaban as caixas e as empresas máis punteiras de Galiza.

Desde o PSOE na Xunta e desde Madrid, co inestimábel apoio do Norte, aproveitaron este proxecto de País para tratar de sacar ao BNG do goberno galego. E lográrono, mesmo usando mentiras que, a xustiza española, sorprendentemente, foi quen de pór en claro.

O primeiro proxecto de País que tiña Galiza en moito tempo quedou desbaratado.

O enfrontamento de Caixanova co PSOE daquela foi total, especialmente entre Pérez Touriño e Fernández Gaioso. Mais tamén o foi o de Pescanova co nacionalismo. Uns e outros axudaron para que volvese o PP á Xunta.

Unha nova lei de caixas

O BNG levaba no seu programa electoral a redacción dunha nova Lei de Caixas e foi quen de sacala adiante, aínda que tivese que deixar polo camiño algúns pelos na gateira. Aínda así, dábaselle moito maior control á Xunta sobre destas entidades que co seu poder económico e o da súa obra social, decidían máis nalgúns campos, como o cultural, que a propia Xunta.

Podería pensarse que a sintonía existente entre Fernández Gaioso e o BNG lle permitiría a este seguir gobernando Caixanova. Pois non, o BNG non só criticaba a persistencia nos cargos deste presidente e de Xosé Luis Méndez, senón que incluíu na lei que os cargos das caixas non só terían que cesar chegada a idade da xubilación, senón que só poderían permanecer no cargo por un período de 12 anos.

O seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, afirmaba: «unha nova caixa, unha nova marca, un novo logo, pero cos mesmos de sempre: iso non pode ser».

O 21 de xullo de 2010, o Congreso dos Deputados convertía en papel mollado a lei de Caixas de Galicia

A ofensiva contra a Lei de Caixas Galega que lle daría moito maior capacidade de decisión a Xunta, foi total por parte dos partidos estatais.

Desde o goberno estatal presentaron un recurso de inconstitucionalidade e, non contentos con iso, un ano despois (2010) de aprobarse a Lei Galega de Caixas, alíanse PP e PSOE e presentan de xeito urxente unha proposición para modificar a lei no parlamento do Hórreo. Viña para reforzar parte do pacto pola fusión das caixas e permitíalle as anteriores cúpulas seguir no seu posto na nova entidade.

O 21 de xullo de 2010, o Congreso dos Deputados convertía en papel mollado a lei de Caixas de Galicia, presentando tamén sucesivos decretos para invalidala totalmente na práctica. Antes o Goberno de Zapatero xa presentara un recurso de inconstitucionalidade.

As manobras do PSOE

Abel Caballero

Aínda que agora uns se poñan de esguello e outros lle cuspan ao vento, a fusión das caixas galegas foi apoiada por todos os partidos políticos nun primeiro momento, por máis que, hai que dicilo, fose máis por presión do nacionalismo e por crer que era unha demanda social que por convicción ou por interese. Na oposición quedou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que inspirado en Paco Vázquez na batalla pola capitalidade,  montou ao lombo do localismo máis descarado que tan bos resultados electorais lle deu.

Mais o PSOE, dirixido por Pachi Vázquez, que xa manobrara dende dentro do bipartito contra as propostas nacionalistas, sobre todo o Plano Eólico, primeiro apoiou no Parlamento unha resolución para «impulsar a defensa da legalidade e o solvencia das caixas»”, un eufemismo de todos os grupos políticos, sindicais e empresariais, para chegar á constitución dunha grande caixa galega; pero logo, meses despois, no debate do Estado da Autonomía, votou en contra dunha resolución parlamentaria pola que se instaba a Xunta a velar pola galeguidade e a solvencia das entidades, «que, na actual conxuntura, leva a o impulso dun proceso de fusión».

Nunha confusa manobra, ou non tanto, tratándose de Pachi Vázquez, os socialistas amagaron con apoiar a resolución, pero pedindo que se lle engadira que o Parlamento tiña que consultar as caixas.

Unha desculpa máis do PSOE galego que se revestía do localismo vigués pero que, no fondo, se aliñaba coas directrices de Madrid, pois nese mesmo pleno, mentres o PP apoiaba unha proposta do BNG na que se instaba á Xunta a presentar un recurso contra o FROB, poñéndolle fin ás negociacións co Goberno central e aplicando o resto de preceptos da Lei de Caixas non recorridos ante o Constitucional, o PSOE tamén se opuxo.

Así, pasaron de reclamar unha SIP, a avogar por unha fusión «dialogada», a aliñarse totalmente co Goberno central, pechando fileiras contra a acometida a Lei de Caixas.

O vicepresidente Afonso Rueda afirmaba que «o que está facendo o Goberno central é intentar que non haxa fusión en Galiza e que non teñamos futuro financeiro».

Mais no Congreso o PP aliábase cos socialistas para, en solitario, convalidar a reforma da Lei de Caixas que impedían a capacidade de decisión de Galiza e deixaban o futuro das entidades galegas nas mans exclusivas do Estado.

A lea polo liderato

Acordada a fusión da caixas, comezou outra batalla. O PP, para logralo, manobrou, mesmo legalmente, para que puidesen continuar os xestores de ambas caixas dirixindo a nova entidade. O BNG opoñíase, pero ambos partidos estatais, aliáronse e modificaron a Lei de Caixas aprobada uns meses antes a instancias dos nacionalistas.

E comezaría a batalla interna entre os equipos directivos das dúas entidades para ver quen lideraba esa fusión e como se concretaba. Unha nova batalla entre o Norte e o Sur económico.

Logo de moitas leas, voltas e reviravoltas, para que ninguén quedase como «perdedor» socialmente, quen ditou sentenza foi o Banco de España: á vista dos resultados económicos e da situación de ambas caixas, quen tiña que liderar a nova institución era o equipo de Caixanova. Pero o PSOE non estaba de acordo e avogaba por «unha fusión en paridade». Mesmo chegaron a afirmar que a proposta da Xunta era «unha absorción de Caixanova a Caixa Galicia».

Como Abel Caballero non respaldaba logo esta «absorción» que lle daría a Vigo a primacía no taboleiro económico galego? Como Pachi Vázquez, con intereses en Ourense, non apoiaba a Caixa do Sur?

Sabían os socialistas o destino que agarda as caixas galegas…? Sabían que, dun xeito ou doutro ían desaparecer porque así o decidiran en Madrid? Fernánez Gayoso así o afirmaba, cando se opoñía a fusión.


Madrid fai que cede

Ante a unánime presión popular por unha caixa galega, se non fose a campaña discordante de Vigo, que desuniu e distraeu forzas, e a labor de intriga do PSOE, o goberno Zapatero non tivo outra que claudicar e, permitir, temporalmente, que se constituíase esa caixa galega, nun proceso liderado por Núñez Feixóo.

A auditoría de KPMG encargada pola Xunta respaldaba supostamente esta fusión. Os primeiros informes do Banco de España tamén, para os do Norte era un xeito de salvar os mobles e, desde Caixanova propuñan outras alianzas, mesmo con Caixa Madrid, que levaría a Caixanova a perder tamén a súa razón galega e a Vigo quedar sen a súa sé, que sería trasladada a Madrid ou a Andalucía, segundo fose o caso.

Mais no fondo, Fernández Gaioso o que viña era a reclamar non só esa especie de «absorción» de Caixa Galicia, que tanto lle gorentaba e lle permitía resarcirse dos desplantes tanto de Méndez como do poder autonómico que, até a fusión con Caixa Ourense e Pontevedra, o tratou como «un de segunda», en palabras dunha súa directa colaboradora moitos anos.

Ao mesmo tempo, asegurábase que, se el non dirixía a nova caixa, non habería fusión.

E saíuse coa súa, por máis todo se adobiara como unha fusión entre iguais, mesmo na primeira repartición de cargos.

A incógnita é cales foron os acordos por detrás da mesa con Núñez Feixóo, pois Fernández Gaioso deu un xiro na súa política, abeirando a antigos aliados, ou polo menos, ofrecéndolle prendas á Xunta do PP.

A súa postura pagouna cara. El e o seu equipo foron os primeiros directivos de caixas xulgados e condenados de todo o Estado. E non os axustizaron por mala práctica bancaria, senón por subirse os soldos en consonancia coas dimensións da nova caixa que pasaban a dirixir. Das outras denuncias todas, incluídas a que se ven de coñecer agora da Mariña de Cangas, e que deu lugar a eses titulares de que Caixanova podía continuar en solitario, saíron absoltos.

Se se comparan as sentenzas dos directivos de Novacaixagalicia e de Caixa Madrid, dá moito que pensar.

Como tamén o de que a cúpula de Caixa Galicia, que, segundo o Banco de España e o FROB, foi a causante de levala á bancarrota e arrastrar a Caixanova, non tivo denuncias, nin foi penalizada. Xosé Luís Méndez, xubilouse con todos os honores e 18 millóns de euros de indemnización.

A venta e desaparición

E cando semellaba que todo estaba arranxado, que Galiza podería contar cunha grande caixa propia, aínda que xa fose un banco, entran en xogo o FROB e o Banco de España e atopan o que non atoparon antes: a necesidade dun rescate por valor de 9.052 millóns de euros. Un rescate que tamén realizaron con outras caixas e con outros bancos.

O nacionalismo comezou unha nova campaña para que se crease unha banca pública galega, con ese diñeiro do Estado, de todos, pero quedou só. E a presión popular xa fora desactivada.

O nacionalismo comezou unha campaña para que se crease unha banca pública galega, con co diñeiro do FROB, de todos, pero quedou só.

Xunta e goberno central, PP e PSOE, decidiron vendela. E non o fixeron a ningún banco español, senón a un banco venezolano, Banesco. Tampouco recobraron o diñeiro investido polo FROB no rescate, senón que o prezo de venta foi de unicamente, mil millóns de euros.

Desde aquela Abanca, que así se chama o que foron as caixas galegas, xa gañou máis diñeiro que lle custou o rescate ao Estado.

Onde está logo o negocio? Por que non se permitiu que seguise a caixa galega, como si o fixeron con outras caixas? Por que se vendeu a un banco estranxeiro, sendo o único caso no Estado? Que intereses houbo detrás? Por que Francisco González, o presidente do BBVA non se fixo con Abanca como cobizaba?

Estas preguntas deberían ser o cerne da investigación da renacida Comisión das Caixas no Parlamento. Eu non teño datos para contestalas axeitadamente. O que si sei é que, dous anos antes de comezar toda a lea da fusión, xa nunha reunión de Rodríguez Zapatero na Moncloa coa cúpula bancaria española, decidiran a desaparición da maioría das caixas, entre elas a galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here