Alex Bergantiños e Iago Aspas, dous líderes das canteiras.

Queixábase hai pouco o adestrador galego David Vidal de que o Deportivo nunca pensara nel para adestralo. O de Portosín, que esta tempada está a traballar por Murcia, non me pareceu nunca un técnico acaído para o Deportivo. Vidal, que sempre rabiou por ser querido na súa terra como Arsenio, poderíamos dicir que nos banquiños é a antítese.

Xosé Antonio Albacete Anquela, novo adestrador do Deportivo.

Mais vendo a quen veñen de fichar agora para dirixir ao conxunto coruñés, Xosé Antonio Albacete Anquela, estou seguro de que David Vidal era igual de apropiado. Os dous son da vella escola de adestradores, os dous curtíronse nos campos de Segunda e Segunda B e aínda Terceira e Rexional… Só que Anquela estivo, unicamente, unhas xornadas en Primeira co Granada… E David Vidal ninguén pode esquecer o seu paso polo Cádiz… E que fala galego e coñece a Coruña.

Iguálaos ser claros e directos, a paixón, a competitividade, o resultadismo. O seu non é, precisamente, o “xogo bonito” que distinguiu ao Grande Depor. Son como, Diego Pablo Simeone, pero sen “glamour” nin ter quen lles escriba. Mais Anquela xa o procurará na Coruña, non se preocupen.

E cando así sexa, louvarán as súas declaracións como fixeron os xornalistas de Madrid con estas de Simeone: “só me importa gañar, para iso é para o que me preparo”. Como se os demais adestradores e xogadores non quixesen gañar.

A esta filosofía contestoulle de xeito indirecto Guardiola: “gañar só pode gañar un, pero intentar xogar ben poden facelo todos”.

Poida que o Deportivo gañe con Anquela, pero chegaralle aos seus seareiros afeitos como están ao fútbol de calidade?

Quizais, aínda que  logre ascender, que é para o que o contrataron, pois afirman que é un grande xestor do vestiario, que seica foi o que lle faltou ao Deportivo estas tempadas. Por poder, pode, pero o que non vai poder é artellar un proxecto deportivo gañador.

Anquela, ou muda moito, ou non vai poder conectar coa afección deportivista. E se un adestrador non o logra, está condenado ao fracaso.

Un estilo de xogo adaptado A Coruña

Se a configuración dos valores sociais conforma os deportes-espectáculo de masas, esa mesma idiosincrasia social reflíctese na configuración do espectáculo deportivo, nas súas características técnicas e tácticas.

O xogador alemán Netzer, que estivo un tempo no Real Madrid, afirma que “as regras do fútbol son as mesmas para todos, pero cada pobo exprésase á súa maneira e ten o seu xeito de xogar”.

Se existen esas especificidades con características propias, que é logo o que orixina o éxito ou o fracaso dunha equipa de fútbol? Cales son as condicións que definen a súa historia?

Aínda que a ninguén se lle escapa que o primeiro elemento son os propios xogadores, pois son os que verdadeiramente gañan ou perden os partidos, calquera seareiro recoñecerá axiña que quen conforma a equipa é a directiva.

Calquera seareiro recoñecerá axiña que quen conforma a equipa é a directiva.

É precisamente ese directiva a que lle imprime personalidade ao club. Marca as metas a acadar, pondo os elementos indispensábeis para logralo, confecciona o cadro de actores futbolísticos encomendándolle a dirección de escena a un adestrador, que é o encargado de transmitirlles, en forma de táctica e de estratexia, pero tamén de filosofía, parte das vibracións do corpo social que se sente reflectido no equipo.

Certo é que sería unha falsa ilusión dar a idea de homoxeneidade nos seguidores dun club. Os espectadores reflicten nas bancadas, e até nos bares, como un mapa, certos trazos da división social da cidade e da súa zona de influencia.

Malia a esas diferenzas, nas cidades existe un clima social globalizador, que é o que se lle transmite ao club de xeito máis certeiro que os slogans políticos. (O Celta de hoxe non ten nada que ver co “viguismo” de Abel Caballero, pero reflicte transversalidade comarcal e aínda galega).

Esa sensación non só se recolle nas bancadas, aínda que é cando o trasvasamento de emocións se volta máis interactivo, actuando en liberdade.

Unha afeizoada do Celta nunha rúa de Vigo, a mañá seguinte ao frustrado ascenso do Depor

Hai veces nos que nin directiva nin adestrador saben sintonizar co público. Esta é a cousa do fracaso de moitos adestradores que veñen de fora sen coñecer a cidade nin ao club, e de moitas directivas que non perciben o momento social, pois están ensimismadas na súa proxección persoal, convertendo ao club en medio de medre social.

Antonio Bellot, xogador do Deportivo a comezo dos anos setenta, afirma que “na traxectoria de calquera equipo é fundamental a dirección. No Deportivo dos anos 60 e 70 abondaron os directivos que chegaron ao club sen demasiadas ansias de servizo, francamente obrigados non sei por que. Se cadra por quedar ben ante certos persoeiros da cidade ou por acadar unha relevancia social a que non darían chegado doutro xeito”.

Non vou dicir eu que sexa este o caso da nova directiva do Deportivo… Pero si podo afirmar que lle falta alma, ou, se queren idiosincrasia, e nin conecta co pasado nin sendo quen de albiscar o futuro propio.

Esa alma que lle faltou na eliminatoria co Mallorca. Esa alma que no partido de Riazor puxo Bergantiños e que estivo ausente na illas, volvendo ao Deportivo nun equipo remiso, medoñento a acomplexado que, na vez de nutrirse dos éxitos pasados para encarar o futuro, declinou ser quen era.

Na eliminatoria en Mallorca faltou a alma que no partido de Riazor puxo Alex Bergantiños.

E pasou o que pasou. Pasou o mesmo que naqueles anos antes da chegada de Arsenio, cando o presidente Lendoiro mercou a liña cardinal do Corintinhas brasileiro… e fracasou.

Luizão, aquel grande xogador explicou así o que pasaba: “este non é a nosa equipa, non podemos xogar como sabemos, temos morriña”. Logo viñeron outros xogadores brasileiros que si se adaptaron, como Mauro Silva, Bebeto ou Djalminha, pero alí estaban tamén Fran e Xosé Ramón para marcarlles o camiño.

Un Celta da canteira

Esa “alma” que lle faltou ao Deportivo, foi a que lle insuflou Iago Aspas ao Celta. Sen o moañés os olívicos terían baixado a Segunda. E non foron só os seus goles, logo de tres meses de baixa os que o rescataron, senón que foi quen de cargar con toda a equipa e facer que xogasen ao fútbol e tivesen a determinación de gañar.

O presidente do Celta Carlos Mouriño, semella virar a facer en 2019 unha equipa baseada na canteira

E o presidente Mouriño, con bo criterio, apostou pola canteira, polo local, para facer do Celta un club grande.

Cando mercou o club, realiceille un informe, con datos de socios e seguidores, con valor dos xogadores, cos gastos e ventas, no que demostraba o valor da canteira, aínda en termos económicos, así como que o Celta transmitise galeguidade, na vez de viguismo, pois a maioría da súa masa social e dos seguidores (hai que ter en conta as TVs) non eran da cidade. Con esa idea conformou a directiva.

Agora afirma que se dan as condicións para unha verdadeira aposta pola canteira. Coa fichaxe de Denís Suárez e a posíbel incorporación de Mina, está a dar un paso importante.

Así, a columna vertebral do novo equipo estará formada por “xente da casa” con Aspas como referente, para turrar polos novos.

O Celta pode entrar así nunha nova dimensión, a europea, na que os celtas non sexan só os de Glasgow.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here