Categoría: Galiza

  • Llorenç Soler, o cine como mobilizador social

    Llorenç Soler, o cine como mobilizador social

    O cineasta Llorenç Soler (1936-2022) estivo entre nós cando amencía a democracia, realizando varias documentais de grande pegada. Eran películas concibidas para servir de mobilizadores sociais nas loitas contra a usurpación dos montes comunais ou na construción descontrolada da Autoestrada da Atlántico. Uns anos despois revisou aquel tempo e as novas realidades do video, xa na fronteira da grande explosión tecnolóxica que se enxergaba no horizonte finisecular. Esta é a entrevista que se publicou en 1993, que mantén elementos vivos e de actualidade.

    Llorenç Soler

    ‘O video é unha excelente ferramenta para mobilizar as conciencias

    Llorenç Soler estivo en Galiza este verán de 1993 impartindo un curso e expoñendo a súa videoinstalación «Oh, Santiago!!». Este documentalista, nado en Valencia en 1936, é un vello cońecido de Galiza e así o recollen as historias do cine galego. Nos anos 70 preparou os documentais «Autopistas, unha navallada á nosa terra» e «O monte é noso». Soler segue crendo na forza da imaxe ao servizo da xente, «os que levan un vídeo doméstico na man non saben da súa forza». 

    Vostede aparece nas historias do cine galego polos seus documentais O monte é noso e Autopista, unha navallada á nosa terra. Como foi aquela experiencia? 

    Eu sempre alternei os traballos profesionais cos independentes, financiados persoalmente ou por algún colectivo, porque ese era un mecanismo de cine alternativo, que non pasaba por censura e que se autofinanciaba, a medio do aluguer das películas a circuítos alternativos, sindicatos, ateneos, centros culturais, universidade,… Isto é antes da morte de Franco. En Galiza coñecin a César Portela e souben que fixera unha casa para xitanos e interesoume facer unha película sobre eles. A través de César souben da loita da Autopista que serviu para divulgar as razóns daquel conflito, e que se ía financiando coas proxeccións que se facían nas aldeas e en todo tipo de locais. Aquel era un movemento popular importante, que agrupaba a xente moi interesante e loitadora, nun momento no que en Barcelona o cine alternativo perdera forza despois de morto Franco, aquí vin a ocasión de volver facer un cine útil, de contrainformación . 

    Desa época son só esas dúas películas? 

    Primeiro Autopista e despois O monte é noso, coa coordinadora de montes comunais, pero gracias a iso Caritas, a través do Hospital Xeral de Santiago, encargoume un traballo profesional sobre o alcolismo na Galiza. Formaba parte dunha campańa de sensibilización antialcólica, pero fíxeno tamén porque o tema interesábame . 

    Nesas películas vostede  facía guión e dirixía en solitario? 

    Segue sendo igual, dirixía, era o cámara e tamén o guionista, pero sempre moi asesorado, nos textos definitivos. Un guión corrixiumo Luís Marińo, que o leu ao micrófono, e o outro coido que Álvarez Pousa, e alí non hai unha palabra que non estivera de acordo coa liña da Coordinadora. Máis adiante, tamén en Galiza, fixen unha película experimental, Antisalmo, un poema meu ilustrado con imaxes de Santiago, sobre as relacións da igrexa e o poder. Isto foi no ano 82/83 e non regreso até o ano pasado, cando fago un video- poema, Santiago en el camino e agora esta videoinstalación que se presentou en Fonseca xunto ás fotos de Anna Turbau. 

    A xente prefire manipular imaxes antes que entrar no terreo da reflexión e do coñecimento da linguaxe. 

    Di vostede que cando as súas películas de intervención na Galiza, en Barcelona xa estaba en devalo ese cine ou desaparecido, como era a experiencia da recepción da xente? 

    Non vivín a distribución nin a exhibición das películas, pero polo que me contaron os amigos da coordinadora para eles era a principal arma de loita, a que lles permitía entrar a falar coa xente. Era un cine que se viña facendo por Europa desde Maio do 1968. 

    Perdeuse definitivamente? 

    Coa chegada da “democracia” ese movemento extinguiuse. No meu caso sigo facendo video paralelo: hai dous anos estiven en Cuba e fixen un documental, o ano pasado outro sobre a vida dunha parella de homosexuais. Sigo facendo cousas pero aquel senso que equiparaba o cine ao reparto de octavillas ou aos mitins, perdeuse. As canles de distribución que había disolvéronse e hoxe o único lugar de saída é a televisión, que é un monstruo tan grande que engulipa todo. Non xa traballos de contido político pero si, cando menos, distintos ideoloxicamente. 

    Información alternativa 

    O documental é un mecanismo de información alternativa? 

    O paso do cine ao vídeo supuxo un cambio radical na liberdade de poder facer ti mesmo, na túa casa, un filme reivindicativo por tres ou catro mil pesetas [18 ou 24 euros]. Antes era moito máis complicado , a imaxe ía por unha banda e o son por outra, había que pasar por laboratori , montaxe máis difícil ,… Agora cunha cámara de Hi8, a máis alta gama dentro do formato doméstic,o fanse marabillas. Todos os meus traballos son neste formato e pásanos pola televisión sen problema. Eu cando vexo a tanta xente facendo mamonadas coa cámara penso como non se dan conta a arma que teńen na man. Un arma para facer narrativa e creación . 

    O paradoxo é que se democratiza o acceso ao medio pero pérdese aquela capacidade de axitación da imaxe. 

    Penso que non se lle saca todo o partido que se podía. Todos os movementos alternativos (desde vicińais a insubmisos) non se decataron aínda da súa utilidade. Non cońezo ningún traballo dese tipo. A ferramenta democratizouse pero o seu uso perverteuse e diso teńen moita culpa as televisións, cos seus concursos de vídeo-lixo. 

    Pero a esquerda tamén non os usa. En Montevideo, nunhas eleccións, o Fronte Ampla, montaba os seus postos publicitarios na rúa, cun televisor e un vídeo que expuńa o seu programa. 

    O cine e o vídeo aínda están mitificados. Se lle dis a alguén que coa súa cámara pode preparar un vídeo para emitir na televisión non o cree. Pensa que a televisión é un mundo onde prima a alta tecnoloxía e a sofisticación. No seminario que impartín estes dias na Coruńa pasei aos alumnos varios traballos meus, entre eles un sobre Barcelona como centro produtor de música contemporánea, feito en coprodución con seis países, e cun orzamento elevado de dezaoito millóns de pesetas [108.000 €]; despois pasábase algo moi sinxelo feito en Cuba (foron dez cintas de 12 €) e gustoulles moito máis. É un contraste chamativo. Os que faciamos cine alternativo eramos profesionais do cine que refugabamos o sistema, pola censura basicamente, e sabiamos das posibilidades do medio, pero hoxe aínda non se decataron da súa forza. En Compostela hai unha asociación de viciños no Casco Vello que fixeron unha magnífica mostra de fotos sobre a situación do barrio,  por que non un vídeo tamén? É tan fácil facelo… 

    Alienados pola tecnoloxía 

    A vídeo-creación aínda parece que non traspasou a alfándega da experimentación técnica e dos efectos especiais, que non chegou á narración. 

    Nestes momentos hai unha mitificación da técnica e da tecla que pulsándoa xera efectos marabillosos. Iso destruíu completamente o concepto clásico da narración. O vídeo non é senón o cine con outro soporte, o que inventaron Griffith, Eisenstein, e tantos outros. A linguaxe non se modificou. O soporte si, e ademais sometido a un avanzo tecnolóxico que permite manexar as imaxes, planos dun segundo, saturación de cenas que non explican cousa. Cando ves algún que di algo sénteste gratificado. Penso que se perdeu a capacidade de narrar, dos ritmos lentos, da montaxe paralela, de conquerir un guión, co seu clímax, o seu desenlace, … esa narrativa clásica, con todos os efectos que se queiran meter, agora con máis facilidade, pero cun senso de contar e de informar. 

     

    Llorenç Soler en 1993 en Compostela. ©Anxo Iglesias

    Esa tendencia alienada vai pasando ou aínda teremos que sufrila moito tempo? 

    Estamos nun punto de non retorno. Agora non se trata xa de manipulación da imaxe que gravas, é que agora críanse electronicamente as imaxes a partir de combinacións numéricas de ordenadores. Imaxes virtuais, que non existen na realidade. A xente está engaiolada por iso. Meu fillo pequeno, que ten cámaras ao seu dispor, non lle interesan e prefire manexar o ordenador, onde el fai as súas animacións. Mesmo así aínda hai moitos anos para o documental con regras clásicas e adaptado aos novos medios. 

    Cos informativos non experimentan 

    Curiosamente a televisión comercial segue enfiando a programación con patróns moi clásicos, mesmo nos programas que elabora. 

    Chámame a atención o que se parecen entre si os informativos de todas as televisións, o clásicos e pouco innovadores que resultan. Quizais porque a información é moi controlada ideoloxicamente e todas as parafernalias déixanse á marxe cando se trata de empregar con forza o gran poder ideolóxico da televisión. A censura indirecta -de que se pode ou non falar- exércese sobre todo nos informativos-, e cando se traspasan  tantos filtros ideolóxicos non hai case , campo para innovar. Prefiren dar as causas con moita claridade. En Cataluńa hai un informativo relativamente innovador no Canal 33 (a segunda cadea da TV de Cataluńa), que se fai sen presentador, pero son cambios moi tímidos. 

    O documental funciona como escola para cineastas de ficción? 

    Teno feito, pero coido que é un erro. A vocación de documentalista é distinta da outra. É mal sistema que a aprendizaxe pase polo documental. Ambos e dous son cine pero con requirimentos diferentes. Non quero dicir que o documental sexa a verdade e a ficción a mentira. Pela contra hai películas que din verdades coma puńos e documentais que menten. Se repasamos a historia do cine (o free cinema inglés por exemplo) está cheo de cineastas que empezaron polo documental porque non tińan diñeiro para máis. No documental constrúes ficcións a partir de elementos da realidade, pero é dunha linguaxe tan específica e con tanto para investigar que se pensas nel como chanzo de paso quedas na superficie.

    (Nº 585. 2 de setembro 1993)

  • González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

    González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

    O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na Coruña o politico nacionalista Pablo González Mariñas. Presente en momentos fundamentais do devalar político contemporáneo, Mariñas foi deputado na primeira lexislatura (1981 e 1990) voceiro parlamentario de Coalición Galega (1983-1986) e secretario xeral do PNG-PG (1987-1990). Formou parte do goberno da Xunta presidido por Fernando González Laxe, como Conselleiro da Presidencia e Administración Pública. Esta entrevista que recollemos foi realizada en xullo de 2009, cando recén inauguraba o seu mandato Núñez Feixóo, e facía un balance da situación do momento, que aínda pasados trece anos mantén frescura e análises de utilidade no presente político.

    “Soster que somos un país probe que vive da solidariedade do Estado é unha falacia histórica”

    Foi Conselleiro da Presidencia con Fernández González Laxe e deputado do BNG até o 1 de marzo pasado. O profesor de Dereito Administrativo Paulo González Mariñas (A Coruña, 1944) é un veterano dirixente nacionalista, candidato á presidencia da Xunta por Coalición Galega e fundador do PNG, unha das organizacións integradas no BNG. É fundador do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, que presidiu varios anos e no que vén de sucedelo Anxo Quintana.

    A presidenta do Tribunal Constitucional, Emilia Casas, di que agora xa é posíbel unha reforma constitucional, porque “está resolto o problema da autonomía política”. É porque os nacionalismos catalán, galego e vasco están á baixa?

    Hai unha evolución moi gran- de na actitude de Zapatero de 2004 a hoxe. Primeiro apostou por avanzar na institucionalización dun estado máis plural e unha peza importante dese puzzle era a reforma constitucional (cambio do Senado, su-presión da lei sálica e nomeamento das comunidades autónomas, no que se inclúe o asunto das nacións do Estado). Iso veuse abaixo, non sei en que medida debido á ruptura do pacto para resolver o problema etarra. O resultado é que estamos xa nunha involución enorme cunha recentralización directa, sen disimulos. O pacto vasco de PP e PSOE é unha peza pero hai unha serie de medidas que lles permiten ese vaciado político da autonomía e o rearme do poder central.

    Que medidas son esas?

    Os poderes centrais utilizaron varios mecanismos. Por exemplo o uso abusivo das leis de bases. É un tecnicismo revelador: cando a constitución di que ao estado lle corresponde ditar as leis básicas e ás comunidades autónomas o que non é básico, sucede que nesas materias hai competencias compartidas. Cando a autonomía fai unha norma está a uti lizar competencia propia, non desenvolvendo o que di o estado, que o que ditamina é o mínimo común denominador para todos os cidadáns. A perversión é asimilar as leis de bases coas leis marco. Estas fáinas o estado como lle peta e se quere pídelle colaboración ou opinión ás autonomías. As autonomías desenvolven esas leis marco, non as básicas. Velaí un instrumento para centralizar: confundir leis básicas e leis marco. Hai máis exemplos xurídicos. A constitución di que o estado ten competencia exclusiva para a “ordenación xeral da economía”, pero resulta que as comunidades teñen á súa vez potestade exclusiva sobre gandería, agricultura ou montes, entón hai un choque e daquela o Estado dita normas que invaden a exclusividade autonómica. O elemento máis definitivo é o uso das normas e directivas europeas, para traspoñelas unilateralmente, cando podían facelo as autonomías no ámbito da súa competencia.

    Eses serían procedementos técnico-xurídicos, pero a desnaturalización da autonomía é máis visíbel no político.

    Aí teñen a Brunete mediática co martelo permanente de que se desfai España, atacando directamente o sistema autonómico que nos dimos e coartando toda tendencia cara o federalismo asimétrico. Nestes momentos estamos ancorados nunha concepción sacra da Constitución. Un gran contraste con Alemaña, que xa leva 47 reformas parciais da súa constitución. Eles entenden que reformándoa é como mellor a defenden, porque aumenta o grado de adhesión da xente a esa lei superior, para que sintoniza co pensamento cidadán.

    E a pesar de todo ninguén é capaz de erguer a bandeira contra a autonomía.

    Pero a dereita si fala de reformar a constitución para cargarse o título VIII, recentralizar o poder e desde logo non conceder ningunha asimetría. É ir contra a historia, porque o que está a producir o exceso de globalización é o florecemento dos espazos identitarios máis pequenos que acomodan mellor a vida da xente fronte á uniformización ou o ataque ás linguas.

    O que está a producir o exceso de globalización é o florecemento dos espazos identitarios máis pequenos que acomodan mellor a vida da xente

    O descenso do nacionalismo ou o seu afastamento do poder é relevante. Por que o PSOE non resiste e se deixa ir pola liña máis xacobina?

    Penso que é influencia do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas). A función dos partidos non é só gañar eleccións tamén deben conformar a sociedade con arreglo a determinados valores e dar pautas de conduta. Cando se goberna a golpe de inquérito, a curto prazo, sen afán de conducir, de modular e buscar obxectivos máis elevados democraticamente poñémonos nesta situación. Probabelmente o PSOE detectou esta tendencia á baixa dos nacionalismos e decidiu vender centralismo.

    Agora negóciase a fase final do financiamento autonómico, en que posición está Galiza?

    Estamos rendidos. O sistema só podería ter unha posición valente de defensa de Galiza desde o Novo Estatuto. A Núñez Feixóo volveralle de continuo o remorso de ter abortado aquel estatuto de 2007. Agora vai a Madrid e Zapatero espétalle que se tivera un texto como de Cataluña tería unha boa base xurídico-política desde a que pelexar. Pero abortouno no seu día e agora págao. Saíulle mal o da “alianza das comunidades pobres” e non ten un Estatuto novo e, ogallá me equivoque, pero ten poucas bazas. Desde o BNG levamos dicindo que as cifras sobre o noso balance de gas tos e ingresos sempre se expresan trucadas (dicíao Paco Rodríguez nun artigo recente en Xornal de Galicia) e ninguén discute as nosas cifras. Nunca. Porque son verdade. A táctica do proceso recentralizador fala de que nos dan cartos por solidariedade, e non é así, son cartos nosos. Hai quen sostén que somos un país probe que vive da solidariedade do Estado, cando é unha falacia histórica.

    ============================

    De cando Afonso Rueda non quixo Policía Autonómica

    Hai poucos días o conselleiro da presidencia, Alfonso Rueda, case renunciou á posta en marcha da Policía Autonómica, que é un dos símbolos tamén do autogoberno.

    O tema clave é o traspaso de competencias de tráfico. E se tes o tránsito tes a vixilancia dese tránsito e por tanto precisas policía autonómica. Creo que Rueda non se decatou e cando o faga vaise corrixir, porque si pediu a transferencia de Tráfico. Pode facerse o paripé de poñerlle transitoriamente aos policías unha escarapela cunha bandeira, pero igual tes que negociar con Interior. Ter policía propia é un símbolo básico para poder ver a realidade do poder autonómico. Por iso Rubalcaba é tan reticente. Un poder fáise real cando ten unha capacidade coactiva para levalo adiante. Até un modesto concello ten policía porque é a maneira de levar adiante moitas decisións. Eu como conselleiro se quería, por exemplo, pechar un bingo, tiña que pedirlle prestado os gardas ao gobernador civil. Iso non é un poder político completo, ter policía non é un capricho. Un goberno autónomo non é tal sen policía propia, e isto xa o falábamos no ano 1980, cando os Pactos do Hostal, previos ao vixente Estatuto. Tivemos que reformar o texto porque non contiña ese concepto fundamental de monopolio do poder público para facer cumprir as leis. Aquí só se fala de se é caro ou se nos prestan os policías. Pero se falamos de autogoberno isto é un asunto central. Pódese exercer o poder autonómico descoñecendo ou abeirando esas cuestións? Estamos vendo que se pode. E aínda máis: un mandato central do Estatuto de Autonomía di que “a comunidade autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia”, e o presidente Feixóo cachondéase disto cando di que moitos, entre os que eu me contaría, estamos perdendo o tempo en “tertulias identitarias”. Se o presidente do meu país é quen de levar unha campaña tan agresiva contra a lingua, que é o elemento principal desa identidade, eu que teño que pensar? Isto non pasaría en Cataluña, por suposto, pero tampouco en Andalucía nin en Asturias, que se o seu presidente fala mal do bable bótano. De que estamos feitos os galegos?

    ============================

    ‘O PP quere convencer da idea reaccionaria de que Galicia non acepta coalicións’

    O BNG está nun punto crítico, logo da perda do poder na Xunta e de devalo electoral. Cal á súa análise?

    Estamos nun momento complicado. O devalo global pode axudar a entender, pero en todo caso temos que facer unha renovación a fondo, que moitos compañeiros vemos necesaria desde hai tempo. Todas as organizacións teñen que evoluír, e igual que houbo unha Asemblea en Riazor en 1982, ten que haber outra. Renovar, abrirse á sociedade e lanzar unha mensaxe optimista. Un partido non pode ser só unha conciencia crítica, hai que estar no mundo e construír. O BNG ten que rematar xa coa interinidade actual, non pode agardar dous anos e debe anticipar a asemblea nacional. Temos que ser xenerosos, conectar coa sociedade e dar un corte histórico como tantos que se fixeron, para revitalizar e ilusionar á xente. Chama a atención que despois da derrota electoral e a difícil deglución interna, as actuacións do novo goberno fan que sectores outrora críticos comecen a añorar medidas do bipartito que non foron apreciadas. Hai persoas no BNG que pensan que é máis importante o traballo social xeneroso, aberto, sementando ideas e criticismo político e social, pero non gobernando. E hai outro grupo que entendemos que as organizacións políticas son instrumentos para conquistar parcelas de poder e gobernar. O BNG non vendeu con orgullo o traballo gobernamental e para min é o erro máis grave que se cometeu coas consecuencias coñecidas. Se non presumes das túas conquistas e logros, grandes ou pequenos, que houbo moitos, mal vas. Á xente, vémolo nos inquéritos, quedoulle unha idea de que foi un goberno pelexado. O PP coñece moi ben a psicoloxía colectiva e queren convencer da idea reaccionaria de que Galicia non acepta coalicións, e para iso teñen moitos apoios mediáticos. Temos unha tarefa difícil pero tamén unha enorme vitalidade. Dá gusto falar coa xente de base do BNG. Non podemos queimala. Están esperando que se retomen as luces dunha orientación para mellorar a vida do país, non só para a defensa da identidade, que é a raíz nosa de ser, pero non a nosa única función.

    (A Nosa Terra. Nº 1366. 2 de xullo de 2009)

  • Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

    Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

    Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario. Mestra excepcional, pedagoga da experiencia directa, a súa biografía alfómbrana as flores de moitas mulleres e homes que medran de pícaros nas aulas do seu colexio e lembran aquel tempo como un espazo único e definitivo nas súas vidas. O ouro de Antía brilla en cada lembranza e nestes anos finais puido ver que o seu empeño educativo, tantas veces contracorrente, mereceu recoñecemento e agarimo. A palabra xusta é o documental que nos deixa percorrer a súa vida, e esta entrevista de 2001 en A Nosa Terra fai unha aproximación a esa vida quue se foi deixando un ronsel no horizonte.

    En 1961 Antía Cal abría en Vigo o Colexio Rosalia de Castro. Cando a escola era de catequese e principios do Movemento, Antía inaugura un centro no que que rexe un lema tomado dos novos movementos pedagóxicos europeos: «Os nenos son os verdadeiros profesores da clase». Cúmprense corenta anos da creación daquela pioneira escola e a sua fundadora fálanos das súas experiencias de décadas como mestra dun colexio, como ela di, «nada normal». Cóntanos tantos anos de maxisterio como se estivese a dar unha clase. Coa mesma claridade e esperando, máis unha vez, que sexa a alumna a que tire as súas conclusións. 

    A ría imponse diante do grande ventanal da súa casa e a cidade de Vigo móstrase panorámica. A paisaxe abraia pero a Antía Cal parécelle silenciosa en exceso. Fala paciente, co sosego que acadou na súa vida de ensinante e quen a escoita non pode deixar de pensar que o silencio que agora sente é tamén a ausencia do barullo dun grupo de cativos a sentar nunha aula. 

    A historia comeza desde o principio. Desde os nove anos que Antía Cal pasou na Habana como filla de emigrantes. Co pai aínda na capital cubana, a rapariga regresa co irmán e a nai paa continuar os seus estudos na terra. «Era tempo de guerra moi desacougante. Mamá pasaba tempo sen ter carta. Lémbroa sempre pegada á radio. Na casa viviamos con sensación de provisionalidade. Viñamos para es¡tudar e por iso fomos a Coruńa onde vivín todo o bacharelato», relata arredor daquela etapa de aprendizaxe que continuou ás primeiras leccións da propia nai. 

    A Antía Cal sempre lle gustou estudar. Pasaba as horas viaxando diante do atlas e non dubidaba na escolla do seu futuro: quería ser xeógrafa. «Meu irmán quería estudar Medicina e ninguén lle pedía contas. A min dixéronme que non había cartos, que estudara a carreira de Comercio. Levei un desgusto pero mamá díxome que non me preocupara, que despois poderia ir á Universidade». Así foi.  Antía Cal fixo nun ano os seus estudos de comercio que compaxinou con maxisterio e logo marchou para Compostela, cando o irmán entrou na Facultade de Medicina. 

    De Compostela recupera a emoción de ser universitaria e tamén os paseos nos que os mozos se coñecian. Nunha de-sas camiñadas é onde atopa a Antón Beiras, daquela un médico novo que se ía converter co tempo nun relevante oftalmólogo e tamén no compañeiro de Antía Cal até a súa morte. 

    Con Pestalozzi en Xenebra 

    Antón Beiras devecía por investigar. Reducía ao máximo as consultas para se adentrar nas novas investigacións relacionadas cos ollos, unha paixón que fixo del un dos máis eminentes nomes da historia médica galega. Nunha ocasión Antón emprendeu un percorrido por Europa na busca dos novos tratamentos para a cura do estrabismo. Antía foi con el a Toulouse, Montpellier e Xenebra, cidade na que o médico demoraria máis na súa formación. 

    «Foi o momento estelar da mińa vida. Lin nun xornal que o concello mercara o legado de Pestalozzi e que se estaba a catalogar.  A min a súa pedagoxía gustárame porque foi o primeiro que avogou a favor de que as nenas tiveran direito a ir á escola pública. Terciou por iso porque dicía que ían ser as primeiras mestras dos seus fillos. Fun alí e coñecín un catedrático xubilado que estaba encargado do arquivo. Intereseime polas ensinanzas de Pestalozzi que dicía que os nenos tiñan predisposición para aprender e que iso se perdía aos sete anos. Quedei abraiada e continuei indo alí até que marchamos de Xenebra». Preguntoulle tamén a aquel especialista onde podía enviar aos seus fillos a estudar. «Díxome que o mellor sitio do mundo era Inglaterra. En España non había nada que facer naquel tempo», responde para explicar a súa decisión de mandar aos nenos a unha escola da que tamen ela aprendería. «Aquí aínda agora cualifícase aos rapaces co termo destaca. Que significa iso? É como hai cincuenta anos!» comenta enfadada. 

    Hipotecou unha casa da nai e empeñouse en criar un centro escolar diferente a todo o que entón predominaba no ensino dos cativos.

    De todas esas ensinanzas naceu o seu empeńo de facer en Vigo unha escola distinta. Hipotecou unha casa da nai e empeñouse en criar un centro escolar diferente a todo o que entón predominaba no ensino dos cativos. «Nos colexios até chovía. Daban clase profesores cun nivel baixísimo. Ao comezo mesmo houbo quen riu de min dicíndome que collía os nenos cando estaban na teta da nai». 

    Así naceu o Rosalía de Castro, con 24 alumnos do entorno de Antía Cal e tres profesores. Por que era distinto aos outros? «O importante era que o neno descubrira as cousas, que fora el o profesor da clase. Había unha frase que era principal na pedagoxia do Rosalía: os nenos aprenden dos iguais». Comeza así a mestra a debullar os avances da súa escola. Cando chegaba o outono os nenos ían ao monte do Castro e apuntaban todo o que vían. Repetían a excursión nas outras estacións do curso escolar e eles mesmos se decataban dos cambios. “Era a maneira de explicar as estacións. O importante é ir ás cousas concretas, que a abstracción veña pouco a pouco». Cando chegaban, os nenos escribían nun papel unha presentación persoal, ao igual que facía a mestra. No fin de curso, volvían facer a mesma redacción e comprobaban os cambios que experimentaban nun ano de colexio». 

    De cativos xa facían o percorrido pola ruta de Rosalia de Castro, polos espazos relacionados coa poeta. Máis adiante, achegábanse a Compostela e visitaban o Seminario de Estudos Galegos ou asistían a charlas de Ramón Piñeiro ou Isaac Díaz Pardo. Para falar da II Guerra Mundial, os propios nenos convidaron a Mercedes Núñez para que dese unha clase contando as súas experiencias nun campo de concentración nazi. 

    As aulas do colexio Rosalia de Castro tiñan nomes propios. Sarmiento, Feixoo, Ramón María Aller, Neira Vilas ou Álvaro Cunqueiro. Un dia decidiron bautizar unha delas co nome de Alexandre Bóveda. Para ese espazo escolar non había fotografía, en parte algunha atoparon un retrato do galeguista. «Os nenos decidiron mandar unha carta ao carteiro de Pontevedra dirixida á familia de Bóveda da que non tiñamos enderezo. Pouco despois veu Amalia, a muller, cun dos seus fillos a traernos unha fotografía e a última carta de Alexandre Bóveda para o coléxio», explica Antía Cal. Cando a homenaxe para moitos persoeiros é dar nome a unha rúa, o mellor ofrecemento que recibiu Antía Cal é o de titular unha agrupación de colexios. Igual que acontecía coas súas aulas con nome, agora cando os cativos de Gondomar van á escola, alguén lles explicará que Antía Cal é unha muller que, cando era difícil atreverse, quixo facer unha escola distinta. 

    [A Nosa Terra. Nº 1007. Novembro de 2001]

  • 10 de marzo, a colleita do 72

    10 de marzo, a colleita do 72

    Teño recollido nestas páxinas de «A Nosa Terra» unha breve escolma da vida de persoas extraordinarias cos que tiven a sorte de atoparme. Persoas exemplares das que a historia cústalle traballo considerar e a moitos deles e delas, non se  lles fará xustiza nin sequera cun breve apuntamento, pero que deixaron en min, nalgúns casos, profunda pegada. 

    Hoxe, o meu agradecemento é colectivo, porque chegado o 50 cabodano dos sucesos do 72 é hora de lembrar que quedou daquela loita, que lección nos deu a historia e de que maneira influíu naquela xeración de mozos que participamos naquel movemento antifascista seguindo as directrices daqueles loitadores irrepetíbeis que dende o Partido Comunista  arriscaron as súas vidas naquela extenuante loita contra a Ditadura. 

    Toda esa fase da nosa historia recente, afortunadamente provocou o interese de historiadores e da escrita das persoas protagonistas moitas delas afortunadamente vivas para dar fé daqueles días de loita previos ao 10 de Marzo de 1972.

    A partires do dia 10, tamén xa sabedes, persecución, tortura, despidos masivos, e o Cárcere da Coruña cheo de «fichados» estiveran na manifestación de Ferrol ou non, que tanto tiña con tal de reprimir as gañas de liberdade e democracia.

    Toda esa fase da nosa historia recente, afortunadamente provocou o interese de historiadores

    Pero na Bazán xa funcionanan dende anos atrás as «Comisiones Obreras» como “»Movimento Sociopolítico Asambleario e de Clase» e aquela estrutura sindical servira xa para a defensa e a solidariedade coas empresas da Comarca,  Peninsular Madereira, Megasa etc, conflitos pola defensa do emprego e dunhas condicións de traballo dignas.

    Pero claro, o Réximen non quería consentir aquelas loitas «dende dentro do sistema». Abondo levaban soportando no Sindicato Vertical,  Rodolfo Martín Villa,  Secretario General da Organización Sindical e os seus secuaces coa infiltración de elementos subversivos na estrutura do Vertical. Así que a tiros reprimiron a manifestación por un Convenio de Factoría que previamente tería autorizado.

    O autor, Afonso Tellado, sentado o segundo pola dereita, con protagonistas daqueles acontecementos históricos.

    O argumentario esgrimido e respaldado pola totalidade do cadro de persoal da Bazán de Ferrol, tiña como principal elemento a cercania da Comisión Negociadora co conxunto dos traballadores a das traballadoras, á hora de rexeitar e/ou aprobar a proposta das condición pactadas.

    Non cabe dúbida de que outro argumento de peso para un Convenio de Factoría tamén fora a composición da comisión negociadora das Factorías de San Fernando e Cartaxena, pois que nesas factorías non contaban con militantes das Comisiónes Obreras que previamente se infliltraran no Sindicato Vertical.

    Aquela pretensión de achegar a Negociación Colectiva ao conxunto do cadro de persoal que permitira participar co coñecemento da materia a negociar, foi rexeitado polas forzas de orden público, metralleta en man que en número espectacular foran desprazados dende León e Valladolid os días anteriores.

    Polo Convenio Colectivo de 1976 practicamente todos os despedidos fomos incorporándonos a Empresa cun custe económico importante nos salarios do conxunto do cadro de persoal. Aquela incorporación tivo un custe de incremento cero naquel Convenio. Ata niso aquela miserable Dirección sacou proveito a pesares de que un tempo despois chegaría a Amnistía de Adolfo Suárez, amnistía que seguramente aínda esteamos pagando a dia de hoxe.

    Non nos foi fácil levar á práctica moito do aprendido daqueles extraordinarios loitadores. A autoorganización, os cadros sindicais controlados pola asemblea de taller, o acceso as asembleas gremiais foron combatidas, rexeitadas e negadas dende o sindicato xa legalizado como Comisións Obreiras.

    Convenio tras Convenio as asembleas xerais votarían en contra da presentación dun Convenio de Factoría porque a implantación de CCOO unha vez legalizado suporía a maioría da asemblea. E cando non foi así grazas a afiliación que o sindicalismo nacionalista fomos conseguindo, sempre tiveron  o respaldo da UGT e da USO.

    Aquelas novas «promesas» moitas delas incorporadas nos procesos de selección posterior a 1972 foron pouco a pouco dándolle corpo a un modelo sindical aprendido daqueles loitadores, tendo presente aquel argumentario, ademais de que necesitamos un modelo de relacións laborais en función do produto que elaboramos (pensade que estamos a falar daqueles anos coa construción de cargueiros, petroleiros, grandes buques militares, turbinas de vapor e gran reparación naval) ata do clima co que temos que convivir.

    E sobre de todo, un modelo de Negociación Colectiva propia, achegada, de control do comité polo representado e representada, nada que ver coa obsesión do control da cúpula sindical negociadora, da centralización absurda que afasta ao representado. Ata hoxe, onde a pesares de todo o modelo sindical nacionalista e de clase onde tiven a honra de aportar o aprendido é maioritariamante respaldado pola Clase Obreira Galega.

    Aquel colectivo inclasificable de homes e mulleres que moitas veces representei, e dos que fun a súa voz nas Asembleas, foron os que fixeron posible a implantación do noso modelo sindical. Tito, Abelardo, Ramiro Rico, Manola Fuentes, Mercedes Prados, Maria Xosé Guerreiro, Juan Polo, Manel, Manolo Varela, Manel Montero e un afortunadamente longo etc. hoxe xs prácticamente todos e todas fora da empresa cubriron unha etapa das súas vidas adicadas a defender o seu País dende a empresa onde traballaron toda a súa vida.

    Grazas a todas.Grazas a todos.

  • A morte política de Fraga Iribarne

    A morte política de Fraga Iribarne

    Hai agora dez anos que morreu Manuel Fraga Iribarne, pero a súa morte política xa se producira dez anos antes, cando a catástrofe do Prestige. Fraga que viu que tamén era unha «catástrofe política» non foi quen de pórse ao fronte da Xunta e delegou en Madrid, que, na práctica, suspendeu a autonomía sen recorrer ao artigo 155. José María Aznar aproveitou para desfacerse do presidente e sacarlle a G ao PP galego.

    «Fallei a oportunidade da miña vida». Así é como se sentía Fraga Iribarne no mes de febreiro do 2003, cando o desastre do Prestige, segundo me relataría un dos seus próximos.

    A crise do Prestige afectáralle ao presidente da Xunta tan persoalmente coma se o destino lle xogase unha mala pasada.

    Fraga había anos que viña traballando arreo, coas contradicións inherentes á súa personalidade, a patina de galeguista que cubrise toda a súa dilatada carreira política e, con este manto, lustroso, viaxar pola historia con grandes letras douradas… E Beiras xa o agasallara logo do seu xuntoiro co de «abrazou o galeguismo histórico».

    A estratexia pasaba por controlar ao PPdG con certa autonomía de Madrid, pacificar a sociedade galega e, por último, impulsar o dialogo institucional e o entendemento con Xosé Manuel Beiras.

    Nun xantar en Vilalba dixérame que aspiraba a que os do BNG, polo menos se non o querían, que sería moito pedir, que valorasen finalmente o seu traballo por Galiza. Penso que falaba co corazón.

    Manifestacion de Nunca Máis en Madrid o 23 de febreiro de 2003

    Seus próximos mandaban recado aos nacionalistas de que a Fraga, naqueles días do Prestige, o que máis o amolaba eran os berros de “hai que ir morrendo, Manolo hai que ir morrendo”. Seica non podía crer que os galegos o quixesen tan mal. Seguramente tiña unha opinión tan alta de si mesmo que contemplaba ese rexeite dos «seus» galegos como unha traizón.

    Fraga pensaba que o BNG o ía apoiar e, así, tirarlle máis compromisos de investimento ao Goberno central. Así mo dixo, queixoso.

    Até daquela todo semellaba avanzar segundo os desexos do presidente. Pero chegou o Prestige polo mar, como tantas venturas, como tantas desgrazas.

    O Fraga que sempre apoiou a súa carreira política no populismo. O Fraga de Palomares, dos tele-clubs. De Galego coma ti… Das bágoas no Parlamento, da tortilla e empanada…, só tiña que realizar o movemento tantas veces ensaiado nos discursos

    Por que na desfeita do Prestige obrou ao contrario do que fixo sempre? Por que agardou unha semana para visitar as zonas afectadas? Por que non saíu sequera realizando unhas declaracións na TVG? Por que aprazou o habitual Consello da Xunta? Por que a Xunta non montou ningún operativo e só tiña unha xornalista ao teléfono para desviar as chamadas á Delegación do Goberno? Por que na vez de marcharse a Muxía, decidiu tirar cara Aranjuez, levando con el a Xosé Cuíña, amolado? Por que Fraga non foi Fraga?

    “Estiven onde tiña que estar, Deus e Santiago veñen a axudar”, diría Fraga, moi no seu papel tempo despois.

    Fraga non só creu, no primeiro momento, os informes de Madrid que lle indicaban que no mar de Fisterra non pasaba nada, senón que, logo do fallo sobexo, coa moral máis baixa ca Cardeñosa ao errar a porta vacía o gol contra Brasil, permitiu que Madrid non só desprezase a súa posición institucional, senón a súa autorictas dentro do partido.

    A continuación, e xa perdido, comezou a miañar unha axuda para non pasar á historia cuberto co negro chapapote. El, que tivera a posibilidade da gloria nas súas mans poñéndose á fonte dos galegos e das institucións naquela crise, xogou cos reflexos condicionados doutros tempos, se cadra por ocupar un posto cambiado. Fuxiu dos cidadáns.

    Se Fraga se puxese á fronte das reivindicacións populares, tería o apoio dos nacionalistas e dos miles de manifestantes na rúa. Así llo dixen daquelas en privado.

    Non lembrou o sucedido na Guerra do Fletán con Canadá, cando acudiu á grande manifestación no Obradoiro. Ou si?

    Cuíña Crespo comentarame por aqueles días que se Nunca Máis tivese aceptado a plataforma reivindicativa avenzada entre Fraga e Beiras, o PPdG tería estado na manifestación do Obradoiro e nada sería o mesmo.

    O 10 de xaneiro do 2002, preguntábame eu: “que queda do galeguismo que predicaba o PPdG? Podemos falar dunha liña autóctona do partido cando non da a cara en situacións tan graves coma esta?”

    O goberno en liortas, o partido roto, Cuíña cesado, o sucesor no limbo; Madrid facéndose co control e os cidadáns, como nunca sucedera, na rúa a miles berrando Nunca Máis.

    Fraga maldicía a hora na que marchou de caza. Pero, na vez de recompoñer a situación, como lle reclamaban mesmo dentro do partido, decidiu derrancar contra a realidade, moi propio seu, e plantarlles cara aos cidadáns.

    Puido gañar a gloria do recoñecemento no penúltimo envite da roda da fortuna e perdeuno todo: bótalle a culpa aos cidadáns dando pasos atrás na súa propia historia.

    O PPdG, perdeu a «G», e Fraga por perder, tamén perdeu a presidencia da Xunta. Pero Fraga Iribarne non perdera toda a visión política. Tiña razón cando, xa nos primeiros días, afirmou que na Galiza non se estaba a producir só unha catástrofe medioambiental, senón tamén unha catástrofe política.

    E aínda non era capaz de albiscar todo o que podía pasar. A José María Aznar só lle quedaba Galiza fora do control centralizador. A súa teima non só era a «unificación do partido», senón a «centralización do Estado».

    Aznar impón a súa política

    Galiza e Fraga eran un perigo. Fraga, até principios do ano 2002, revolvérase contra as políticas de Aznar e, non só pactaba cos «nacionalistas radicais do BNG», senón que os defendía en Madrid nas reunións da Executiva do PP, afirmando que «están dentro da Constitución».

    Por se fose pouco para Aznar, un home inseguro, Fraga aínda contaba con moitos apoios internos, sobre todo «emocionais», dentro da estrutura do PP, polo que o ollaba como un perigo potencial aos seus designios de «gran Duce». Sabía que xa marchara e tiña reaparecido.

    É neste contexto político no que se produce o desastre do Prestige e a batalla interna dentro do PP.

    José María Aznar quixo demostrar, en primeiro lugar, a incapacidade de Fraga Iribarne para pórse á fonte da crise. Para logralo tiña que evitar por todos os medios o seu protagonismo.

    Foi así como Aznar tomou nas súas mans non só a sucesión de Fraga, senón a configuración do goberno autónomo e, para iso, o primeiro paso foi parar a remodelación anunciada.

    A marcha de Fraga Iribarne a Aranjuez, con Cuíña Crespo, a fin de semana decisiva, situouno xa en inferioridade de partida.

    Porqué Fraga aceptou esa cacería se non podía cazar logo dunha accidente uns días antes ao saltar un regato en Sanabría? Que empresarios estaban tamén nese acto? Que ía procurando Fraga?

    Coméntanme varias fontes próximas ao daquelas presidente, que investimentos para Galiza.

    Mentres tanto, o Goberno central colleu na súas mans as rendas do Prestige, suspendendo, de facto, a autonomía ao asumir as súas competencias en Pesca e Medioambiente, sen necesidade de recorrer ao artigo 155.

    Era a Delegación do Goberno, con Arsenio Fernández de Mesa á cabeza, quen centralizaba todos os operativos e quen comunicaba coa cidadanía. A Xunta desaparecera.

    Todo se precipita coa grande manifestación de Nunca Máis en Compostela do 1 de decembro do 2002. As interrogantes sobre a repercusión da catástrofe, aínda abertas até aquel día, pecháronse coma os milleiros de paraugas ao rematar a manifestación.

    Fraga Iribarne non ten máis remedio que convocar o Consello da Xunta, que viña aprazando para evitar disensión públicas, poucos minutos despois de baleirarse o Obradoiro. O Prestige non era a chapuza das «vacas tolas», levada con escurantismo e sixilo. O gabinete esquebraba cun enfrontamento aberto e navalleiro entre as dúas faccións.

    Por un lado Xosé Antonio Orza, Conselleiro de Economía e López Veiga, responsábel de Pesca. Polo outro Cuíña Crespo, Pérez Varela, Conselleiro de Cultura e Miras Portugal, de Emigración.

    Fraga cala.

    Veiga e Orza acusan a Cuíña de querer levar a cabo unha política paralela que, na práctica, «significa rachar co Goberno central».

    Cuíña contraataca forte e afirma que ante a inoperancia de Madrid «se hai que facelo, faise», denunciando o ninguneo que desde o Goberno central estaban a someter ao Goberno autonómico e ao propio Fraga.

    O sector liderado por Cuíña Crespo presenta un documento con medidas concretas «para paliar a crise e que a Xunta se faga visíbel na catástrofe». Na práctica, é a defensa do autogoberno e o enfrontamento directo con Aznar.

    Fraga négase a asinalo, pero si permite que saian adiante algunhas propostas, como a Comisión de Investigación do Parlamento. Comisión que lle demandara Beiras para seguir co «pacto» e que, como recoñecería o mesmo Fraga co tempo, foi boicoteada desde Madrid ao impedir que comparecesen os cargos institucionais relacionados co Goberno central.

    Fraga, para contentar ao sector autónomo, crea un Gabinete de Crise, con Cuíña Crespo, Corina Porro e Pérez Varela para «dotar de medios aos voluntarios e que a imaxe da Xunta non apareza ligada a Madrid». Das competencias reais, que demandaba un sector do Goberno, nada.

    En Madrid tamén manobraban. Aznar chama a Fraga para quedar a comer e consegue un pacto polo que Fraga se  «deixaría aconsellar» tanto na remodelación do Goberno como no nomeamento do sucesor. Como contrapartida, ofrécelle investir cinco mil millóns en cinco anos, o denominado logo, Plan Galicia, para que Fraga non perda as eleccións, que, daquelas, xa se convertera na súa máxima obsesión.

    Pola contra, négase a que Fraga apareza nunha rolda de prensa xunto con Cuíña, Del Alamo, conselleiro de Medioambiente e Corina Porro, de Asuntos Sociais.

    Ao mesmo tempo, reclaman a presenza de Xesús Palmou, secretario xeral do PPdG en Madrid. Alí recíbeo toda a cúpula do partido: Javier Arenas, Mariano Raxoi, Rodrigo Rato e Mayor Oreja.

    Era unha medida de forza para demostrarlle ao PPdG que non tiñan apoios en Madrid, que a dirección do PP estaba totalmente unificada, que Fraga non estaba capacitado para liderar nada e que unicamente se Madrid se facía con control do partido na Galiza «se poderá superar a crise do Prestige».

    Para deixar claro que non estaban dispostos a contar con Fraga nin coa Xunta para enfrontar o problema do Prestige, nomean a Rodolfo Martín Villa como delegado, para apoiar a Mariano Raxoi, que é mandado de virrei a Galiza.

    A defenestración de Cuíña

    As cousas estaban claras. As cartas sobre da mesa.

    O día 7 de xaneiro, no Comité executivo do PP, José María Aznar afirma: «non quero a ninguén escondido detrás das pedras. Se vexo a alguén, irei sacalo eu mesmo». Referíase, sen citalo, a Xosé Cuiña.

    Na Galiza, López Veiga era a punta de lanza dos ataques do centralismo. El si acusaba directamente a Cuíña e a outros compañeiros do Goberno de «acocharse para non saír manchados do chapapote».

    O enfrontamento viña desde os primeiros días da catástrofe. López Veiga acusaba a Cuíña de non ter «dado a cara polo Goberno central». Cuíña a López Veiga de non poñer os medios necesarios para deter a contaminación nos primeiros días, ademais de ter unha estratexia de comunicación errada ao negar a dimensión da catástrofe. O conselleiro de Pesca déixase ver en todo momento ao carón de Mariano Raxoi nos seus paseos por Galiza, para que non exista dúbida de con quen está.

    O mundo ao revés. Asumiran todas as competencias desde Madrid e, ao mesmo tempo, acusaban á Xunta de non facer nada.

    Na campaña recentralizadora tamén participaron algúns empresarios. Fanlle chegar mensaxes a Fraga dicíndolle que «Cuíña non pode ser vicepresidente, pois non ten estudos». O bo é que, a maioría deles aínda teñen menos. Tamén circulaban «informes» sobre as empresas da familia Cuíña, que o conselleiro tiña que ir desmontando ante Fraga.

    O 16 de xaneiro, a primeira hora, Fraga recibe unha chamada de José María Aznar pedíndolle que cese a Xosé Cuíña. Fraga négase.

    Unha hora despois, reúnese o Consello da Xunta. Á mesma hora, a cadea SER difunde a nova de que as empresas familiares de Cuíña venderan material para limpar a costa por valor de 42.000 de euros. A información deixáralla un descoñecido na redacción de Madrid. Unha persoa ligada ao PP que xa realizara «traballos» semellantes en anteriores ocasións.

    Xosé Cuíña pásalle unha nota a Fraga negando calquera ilegalidade. O tempo daríalle a razón. Pero o mal xa estaba feito, malia a que no Consello non se trata o asunto.

    Fraga marcha xantar con Xesús Palmou ao restaurante Vilas. Tamén está Mariano Raxoi para reclamarlle que cese a Xosé Cuíña. Romay Beccaría agarda no Hostal.

    Rematado o xantar, o presidente chama ao Conselleiro de Infraestruturas ao seu despacho. Cuíña non agardaba que Fraga lle dixese: 2ou me presenta a súa dimisión ou césoo”. E menos aínda que o xustifique cunha frase lapidaria: «esta é a gota que reborda o vaso». Son as palabras que máis mal lle sentan ao conselleiro. Escóitanse berros e acusacións de traizón.

    Unha hora despois, Fraga tiña sobre a súa mesa unha carta de denuncia manuscrita. A crise do Prestige cobrábase a única vítima política.

    Xa á noite, Xosé Cuíña reúne aos seus máis achegados na súa casa de Filgueira en Lalín. Dilles que alguén lle deu unha navallada. Baltar afirma que é preciso facerlle fronte á conspiración. Deciden que os parlamentarios de Ourense se pechen en Compostela.

    Xesús Palmou, secretario xeral do PPdG, aparece como o home forte, un vicepresidente non nominal, coordinador do Goberno e substituto de Fraga na súa ausencia. O cambote, ex policía, ex amigo de Cuíña, non aspiraba a tanto. Pero Madrid decidía.

    As presións do sector autóctono aumentaran, pero as de Madrid tamén. Fraga daba marcha atrás. A maioría dos medios, incluídos os de Madrid, gaban a decisión de Fraga afirmando que «comeza a modernización do PP, acabouse o caciquismo».

    O 2 de xaneiro Fraga chamara a Cuíña Crespo para comunicarlle que o nomearía vicepresidente e Conselleiro de Medioambiente, encargado de xestionar todo o relacionado co Prestige. Sería tamén o encargado de executar a maioría dos orzamentos da Xunta os tres próximos anos. Orzamentos que deixaría comprometidos.

    Fraga tamén informa a Xosé L. Baltar do próximo nomeamento de Cuíña, que, andado o tempo, pon ao bispo de Ourense como testemuña da conversa co presidente.

    O mesmo Xoan Carlos de Borbón, se refire a Cuíña Crespo nas cacerías que comparten, como O Sucesor. Así o fixo tamén comendo unha caldeirada de polbo nas illas Ons.

    Fraga prometéralle a Isolina Crespo, nai de Cuíña, ante o corpo presente do seu home, o Muiñeiro, que «o Xosé será o meu sucesor». Por iso non só Cuíña Crespo non agarda aquel día o cesamento, senón que é capaz de dicirlle aos seus: «agora comeza o mellor».

    Cuíña non debe de darse conta como as gasta Aznar ou calibra mal as súas forzas. Non asiste á convención que o PP realiza en Compostela o 26 de xaneiro, coa presenza de todo Madrid. Tampouco semella que o botasen en falta, pois o outrora todopoderoso conselleiro, desaparecerá de todos os vídeos do partido ofrecidos durante a inauguración.

    Aquel día Aznar, que até o día anterior non aparecera por Galiza e estaba escabullado polos apupos e asubíos, bramou desde a súa xenreira prepotente: «acabouse, con dous meses está ben», pedíndolle aos militantes que saísen á rúa e se enfrontasen directamente aos que protestaban.

    Dous meses e dous días despois do afundimento do Prestige, tamén encallaba o PPdG. Cuíña Crespo quedaba abeirado na organización e, chegaba Núñez Feixóo, carteiro de Madrid, para ocupar o seu lugar.

    Un dirixente do PP  dicíame comendo en Cacheiras unha semana despois: «Alfonsiño, estes que veñen agora é para terlles medo. Son amorais. Galiza impórtalles un carallo e outro tanto a xente do partido. Van ao seu nada máis».

    Cuíña aínda teimaba que, logo das municipais, recuperaría o control do PpdG. Mentres tanto, Fraga Iribarne, na convención do PP en Madrid, preséntase como a grande vítima do Prestige. Entre loas e aplausos pídenlles que «recen para que Deus non me deixe sufrir unha derrota electoral».

    A dirección do PP decide «amparar a Fraga». Non o facía ata daquelas? Só lles pedira axuda para «poderme retirar dignamente».

    O presidente galego pensaba que unicamente con diñeiro sería capaz de volver a gañar unhas eleccións. José María Aznar ofrecéerallo no Plan Galicia. Fraga equivocarase unha vez máis. Non coñecía ao pobo galego tan ben como pensaba.

    Traizoara aos seus e traizoárase a si mesmo, pero non por sentido de Estado. Claudicara ante Madrid para volver gañar as eleccións. Aínda que o 27 de febreiro bramara: «eu son o referente da autonomía de Galicia. Por iso viñen aquí e por iso mataría». Como Belén Esteban, pero no Parlamento.

    En setembro do 2002, o PP celebra a súa festa galega. Non tivo nada que ver coas que puxera en marcha 10 anos antes Xosé Cuíña no Monte do Faro. José María Aznar releva totalmente a Fraga no protagonismo e case non se refire a Galiza na súa intervención. Se alguén quería saber o que pasara no PP galego, alí tiña a resposta plástica e concreta.  

  • Adeus a Carlos Parrado, historiador da guerrilla antifranquista

    Adeus a Carlos Parrado, historiador da guerrilla antifranquista

    O seu libro “O Curuxás: o guerrilleiro que non cazou Franco”, foi un éxito de vendas en 2009. Carlos Parrado ven de deixarnos, logo dunha traxectoria de compromiso político e investigación, na que a preocupación sobre a resistencia civil á Ditadura non só documentou senón quen tamén puxo en práctica. Esta é a conversa que mantíñamos con el en 2009 cando saiu o libro en Edicións A Nosa Terra.

    Trinta anos pasaron desde que Carlos Parrado (Melide, 1947-2021) se puxo á tarea de facer a biografía do mítico guerrilleiro Ramón Rodríguez Varela Curuxás. Agora ese esforzo culminou no libro O Curuxás: o guerrilleiro que non cazou Franco (Edicións A Nosa Terra). Nunha conversa chea de detalles e anécdotas na súa casa Melide, este antigo empregado do Banco Pastor debu-lla a súa investigación sobre o mítico guerrilleiro libertario, morto en 1967. 

    «Curuxás era unha lenda pero eu cheguei a el pola casualidade. Cando morreu, o 14 de maio de 1967, eu tiña 17 anos e cando souben a noticia collín un coche cuns amigos e fomos a Vilamor á casa onde estaba o corpo. No lugar había unha chea de gardas civís e de xente curiosa. Alí estaba sobre un carro aquel home tan corpulento. Tal como reproduce a portada do libro así o vin eu por única vez. Pasou o tempo e no 1978, despois dun día de caza, estabamos na taberna e comentouse a morte do cura do Meira, un cos casos máis soados nos que estivo implicado. O señor Eduardo lembrou que tiña un recorte de El Correo Español de cando vivía en Bilbao, que tratou a morte a toda a páxina, cousa que non pasou coa prensa de aquí que case o silenciou. Aquel día un amigo meu, Raído, retoume a escribirlle a biografía, cousa que empezamos os dous aínda que el tivo que deixalo ao marchar a emigración. Non sabiamos nada pero xa daquela comezamos a recoller testemuñas». 

    Parrado xa era consciente na súa adolescencia de como se misturaba a lenda coa realidade do guerrilleiro que protagonizara a súa ultima acción en 1954, «é curioso que ningunha das persoas que nos falou mentía, pero as historias reais e a lenda misturábanse sempre. Que se xogaba a partida coa garda civil disfrazado de cura, que se fora ao velorio de seu irmán de muller. Ás veces eran situacións que nos facían dubidar de todo o que nos dicían, pero co tempo crucei moitos datos e souben a base de verdade que latexaba. Botei tempo en dar coas persoas clave da narración e unha delas foi Manuel Fernández Valle Portafondón, que vivía en Bos Aires e fora compañeiro seu de neno na aldea e despois na mina e na resistencia». 

    O HOME DE TODAS PARTES. O primeiro relatorio de Parrado ocupábase da represión nas terras de Melide e a Ulloa, «eran máis de seiscentas páxinas e menos mal que Enrique Acuña me orientou para unha edición concentrada na aventura guerrilleira». Daquela o libro ocúpase de como se conforma a guerrilla antifranquista logo de ter que fuxir da represión golpista en 1936. Curuxás traballaba nas minas de San Finx, en Lousame, e estivo entre os mineiros que foron á Coruña para salvar á República. Os dezaseis anos posteriores, de traballadores e labregos unidos esforzadamente na resistencia antifranquista, ocupan as páxinas dun relato que leríamos como unha novela de non ser a realidade dunha época dolorosa. 

    Parrado, que agora se recoñece un apaixonado pola investigación, soubo en todo este tempo que o propio Curuxás o mirou a el de rapaz desde a casa de Primitivo Fernández Valle na que pasaba días refuxiado e que estaba na rúa Principal, en fronte da tenda-libraría familiar dos Parrado, «Primitivo díxome que el mesmo lle mercaba os xornais na nosa casa. Despois de morto, moitos crían telo visto aquí ou acolá. Non quero caír na mesma suxestión, pero teño para min que vin ao Curuxás saíndo da casa de Primitivo. Cando tiña quince ou dezaseis anos caeume algo na rúa e chamoume a atención ver a un home corpulento. A cara non a lembro pero si que levaba un saco ao ombro. Curuxás sempre que andaba de día no monte facía como que perdera unha besta por se alguén se lle cruzaba e vestíase para a simulación». 

    Porque a historia dos homes que formaron a guerrilla non é de alguén entobado nos montes máis dunha década. O apoio popular era decisivo, e de feito Curuxás axudaba nos traballos, e pasaba tempadas de até quince días en diferentes casas. Despois de rematada a violencia directa en 1954, da que Parrado dá conta miúda no libro, os quince anos finais de vida pasounos na bisbarra. E a xente arriscaba a vida. Nunca o entregou ninguén. Primitivo dicía que claro que pasaba medo, que tiña o cor zón nun puño, pero como ían deixalo andar como un lobo. Esa foi toda a explicación. E podía extenderse a moita xente. Hartmurt Heine [primeiro historiador da guerrilla galega] non entendía moi ben como se poñían en perigo por estar con el en grupo, nun xantar por exemplo. Pero é que Curuxás era unha figura e en certo sentido era un orgullo compartir riscos con el». 

    A falta de fotografías do Curuxás supuxo un problema para a Garda Civil e unha vantaxe para o guerrilleiro, que «era moi coidadoso coas normas de seguridade. Pero podía pasar cantando diante do cuartel da Garda Civil de Palas de Rei de madrugada, porque sabía que non o coñecían. De feito dise que ao cura de Meira teríano matado porque debuxaba ben e fixera un retrato do Curuxás para a policíaC. En todo caso Rodríguez Varela procuraba saír das casas de Melide que o agachaban nas horas de saída do cine para mesturarse coa xente e pasar desapercibido. Despois xa se metía polos prados e ía cara o monte». 

    O GUERRILLEIRO LIBERTARIO. «Curuxás era home da CNT, afiliárase na mina. A Enriqueta Otero nunha conferencia, pregunteille se o coñecera e díxome «Si, era libertario». O guerrilleiro da III Agrupacion, Plácido Rivera Cociña, con quen tiven longas conversas en Galdo, dicíame non te quero desanimar, pero non era do partido, e Domingo Villar Torres recoñecíao bon guerrilleiro pero engadía loitaba como independente porque era da CNT».
    Este aspecto ten un interese especial para quen se aproxime ao libro, porque fala das relacións da resistencia máis alá das diferencias ideolóxicas. Parrado explica como o erro máis grande que cometeu como investigador foi »falar cunha xente moi politizada pensando que eu, que era dos do maio do 68, sabía máis que ninguén, cando realmente ignoraba todo». Heine foi quen o encamiñou polo vieiro documental, «díxome que facía moi ben en falar con todo o mundo porque me aportaba o clima e tamén a narración cercana, as anécdotas,… pero tiña que ir mirar as causas xudiciais e os atestados policiais, sobre as que eu era moi prexuicioso pensando que estaban feitas polo inimigo. Heine insistiume, ‘faino aínda que só sexa polas datas e os nomes’, e é certo que están cheas de información». 

    En Melide, Carlos Parrado descubriu no transcurso das súas pesquisas ‘’que meu pai, que fora fundador do Partido Galeguista, estivera represaliado pola lei de responsabili- dades políticas, cousa que non nos dixo aos fillos. Canto máis escoito falar doume conta de que os anos da República foron moi intensos para a xente e xerouse moita ilusión de que as cousas cambiaran. Nun informe da Garda Civil de Palas de Rei ao xuíz militar que lle pedira testigos adictos al régimen, contéstanlle ‘vanlle cinco nomes que se poden considerar algo adictos ao Movimiento’, porque o resto eran todos republicanos. Ese era o tempo que lle tocou vivir de mozo a Curuxás e desa conciencia saíu a súa protección». 

  • O que non se conta do golpe do 23 de febreiro de 1981

    O que non se conta do golpe do 23 de febreiro de 1981

    O golpe de Estado do 23-F, do que se fan agora 40 anos, foi un fito nun proceso que procuraba pórlle o ramo a unha Transición que non daba rematado ao xeito.

    Juan Carlos de Borbón deixou claro aquela mesma semana nunhas declaracións que «non hai nada que depurar» e cargou contra aqueles que «non saben manterse inactivos» e os que «realizan demandas irritantes». Estes eran, por suposto, aqueles que non asinaran os Pactos da Moncloa, que, segundo o daquelas Ministro da Presidencia, Xosé Manuel Otero Novas, foron «un substituto do Goberno de concentración nacional».

    Non había nada que investigar e non se investigou. E aos militares rebeldes nin sequera se lles aplicou o Código Militar que podía sancionar a calquera soldado por levar a gorra mal posta ou as botas mal lustradas.

    Como explica moi ben o xeneral Peñaranda, responsábel do sector político do SECED (nome, naquela altura, dos servizos secretos) a entrada dos gardas civís con coronel Tejero á fronte no Congreso foi unha das múltiples operacións propostas para encarreirar o proceso de Transición.

    A trama civil, nunca investigada, era moito máis contundente nas súas iniciativas. Tanto Luis María Ansón, daquela presidente da axencia de noticias EFE, como Pedro J. Ramírez, en Diario 16, tiñan solucións moito máis traumáticas. Segundo un informe do SECED, Ramírez tería chegado a propor «bombardear o Congreso dos Deputados con avións militares».

    E logo do 23-F as declaracións dos asinantes dos Pactos da Moncloa e as manifestacións de rexeitamento, non ían tanto dirixidas contra os militares e contra aqueles golpistas ou contra os que os toleraban ou protexían, senón a «impor» a Constitución, atacando a todo «disidente» ou «discrepante» comezando polos nacionalistas.

    A represión en Galiza

    Esa zuna contra os nacionalistas e os sindicatos que non apoiaran os Pactos da Moncloa, viña propiciando  con anterioridade unha vaga de represión, de regresión, que acadaba a todos os sectores da sociedade galega, desde os políticos, aos sindicais pero tamén culturais ou lingüísticos.

    Naquela semana do 23-F, estaba a preparar para A Nosa Terra unha grande reportaxe sobre a represión en Galiza, que sería publicado en dúas entregas nas semanas seguintes. Nesas reportaxes denunciábanse as continuas multas a sindicalistas e políticos nacionalistas, os 16 nacionalistas detidos nas cadeas, os despedimentos por cuestións sindicais ou os expedientes a mestres e mestras por usar o galego nas aulas (Dices-Rois e A Estrada)…

    Antes do 23-F xa estaban a argallar unha Lei da Defensa da Constitución, emanada dos Pactos da Moncloa,

    Antes do 23-F xa estaban a argallar unha Lei da Defensa da Constitución, emanada dos Pactos da Moncloa, aínda que non aparecese nos textos si abrolla nos borradores dalgún ministerio. Ese proxecto de Lei foi aprobado o 22 de decembro no Congreso.

    Eran os mesmos enunciados que os que aprobaron logo do 23-F polo procedemento de urxencia: a Lei de Defensa da Constitución, a de Harmonización do Proceso Autonómico (LOHAPA) e a da Proteción da Seguridade Cidadá, a de «patada na porta» do socialista Corcuera.

    No proxecto aprobado xa en decembro, o enunciado «nación» só se lle pode aplicar a España, a bandeira española debe pendurar en todos os actos e en todos os edificios e o idioma español é o único que se pode usar para dirixirse a todos os estamentos estatais ou a outros «rexionais».

    Esas normas, impostas logo do 23-F, tiñan tanto consenso que Santiago Carrillo, no seu máis puro estatalismo, cualificou as bandeiras autonómicas como «banderolas».

    A manifestación do 27 de febreiro

    O 27 de febreiro de 1981 celebráronse en todas as cidades do estado manifestacións polos sucesos do 23-F. En Galiza tiveron lugar tamén en todas as grandes urbes, cunha particularidade: producíronse dúas convocatorias. Nunha estaban AP, UCD, PCG, CC.OO e UGT. Esquerda Galega e USO uniríanselles en algunhas cidades. O seu lema era «Pola liberdade, a democracia e a Constitución». Outra manifestación estaba convocada pola AN-PG, UPG, PSG, MCG, LCR e máis a INTG e CSG. O seu lema foi «Polas liberdades democráticas e populares».

    Como se puido comprobar polos lemas, os propósitos eran claros. Os asinantes dos Pactos da Moncloa querían aproveitar o 23-F para defender a Constitución e as medidas tomadas con anterioridade, cunha grande contestación social por parte dalgúns sectores, que aínda non asumían uns pactos agachados aos que non foran sequera convocados. Os sindicatos estatais asinaran, en troques de 4 mil millóns de pesetas, que renunciaban a convocar folgas xerais.

    Despois do 23-F,  os sectores á esquerda do PCE non só aceptaban aqueles pactos, senón que os toleraban coa chantaxe que impuxeron desde os poderes fácticos, pero coa aquiescencia das forzas constitucionalistas. A maioría destas organizacións desintegráronse ou esluíronse.

    Felipe González e Santiago Carrillo, mentres Fraga pedía no Congreso decretar o estado de excepción en Euskadi e Blas Piñar chamaba a outro levantamento militar desde Murcia, non tiñan reparo en mostrar a súa «comprensión ante a posíbel ilegalización de determinados partidos políticos para defender a democracia». Eses partidos non era o de Blas Piñar, senón os nacionalistas.

    Ataques ao nacionalismo

    Se a manifestación do 27 de febreiro foi usada para atacar o nacionalismo, non tardaron en pórse en marcha unha serie de resortes e campañas para desprestixialo.

    En La Voz de Galicia os ataques continuos de Luís Caparrós (columnista e voceiro de Fenosa) e de Augusto Assía (xornalista e daquela un dos propietarios do rotativo), deixaron paso a un colectivo, denominado Ultreya,  que viña ser a expresión pública da lóxia clandestina C-2, no que estaban desde membros do PCG, da executiva do PSOE, aos poderes económicos da cidade.

    Desde este colectivo os ataques ao nacionalismo non só eran continuos, senón tan desaforados que os alcumaban unha e outra vez de «fascistas», cualificativo que non utilizaban contra os golpistas nin os seus apoios. Xustificaban a proibición de manifestacións, a represión contra sindicalistas e políticos ou as sancións ás mestras por dar clases en galego.

    A campaña (do colectivo Ultreya) contra Domingos Merino, (PSG), logrou desbancalo como alcalde de A Coruña, comezando unha nova etapa na cidade,

    A súa campaña contra Domingos Merino, (PSG), logrou desbancalo como alcalde de A Coruña, comezando unha nova etapa na cidade, durante a que moitos destes poderes se fixeron multimillonarios e os amanuenses tiraron grandes beneficios.

    Mais non só era o grupo Ultreya o que cargaba contra o nacionalismo. Carlos Casares, logo dun enfrontamento público cos ensinantes que protestaban contra as sancións por dar aulas en galego, poñería a caldo os nacionalistas nun artigo o 28 de febreiro en La Voz de Galicia, no que os cualificaba de «rabiosos» e os acusaba de «derramar a literatura e a arte cos seus planteamentos políticos».

    Ese clima antinacionalista, creado a mantenta, levou á expulsión dos tres deputados do Bloque-PSG do Parlamento por negarse a xurar a Constitución, nun feito insólito avalado polo Tribunal Constitucional, aplicándolles a lei con efecto retroactivo, dado que xa tiñan desde  un ano atrás a súa acta de deputados.

    Tamén tiven eu a miña ración: en xullo aplicáronme a Lei de Defensa da Constitución.

    De como se xestou o 23-F, non vou perder o tempo en describilo 40 anos despois. Nas páxinas de A Nosa Terra fomos debullando pouco a poucocomo era unha operación consensuada e propiciada desde a Zarzuela, non así a execución.

    O que si vou aquí revelar as miñas fontes que, daquela, non podía citar: os informes de tres embaixadas e os boletíns confidenciais da axencia de comunicación Novosti, da URSS.

  • O dúo eucalipto-celulosa, praga histórica dos plans forestais

    O dúo eucalipto-celulosa, praga histórica dos plans forestais

    Ningún dos plans forestais que viñeron saíndo do poder galego nas últimas décadas, abordaron a necesidade de frear e reverter a masiva eucaliptización dos montes do país. Concebidos sempre baixo o eixo directivo da industria das celulosas, os argumentos na balanza teñen que repetirse e reactualizarse de continuo. Francisco Bermejo (1919-1992), primeiro vicepresidente de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) nos anos 70, foi un verdadeiro dique contra ese crime natural que desertiza o territorio, acaba coa diversidade biolóxica e implanta un modelo de desenvolvemento económico suicida.

    Bermejo, xa nos anos 70, participou no movemento que conseguiu deter a implantación de novas Celulosas, acción que volveu repetir sen dúbidas nos anos 90. Neste entrevista que recuperaramos, explica a retorta actitude dos proxectos que se formulaban e insistía na súa oposición aos argumentos que facían aparecer o eucalipto como condición sine qua non para o futuro. “Aqui podíamos plantar ameneiros. bídalos e non sei cantas árbores máis. que non dan o problema do eucalipto e que podian server pasta mecánica. Pero non queren enfocalo. Calquer outra especie permite o uso rotatorio da terra pero o eucalipto non”

    E tamén dicía nesta conversa con Gustavo Luca, “o Plan forestal destas fábricas cámbianos o país totalmente: no clima, na fauna e na flora. Por riba esterilízanos por anos a vir, porque nun eucaliptal, canto custa levantar os tocóns? Un ollo da cara. De outra parte, un bosque de eucaliptos non é eterno. Cando quixeran instalar a celulosa n’As Neves, un emigrante á Australia contara nunha asamblea que despois de tres cortas o eucaliptal desaparecía”

    Paga a pena volver ler a Bermejo e lembrar os grupos de presión que actúan sempre na confección das leis que determinan o futuro.

    Francisco Bermejo:

    “Oferecéranme cartos para cambiar de opinión sobre as celulosas”

    G. LUCA  Nosa Terra. nº 473. Abril de 1991]

    A súa foi unha das opinións que influíran decisivamente para impedir que progresasen sete proxectos de celulosas, nos anos setenta. N’As Neves, por exemplo, os veciños ignoraban a consigna do cacique e remataban unha asemblea informativa a berros de Bermejo, Bermejo!, reducidos pola autoridade e precisión daquel sabio tranquilo que derrotaba un por un os argumentos dos enxeñeiros de Celulosas del Cantábrico. Vinte anos despois, e xa como profesor emérito da universidade, adxectiva de cínicos, falaces e farsantes os promotores de dúas fábricas contaminantes na ría do Ferrol e n’As Pontes e pon a súa longa e recoñecida experiencia ao servizo da verdade. Só un tremor de indignación lle traizoa a voz cando comenta: «Esta xente das celulosas trátanos igual que a indios bravos e pensan que non nos enteiramos de nada”.

    A Xunta ven de aprobar dous proxectos de celulosas para As Pontes de García Rodríguez e Narón. Que incidencia terán estas fábricas no medio ambiente? 

    Aquí claro non hai nada. Hai toda unha serie de manexos turbios. Como en tantas cousas que pasan á opinión pública, hai dous supostos: ou o que se di é verdade ou é mentira. Daquela compre impor unha sanción ao que minte: ou o que se di é verdade e o culpábel ten que pagar. No de Papelga SA hai unha cuestión clarísima: a Lexislación esixe que un proxecto que vai incidir no medio ambiente ten que ser avaliado para resolver se vale ou non. O que agora están a facer é que nestas avaliacións do impacto ambiental introducen modificacións do proxecto. Iisto non é correcto, ao meu ver, porque se o proxecto non se axusta ás normas, non se aproba. Daquela compre presentar un proxecto novo. 

    En Narón xa recompuxeron  tres veces unha mesma avaliación de impacto ambiental.

    Comezando polos verquidos, que é o último episodio que coñecemos. No primeiro dixeron que non sabían onde ían verquer,  se antes ou despois da toma de auga de Ferrol ou na ría. Despois dixeron que o verquido sairía despois da toma de auga do Ferrol. De a pouco, nunha segunda avaliación, aseguraron que verquerían na ría de Ferrol, sen explicar onde, que é tanto como afirmar que non hai proxecto. lsto xa non é admisíbel, pero non se devolveu nin se aclararon as cousas. Agora a Xunta di que aproba o proxecto, pero que ten que verquer augas arriba da toma de mostras propia. Pero co proxecto de Papelga SA, isto non é válido, porque a empresa non aclara os procesos. Din: entre os produtos máis usados están este e estoutro. Pero isto non significa que vaian usar un deles ou outro que é menos usado. Pero na última etapa, na que introducian o tratamento terciario na depuración das augas, falaban só de callar con sales de ferro e de aluminio. Se non hai outra variación (e non dixeron cousa) non é factíbel esa recirculación da auga que eles pretenden. Isto enténdeo calquera porque o tratamento terciario consiste en engadir sales de ferro de aluminio, que é o mesmo que se fai no tratamento da auga potábel: bótanlle sal de aluminio despois sosa, precipita a hidróxido de aluminio que arrastra a turbidez da auga. Pero se eu lle boto sulfato de aluminio (ou cloruro de ferro ou de aluminio) o que precipíto é o ferro e mailo aluminio, pero o sulfato e o cloruro fican na auga. Se estou a recirculala, en pouco tempo o que terei será auga salgada. Hai procedementos para lle tirar as sales a auga, como se fai nas potabilizadoras, pero é caro e non parece viábel. 

    Pero trátase dun proceso menos contaminante ca o do sulfato. 

    Non é claro iso porque di que vai ao cincuenta por cento.  Da pasta que van gastar, a metade comprarana química o que significa que, aínda que non a fabriquen eles, inducirán a fabricación de pasta química. E indúcena en Galiza, porque non lle convén traela de Portugal, da Alemaña ou de África. Comezan por non aclaralo e dinque posibelmente traerana de Pontevedra… Pois xa temos a consolidación da fábrica de Pontevedra e a súa ampliación. Na de Narón, incúmprese canta lexislación hai hoxe. É unha broma que citen no proxecto o clima da zona tomando coma referencia a media de Monteventoso e o arsenal militar do Ferrol. Todo o mundo sabe o que é un microclima. O do monte de Elviña ten un clima distinto do de Riazor. Se quero instalar aquí unha fábrica, teño que poñer unha instalación meteorolóxica e non ter a caradura de pedir que a Xunta faga unhas instalacións e que lle dea uns dados. Outro tanto pasa coa auga. Dánme os dados do caudal baseándose no ano 1940. Non é tan difícil montar alí un aforo. Tamén ten boa conta que os señores da administración pasen por iso. Oue llelo esixan: hai técnicos bastantes. 

    Francisco Bermejo no seu despacho da universidade. ©ANT

    A primeira avaliación do proxecto de Papelga SA fixéraa vostede por encarga do concello de Narón. 

    Xa sabe a anécdota do primeiro informe. A min pedíranme un que resultou negativo. Así que o alcalde, para se meter comigo, encargara outro a unha consultora madrileña. Pero esta empresa deulle un informe moito máis duro ca o meu. Calouno, claro. Se o meu era negativo, aquel érao catro veces máis. O proxecto segue a ser o mesmo, con estas variacións de se deito aquí ou aló a auga. Eu visitei aquelo e o río na parte alta é un regueiro que non vai admitir demanda de auga, Non se fixo estudo de impacto ambiental, que é algo moi serio. Cando se vai usar a auga dun río, hai que facer o estudo de todos os usuarios do seu canle e a repercusión que vai exercer sobre todos eles. Con relación ao valor da terra, tampouco se di se ao ocupar este espazo e os que temos de arredor que valen tanto van valer estoutro. 

    A avaliación deberá incluir a reforestacion que a industria vai precisar. 

    Exactamente. Pero incluso no segundo proxecto que presentaron ten a cara de incluír un anexo sobre o proxecto forestal no índice. Pero despois resulta que todos os apartados que estuda a compañía Ekono non inclúe o proxecto forestal. O anexo sobre este tema consiste unha primeira páxina con carimbo de Papelga SA e o resto sen asinar nin nada. Agora, no último informe, eliminan o proxecto forestal. Por fin din que van reciclar a auga, como contaban hai anos que facían as fábricas rusas. Eu non creo que se poida. Por riba non é o sitio para instalar esa fábrica. 

    Na Hemeroteca de A Nosa Terra hai un arsenal de informacións sobre as celulosas e os diferentes planos forestais ao longo de case 40 anos.

    Por que o elixiron logo? 

    Non o entendo. Nun sitio no que hai amais un Plan de Saneamento lntegral da Ría do Ferrol. Isto só se explica porque lle dean unha subvención do cincuenta por cento. O que queren é que tanto esta fábrica coma a de Eurogalicia Forestal n’As Pontes, llelas paguen os contribuíntes. Curiosamente onte, cando paseaba pola rúa do Vilar r parei na delegación da La Voz de Galicia que pon no trinque todas as edicións. Había unha que dicía:  Este ano as celulosas perden máis pola crise internacional. O ano pasado, a de Pontevedra parou dúas veces. Agora quérenos poñer outra fábrica máis grande. Pero no mundo hai exceso de pasta e de papel. Hai comerciantes aos que Ile sae máis barato comprar papel francés ca basco. Curiosamente, a demanda de papel no mundo acompaña as eleicións presidenciais norte-americanas. 

    o eucalipto actúa coma unha bomba aspirante e coma antiséptico que mata a vida microbiana onde se implanta. O dicionario da lingua española di que é arbore para desecar lameiros.

    A Xunta ven de autorizar a instalación doutra fábrica de pasta ao sulfato en As Pontes. O motivo da ultima campaña publicitarla é un raposo e a empresa di que non se vai enteirar do funcionamento da fábrica. 

    Ben o creo que se vai enteirar. Precisamente teño aquí o informe da comisión das Comunidades Europeas sobre os efectos das plantacións dos eucaliptos no Note de Europa. Curiosamente, chega ao tempo en que aquí se fala de promulgar unha lei de caza. Se está demostrado que nos eucaliptais diminúe terribelmente a poboación vexetal como animal. Iso veo calquera que vaia ao monte. É a experiencia que teño desde neno. O meu avó tiña unha finca na Ulla e a metade dun ferrado estaba a carballos para leña e a outra para eucaliptos, para a viña. A metade de carballos era un campo de herba e a dos eucaliptos era un ermo. O outro tema é o da escorrentía. O eucalipto actúa en dobre maneira: dunha parte absorbe auga e doutra déixaa correr. Do Ferrol a Cedeira pola costa hai grandes derrumbes de terra producidos polas escorrentias. Hai pouco que fixeron os taludes pero xa están derrubados. Doutra parle, o eucalipto actúa coma unha bomba aspirante e coma antiséptico que mata a vida microbiana onde se implanta. O dicionario da lingua española di que é arbore para desecar lameiros. Con que o raposiño non se vai inteirar? O Plan forestal destas fábricas cámbianos o país totalmente: no clima, na fauna e na flora. Por riba esterilízanos por anos a vir, porque nun eucaliptal, canto custa levantar os tocóns? Un ollo da cara. De outra parte, un bosque de eucaliptos non é eterno. Cando quixeran instalar a celulosa n’As Neves, un emigrante á Australia contara nunha asamblea que despois de tres cortas o eucaliptal d-saparecia. 

    O proxecto d’As Pontes di que se vai fornecer de 50.000 hectáreas de eucalipto, aínda que noutra parte declaran que Iles comprirán 400.000 hectáreas. 

    A contradición prodúcena eles mesmos. Non se pode tratar seriamente con esta xente. Na mesa redonda que se celebrara en Ourense no 74, os representantes da celulosa respostaban igual que fan hoxe os de Eurogalicia. PerguntabámosIles que procedementos de branqueo usarían e dicían aquelo de entre os produtos que se empregarán están este e estoutro. Insistíamos, pero non había respostas. Iso non é un proxecto. E o caso Papelga cando di que vai usar pasta química posibelmente de Pontevedra. Non me vale. Se a trae de Lourizán, ten dioxinas e cando fabriquen papel con ela faranno a medio dunha suspensión en auga, na que a auga se escorre despois. Polo tanto, vai verquer dioxina. Que non me digan que iso é un proxecto. Despois din os da fábrica de Narón que van usar quelatos, pero os quelatos son unha clase de compostas químicos (coma unha sal ou un gas). Con isto o que agachan é que van em-pregar ácido-dietilene-pentamine-teatracetil-acil, produto que pode producir problemas porque forma compostos con metais pesados e arrástraos. Mesmo fai que pasen ao feto a traveso da placenta. Esta clase de compostos usáronse no primeiro nos deterxentes. Tamén non especifican se n’As Pontes van empregar mercurio… 

    A Xunta di que Eurogalicia verquerá augas da mesma pureza ca as que reciba para o ciclo industrial. 

    O proxecto non di nada diso. Que a Xunta di que vai modificalo, será outra cousa. O que queren facern’As Pontes é un disparate e consiste en verquer a auga na escombreira. Iso non é reciclar. Os verquidos que vaian á escombreira escorrerán. Os problemas da escorrentía da escombreira, sobre todo cando ven as choivas. están estudados no informe da Jaako Poyry. É unha escombreira que verque ao sislema fluvial do Eume o que significa que a escorrentía dará no rio. Estes señores non eliminarán os órgano-clorados. entre os que están as famosas dioxinas. Por confesión deles sabemos que van producir 1.800 quilos diarios de organo-clorados, que con tratamento primário e secundario pretenden deixar na metade. lsto é moi discutíbel pois que a maioría destas sustancias non son degradábeis organicamente, que é o que fan eses tratamentos. Así que aínda no suposto de que sexa verdade o que din. deitarán 900 quilos de árgano-clorados. Se vaná escombreira, rematarán no rio. Din-que fará o efecto dun filtro. Pero se a escornbreira non dá absorbido a auga de choiva que alí cae, como val poder recibir os verquidos da celulosas? 

    Pero se os verquidos da fábrica de Eurogalicia Forestal se fan na escombreira d’As Pontes, afectarán á fraga do Eume, ás marismas de Pontedeume, a Cabanas, á Ria de Ares, etc 

    Xa sabe o que pasou. Que a central térmica de Endesa o primeiro que levou por diante foi o encoro do Eume que atoraba con sólidos en suspensión. Fenosa vendeullo e de aqui a pouco a presa estará ate-rrada, pero como xa é da Endesa, tanto ten. Estes verquidos borraron da ría a ameixa fina, as vieiras e outras espéecies. E a escombreira seguerá a verquer no río. Tanto un como outro informe ambiental non fan o inventario e censo (a lexislación emprega estas dúas verbas) dos parques de marisco. O da fábrica de Narón alude superficialmente a algo de marisco moi contaminado no fondo da ría. Pero non hai moito. uns viciños de alí comentábanme que a colleita de moluscos deste ano é extraordinaria. O d’As Porites non valora a cantidade de xente que vive do marisqueo e a baixura na ría de Ares e Pontedeume. como tamén non inclúe os cambios de prezos que val inducir nas propiedades 

    Sempre que se fala de fábricas de pasta, repítese aquilo de que un país madeireiro ten que ter esta clase de industria ou verase obrigado a exportar o que produce o seu bosque. 

    Empezando por non usar o eucalipto. En Centro-Europa están a facer pasta de papel e non usan esta clase de árbores. Aquí podiamos plantar ameneiros, bídalos e non sei cantas árbores máis, que non dan o problema do eucalipto e que podían server pasta mecánica. Pero non queren enfocalo. Calquera outra especie permite o uso rotatorio da terra. pero o eucalipto non. Agora dinque a eucalipto galego é o máis caro do mercado. Pero non pasará alá moito tempo sen que estas empresas abusen dos labregos. Farán o mesmo ca Celulosas de Pontevedra que importa cando quer e baixa os prezos. O que Iles interesa é rodear as fábricas de eucaliptos. O cálculo está nun radio de setenta quilómetros desde a fábrica. Para baixaren os prezos dos transportes. Unha das empresas máis ínteresados na celulosa d’As Pontes é un contratista que pretende non facer de baleiro a viaxe de retorno. 

    Como non imos reaccionar cando tratan de que traguemos rodas de muiño como estas das industrias de que falo?

    Vinte anos despois parece como se a historia se repetise. Pero non hai moitos máis científicos que queiran opinar sobre os plans de Papelga ou Eurogalicia Forestal. 

    Nalgunha ocasión ofrecéranme cartos para. cambiar de opinión. Non podo asegurar que non tería ambicións. pero vivo modestamente e conseguín sacar adiante á miña familia. con nove fillos, traballando honradamente no meu.  Acaba de saír a sétima edición dun dos meus libros. Cada vez a civilización necesita análise máis fino. de cousas máis pequenas. Ese é o meu labor. Comecei só. E hoxe no departamento hai 35 persoas. Tradicionalmente as faculdades de ciencias tiñan o prurito de seren de ciencias puras. A mais de un dos meus profesores escoitei que o importante é o que na aula se ensinaba e a ciencia que transmitía.  As repercusións que a ciencia ten fora non importaba nada. A diferencia clásica é que as faculdades de farmacia estaban conectadas coa profesión, as de medicina cos médicos pero nas faculdades de ciencias había uns señores puros que non tiñan relacion con nada. Pero como non imos reaccionar cando tratan de que traguemos rodas de muiño como estas das industrias de que falo?

    O pior veleno do mundo 

    Cal pode ser a incidencia dos órgano-clorados verquidos no Eume? 

    Cos números que EuroGalicia Forestal dá para a fábrica d’As Pontes, calculo que a celulosa de Pontevedra deitou na ría en 30 anos que leva funcionando máis de 10.000 toneladas de órgano-clorados. Son produtos que están na ria, nos peixes, e nos habitantes da zona. Un dos órgano-clorados máis tóxicos é a dioxina. Existe unha reclamación de veteranos do Viet-Nam por danos físicos ocasionados por esta sustancia, que figuraba coma unha impureza de 2,3 miligramos por quilo nos defoliantes que empregaba o exército norteamericano. Efectivamente: hai análises que determinan dioxina na graxa destes veteranos do Viet-Nam. Isto dá idea de onde chega a toxicidade e estabilidade destes compostos. O comisario de Agricultura en Bruxelas di que están a estudar as regras da CEE para fixar os límites superiores de emisións de dioxinas. Se iso sae, xa veremos onde quedan estas fábricas. No entanto, países coma Holanda fixaron os límites para os contidos de Dioxina en alimentos como o leite, por exemplo. O límite admisíbel é de 0,000006 gramos por quilo de graxa de leite. Para o home admiten unha inxesta diaria de 0,0000000000000004 gr. de dioxina. lsto, cando se poden tomar por tratamento 0,015 gramos diarios de arsénico e ninguén ignora que o arsénico é un veleno. Isto é, que podo tomar mil millóns máis veces arsénico ca dioxina. Por riba, sabemos como se cumpren aquí as leis. Porque Pontevedra está a deitar isto todo na ría. Pontevedra non depura os órgano-clorados. Cando se montara a fábrica de Lourizán ninguén falaba das dioxinas, pero de a pouco celebrouse o oitavo congreso mundial sobre dioxinas. A dioxina, ou TCDD, considérase o tóxico máis grave que se coñece. Preocupa en todo o mundo e poñer a punto o procedemento analítico para determinar as cantidades que lle digo, custou centos de millóns de dólares. En España nada se fixo neste terreo. Pero os de Pontevedra saben que hai sitios de Europa e América nos que se poden facer estes análises. Nada custa mandar mostras a analizar. Tamén a Xunta non ten medios, pero pode mandalo a centros de análise. A dioxina, coma os haloformos, os difenilos policlorados, os pesticidas e os dibenzo-furanos, son produtos que está a producir o home e que non existían na natureza. Agora descóbrese que depurar as augas con cloro pode ser un disparate. Nós matamos o tifo e moitos outros produtores de enfermidades. Pero fabricamos haloformos que son tóxicos. 

    Calculo que a Celulosa de Pontevedra deitou na ría en 30 anos que leva funcionando, máis de 10.000 Tm de órganoclorados

    A Illa de Tambo, coa fumareda de Celulosa de Pontevedra detrás.

    O emisario ao pé da illa de Tambo é parte dunha reforma dos sistemas anti-contaminantes da fábrica que non inclúe o tratamento terciario.

    A petición dos mexilloeiros da ría fixeran na Consellería de Pesca dous informes que resolven en contra da solución do emisario. A única viábel é a que se dá para a ría do Ferrol: verquer fóra de cabo Prioriño; na ría de Pontevedra, tería que verquer por fóra da illa de Ons, a cincuenta metros de fondo ou máis. Pero, claro, como a ría é deles… Que iso custa diñeiro? Pero se estas fábricas aprópianse dos cartos do pobo! Eu fun dos que primeiro comezara cos estudos da contaminación, alá polos anos setenta. Cando falaba cun enxeñeiro, espetábame:  «é que a min interésame o rendemento, pero o que pase fóra, non vai comigo». 

  • Luís Burgos Díaz, o derradeiro mohicano

    Luís Burgos Díaz, o derradeiro mohicano

    Seguramente poucos tiveron o privilexio, como tiven eu, de compartir aqueles anos que prometían grandes transformacións no terreo social e laboral, en definitiva da recuperación das liberdades democráticas, con aqueles outros que pretendían protagonizar aquela transformación.

    Eu, que só coñecía os líderes obreiros da Bazán e pouco máis e correndo aínda tempos de clandestinidade e escuridade, atoparse no camiño con Luís Burgos foi para min un descubrimento, que co paso do tempo transformouse en amizade e recoñecemento pola súa capacidade e acerto nisto do sindicalismo. Aquel sindicalismo.

    Cando o encargado da empresa onde traballaba na construción da Central Térmica de Sabón, no polígono de Arteixo na Coruña, me asigna un «axudante» que xa reclamara en varias ocasións, non podía imaxinar que mellor sería que non o fixera. En seguida aquel inexperto aprendiz púxome as cousas claras. Viña de Barcelona a organizar o Partido dos Traballadores, ou algo así, polo tanto a maior parte do tempo non me podería axudar, deixando que eu escollera se denuncialo ou axudalo a trampear as súas ausencias. Como ía eu a denuncialo,  recén saído da cadea da Coruña!! 

    Certo é que fun compensado adecuadamente co ofrecemento da súa casa no Barrio das Flores para que non tivera que desprazarme a Ferrol nin costear unha pensión. Menos mal que non intentou «adoutrinarme». Abondaba con ter que traballar polos dous na etapa final de poñer en marcha aquela central, hoxe xa desmantelada.

    Vaia vida levaba de esforzo e de traballo político (no profesional xa o facía eu). Ademais de escaquearse polo día chegaba a casa ás tantas da noite e áas seis da mañá a presenza na central era obrigatoria. As poucas horas de noite pasábaas somerxido na bañeira porque seica cada hora en auga quente “homologaba” o dobre en horas de sono. Unha parvada. Creo que do mesmo nivel que a súa posición política. Xulgada sen demasiado criterio xa o sei, pero é que a miña educación bazaneira non me permitía concibir algunha outra posibilidade que non fose a que escoitaba daquela nas “Comisiones Obreras”.

    Ah! que tempos aqueles de non entender adecuadamente as posibilidades reais daquela suposta transición democrática. E aí estaba Luís Burgos co manual marxista debaixo do brazo para a necesaria e poucas veces comprendida,  “análise da realidade concreta”.

    Co fin da Ditadura e o meu retorno a Bazan, perdín de vista a Luís Burgos con quen coincidira tamén nas folgas da Térmica de As Pontes onde o seu correlixionario José Luis Muruzábal marcaba un novo camiño a percorrer, cuestionando o modelo sindical que xa daquela pretendian apuntalar as Comisiones Obreras convertidas xa en Sindicato organizado.

    Luis Burgos, segundo pola dereita.

    Daquelas loitas de Bazan de 1972, da térmica de As Pontes en 1975, do Gremio da Construción e un longo etc. sairía un modelo sindical fraccionado pero democrático e combativo. Na Bazan seguindo as leccións do 72 conquerimos poñer as bases do sindicalismo nacionalista e aquel revolucionario comprometido que durmía somerxido na bañeira, con Muruzabal e outros organizábanse no sindicato CTG, que nos anos 80 lograban fusionarse coa ING non sen tremenda confrontación. Afortunadamente nacía a INTG que aínda pasaría por outra quebra no camiño pero con reparación posterior que deu paso á exitosa Organización Sindical Nacionalista que hoxe é a CIG.

    Lástima que cadros sindicais con esa completa formación técnica, sindical e política queden poucos.

    Coincidimos unha vez máis na Executiva Confederal da CIG a partires do Congreso con Fernando Acuña de Secretario Xeral e nese tempo puiden comprobar a diferencia de criterio á hora de afrontar os problemas que a Executiva tiña que tratar. A formación dos delegados e as delegadas. A importancia da Negociación Colectiva. A Prevención de Riscos Laborais integrada na Negociación Colectiva. En definitiva segundo Luís Burgos estes eran tempos de propostas e alternativas, presenza nas mesas de negociación e nas distintas responsabilidades que na propia administración se tiñan que desenvolver. Presentar propostas e defendelas como base do que tiña que ser a mobilización como defensa daquelas mesmas propostas.

    Dende as miñas responsabilidades na Executiva Confederal, primeiro na de Negociación Colectiva e despois na de Prevención de Riscos laborais, sempre tiven neste cadro sindical extraordinario a axuda e colaboración precisa. Con formación en Dereito ademais da súa experiencia nos movementos populares, fixeron de Luís Burgos un Sindicalista ao que todos tiñamos que preguntar. Sei sobradamente que tamén dende os responsables das formación políticas nacionalistas Luís Burgos foi chamado en mais dunha ocasión para que asesorara en moitas materias, á hora de configurar alternativas ao poder. Así era Luís Burgos, lástima que cadros sindicais con esa completa formación técnica, sindical e política xa poucos quedan, se queda algún,  e creo que tampouco se lles agarda. Vivimos tempos á defensiva no mundo do traballo e os  sindicalistas desta época poñen mais ímpeto e corazón que sabedoría e coñecemento á hora de presentar batalla diante da patronal e do poder político.

    Coa súa xubilación  vaise mermando capacidade e presenza institucional á hora de cuestionar as medidas que cada día pasan obrigadamente, por exemplo, polo Consello Económico e Social do Estado, onde durante os últimos anos Luis Burgos foi o representante da CIG. Seguro que a Patronal o Goberno,  CC.OO. e UGT “notarán” esa ausencia.

    A súa xubilación  coincide tamén cun cambio xeneracional. Case ao mesmo tempo Fernando Acuña, Suso Seixo, Ramiro Oubiña, Manuel Currás Meira entre outros, xubilábanse despois de anos de sindicalismo. Sindicalismo que construíron en moitas ocasións ata cós seus recursos económicos, e horas moitos horas de entrega. 

    Para eles a miña gratitude e admiración, aínda que verdadeiramente Luis Burgos representa o “derradeiro mohicano” , o último sobrevivinte dun tipo de persoas con determinados valores que o destacaban dos demais.

    Longa vida!

    En Bouzamaior, na corentena do 2020

  • Cando a Feixoo non lle gustaban os centros xeriátricos privados

    Cando a Feixoo non lle gustaban os centros xeriátricos privados

    «As prazas seguiran tendo un carácter público, malia a saída da Xunta de Sogaserso». Quen así falaba era a conselleira Beatriz Mato no ano 2010 cando o goberno de Núñez Feixoo, que viña de desprazar ao bipartito PSOE-BNG, decide darlle a concesión das residencias da terceira idade á empresa Geriatros, hoxe Domus VI, cuxas residencias concentraron os casos máis graves de infeccións e falecementos polo coronavirus.

    Aí comezou todo: privatizadas as residencias da terceira idade non tardaron moito tempo en converterse en asilos. «Podemos concertar cun segundo ou manter a titularidade. Pero a nós non nos gusta un sistema privado no que a Administración autonómica está en minoría accionarial, para iso preferimos que a xestión a asuman directamente as caixas de aforro», xustificábase a conselleira.

    A Xunta adxudicaría a xestión de catro residencias por 28,7 millóns de euros.

    O desmantelamento da rede pública galega de residencias da terceira idade formou parte da vaga privatizadora de Núñez Feixoo

    No acordo asinado entre a Xunta e Caixanova, esta que no accionariado de Geriatros non poden estar socios privados, unicamente as caixas e a súa obra social.

    O goberno bipartito creou no 2006 a Sociedade Galega de Servicios Sociais (Sogaserso). A Xunta posuía o 45% do capital e Caixanova o resto, através da empresa Geriatros, creada no 1994. No ano 2002 Caixanova entra no seu capital e ao ano seguinte faise co 100% do accionariado. No 2007 merca Abrente, xestora do Banco Pastor.

    A iniciativa de formar unha grande rede de xeriátricos públicos, primeiramente nas principais vilas e nas cabeceira de comarca e, logo, en todos os concellos, era un dos planos estrela da vicepresidencia da Xunta, comandada por Anxo Quintana. Como o eran tamén as Galescolas. A Xunta non tardou en desmantelalas.

    A Xunta non cumpre

    “Hai que ter en conta que a Xunta ten plena capacidade administrativa nos centros de maiores e nós asumímolas con todas as consecuencias poñendo en marcha un sistema público de xestión”, coméntanos un dos responsábeis naquel bipartito das residencias da terceira idade.

    Beatri Mato cando era conselleira de servizos sociais da Xunta.

    Se o desmantelamento da rede pública galega de residencias da terceira idade, formou parte desa vaga privatizadora de Núñez Feixoo, e da entrada do grande capital nos negocios sociais, peor aínda foi que non se cumpran nin os pregos de condicións nin as funcións reguladoras e fiscalizadoras da Xunta.

    O primeiro incumprimento foi que non puidesen entrar outros socios en Geriatros que non fosen as caixas, para preservar así, dalgún xeito, a titularidade pública.

    A conselleira Beatriz Mato, que dicía que nos gustaba dun «sistema privado»”, non lle importou primeiro que o titular pasase a ser un banco, que foi onde acabou Caixanova.

    Nin que, logo, Caixanova vendese Geriatros a un fondo de investimento hispano-luso, Magnum Capital, cofundado polo banqueiro Angel Corcóstegui. O prezo foi de 45 millóns de euros. Total nove millóns de plusvalía. Nin que máis tarde pasasen a mans do fondo británico ICG e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel.

    A Xunta, que podía botar man de nova das residencias, non o fixo, malia a que «non gustaban dun sistema privado».

    Mais o grande problema, segundo antigos reitores das residencias e responsábeis políticos de Sogarserso «é que están a incumprir os pregos de condicións, tanto no número de traballadores como de ocupantes das residencias, así como a maioría das outras disposicións”.

    Non os cumpren e a Xunta tamén non exerce a súa función fiscalizadora. Fai o mesmo noutras concesións, por exemplo nas emisoras de radio ou televisións. É máis, segundo denuncian desde a Federación de Usuarios e Familiares das Residencias e desde a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, todas as denuncias realizadas ou non obtiveron una resposta axeitada  ou a Xunta deu as mesmas explicación que lles fornecera a empresa sen tomalas en consideración.

    E iso que a Núñez Feixoo non lle gustaba o sistema privado.

  • Carta á desesperada a un bo e xeneroso

    Carta á desesperada a un bo e xeneroso

    Benquerido amigo Suso Piñeiro: sempre tiven unha idea colectiva da vida, deixando pouco espazo para as decisións persoais. Salvando, como entenderás perfectamente, aquelas que só me comprometían como persoa. E isto de votar por unha opción ou outra, aínda que pareza «persoal» ten mais que ver có que se necesita como pobo, ou se o prefires, como colectivo. Si, si, será por defecto da práctica do sindicalismo bazanero que obrigaba a adoitar posición «“colectiva» mais aló do que «che pedía o corpo». E así me quedou.

    Non parece esta unha práctica moi estendida xa que as verdadeiras explicacións sobre as razóns da non presenza do nacionalismo galego nos poderes do estado, eu, polo menos, non as escoitei. Meu deus, nunca na historia da democracia española o nacionalismo galego acadou Grupo Parlamentar propio. Nin cando os «actores da nova política» poderían constituílo. Isto si que é unha «anormalidade democrática»!!!. Debate tras debate de como facer, chegamos a  1996, (por poñer unha data) , medrando en conciencia nacional e chegando ao ano 2000 nada menos que superando os 300.000 votos e acadando tres deputados. Mantívose o tipo no 2004 e no 2008 e a partires desa data a caída foi espectacular. Non sei se nesta parte da nosa historia, teríamos algo que ver. Esa primeira, a do crecemento do nacionalismo ata acadar cotas extraordinarias en pouco tempo, seguro que forma parte do teu propio patrimonio.

    Suso Piñeiro,coa bandeira, e Afonso Tellado, ao seu carón, nun 25 de xullo dos anos 80, manifestándose na Praza da Quintana. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

    Sei de sobra que cada quen terá unha teoría sobre o acontecido no nacionalismo nos últimos tempos, e non son eu quen de cuestionar ningunha delas, aínda que polo menos unha pareceume desatinada. Na miña deteriorada cabeza nunha fun quen de asimilar aquelo da  Alternativa Galega de Esquerdas, mais que nada porque «resucitar» a Esquerda Unida só serviría para poñer en valor á súa máis destacada dirixente. Sei que ten pouco que ver pero o vivido no sector naval galego coa esquerda española (política e sindical) xa tería que dar moitas pistas, sobre todo vivindo ti e mais eu na Comarca de Ferrolterra.

    E non é que o diga eu. A propia traxectoria dese proxecto pon ás claras o que eu pensaba dende o primeiro momento. Polo camiño quedaron  persoas que, por unhas razóns ou por outras, apostaron pola fórmula avalada e potenciada nada menos que pola persoa máis relevante (ou polo menos unha das máais relevantes) do nacionalismo galego.  A caída libre do nacionalismo galego obedece a outros moitos factores. Seguramente os máis destacados pode que teñan que ver con erros propios, estratexias e tácticas equivocadas ou vai ti a saber que.

    Pero é que estamos ás portas dunhas novas eleccións e síntome afastado de non poucos amigos e amigas que conseguín nisto da política e o sindicalismo. Persoas capaces, influentes nacionalistas todas elas e que xa non «comungan» co de sempre. Porque viron como medraban uns cantos incapaces que vaia si souberon «afiliarse» a quen garantira o poder. Porque sentiron que os temas importantes non se trataban como deberían. Porque non abondaba ter máis votos nas asembleas internas para elixir candidato ou candidata sen antes valorar as súas capacidades. Porque a quen habería que relegar é aos incapaces que nunca cuestionan nada e non a quen debate cada asunto a tratar. Por exemplo.

    Estamos ás portas dunhas novas eleccións e síntome afastado de non poucos amigos e amigas que conseguín nisto da política e o sindicalismo. Persoas capaces, influentes nacionalistas todas elas e que xa non «comungan» co de sempre.

    Hoxe mesmo, lin e relin o teu correo. Na parte que convidabas a un xantar, non. Na outra. Ti, que tes no teu haber unha  traxectoria impecábel, honesto, culto e moi capaz, ademais me comunicas o teu voto: «botáronme por herexe e agora síntome ceibe para pensar, votar e organizarme….». Sentín rabia e impotencia. Si, porque ademais da túa posición, sei de outros e outras que tan explicitamente ou menos, sentiron a súa exclusión, con razón, parte da razón ou que sei eu. O que si sei é que o nacionalismo galego organizado terá que facer os esforzos necesarios para conquerir unha reacción diferente de persoas que coma ti, tamén sodes inequivocamente nacionalistas. Xa sei, xa sei, sodes  catro, dirán os que contan só os números. Para min é cuestión de calidade democrática porque trátase de compañeiros e compañeiras que déstedes corpo e vida ao nacionalismo galego en tempos mais difíciles e complicados.

    Seguramente a culpa é miña por non ter capacidade de convencemento ou porque, no fondo, estou dacordo coa maioría do teu argumentario, só que nada xustifica nesta ocasión non dar respaldo ás candidaturas que posibiliten a presenza do nacionalismo galego no Parlamento Español, aínda que para iso teñamos que relegar o noso cabreo e pasar a controlar o traballo dos parlamentarios. Eu gardarei o meu propio listado de «desagravios» que non son poucos. 

    Non pode rematar este lamento sen desculparme polo atrevemento de facer pública unha reflexión persoal, pero é que os amigos estades para iso e nesta sección que tan xenerosamente me permite Afonso Eiré só me “comunico” coas persoas que algo tedes que ver coa miña posición diante dos retos da vida, aínda que no teu caso empezara por aquela «tortilla española» tan elaborada pola túa extraordinaria compañeira hai mais de corenta anos.

    O dia 10 saberemos se o noso País seguirá paralizado, marxinado e esquecido ou se, polo menos, logramos un trato máis respectuoso. Que menos.

  • Térmica de As Pontes, penúltimo capítulo

    Térmica de As Pontes, penúltimo capítulo

    A Central Térmica de As  Pontes ten unha longa historia, por exemplo a da destrución das aldeas que deron orixe a unha das minas de carbón mais importantes de Europa. Para min tamén foi moi importante. Traballei na súa construción en Montajes Nervión, aló polo ano 1975 practicamente na súa última fase xá coa estrutura das caldeiras e turbinas terminadas e por suposto cando a cheminea xa acadaba os 356 metros.

    A construción marcou tamén un fito histórico no movemento obreiro galego. Coincidimos varios dos despedidos de Bazán e de Astano sobre todo do proceso de 1972, destacando a presenza de José Luís Muruzábal con quen tiven ocasión de compartir moitos anos mais os seus obxectivos, sindicais e sociais. Aquela folga de 1975, o encerro de Muruzábal e Bolaños no mais alto da cheminea, fortaleceu o movemento sindical que empezaba a organizarse e que por primeira vez o obxectivo era a loita por unas condicións de traballo  que primaran a seguridade e a saúde. Aquela construción deixara nada menos que doce traballadores mortos en accidentes evitábeis. 

    No medio da aloucada carreira por salvar polo menos os mobles máis importantes do desmantelamento paulatino do noso medio de vida, os mecanismos que pretenden poñer en marcha, demostran o desprotexidos que estamos. E o mais cruel é non ter claro como se produciu o problema, quen son os responsábeis e que medidas tomar para frear e recompoñer os piares da nosa economía.

    A construción deixara nada menos que doce traballadores mortos en accidentes evitábeis.

    Un, que xa vai tendo anos, contempla pampo como seguen os tópicos e mentiras, coa frase máxica «reclamar a industrialización de Ferrolterra». Xa nin lembro as veces que esta proclama encabezou manifestacións polas rúas de Ferrol, dende polo menos 1984. E portando  a pancarta os responsábeis do desastre. Teño un listado das veces que, avalados por sisudos documentos, “Salvamos Ferrol” polo menos unha ducia de veces.

    Será polos nervios de quen se mostra incapaz de resolvelo, aparecen propostas como de «que se queime o que sexa pero que se movan as turbinas» e cousas así. Logo están os que desde unha Consellería chamada de Industria e co seu Presidente á cabeza falan coma se fosen directivos dunha asociación de veciños, laiándose e sinalando a Madrid como responsábel de todos os males. 

    Con Alcoa o panorama repítese. Os meus compañeiros de San Cibrao, que os teño, coméntanme, «estamos padecendo unha gran mentira. Notase na falla no mantemento da factoría, non invisten, a balsa de residuos e lodos non aturará moito tempo». Así que todo é para alongar a agonía e despois xa veremos.

    Mirade como se avala a venta de Povisa, exemplo do manual de procedemento da Xunta para dar solución aos problemas de país.

    Ou mirade a redución drástica de capacidade de Navantia que nin así ten a carga de traballo prevista. A redución cando non eliminación automática das empresas auxiliares dependentes do traballo da principal, ou mesmo a situación de Poligal, non fixeron saltar as alarmas e nada me fai pensar que a problemática da Central Térmica de As Pontes vaia a ter unha solución a curto prazo, salvo que estean maquinando subvencionar os italianos para que podan seguir mantendo o nivel de beneficio.

    Mentres a desesperación das familias pontesas e da contorna, moitas delas endebedadas pola compra da súa ferramenta de traballo, precisan rescate.

    Descarga no porto de Ferrol de carbón con destino á térmica de As Pontes

    Non sei como rematará este novo atentado á nosa economía. A deixadez de non prever a necesidade de non queimar carbón mais aló das medidas de compra-venta de cota de emisións vai deixarnos mais unha vez empobrecidos e sen solucións a curto prazo.

    Necesitamos erguer a voz, esa coa que non contamos de momento, esa que teñen a cidadanía vasca ou catalá que poden cuestionar desde os parlamentos, incluído o español, as medidas que poden influír nas súas economías. Mentres tanto quen pode facelo que pete na mesa con forza abonda para que  a cidadanía galega o respaldemos.

  • A venda de Povisa amóldase ao modelo sanitario do PP

    A venda de Povisa amóldase ao modelo sanitario do PP

    Cando Alberte Núñez Feixóo, actual presidente da Xunta, exercía como Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo (primeiro goberno Aznar), púxose en marcha o denominado modelo de colaboración público-privada que é o modelo sanitario do Partido Popular.

    Afirman fontes coñecedoras da sanidade pública que nin Núñez Feixóo nin o Ministro Xosé Manuel Romay Beccaría estaban pola labor. Mais quen foi logo o impulsor dese modelo? Foi só unha zuna de Eduardo Zaplana, presidente da Generalitat Valenciana?  O modelo PPP tamén se chamou Modelo Alzira, por ser o hospital desta localidade o primeiro que se construíu en colaboración da administración pública e o sector privado.

    A Comunidade Valenciana serviu de probeta ao Partido Popular para desenvolver a xestión privada en hospitais e na Atención Primaria.  Este «experimento», dirixido a poñer en práctica a estratexia neoliberal na sanidade española, aplicouse nos novos hospitais construídos na Comunidade Autónoma de Valencia: Alzira, La Marina, Elx, Torrevieja e Manises e, posteriormente, na Comunidade de Madrid e tamén no noso país.

    En 1997 o executivo de Eduardo Zaplana, en connivencia coa aseguradora sanitaria Adeslas, decidiu construír e xestionar desde a aseguradora un novo hospital público a cambio de cobrar un canon por cada habitante asignado ao centro. Para iso crearon Ribera Salud, unha empresa de xestión privada na que incluíron as caixas de aforros valencianas Bancaja, Caja de Ahorros del Mediterráneo e Caixa Carlet, (45%); a aseguradora Adeslas (51%) e dúas empresas construtoras ACS-Dragados (2%) e Lubasa, (2%).

    Dáse a circunstancia de que o primeiro concurso encalla e teñen que ir a unha segunda licitación na que, loxicamente, aparece unha mellora considerábel para a concesionaria Ribera Salud.

    En primeiro plano o Hospital Álvaro Cunqueiro, ao lonxe, no alto, o Hospital do Meixoeiro.

    Exemplo para o Álvaro Cunqueiro

    Algo moi semellante ao que pasou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que as construtoras que recibiron a concesión e a explotación, Acciona e Puentes y Calzadas, tamén tiveron que recibir axuda por parte da Xunta, con condicións melloradas, o que semella ser unha norma, suprimindo camas e, logo, facilitando avais para poder rematar o proxecto. Nesa altura xa Alberte Núñez Feixóo presidía a Xunta. 

    No caso de Ribera Salud un dos seus maiores fornecedores de crédito foi o Instituto de Crédito Oficial, dependente do goberno central, e o seu obxectivo empresarial era claro: «poñer en marcha iniciativas de colaboración público-privadas». Así que tiñan, desde un comezo, claro o seu negocio.

    Logo de asentarse fortemente na sanidade madrileña, a expansión comezou a torcerse por mor da defensa que en Madrid comezaran a facer múltiples colectivos da sanidade pública. Mais, sobre todo, recibiu un varapao cando o modelo Alzira se veu abaixo: ao chegar o socialista Ximo Puig ao goberno da Generalitat, pactando con Compromís, unha das primeiras medidas foi a de recuperar para a xestión pública o hospital. 

    A empresa revolveuse todo canto puido, tanto no ámbito administrativo, no xudicial e no informativo, pois, segundo comenta un veterano xornalista de Valencia, «Ribera Salud sempre foi unha grande cliente para os medios da nosa comunidade». 

    Estes reveses retardaron a entrada no seu capital do fondo americano Centene Corporation, pois, afirmaron, que se coutaba a súa expansión. Mais finalmente fixéronse co 50% da empresa, o outro 50% estaba en mans do Banco de Sabadell, e, agora, veñen de mercarlle outro 40%, co que se fan co 90% do capital.

    Povisa no punto de mira

    Dáse a circunstancia de que a adquisición deste 40% por parte de Centene Corporation, por 50 millóns de euros, prodúcese cando comezan as primeiras conversas con Terra Nosa 21, a empresa propietaria de centro vigués Povisa. Ao día de hoxe as conversas están tan avanzadas que xa só queda o visto e pracet da Comisión para a Defensa da  Competencia para pechar unha operación de venta estimada nos 20 millóns de euros.

    Logo do resgate administrativo de Alzira, Povisa, o maior hospital privado, pero que vive da sanidade pública, representa para a norteamericá Centene Corporation outro xeito de completar a súa expansión en España. Mais as miras de Centene, afirman fontes do sector, están postas na súa expansión en Europa.

    Centene Corporation de Povisa a Europa

    Grupo Ribera Salud é hoxe o grupo empresarial de xestión sanitaria líder no sector das concesións administrativas sanitarias no Estado. Agora está nas mans do xigante de seguros de saúde norteamericano Centene Corporation, cunha facturación de 60.000 millons de euros.

    Este xigante americano é unha corporación que apoiou o modelo sanitario de Obama acaso por ser a súa especialidade a xestión da sanidade pública. Así que os especialistas sanitarios consideran que a merca de Povisa entra totalmente no seu modelo de negocio e que pretenderá seguir co concerto co Sergas en toda circunstancia pois esa é a razón central da adquisición

    O último concerto do Sergas con Povisa asinouse o 1 de setembro de 2014, cunha duración prevista de oito anos, até o 31 de agosto de 2022. 

    «No caso de confirmarse a venta, o SERGAS esixirá e defenderá o mantemento da calidade asistencial na área sanitaria e o mantemento dos postos de traballo», afirman desde a Xunta.

    Xosé B. Silveira e Xulio F. Gaioso (á dereita).

    Povisa víñalle realizando ao Sergas continuas reclamacións para que mellorasen os convenios, ao que accedeu a Xunta aínda non hai un ano, baixo a ameaza do grupo comandado por Xose Baltasar Silveira, e dirixido por ex cargos do Sergas, con deixar de prestar a atencións aos pacientes da sanidade pública sen non recibía maior financiamento e declarando un ERE. Afirmaban que estaban en perdas, pero era o mellor negocio do grupo Nosa Terra 21.

    Un ex director xeral do Sergas considera que Núñez Feixóo non só elimina unha preopcupación con esta venta, tamén estaría satisfeito, pois Ribera Salud é, en parte, intelectualmente, como filla súa. 

    Poida que, tamén en parte, a desaparición de Caixanova e a caída en desgraza do seu presidente, Xulio Fernández Gaioso, consogro de Xosé B. Silveira, dono do hospital, teñan algo que ver coa venta. Mentres, desde o BNG denuncian que a Xunta saneou as contas de Povisa para que puidese vendela ao xeito

  • Xico de Cariño, a melodía continua do músico militante

    Xico de Cariño, a melodía continua do músico militante

    Entre centos de músicos, concertos, encontros, festivais ou iniciativas, a presenza militante de Francisco Peña Villar, Xico de Cariño, é unha constante desde os anos 60. Xico é unha personalidade singular, que foi punto de conexión de José Afonso con Galiza, desde os anos 70 cando se coñeceron en Paris, até a homenaxe de 1986 no Parque de Castrelos, organizada polas Asociacións Culturais, Xuventudes Musicais  e o xornal A Nosa Terra. No limiar de entrar na súa octava década, Xico ten no forno o que será o seu primeiro disco propio, coas constantes do seu repertorio galego e luso-brasileiro orbitando arredor da harmónica, o seu instrumento máis amado.

    Es un home ao que sempre lembro coa harmónica no peto e teño unha fotografía nalgures camiñando por unha estrada de Portugal tocándoa como un Hamelin.

    A miña parte creativa por formación está mais no jazz, na música electroacústica, na experimentación do son, de feito nunca estiven metido a fondo no repertorio galego, pero aínda que algunha vez toquei saxo e a percusión menor, da harmónica namoreime desde adolescente. Empecei tocando polo gusto que lle collín á que tocaba meu irmán maior. Un día esqueceuna, atopeina no recuncho dun armario e metinme a probala no baño. Tiña 14 anos e nunca tocara nada pero ás 3 horas xa a tocaba mellor ca el aquela primeira Höhner e agasallouma!! Daquela era un instrumento moi popular, merquei por correspondencia unha en Barcelona, que tamén viña acompañada dun método para aprender. Co tempo souben que un tío meu de Sismundi tocaba o saxofón nunha banda de música. Estudei despois cun zoqueiro que tamén era músico de banda, e nun grupo de teatro que facía fins de festa, con actuacións de humor e música e colléronme para actuar. Ou sexa que xa estou nos palcos desde adolescente!

    Repasando o teu percorrido fuches dar na música despois dun roteiro de estudante diverso.

    Estudei Maxisterio, despois tiven unha arroutada mística, e quería ir ao Brasil pero naquel 1964 botei apenas un ano nos Paúles do País Vasco, e o que son as cousas, tantos anos de amizade con Francisco Carballo, e nin sabía que el era paúl nin que tivera estado uns anos nese mesmo centro do País Vasco. Despois disto aprobei o acceso á Universidade en Santiago, botei tres anos, estudei con Alonso del Real e con Carvalho Calero, co que preparamos en teatro lido “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao.  Despois marchei a Valencia a facer Filosofía e de alí a Barcelona. Hoxe pode non chamar tanto a atención, pero naqueles anos era pouco habitual esa transhumancia e finalmente xa decidín marchar a París.

    A estudar tamén?

    Cando Chico Buarque actuou en Porto, en 1989, xogouse un partido de fútbol, unha paixón compartida por ambos músicos.

    A facer Etnomusicoloxía na Sorbona, con C. Marcel-Dubois. O meu dilema daquela estaba entre a música e o fútbol que me gustaba moito. Meu pai, que era fabricante de conservas, fixérame estudar Perito Industrial en Vigo en 1958, e nese ano xoguei no Peñasco e no Silva, da 1ª de Modestos. Adestrabamos en partidos co filial do Celta, o  Turista, unha vez por semana en Balaídos. Lembro que xogamos un partido contra os marines do primeiro portaavións americano que atracou en Vigo, o USS Lake Champlain. A marcha a París xa foi a ruptura definitiva coa casa, empecei traballando de pintor cun parente que tiña alá pero axiña atopei a Geraldo Vandré que estaba exiliado. Foi un encontro moi casual, eu viña do traballo cunha harmónica de blues pequena e pasei por diante dunha tenda de musica cando vexo a alguén probando outra. Ía seguir pero entrei a curiosear e nas vésperas coincidira cun músico del nunha residencia. Presentounos e xa nos encontramos ao día seguinte para tocar.  Vandré estaba preparando un disco que foi no que eu participei,  o que sería o seu derradeiro para o selo Le Chant du Monde.  Seguín estudando pero xa empecei a gañar a vida coa música.

    Estando en Paris participei na gravación dun disco de Geraldo Vandré, na altura quizais o artista máis famoso do Brasil

    Geraldo Vandré hoxe non é coñecido por estes lares, pero na altura era unha figura.

    Na altura Vandré quizais era o artista máis famoso do Brasil, acaso máis que Chico Buarque ou Caetano Veloso ou Gilberto Gil, que estaban todos exiliados da ditadura militar do Brasil, en Milán e Londres.  A súa canción “Para não dizer que não falei das flores” (1968) virou hino de protesta contra da ditadura e segue vixente aínda hoxe. Cando regresou ao Brasil pensaba que a xente ía renderse á súa fama pero non foi así. Tivemos moita relación e aínda hai pouco me escribiu.

    Antes de regresar a Galicia aínda botaches un tempo en Suíza.

    En Xenevra fixen un curso de Socioloxía e tiven de profesor a Jean Ziegler na materia de socioloxía política da África Negra. De alí a Barcelona, onde coñecín ao arreglista Jorge Sarraute, un músico arxentino exiliado que formaba parte do Cuarteto Cedrón, que agora é o que fai os arranxos do novo disco. Toda a xente coa que trato neses anos son en certa maneira fillos da situación política dos 60, rebotados das diferentes ditaduras. Naquel tempo toquei con Marina Rosell, facíamos as primeiras partes dos concertos de Lluís Llach, e despois duns meses volvín. Artellei unha xira por Galiza con Julia León e Jei Noguerol. Lembro un concerto no estadio Ángel Carro de Lugo, no que estaban todos os cantantes achegados ao PC (de Adolfo Celdrán a Bibiano, Benedito….), e nós co grupo Bem-Virá. Non lles gustou que cantáramos unha coplas nacionalistas e nin nos pagaron a actuación os organizadores.

    Vivindo en Barcelona toquei con Marina Rosell, facíamos as primeiras partes dos concertos de Lluís Llach.

    Non vivías da música.

    Andabamos arrastrados…

    Con Pau de Arara, nunha actuación de 1983: Chico Barreiro na percusión, Humberto Heredia m guitarra e Pi da Bahía, voz e guitarra. ©Xan Carballa

    O repertorio voso foi pioneiro ao incorporar músicas do Brasil e tamén máis adiante mantendo unha conexión intensa con Portugal no teu caso.

    Para min todo comezou con Geraldo Vandré, aínda que coñecíamos ben a bossa-nova. E cando montamos Bem-Virá a nosa idea era profesionalizarnos pero non foi posíbel. Daquela estaba con moita xente organizando festivais e fixemos un na Coruña con esas músicas coa xente Movemento Popular da Canción Galega, Miro Casabella, José Afonso ao que coñecía de París. Organizaba o concello e simultaneamente, chamado por Antón Seoane e Rodrigo Romaní, montamos Roi Xordo, un grupo do que se falou moito pero que foi fugaz, apenas 45 días de existencia. Non quedou gravación ningunha de Roi Xordo no que estaban tamén Pilocha e Pí da Bahía porque expulsaron o batería brasileiro do grupo, Zé Luís, por culpa daquelas coplas cantadas en Lugo e que chegaran a ouvidos da embaixada. Despois diso marchei para Cariño, fixen un grupo local, Arrabaldo, e xa en 1977 incorporeime ao ensino.

    Seguiches ligado á música máis intermitentemente.

    Tiña escolas e ocasionalmente tocaba con Jei Noguerol ou con Pablo Quintana. E aínda noutros grupos como Pau de Arara, con Pí ou con Humberto Heredia, que despois estaría Na Virada.

    O Jose Afonso non sabía música, pero era un cantor extraordinario. Fixo cancións fermosísimas, enriquecidas polos grandes músicos cos que traballou de Ze Mario Branco a Fausto.

    Con Zeca Afonso, na Coruña, nun festival que ao final interrompeu a policia.

    A relación con José Afonso naceu en París da man de Bibiano e prolongouse xa até 1986.

    En París coñecín a varios cantores portugueses. Nun recital baixo o título Canción de Combate portuguesa, no teatro da Mutualité (1970), no que participaron Sergio Godinho, José Mário Branco,Tino Flores e José Afonso, achegueime ao Zeca e pedinlle se me podería informar  sobre música portuguesa, na que estaba interesado. Díxome que non podería porque non tiña coñecementos de música e amais non moraba en París. Presentoume a Luis  Cilia, que si vivía na capital francesa  e con el tería moito trato nos meses seguintes. José Afonso non sabía nada de música, nin afinar a guitarra, nin nunca soubo. O que tiña era unha voz extraordinaria, fora un grande cantor de fado e unha persoa moi intuitiva que fixo cancións fermosísimas pero cunha estrutura moi sinxela que despois enriqueceron os grandes músicos cos que traballou, fosen Fausto ou Zé Mario Branco.  A súa xenialidade estaba tamén nas vivencias que tiña, metíase en todas as partes, en todo tipo de centros e agrupacións, estivo na África, en Moçambique e Angola… 

    Co Zeca Afonso na súa casa de Azeitao, en 1985. ©Xan Carballa

    Convivín moito co Zeca e apenas falabamos de música porque era un home con mil intereses e curiosidades, o que hoxe se diría hiperactivo. A primeira vez que fun onda el foi para o Festival da Coruña, que despois se suspendeu cando levaba cantado catro pezas porque cargou a policia cando se comezou a berrar e a exhibir bandeiras a xente da AN-PG. A seguinte vez foi para o Festival dos Pobos Ibéricos (con Enrique Morente, Marina Rosell,…) en 1978, que foi a única ocasión na que toquei con el. Despois coincidimos moitas veces na súa casa en Lisboa ou na miña cando viña a Vigo. Foi unha relación intensa, que culminou na homenaxe Galiza, canta a José Afonso en Vigo, no Parque de Castrelos. E despois da súa desaparición botei sete anos como directivo galego da Associaçåo José Afonso e agora estou no seu Conselho Consultivo.

    Como está pensado este libro-disco?

    Desde 2015 na miña mente estaba facer unha gravación de harmónica no que cada título tivese unha ilustración. Pero as xentes da Central Folque pensaron nun libro-disco máis elaborado, con colaboracións de diferentes persoas que comentan cada tema. Xa levamos varios anos con este traballo e queremos publicalo nos próximos meses. Temos todas as gravacións feitas e os arranxos musicais de Jorge Sarraute son decisivos. Serán catorce pezas e as colaboracións son moi variadas: Carlos Castro, Laura Quintillán, Isabel Rei, Sara Malvido, María Xosé López, María Graña, de Cangas,… moita xente. Nuns meses poderá escoitarse a gravación.

  • Chantada, o rural ten futuro

    Chantada, o rural ten futuro

    Agora que caeu en desgraza, cítase moito como chantadino a Francisco González, o recén dimitido presidente de honra do BBVA. Aínda se fala tamén de Amancio López, o presidente da hoteleira Hotusa. Pero Chantada conta con outros empresarios que son todo un exemplo. Persoas novas e vinculadas ao rural. Eles son os que poden parar un declive que levou ao municipio a pasar de máis de 14.000 habitantes hai cincuenta anos a tan só oito mil.

    Xosé Lois Lamazares.

    Non sei que é máis sorprendente, que a empresa Lugar da Veiga estivese presente en Luar, para explicar o seu éxito das Galletas Mariñeiras, ou que fose nomeada por segundo ano consecutivo no ranking que elabora o Financial Times sobre as entidades que máis rápido crecen de toda Europa. Ou poida que unha cousa trouxese a outra, pois para moitos o éxito dentro mídese por coma te valoran fora. Neste estudo, elaborado polo xornal económico británico en colaboración con Statista, FT 1000: Europe’s Fastest-Growing Companies, figuran as 1000 empresas europeas cunha maior taxa de crecemento nos últimos anos. Neste índice resáltanse as entidades que actúan como forza motriz da economía europea. No 2018 alcanzaba xa o posto 503 e desta volta no posto 548 cun crecemento acumulado no período analizado 2014-2017 do 315%. Esta empresa galega de alimentación cólase no ecuador dun listado dominado por entidades do sector da tecnoloxía, construción e servizos con sede en países de Alemaña, Reino Unido e Francia, principalmente. No 2005 os promotores deixaron os seus traballos asalariados, para centrarse nun proxecto propio e cunha premisa clara: apostar polo rural e a economía social. Hoxe poden presumir de ser unha das poucas empresas de alimentación incluídas no ranking do FT. O proxecto, que comezou da man de 5 empregados, na actualidade conta con máis de 50 persoas traballando nas súas instalacións, cunha produción de máis de 4.000 quilos de Galletas Mariñeiras ao día e cunha facturación de 4.700.000 euros no último ano.

    O proxecto comezou con 5 empregados e conta hoxe con máis de 50 persoas e unha produción de máis de 4.000 quilos de Galletas Mariñeiras ao día

    Características especiais

    Cadea de produción das Galletas Mariñeiras

    Ten esta empresa varias características especiais que parten da súa “aposta polo rural e pola economía social”, como resalta o seu coordinador Xosé Lois Lamazares, a alma mater desta iniciativa. Non é casual que este economista, que traballou no Sindicato Labrego Galego, na vez de escoller un nome de prosapia para o seu posto, usa o de coordinador. Tampouco que se instalase en Chantada, pois non puideron facelo en Rodeiro, onde son naturais estes irmáns que formaron o núcleo que decidiu pór en marcha este proxecto hoxe tan exitoso. Pero esta dificultade no asentamento non variou a súa filosofía: primeiro déronlle emprego á familia, logo aos da aldea de A Veiga, de onde lle ven o nome, despois aos da parroquia de río, despois aos do concello de Rodeiro… Agora que xa están asentados en Chantada, as xentes da comarca. A súa filosofía de economía social lévaos a que as diferenzas de salario entre as persoas que traballan na empresa sexan mínimas, sobre todo se as comparamos con outras factorías e que se expoñan as contas nas asembleas de traballadores e se toman alí moitas das decisións entre elas as remuneracións. Polo demais, os seus produtos, “galletas mariñeiras” nunha terra de pan, na que cada quen presume do seu, tiveron unha aceptación unánime, que se expandiu polo resto da península, especialmente a Portugal, pero tamén a toda Europa. e aínda digo, se a idea lles xurdiu na Arxentina, onde moraba un dos irmáns Lamazares de Rodeiro, seguramente atoparán alá tamén un mercado… Cando dean feito, pois a demanda non para de medrar.

    Queixos Airas Moniz

    Queixos Moniz no recente Forum Gastronómico da Coruña

    Airas Moniz estivo presente na última voda da filla de Amancio Ortega, nesa comida que serviron só para 80 comensais escollidos de todo o mundo. Non, non foi que o trobeiro resucitase. Quen alí estivo na Coruña foi un queixo que leva o seu nome e se produce en Chantada. Premios que o avalasen non lle faltaban. Eu non estiven alí convidado, así que non lles podo dicir o que comentaron os comensais, pero ou dos seus feitores, Xesús Mazaira, volveu todo satisfeito de poder darlles pan con queixo a aqueles exquisitos notábeis. Si, Xesús Mazaira, foi un dos tres socios, con Ana Rodríguez e Ricardo Gómez, que decidiron pór a andar este proxecto que rachaba coa gandería extensiva e de leite e apostaron polo valor engadido. O proceso de reconversión no que aínda se atopan, consiste en reducir a cabana e cambiar de raza, pasando de muxir 70 vacas frisonas a substituílas por só 45 vacas jersey, que son máis pequenas e comen menos. Co cambio de modelo Outeiro SC, que así se chama a sociedade, pasou de producir 800.000 quilos de leite ao ano a só 450.000, “pero gañamos o mesmo”, afirma Ricardo, que di que “o importante para nós agora non é a produción de litros, o obxectivo que temos é facer o mellor queixo que poidamos”. Percorreron Europa para ver o que por alá facían e tiveron o consello do estremeño José Luís Martínez, un experto en queixos. Querían algo diferente para posicionarse no mercado. Todo isto en só seis anos, dous deles procurando o modelo. Eles querían vacas galegas pero non daban o leite suficiente e apostaron polas jersey. Comezaron con catro. Munxen só unha vez ao día e sen horarios ríxidos. Non ensilan, non gastan en penso nin en maquinaria, as vacas andan todo o día nos prados e, din o que sempre se soubo en Galiza: “que os queixos son bos ou malos, dependendo do que coman as vacas”. Ricardo Gómez e a súa muller Ana Rodríguez puxeron as terras para o novo proxecto. A súa explotación nos anos 90 fora unha das 15 máis grandes de Galiza. Xesús Mazaira, o seu socio, tiña unha xestoría e viña dunha familia de empresarios téxtiles, e aínda fora concelleiro do BNG, con labor de goberno durante catro anos.

    Ningún dos tres tiña experiencia algunha facendo queixos e a iso hai que sumarlle a dificultade engadida de facer queixo con leite de jersey, “que é diferente a facelo con leite de frisona”, explica Ana, a mestra queixeira, xa que “os glóbulos graxos da jersey son moi grandes e separa en dúas calladas”. Coa tona, que queda por riba, fan manteiga e co resto, requeixo e tres variedades de queixo. Por esta división da callada logran que, malia que as jersey producen moita materia graxa, o produto final sexa un queixo baixo en graxa (ten tan só un 28% de materia graxa, 10 puntos por baixo da maioría dos queixos galegos). Airas Muniz ten tres elaboracións xa no mercado: Terra, un queixo de pasta branda, Cíthara, un queixo de pasta prensada semicocida tipo gouda que bota entre 6 e 12 meses de maduración, segundo o peso, e Savel, un queixo azul.

    Xesús Mazaira quéixase de que hai unha forte demanda de manteiga. Anda a procura dunha explotación que queira investir 40 mil euros para producir unha manteiga que xa está coma vendida e non a dá atopado.

    Airas Moniz non dá producido para atender os pedidos e non só son eles mesmos os que comercializan e distribúen os queixos en tendas gourmet e restaurantes, senón que queren que aqueles que os merquen primeiro veñan coñecer como os fabrican e como viven as vacas.

    Airas Moniz non dá producido para atender os pedidos e non só son eles mesmos os que comercializan e distribúen os queixos en tendas gourmet e restaurantes

    Así, polo lugar de Outeiro, na parroquia do Convento, na mesma que naceu Francisco González, xa pasaron os máis reputados cociñeiros e gourmets de todo o Estado. E os que veñen, non só gustan do queixo, senón que se enamoran da zona e… volven.

    Aplican para comercializar os queixos unha filosofía semellantes a moitos viñateiros franceses de chateaux ou pagos, onde o produto vai unido a terra, a paisaxe e a paisanaxe.

    Premio á promoción gastronómica

    Vendima na Ribeira Sacra

    Outra empresa chantadina, tamén relacionada co rural, foi premiada recentemente. Trátase do grupo viñateiro Méndez-Rojo, que recibiu o galardón á Promoción Gastronómica de Galiza, concedido por un xurado que estivo presidido polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña.

    Este grupo, do que é director xeral Xan Luis Méndez, foi creado xa no 1940, pero o máximo responsábel comparte coas outras dúas iniciativas a xuventude, o amor á terra e a aposta polo rural.

    Hoxe ViniGalicia S.L. está presente nas cinco denominacións de orixe dos viños galegos, con adegas como Terriña ou Viña Romana que se faría máis famosa logo da novela de Dolores Redondo, Todo esto te daré, co que gañou o Premio Planeta, en parte ambientada nesa adega de A Ermida. Nas terras de Rodeiro, de onde son os Lamazares, é onde veranea a escritora vasco-galega.

    Xan Luís Méndez.

    Pero Xan Luis Méndez non só fai viño. Como a augardente ten agora un mercado reducido, decidiu fabricar un destilado, a xenebra Nordés, creando a empresa Galicia Gin, no ano 2012. O destilado de viño galego tivo unha aceptación unánime, collendo mercados en toda a península e situándose entre as tres mais vendidas en Portugal, pero tamén en Australia e Angola.

    Tanto foi o seu éxito que, ao pouco tempo, a multinacional Osborne pasou a formar parte da empresa. “Veu Osborne, pero non se foi Nordés, que segue a producirse na planta de Vedra, destilando viño galego das variedades autóctonas e a ser xenebra galega”.

    Xan Luis Méndez non só fai viño. Como a augardente ten agora un mercado reducido, decidiu fabricar un destilado, a xenebra Nordés.

    Outra importante iniciativa de Xan Luís foi o vermut Nordesía, tanto o tinto como o branco, producidos con uvas mencía e albariño. Ao pouco tempo de estar no mercado, recibiron sendas Medallas de Ouro no Concurso Mundial de Bruxelas, ao que concorreron 100.000 bebidas procedentes de todo o mundo.

    Viños de Vía Romana

    Vía Romana, o primeiro viño galego que recibiu o certificado de “viño vegano”, puxo a venda un rosado, que, ademais, quixo darlle o carácter benéfico, doando 1,5 euros de cada botella á Asociación de Chantada de Loita contra o Cancro.

    O premio a Promoción Gastronómica, para Xan Luís podería ir acompañado por outros, porque, se por algo se caracteriza este grupo é por turrar por outras iniciativas de Chantada, para dalas a coñecer.

    Chantada, que contaba nos anos vinte do século pasado con máis de 17 mil habitantes, foi a comarca, xunto con Betanzos, que máis emigrantes expulsou a América. Nos anos sesenta e setenta a Europa, nos oitenta creou máis de 600  funcionarios, agora hai un xeración que pide paso…, e o seu alcalde, Manuel Varela, volve ao PP logo de dez anos.

    Algo non cadra.

Boletín de novidades

Recibe as novas no teu e-mail


Política de privacidade *