Cunha obra literaria extensa, e fitos de grande éxito (“Galván en Saor” foi un dos primeiros best sellers en galego no tránsito dos anos 80/90) ven de deixarnos fisicamente Darío Xohán Cabana (1952-2021). En 1981 escribia no seu poema Preludio de Tanatos «Arrasarase o tempo / de negra decadencia / cara a terra ou granito / das nosas sepulturas / e a tristeza encheranos /de terribles feridas / porque somos carne / podredoira mortal.»
Xa era popular nas cancións de Fuxan os Ventos, pero en 1978 un cartaz en memoria de Xosé Ramón Reboiras, inzou en moitas paredes e cuartos do país. Quizais fose o seu canto emocionante un dos poemas en galego máis impresos na historia recente da nosa literatura, que resoaba militante e amical para ser dito en voz alta: «Dicídeme que a morte / do noso camarada / é pedra de futuro / cimento de alborada / roxa estrela, martelo, / fouce, bandeira, cántiga, / dicídime que o vento / trae as súas palabras / que o seu corpo baril / pervive nas montañas, / Que non morreu Reboiras / Que está sempre na patria…».

O autor Darío Xohán Cabana, labrou tamén para a lingua unha enorme pedra de futuro, un con xigante, no que ademais da poesía, escintilou a novela e tamén o artigo de xornal, e como non na tradución ao galego dos versos de Dante ou Petrarca.
Procurandoo nome de Darío Xohán Cabana na colección de A Nosa Terra, o buscador chouta seguido de páxina en páxina. No primeiro ano, aparecen os artigos iniciais, e axiña é Darío crucigramista do xornal, un labor pioneiro que despois continuou até o derradeiro alento en La Voz de Galicia. Na Hemeroteca de A Nosa Terra, está o escritor e tradutor premiado, o feroz polemista sobre a lingua ou a política, o articulista, o amigo emocionado que lembra, o colaborador discontinuo mais permanente, o académico, o militante, o activista cultural.
Entrevistado en diversas ocasións, A Nosa Terra é testemuña desta biografía de entrega permanente, da que rescatamos nestes enlaces diferentes pegadas: as colaboracións da Carta Entreaberta de 1979/1980, artigos e columnas diversos e entrevistas concedidas ao longo dos anos.
Darío Xohán Cabana en A Nosa Terra
Deixa unha resposta