Tardou moitos anos en saír a cantar as súas propias cancións nos palcos. Foi compositor para éxitos doutros artistas até que deu un paso adiante, venceu o medo ao público e marcou unha xeneración. Á par mantivo intenso labor na pintura, na poesía e tamén como factotum dun cine singular marcado pola faceta plástica. Faleceu o 4 de abril en Madrid.

O 28 de novembro [1983] inaugurouse, na sá Kreisler Dos de Madrid, unha exposición de. Luis Eduardo Aute, baixo o título «Pasión». Apesar de levar máis exposicións que LPs gravados, Aute é maiormente coñecido pola súa música. Sobre todo, a partir do último LP, Entre amigos, que rematou por lle dar maior popularidade entre o público do Estado. Esta faceta do cantante, compositor, escritor e director de tres curtametraxes, pon de manifesto a riqueza que encerra un espírito preocupado por dous temas: o amor e a morte, temas que enchen os lenzos e as súas cancións nunha composición conflitiva e bañada, ás veces, de ironía. Aínda que a tristura sexa a nota última e principal. 

Que tentas reflexar nesta exposición? 

A exposición ten un título xenérico, que é Pasión. Son vinte cadros, nos que tento representar; dalgún xeito, as distintas paixóns, pero sobre todo, as dúas importantes historicamente: a  paixón humana e a paixón divina. Estes vinte cadros están agrupados en cinco polípticos de catro cadros cada un… En cada políptico hai unha anunciación e unha crucifixión e, no medio, os outros dous cadros son paixóns humanas. En todos eles, aparecen dúas personaxes que entran en conflito. 

A paixón é un sentimento que se comparte entre dous. Se se comparte a un, como ocorre na paixón divina, sempre hai outra personalidade, aínda que non sexa física, coa que entramos en conflito. En liñas xerais, quero representar con esas dúas personaxes que se atopan, esa ambigüidade, ese sentimento que, dalgún xeito, recolle ou reúne conceptos contrarios. 

Luis Eduardo Aute e a autora da entrevista, Carme G,. Ares.

Porén, dá a sensación de que nos cadros hai mais violencia que amor. Por exemplo, neses puños que semellan saír do lenzo rabiados e ameazantes. 

A paixón é violenta, e o amor tamén. Penso que o amor apaixonado está subliñado por unha boa dose de violencia. Dous corpos en plena cópula non é rnais que un duelo amoroso. Pero non deixa de ser un duelo.  Na paixón entra o amor e o odio, o ben e o mal. 

Esas caras son tristes, non hai nelas un recanto de ledicia… 

Si. Teñen uns ollos como en éxtase. Antes de pór os acenos nos rostros que requiría cada situación de cada cadro, quixen facer unha expresión única, unha expresión tamén ambigua, que é a do éxtase. Esta expresión, na pintura relixiosa, tanto española como estranxeira, represéntase con esas caras, eses ollos mirando ao ceo. Lémbrome dos cadros do Greco, de Murillo, de Zurbarán. 

Obra de Aute na capa do seu álbum “20 canciones de amor y un poema desesperado”

Hai algo tamén da pintura de Miguel Anxel? 

A pintura relixiosa italiana é máis laica, máis profana. Eu circunscríbome case exclusivamente, á pintura española e a pintar rostos de imaxinaría, das estatuas, das igrexas e das Semanas Santas. Uso iso por ser un rostro en éxtase ambiguo e que reflexa, claramente, o sentimento de paixón. Hai dous acenos sorprendentes para un deles, a cara apaixonada nunha relación amorosa, e o outro, o dun cadáver totalmente prácido. Aí, o amor e a morte teñen o mesmo rosto. 

Tratas estes mesmos temas nas cancións? 

Si. O amor e a morte son os dous pozos… Van intimamente relacionados. As cancións son o mesmo que as cores. 

Nas túas cancións hai aínda, unha especie de ironía.

Alégrame que me digas iso, poeque sempre rne acusaron de que as miñas cancións son terribelmente tristes. Pero penso que os cadros non son demasiado serios. Eses acenos, eses escorzos nos corpos, esas caras en éxtase, dalgunha maneira son un chisco irónicas. Case te podes partir de risa. 

Hai unha canción na que falas do cine Alphaville e te citas a ti mesmo. Tentas facer rir á xente con isto? 

Non, non. É moito máis sinxelo que todo iso. É algo que é así. Esa xente á que me refiro na canción di iso. Vémonos case todos os días e é unha linguaxe moi particular deles e, concretamente, do que se suopópn que é a primeira persoa da canción. Fala así e di esas frases. Non é unha casualidade. 

Así como eses puños que saen dos cadros, non hai cousas que tamén se saen das cancións? Por exemplo, a de El ascensor, non é a musicalización dun anuncio? 

Non exactamente. Foi primeiro guión dunha curtametraxe, logo mudou en poema, e de poema en canción. Todo o que falo do xabón é un slogan enteiro. 

Onde te sentes máis identificado, no terreo da pintura ou no musical?

Son paixóns distintas. Moi complementarias. Por exemplo, cando escrebo unha canción, remato derrotado, absolutamente exhausto, coa testa dez veces máis pesada do que realmente é. E cando pinto, ocórreme todo o contrario. É unha sensación máis relaxante. Coido que isto débese a que non traballo coas palabras. Estas encerran conceptos e os conceptos son difíciles de controlar. Tes que dar coa palabra precisa. Escribir é unha pelexa. A pintura é un xogo, un xogar coas cores e coas formas. 

Cando escrebo unha canción, remato derrotado. E cando pinto, ocórreme todo o contrario.

Cres que a xente apréciache máis como cantante que como pintor? 

Apreciarme non sei, pero coñécenme máis como cantante, a pesar de ter maior número de exposicións que de discos. E é evidente que a difusión que ten un disco ou un recital non é a mesma que a que ten unha exposición. 

A raíz do último LP, Entre amigos, pensas que aumentou a túa popularidade? 

Penso que si. Foi un LP precedido dunha gravación en directo, moi soada, un recital bastante bonito e con moita difusión. A xente contactou máis, e decatouse ou tivo maior coñecemento diso, que noutras ocasións. 

Como cres que te ven fóra do Estado? 

Case non saín ao estranxeiro, pois comecei a dar recitais hai cinco anos. Tres foron, practicamente, de rodaxe, e dous, dos que podo dicir que dou recitais en serio. O pouco que fixen fóra, foron cousas sen importancia. Pero espero facer xiras o ano que ven. 

Qué proxectos tes a nivel musical? 

Quero gravar un LP no mes de marzo para sacalo no mes de maio. Vai levar o mesmo título que esta exposición, Paixón e tamén xirará en torno á morte e ao amor. 

Segues tendo o mesmo medo aos escenarios? 

Non, que va… Cada vez teño máis. 

A pesar deste medo, Aute participou, recentemente, en dous recitais en Madrid. Un en homenaxe a Jesús de la Rosa, do grupo Triana, que morreu hai pouco en accidente de tráfico. O outro, a prol dos dereitos humanos. En ambos, Aute actuou só co baixo, pois o seu grupo, como nos dixo nesta entrevista, está desfeito. (Nº 235 – 14 de decembro de 1983)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here