En varias entrevistas explicou sen autocensura as súas opinións sobre o galeguismo no que foi protagonista, nomeadamente cando sairon os seus dous libros Os anos escuros en 1986 e 2004. Mais foi en centos de columnas, opinións e críticas cando a colaboración de Xosé Luís Franco Grande con A Nosa Terra foi máis vizosa e continua entre 2002 e 2010. O fillo predilecto de Tomiño, galardón que levaba con gran satisfacción, ten unha obra múltiple que abalou da poesía ao memorialismo, do ensaio á intervención no xornalismo. Membro da Rel Academia, cun percorrido profesional ligado á avogacía, Franco Grande deixou tamén pegada das súas evocacións en libros como o seu máis recente A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (Galaxia). Deixamos aquí as entrevistas que lle fixemos en ANT.  Lidas cronoloxicamente achegan ben os perfís políticos da súa traxectoria.

“Do galeguismo dos anos escuros ocultouse a verdade”

Non hai amargor a pesar das fortes críticas que fai, «é moi duro pero é así». Realidade Galega, Ramón Piñeiro e o sentido político da súa elaboración do galeguismo (o piñeirismo tan falado), a frustración dunha xeración que estaba convencida de estar seguindo co labor do Partido Galeguista, o traballo de fondo anticomunista xerado arredor da simbólica mesa-camilla de Xelmírez 15… Xosé Luis Franco Grande publicou o ano pasado a primeira entrega de Os Anos Escuros I (Edicións Xerais), libro que «algúns coidaron que era un cántico a Ramón Piñeiro, cando era todo o contrario: unha crítica feroz». Hai uns meses a revista Follas Secas adiantaba un anaco da segunda entrega onde xa era meridiana esa crítica, un enfoque no que quixo «fuxir das cousas persoais, pero dando unha visión real desde dentro, dun período sobre o que moitos se negan a falar ou evaden». Franco Grande, especialmente coñecido polo dicionario do que é autor e ten publicado varios poemarios, teatro, ensaios. Hoxe, adicado á súa profesión de avogado, segue intensamente na súa preocupación pola Galiza e pola verdade histórica. 

Vostede entrega en Os anos escuros-1 a memoria dun período «escuro» efectivamente da nosa conformación como nación, e dunha xeración fortemente traumatizada, fose ou non consciente, pola guerra. Con que intención? Intervención, memoria, deixar constancia? 

Clarificar. Dar luz sobre algo que via que a xente embarullaba e sobre o que se ocultaba a verdade. Mesmo moitos que foron protagonistas daquela xeración, ao se referir ao inicio da preocupación nacionalista galega entre a mocidade, dábanlle importancia a datas que non a tiveron. Houbo un que chegou a dicir que o nacionalismo moderno empezou nos anos setenta co recital de Raimon, algo demencial. Outros co nacemento da UPG e o PSG e esas son cousas importantes pero totalmente distintas. Xentes que participaron neses dous feitos, por exemplo Salvador García Bodaño, que traduciu ao galego as cancións para o recital de Raimon, eran persoas que estaban moitos anos antes co grupo que tiñamos en Santiago. Se o que se quer dicir é que politicamente aquilo noso era nada, é verdade relativamente, porque non era nada articulado como partido, pero cada vez estou máis certo de que estábamos facendo política porque nos estábamos afirmando, dentro das escasísimas posibilidades que había, como unha xeración e iso era unha novidade. Hai rastros de todo iso en La Noche, que dirixía Borobó. E molestaba en sectores reaccionarios a importancia que nos daba no xornal —o propio Borobó di: «se irritaban hasta el paroxismo»— …non había dúbida de que había unha presenza cultural na Galiza e era impensábel articular un partido político, sería demencial. Cos ollos de hoxe pódese ver doutro xeito, pero desde dentro, coa experiencia que nós tiñamos, non había posibilidade de organizar nada politicamente.O único posíbel arredor da idea nacionalista da Galiza era facer manifestacións de tipo cultural e aínda estas eran moi difíciles. Este é un país curioso, onde parece non !ernbrarse nada. Moitas das persoas que estiveron nese proceso abstéñense de falar. O propio Piñeiro ten feito alusións vagas —como cando Freixanes o entrevistou para Unha ducia de galegos—. Fixen o libro coa intención de falar dese período e intentando ocultar o meu protagonismo, moito ou pouco, no asunto. 

O prólogo é unha contraposición na análise política daqueles anos… 

O que quixen con el foi que non resultara unha introdución de botafumeiro, que me fixese unha crítica do libro. 

Vostede, porén, fai unha análise sincrónica dos feitos, como se o xuízo o estivese emitindo á par dos acontecementos…

Inicialmente pensara en facer unha evolución curso por curso. Despois fixen un libro que dá unha visión real desde dentro, pero até o final en presente. 

O primeiro libro deu a sensación de que era un cántico a Piñeiro cando quer ser unha crítica moi dura. No segundo libro —polo adianto que coñecemos da revista Follas Secas— xa esta crítica parece ser inequívoca. 

Na Galiza á xente parece que lle molesta a crítica, e niso penso que din un exemplo pondo á fronte do libro un prólogo terribelmente crítico dunha persoa que é compañeiro de xeración, amigo persoal pero que politicamente non temos nada en común. Penso que son unha persoa tolerante e moitas xentes daquela época que presumían de liberais non son nada tolerantes e xa que logo nada liberais. Calquera crítica lles molesta, e eu o que querería é que eles, fronte a esas críticas que eu fago, saísen con outro libro, demostrando que non son verdade, e non o fan. O único que fan é calar a boca ou retirarme o saúdo, como fixeron algúns. Moitos nen sequera contestaron, con moi pouca educación, cando Iles enviei o libro dedicado. 

Nós tiñamos a plena seguridade, porque era unha seguridade que nos dera o propio Piñeiro, de que nós eramos continuadores do Partido Galeguista, considerabámonos todos na liña do pensamento de Castelao.

Vostede, e case todos os que formaron parte daquela xeración, din que tiñan a certeza de seren continuadores do Partido Galeguista, e que fora unha frustración comprobar que non pertencían a nada en concreto… 

É un dado que para min é esencial. Nós tiñamos a plena seguridade, porque era unha seguridade que nos dera o propio Piñeiro, de que nós eramos continuadores do Partido Galeguista, considerabámonos todos na liña do pensamento de Castelao. Otero Pedrayo díxonos cincuenta veces: «se algo eu son é a ponte que comunica a Castelao con vós». E Don Ramón dicíanolo sinceramente. Os que xa non me parecen sinceros eran outros como Piñeiro, que nos daba a entender que pouco menos que existían uns ficheiros onde estabamos todos. Que aquilo era unha especie de embrión de continuación do Partido Galeguista e que por razóns case policiais do momento non se podía articular como partido. Entre nós era unha certeza a pertenza, perfectamente determinada, a un partido, Despois descubrimos que non había nada e iso é o inconcibíbel para min. Non o entendo. 

A coincidéncia entre vostedes é que aquela era a política posíbel naqueles anos…

Naquel momento, si. Hai que distinguir porque o franquismo foi unha cousa até os 60 e algo diferente de aí en diante. Até o 1959 foi algo monolítico e sen fisuras, implacábel. Non podíamos pensar en nada de tipo organizativo. Despois do 60 as cousas mudaron algo, penso que quizá influído pola emigración europea, a relativa abertura das fronteiras, o desenrolismo do Opus, e a propia evolución do mundo… Actos como o recital de Raimon, ao que asistín, eran impensábeis na época miña de estudante, que era un período de consolidación do poder de Franco. E é xusto dicir que o grande acerto de Piñeiro foi facer o que fixo naquel mornento. Xogou cun posibilismo moi pragmático, e aínda así houbo problemas (o primeiro Grial foi fechado, p. ex.). O que pasa é que ese esquema, que eu califico no libro de xenial, non era trasladábel aos 60 porque xa eran outras as necesidades. No 59 fomos Bodaño, Moncho Silva e eu a falar con Piñeiro plantexando que había que darlle á xente algo ideoloxicamente máis elaborado, e dixo que si. Un si que era unha maneira de sacarnos de diante, penso agora, porque daquela pensei que Ile trasladáramos o problema e adquirira un compromiso mesmo para intentar imprentar ese traballo en América. Non se fixo nunca, polas razóns que fosen, que eu aínda non coñezo 

Xose Lúis Franco Grande no seu despacho de Caixavigo. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

Piñeiro nunca tivo que dar contas de nada a ninguén? 

Estou convencido que Piñeiro é a persoa menos demócrata que eu coñezo. É como se el mesmo levara á práctica o convencemento que moitos temos de que a democracia é un camelo como calquera outro. Foi un loitador contra Franco, tivo un Consello de Guerra e estivo na cadea —a outros fusiláronos por menos. E penso que todos estes señores eran uns antifranquistas enormes, terríbeis, viscerais, pero non eran realmente demócratas. Véxoo na maneira de actuar de todos eles, ben sexa García Sabell, Piñeiro ou outros, que de demócratas non teñen absolutamente nada e ademais teñen unha falta de respecto enorme pola opinión dos demais. 

Porén, tiveron influencia na transición política na Galiza… 

Algunha si, pero puideron ter moita máis. Ningún deles se meteu en política. No caso de Piñeiro el foi sempre un home incapaz de renunciar ás súas tácticas da clandestinidade, e entón —coincidindo niso con Ferrín— el segue nas cercanias do poder, no Consello da Cultura Galega, influíndo aquí e alá, e a min iso paréceme non política senón caciquismo, pura actividade clerical no peor sentido da palabra. 

Hai unha evidencia, documentábel para quen viviron os acontecementos, das discrepancias a xente da emigración e o exilio político americano co interior, discrepancias do propio Castelao… 

Non coñezo iso en detalle. O que si vivín foron os tremendos líos entre os galeguistas históricos, aínda que eu prefiro dicir vellos galeguistas, e os que estaban en América. A óptica de Piñeiro, penso que axeitada, era que non tiña senso facer cousas alá, porque aquilo vai desaparecer, e mellor é que eles axuden ao que nós temos que facer aquí. Non ten senso que eles funden alá Citania senon que teñen que apoiar a Galaxia. Participei nalgunha reunión, e só atoparon en Venezuela o caso de Sílvio Santiago que fai quen máis se rendeu e aportou grande parte da financiación do dicionario de Don Eládio, e tamén en Bos Aires. 

Pero había outro plantexamento político, que era o do Consello de Galicia e a súa virtualidade como unha especie de goberno no exilio que servise de enlace nun momento de democratización… 

—Non coñezo o problema a fondo pero penso que hai razón niso. A eles parece como se lles molestase que houbese iso alá, pero aquí non se facía nada que o substituíse. Tería sido importante ter algo no exilio semellante ao que formaron cataláns e vascos e non sei por que iso non gustaba. E iso era unha decisión de Piñeiro só, que nunca tivo que dar contas a ninguén. Ese era o xeito de funcionar del. É un home que se irrita coa discrepancia, aínda que sexa ben intencionada crítica. El pasou a crer en todo o que nós dicíamos, de que era a figura, insubstituíbel,… asumiuno totalmente. 

Domingos García-Sabell, cando era Delegado do Goberno central ,no aeroporto de Santiago, recibindo os restos de Castelao que chegaban de Arxentina en 1984. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra
Domingos García-Sabell, cando era Delegado do Goberno central, no aeroporto de Santiago, recibindo os restos de Castelao que chegaban de Arxentina en 1984. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

A entrada de García Sabell é posterior?

Ben, el xa antes da guerra tiña contactos con galeguistas, pero era algo cultural. A súa incorporación máis organizada fíxoa Piñeiro, como a de Celestino Fernández de la Vega  -que dicía que Piñeiro tiña ar de conspirador checoslovaco’-, ou en certo senso Rof Carballo… ese labor fíxoo moi ben. Incorporar novas xentes que prestixiasen á cultura galega e recoller a todos despois da desfeita do 36: Otero, Cuevillas, Ferro Couselo, Xocas,… Non todo é negativo. O García Sabell de hoxe e o de antes non teñen nada a ver, parecen dúas persoas distintas. Eu lémbroo vibrando ante moitas cousas e era capaz de facer unha barbaridade, era terribelmente temperamental —andaba nos cuarenta anos. Pero o tempo é destrutor e as persoas lanzadas, a unha determinada idade, convertense en reaccionarias. É un home que se está cargando o seu pasado e o seu ascenso no poder é por unha vía non democrática, e eu supoño que á democracia el desprézaa. A súa actividade está revelando iso.

A mensaxe de Piñeiro estaba impregnada de apoliticismo, de anticomunismo? 

-O do anticomunismo era unha enfermidade. Sempre digo que non podo ser «anti» calquera cousa que trate de explicar o mundo. Non podo ser antinewtoniano, por exemplo, como non podo ser antimarxista, porque é unha estupidez que non colle na cabeza. Pódese ou non aceitar determinadas cousas ou teorías pero non rexeitalas porque xa son patrimonio da humanidade. E Piñeiro era antimarxista. Aquí non seria lícito dicir «eles». A persoa que inflúe ideoloxicamente en nós era Piñeiro. El suxeríanos lecturas e se podían ser eran de crítica do marxismo e do comunismo. As súas charlas versaban moitas veces sobre iso. Recomendábanos, por exemplo, o segundo Camus e ridiculizábanos a Sartre…Ttiña unha predilección especial por aqueles escritores que foran marxistas e deixaran de selo. Nós tiñamos dezaoito anos e non era fácil chegar a eses libros. 

Isaac Díaz Pardo e Ramón Piñeiro no Congreso Castelao, en Santiago (1986). © Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

Vostedes tiñan algunha conexión co grupo de opinión máis de esquerdas dentro do galeguismo? 

En nada. Sempre me preocupou por que non houbo vinculación cunha serie de persoas que eu xulgo importantes. Por exemplo Valentín Paz Andrade. Coñecino anos despois e sempre foi un home cordial comigo: Eu preguntara por el e a resposta que me deu Piñeiro foi que o galeguismo de Paz Andrade era «un galeguismo seu», que estaba vencellado a outros intereses, como dicindo que era un home que estaba preocupado en facerse rico, sen dicirmo, como dicindo «non interesa», habilmente. Con Borobó, que fora socialista toda a vida e tiña unha actitude positiva cara todo o galego, tampouco era especial a vinculación. Por suposto nada con Filgueira que fora alcalde de Pontevedra, nen con Risco. Dos vellos, Cuevillas, Ferro Couselo, Xocas, Otero, Gómez Román, Cabanillas. 

A xente máis netamente de esquerdas estaba no exílio, habia enlace con eles?

Non, a relación con América era máis ben a través de Manuel Puente. Tiñan moita frente cara algunhas persoas: Díaz Pardo e Seoane que estaban en América, a nós presentáronolos como comunistas, ou sexa dicindo «non interesan», «non son o que nós somos», e xa non digamos Lorenzo Varela, que era unha especie de lobo feroz, de ogro; Baltar, que veu —segundo eles— desde América co plan de quedarse con Galaxia, unha cousa un pouco rara. Daquela xa englobaban todo o de esquerda coa etiqueta de comunista. 

Entón impediuse unha ósmose con todo o espectro do galeguismo? 

Mantívose pero non con todos os galeguistas. Como xa dixen… Agora si que se mantiñan cos que entraban no círculo, vínculos de amizade —por iso el escribía tantas cartas. Cos anos as cousas despois fóronse enriquecendo e o galeguismo deixou de ser unha só opción. 

Cando nasce a ruptura? 

Poderían precisarse datas. Nós víamos que Galaxia non respostaba ás necesidades do momento. Viamos que había expectativas de tipo social e se lle falabas diso revirábanse; púñaos enfermos ouvir falar de coleccións populares que puidesen chegar á xente. Chegaron a ser tremendamente inmobilistas. Nós queríamos que houbese xente máis nova nos órganos de dirección de Galaxia pero esas propostas foron un fracaso total. Hai quen pensa que iso que digo de que e preciso ter fillos, e que a eles Iles faltou esa dimensión da vida, é brutal. Pero cada vez penso que é máis importante porque os fillos están continuamente póndoche ao dia. E a nós tratábannos como a nenos pequenos. cando xa tiñamos corenta anos.

Hai unha referencia no libro, de aparente autoconmiseración, cando di que sempre fixo o que Ile mandaran, mesmo un dicionario cando non era o seu en absoluto?

Vai por outro lado. Digo que o fixen como un acto de servizo, porque eu consideraba que estaba nun partido e facíao como disciplina, mesmo cando tiven que ser orientador de charlas era por unha obriga moral da mesma índole, e pasaba uns apuros tremendos pola miña timidez. 

Que valoración fai da intención de Piñeiro naqueles anos? 

Partía do seguinte: tendo en conta a situación de Galiza, na que nin se sabía que era iso de cultura galega, nen o galeguismo, soubo ver o estado real e dirixiu o seu labor nun camiño de galeguización e fíxoo moi ben entrando na Universidade a través de nós. Era un labor indispensábel pero para aquel momento. 

Pero eles seguen actualmente influíndo na política galega, nalgúns eidos cando menos… 

Si, e iso é moi de Piñeiro, esa influencia desde a sombra. Pero non creo que ese sexa o sistema e as cousas hai que facelas doutra maneira. Para min o erro grave foi que cando, en tempo de Franco, se empezaron a organizar unhas certas estruturas partidarias, o seu erro foi ficar fóra. El, con ese optimismo tan seu, dicía que agora todo tiña que funcionar normalmente, cada partido na súa misión,… e unha superestrutura por riba de todo, que era el, claro. Aí foi onde xa Iles dixen que non porque non vía nada clara esa operación. Se eIes tivesen intervido masivamente naquel momento terían xerado unha espécie de PNV ou de CiU e deixaron ese campo vacio. 

En certas cuestións, como a da normativa lingüística, foi onde se puido ver máis claro, para quen non viviu directamente aquel proceso político, o talante dese poder na sombra de Piñeiro

A normativa foi un acordo co ILG e penso que este foi máis sectario aínda que Piñeiro. Penso que a intransixencia maior está no Instituto da Lingua, en algo ademais que a min paréceme absurdo. un problema moi difícil, pero entendo que había posibilidades de aproximación relativa ao portugués como paso a unha ulterior, cal fose, situación, e sen forzar as cousas, Penso que a opción máis Intelixente tería sido unha aproximación ao portugués aceitando o que é natural ao galego, e iso non o tiveron nada presente. 

A conversa seguiu e fálanos de novos proxectos: a aparición imediata dun libro de poemas, a elaboración dun volume que titulará «Retratos de viciños meus», «que me vai axudar a elaborar a segunda entrega de Os anos escuros, na que estou xa traballando e penso que rematarei antes dun ano». Un período absurdamente escuro da nosa historia recente empeza, felizmente, a ser visíbel. (Nº 304. 21 de novembro de 1986)

‘Ramón Piñeiro non lle recoñecía autoridade política a Castelao’ 

Vén de publicarse a nova edición ampliada de Os anos escuros (Galaxia), o traballo memorialístico de Xosé Luís Franco Grande que aborda a análise dun período histórico de importancia decisiva na conformación da política galeguista nos anos 50 e 60. A prosa clara e documentada de Franco Grande volve reivindicar a necesidade de traballos autobiográficos que documenten a nosa historia recente. 

Que hai de novo neste libro respecto á edición anterior? Hai unha parte importante, que vai até os anos setenta, e unha actualización doutros contidos xa coñecidos. Ademais pareceume que era preciso facer un capítulo que destacara o labor de Raimundo García Domínguez Borobó, porque vexo que non está abondo valorado. Cando fixen o primeiro libro pensei sempre que tiña que haber unha segunda parte, pero desta volta a editora preferiu agrupar todo nun só volume. 

A primeira edición estaba en Xerais e agora sae en Galaxia. Había problemas daquela porque facía críticas a Ramón Piñeiro? 

Non, non. Quizais daquela a miña relación coa persoa que dirixía Galaxia era persoalmente difícil, pouco fluída, e os libros que saquei naquela época editeinos en Xerais e Edicións do Cumio. 

No momento da primeira edición vivía Ramón Piñeiro, coñeceu a súa reacción? 

A Piñeiro convideino a pasar unha fin de semana na miña casa. Como o coñecía sei que non lle gustou moito, pero como era un home intelixente entendía a discrepancia. A idea de que alguén escribise algo sobre aquel tempo do que apenas se sabía nada pracíalle, e máis se o facía desde dentro. Nesa fin de semana tivemos algunhas aclaracións, e a el doeulle o que eu digo do seu anticomunismo. Dicíame que o facía para protexernos de represalias e evitarnos complicacións. Non me convenceu. 

No limiar insiste en que bota en falta máis autobiografías, máis memorias persoais. Por que ese pudor a contar? Por non gañarse inimigos? 

Pode ser. Hai xente que ten moito temor a dicir a verdade, a que se cabreen con eles. Eu non teño ningún, e sei que hai quen se incomoda coas cousas que digo, por exemplo sobre Piñeiro, porque hai críticas moi duras. Pero teño que facelo porque el era a persoa con máis responsabilidade, cousa que non tiñan Xaime Illa Couto ou Paco del Riego. E Piñeiro tiña unha visión algo sectaria das cousas. 

A memoria é persoal pero tamén dun grupo ao que nos referimos ás veces como xeración perdida. 

Como tal xeración si está perdida, pero non individualmente. A resistencia cultural aparece no subtítulo do libro como idea de que naquel período de tempo –falamos da década dos cincuenta– era a única posíbel politicamente, pero ademais era necesaria onte e é necesaria hoxe. Á xente cústalle moito situarse en como era Galiza naqueles anos: un puro deserto de austeridade, de apatía… Na Universidade a maioría só pensaba en xogar ás cartas como toda inquedanza, e eramos moi poucos os que nos preocupábanos por reunirnos, por organizar actos, por facer cousas. Non esquezamos que vivíamos nunha Ditadura que era moi represiva. Nos anos 60 toda aquela xente que nos formamos nos 50 estabamos no bule-bule das asociacións culturais, que se formaron por todo o país e que tanta importancia tiveron para a recuperación cultural e política. 

Críticas e loubanzas 

No libro vértense as críticas máis duras a Piñeiro, pero tamén as meirandes loubanzas. Recoñécelle un valor decisivo no período dos anos 50 e rise da caricaturización de presentalo pouco menos que como axente da CIA. 

Iso é un erro, aínda que entendo que sempre será unha figura polémica porque así era a situación. Igual que fun un home de fonda identificación con el tamén era un home desesperante na súa lentitude. Tiña tal sentido da responsabilidade, de non queimar etapas, que todo o que se desviaba do seu plano considerábao arroutadas que poñían en perigo todo. Podía ter razón pero a min desesperábame. Unha vez pedímoslle unha pequena síntese da historia do nacionalismo, para lle entregar á xente coa que contactábamos e pareceulle ben, pero nunca deu feito. Ao mellor porque non lle gustaba a idea ou non se consideraba a persoa adecuada. 

Vostede di, por unha banda, que o anticomunismo pesou na capacidade de Piñeiro para seguir relacionándose cos máis novos e que tampouco foi capaz de criar arredor seu unha escola. 

Tiña as mellores condicións pero éralle moi difícil. Era un home xenial, oportuno nun momento oportuno, que fixo o que fixo dunha maneira rarísima: escribindo cartas e xuntando á xente arredor da mesa-braseiro. Pero a Piñeiro faltoulle unha característica que tiñan Otero Pedrayo e García Sabell: vitalidade. Eu podía falar con Don Ramón, e tiñamos unha diferenza de máis de 40 anos, e podía abordar calquera tema, cousa que non era posíbel con Piñeiro. Ríome eu dos que din que Otero era un católico de dereitas. Piñeiro daquela rondaba os corenta anos, pero actuaba coma un vello, e nós viámolo como un frade. Isto puña moi nervioso a Otero Pedrayo, que unha vez díxolle a Piñeiro con sorna que detrás de todo filósofo había un ditador. Había un momento que a xente escapaba del. Era a época das revolucións, de Ben Bella, de Fidel Castro, do Che Guevara e o que aos demais lle parecía unha bandeira a erguer a el parecíalle un disparate. O que foi un acerto na década dos 50 perdeu parte de sentido nos 60 e el deixou de ter o control. 

É o momento da ruptura no Consello da Mocedade. 

As cousas son complexas. Ese é un fito, pero tamén foi a sensación que el tivo de que se a cousa ía ben non había porque cambiala, aínda que intuía que na estratexia había que modular cambios, pero non soubo facelo. 

Pero aínda que perdera esa conexión coa mocedade conseguiu manter a súa influencia até o final. 

Pero xa era unha xente distinta. Nós eramos un equipiño interesante (Mario Orxales, Manuel Caamaño, Beiras,…), pero el víanos como rapaces aínda que xa cumpríramos os corenta anos, e nunca nos deu cancha para estar en Galaxia, como nós propuxemos nun documento que publico agora. Penso que o problema é que faltaba unha xeración intermedia coa da guerra, á que nós non tivemos acceso, só un contacto intermediado por Piñeiro. Por exemplo, a xente que despois se integra no seu proxecto de galeguización do PSOE, agás Carlos Casares, non ten que ver coa xente coa que Piñeiro traballou nos 50. A súa actividade despois foi de influír, e mesmo me ten contado que conversara con Fraga para facerlle ver que tiña un grande papel histórico a cumprir con Galiza e deduzo que estaba convencido de que tivera certa persuasión. 

Distancia co galeguismo de América 

Fala tamén da imposibilidade de Piñeiro para entenderse co galeguismo exiliado en América. 

Tiña que ver coa distancia e tamén pola interpretación sui generis de Piñeiro. El pensaba que a xente de América o único que tiña que facer era enviar cartos e o resto ideábase aquí. Cousas como o Consello de Galicia parecíanlle caralladas. E de feito chegaron fondos desde alá. 

E o desencontro con Castelao? Foi antes de 1950, de cando entran vostedes en escena. 

Non o coñezo ben, pero entraba dentro da idea de Piñeiro, que lle negaba categoría e autoridade política a Castelao. A nosa idea de Castelao era mínima, porque todo o que sabíamos chegábanos a través de Piñeiro. Daquela non había nada editado del e só accedíamos a algún libro que chegaba de contrabando. 

Até que ponto é responsábel Piñeiro de que a súa xeración non conectara co galeguismo exiliado? Porque Otero non embargantes tiña veneración por Castelao. 

Tiña case unha promesa sagrada de falar de Castelao sempre que daba unha conferencia, tiña unha identificación absoluta con Castelao. Piñeiro non sei se estimaba que o de América non tiña virtualidade ou que lle estorbaba ao seu proxecto. Comigo nunca o aclarou. 

Pero había xente traballando noutra onda: Díaz Pardo, os irmáns Álvarez Blázquez… 

Aí influiu moito Paco del Riego, porque se fose por Piñeiro a esa xente tachábaa, porque lle vía concomitancias cos comunistas. Pero Paco mantivo unha relación directa con todos eles, negouse a cortar. Piñeiro sempre estaba alerta a que alguén influíse nos seus plans. Facíao coa mellor boa fe do mundo, pero iso non valía. (Nº 1150. 11 novembro 2004)

Manifestación a prol do galego en 2009. ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

‘A xente boa do PP ten que opoñerse á FAES’ 

Poeta, ensaísta e avogado, Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936) é autor tamén, obrigado polas circunstancias do franquismo, dun dos máis difundidos dicionarios de galego e dunha obra emblemática do galeguismo da posguerra, Os anos escuros. Membro da Academia Galega, aínda que afastado por diversas razóns das súas actividades, expresa aquí a súa opinión sobre a actual política lingüística. 

Vostede criticou con forza á FAES, situándoa na orixe das polémicas destes meses sobre o galego.
Estou convencido de que é así. Primeiro pensei que os actuais mandatarios da Xunta eran xente que non sabía por onde andaba, que lles faltaba cultura e visión global dos problemas, e que xa aprenderían. Pero despois ese ataque virulento contra o galego propiciado desde a FAES deume a entender que na Xunta sentaban simples recadeiros. Bótanlle a culpa ao Bloque por apertar moito, deixémolo agora, pero onde se viu o problema que estamos vendo agora? Son eles os que o provocan a mantenta, seguindo instrucións de fóra de Galiza e contra os intereses do país. É unha cousa tan reaccionaria e fóra de lugar que á xente boa que hai dentro do PP téñenlle que dar cen patadas esas elucubracións de FAES que se caen das mans.

A partir do decreto do ensino, aprobado por unha consellería do PSOE, comezou a falarse de imposicións.

O PP mesturou as cousas para crear confusión. Esa falta de claridade, de dicir cal é o seu obxectivo final, fai que ás veces un pense que non teñen claro nin o seu horizonte. Enchen todo de bulos e trasacordos que incomodan a xente. Non actúan como auténticos políticos, que deben ser persoas que buscan o equilibrio de posturas e intereses. Pero o que se deduce do ataque brutal ao galego promocionado pola FAES [editora dun opúsculo de Andrés Freire sobre o galego] ten unha intención ruín, porque presume de descoñecer 200 anos do desenvolvemento da cultura galega. E na Xunta xúntase ignorancia e mala fe. 

E que obxectivo teñen? 

Como diría Castelao, a esas cabezas de secano de FAES moléstalles a idea da España plural. Aznar é un home obsesionado e ve na periferia un problema, cando foi a que axudou a mudar as cousas e modernizar o país. Gracias á periferia, ou sexa a Jordi Pujol, tivo Aznar catro anos dun goberno ben levado sen maioría absoluta, que despois derramou cando estivo só porque non sabe gobernar. O de aquí forma parte dun programa xeral, unha ensoñación do imperio perdido, de negar a realidade. 

Como diría Castelao, a esas cabezas de secano de FAES moléstalles a idea da España plural.

Non era previsíbel esta reacción en defensa da lingua? 

Para min demostra que non teñen idea do que é o país e estanse a meter nun lío grandioso. As importacións de Madrid, as boinas ou os birretes, tráenme sen coidado pero para o país pode ser un desastre. Se a xente chega a interiorizar que se nos está tomando o pelo e que Galicia está sendo unha especie de cobaia na que se experimentan certas obsesións pode acabar sendo un problema gordo. 

Semella que voltamos a debates da preautonomía.

Nin tan siquera, imos moito máis atrás. Dame a impresión, cando vexo as declaracións dos conselleiros de educación e cultura, que estamos nas mesmas parvadas dos anos 50, cando González Garcés polemizaba con Mourullo ou Ferrín. Pero aqueles no fondo eran xente lida, terminaron mudando de opinión e Garcés acabou sendo un poeta galego estimábel. Hoxe hai moito analfabeto secundario, do tipo Berlusconi o das velinas. Na Xunta tamén hai conselleiros que ignoran a materia que teñen entre mans e actúan con pouca responsabilidade. Que un presidente como Feixóo teña que dicirlle aos seus conselleiros que vaian aprendendo galego, paréceme de coña e está sinalando o baixo nivel das persoas que elixiu. 

Feixoo propuxo un «bilinguismo cordial».

A idea da cordialidade é todo o contrario do que fan que é incordiar. Lin moitas cousas de Pujol sobre estas cuestións e vin o seu convencemento de que non se podía entrar nestes terreos arreando paus porque tiñan que facer un país aceptábel para todos. Hai camiño para facer as cousas con sentido común, e aínda que o bipartito apretase algo o acelerador ese non foi un problema. Agora é cando se creou o lío e sería bo que se explicasen ben o que queren facer, que non se dá entendido. (Nº 1365 – 25 de xuño de 2009)

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here