Heidi Khun-Bode, nos cantóns da Coruña en 2006 ©Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra

Filóloga, escritora, profesora e tradutora (preferentemente de lírica galega), así se definía Heidi Kühn-Bode (Eching-Baviera, 1945) que faleceu o pasado 20 de maio na Coruña. Cando realizamos esta entrevista viña de publicar a súa novela Pomerania, meu amor (Espiral maior). Aseguraba que a súa patria era a literatura e escribia en catro linguas (galego, alemán, castelán e inglés). En 2003 recibiu o premio Estornela da Fundación Neira Vilas por Os mundiños e traduciu ao alemán Xente de aquí e acolá de Cunqueiro. 

Pomerania meu amor parece conter claves autobiográficas. 

Ten moitas. O personaxe central da novela é un home que está en coma nun hospital de Nova York e ao seu carón unha irmá loita por despertalo. Aí están os pensamentos del que loita por vivir e polo medio fala meu pai, miña nai ou meu avó xunto a historias doutras xentes que vivín eu. Hai unha, que ocupa corenta páxinas, sobre un neno de cinco meses que se perdeu na guerra e despois a nai atopouno pasados sete anos. Foi un feito que vivín e mesmo estaba diante cando se encontraron. É unha reflexión sobre os nenos que se perden na guerra e que son vítimas especiais do horror. 

Fálanos da II Guerra Mundial? 

Son filla e neta de refuxiados e desterrados, aínda que tiveron a sorte de que as súas propiedades non se viron afectadas, mesmo estando a casa familiar preto de Dresde. Escribo sobre a II Guerra Mundial e os bombardeos porque apenas se tocou e agora estase investigando moito en Alemaña sobre el, a diferenza do que aquí sucede. España foi sempre do dito «borrón e conta nova» e se miras a historia fixérono sempre: expulsaron os xudeus e esquecéronos e así con moitos aspectos da súa historia. Hoxe hai un fenómeno precioso e é que os xudeus están empezando a voltar a Alemaña e daquela aparecen palabras en yidish nas telenovelas, pero como se investigou e se falou tanto hai harmonía. Pola contra aquí sempre se está falando de que foi peor porque se tratou dunha guerra civil con dous bandos, e pregúntome de que bandos falamos. Se había un goberno legal, os que foron asasinados de que bando eran? En Alemaña nas familias había SS e outros que se apartaron indignados ou eran comunistas ou doutras ideas. Se non falamos disto e o entenden os escolares nunca seremos un país europeo. 

A miña familia era de Suavia, berce dos suevos, que foron chamados pola tsarina para repoboar Besarabia

Refírese, xa desde o título, a terras como Pomerania, Besarabia,… que despois perdéronse case do mapa. 

Pomerania era alemá desde 700 anos atrás e cunha poboación que miña nai explicaba en estratos: arriba os alemáns, despois os polacos e finalmente os caxubes, que eran unha minoría étnica (unha expresión que odio, porque parece que non se lles quer dar nome!!). Agora os polacos están por riba, logo os caxubes e despois os alemáns, que están mortos ou non existen. A Besarabia tiña unha colonia alemá instalada en 1806. A miña familia era de Suavia, berce dos suevos, que foron chamados pola tsarina para repoboar Besarabia porque criaban cabalos e frutais e até hoxe seguen facendo o mesmo, en Canadá,  Alemaña ou Australia. Son como os galegos polo mundo. A miña familia era xudía pero non se soubo e salváronse. Vivimos toda a infancia escoitando falar de cabalos brancos, de frutais e de terras imensas. 

E como chegou unha sueva a Galiza máis de mil anos despois dos seus antepasados? 

Estaba en Madrid estudando, co español xa moi aprendido, e coñecín a un rapaz nunha manifestación contra Franco. Sacoume por debaixo dun cabalo e cando me falou pregunteille por aquel acento que me parecía espantoso, Díxome que era galego. Abraiantemente casei con el aos poucos meses e aquí estou. Perdín daquela a oportunidade de publicar en Alemaña e despois xa entrei na cultura galega.  Agora estou facendo poesía e prosa en alemán e confío en poder tamén meterme nesa literatura. Pero de seguido me piden cousas en galego, por exemplo teatro que me gusta especialmente, e despois o que fago é facer versións novas en alemán, non traducións. 

Pon en boca dunha personaxe súa que escrebe para calquera que queira meter o nariz no libro. É unha máxima súa como escritora non procurar un lector específico? 

Non concordo con esa idea de Santiago Jaureguízar que lin en A Nosa Terra de que el escribe para os institutos. O que penso é que a literatura e a cultura galegas está ocupada por homes e maiormente pensada para homes e as mulleres aparecen como guinda do pastel, como alibí. Eu escribo desde os cinco anos e agora teño dúas novelas sen publicar, que seguro que encaixarían niso que chaman «xénero xuvenil», pero vexo que poden dirixirse a un público máis amplo. 

Considérome unha muller solitaria en canto ao proxecto literario, no que o humor e a prosa poética teñen unha gran importancia

É unha muller de varias linguas, cal é a súa prioridade na literatura? 

Estou profundamente metida na literatura galega e considérome escritora galega pero tamén alemá e ás veces castelán ou inglés. Usando calquera das linguas que domino considérome unha muller solitaria en canto ao proxecto literario, e penso que nas catro linguas consigo manter un mesmo ton, no que o humor e a prosa poética teñen unha gran importancia. As miñas fillas son as mellores testemuñas disto que digo. 

Deu clases de inglés durante quince anos e despois adicouse profesionalmente ao deseño de parques infantís. 

Instalei máis de setecentos parques infantís, que tamén contribuín a deseñar, por toda Galiza, desde Sarria a Ourense ou a práctica totalidade dos da Coruña. Traballaba para unha multinacional danesa e despois tamén con deseños propios meus para empresas alemás. É unha faceta miña que me deu moita sona. De feito formo para da comisión para facer unha norma europea dos parques infantís. Pero agora quero dedicarme a tres cousas: literatura, radionovela e series de televisión, porque a xente adolescente precisa argumentos para eles. Vexo moito a TV galega e distingo perfectamente a diferenza que hai entre as series que se fan aquí e as españolas. Nas españolas sempre están berrando e facendo cousas parvas e ruidosas e o tratamento que reciben os nenos é como estereotipos de neno gracioso ou de nena chapona, mentres nas galegas, que miro con moita atención, son rapaces que falan cos avós, que non os fan falar como non falan e teñen unha naturalidade abraiante. Paréceme un logro que hai que destacar. 

Esa forma súa de contar lembra por momentos algunhas cousas de Cunqueiro, do que traduciu poesía ao alemán. 

Hai cousas del que non me gustan e están sobrevaloradas. Pero o sentido de humor, que é igual en todas partes e hai quen o ten e quen non, interesoume en Xente de aquí e acolá. Non me influíu porque eu xa era así. Veño dunha familia sarcástica e irónica e esa vea está na miña escrita. 

E o tema central de Pomerania meu amor é, paradoxicamente, o drama e a crueldade da guerra. 

Aínda sendo un tema extremo éme imposíbel non usar o vehículo do humor, porque é preciso rir e, especialmente sorrir. Miña nai a primeira vez que entrou en Galiza sorprendeuse da seriedade sobre todo dos homes. A min dábanme medo e parecía que ían de uniforme. Era o final do franquismo e a maioría da xente vestía de escuro. Ademais é unha sociedade onde a xente ten pouco atrevemento para falar en público. Comprobeino indo con Manuel Lourenzo a facer un diálogo de Hansel e Gretel. Estando con profesores ningún se atrevía a saír para facer de lobo… é un síntoma social porque como van facer despois para que falen os rapaces? Porque estes teñen un problema de aburrimento, pero os adultos dedícanse a falar moito deles pero non con eles. Por iso avogo polo teatro nas escolas como un medio de aprender e de expresarse. Ademais vale tamén para aprender idiomas, e seino ben pola miña experiencia de quince anos dando clase. (A Nosa Terra. Nº 1250. 29 de decembro de 2006)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here