Arturo Corts e Anice Lavodrama.

Na década dos 80 non estabamos precisamente para moitas alegrías pola Comarca de Ferrolterra. Foron anos duros pola chamada «reconversión» e poucos acontecementos podían amortecer aquela traxedia que marcaba a nosa maneira de vivir. Polo menos así o sentía eu e moitos máis agoireiros, que curiosamente militábamos no nacionalismo político e sindical. Eu dende a Bazán e co baloncesto tiña a mellor «válvula de escape» que se podería ter.

Arbitrando e admirando aquel OAR iámolo levando. Sobre todo na etapa da ACB porque permitiu que en Ferrol tiveramos a oportunidade de disfroitar co mellor baloncesto posíbel da man dos grandes equipos que só se podían permitir nas grandes cidades con soporte económico importante.

Pero aínda que sexa unha obviedade a calidade humana das persoas, á marxe da súa capacidade profesional, xogou un papel moi importante. E niso tamén tivemos sorte. Moita sorte.

Alfonso Tellado, á dereita e no medio Juan Roca, que foi vicepresidente e delegado do OAR. A fotografía fíxose cando a homenaxe a Nate Davis.

Cando aquel OAR recén ascendido á liga ACB, nada menos que da man do lendario Nate Davis, enchíamos Punta Arnela desafogando aquela presión social e a incerteza que xa empezabamos a enxergar. A fatalidade fixo que moi pronto Nate Davis volvera a EEUU para tratar de curar unha grave enfermidade da súa compañeira, enfermidade que non puido superar e aínda ficou arruinado polos gastos médicos que a sanidade do país mais rico do mundo provoca. Davis non volvería xogar a baloncesto. [Informe Robinson sobre Nate Davis] Para garantir o espectáculo quedaba aquel outro que Moncho Monsalve fichara nunha viaxe a EEUU con orde do Presidente Juan Fernández de que tiña que ser americano.

Así foi, aínda que cun pequeno matiz: non era americano, nin sequera afroamericano, era africano. Nada máis e nada menos que da República Centro Africana. Sei que o «rebote» foi tremendo. Nada que ver afortunadamente co racismo, nin moito menos. É que un africano non tiña «glamour». Tiña que ser americano. Que carallo pintaba un africano na liga ACB!. Ningún equipo contaba cun africano nas súas filas. Eu que puiden asistir os primeiros adestramentos daquel africano en principio quedei pasmado, porque a pesares do esforzo, non daba chegado a tocar o aro. Claro que media hora máis tarde vin, con maior asombro, que cando foi despoxado dun chaleco recuberto de placas de chumbo, aquel mozo de 22 anos sobrepasaba cun salto aquel aro que a tres metros e cinco centímetros do chan, que ata xa parecería estar máis baixo.

Anicet Lavodrama

Así, en moi pouco tempo Richard Anicet Lavodrama Ondama, nado en Bangui, a capital da República Centro Africana, o 4 de xullo de 1963, conquistou a unha afección xa mais crítica e profesional que vibraba en cada encontro con aqueles mates estratosféricos e con tapóns que as veces deixaban semisoterrados na cancha aos contrarios.

Aínda coincidindo con valores propios da canteira local que conformarían unha equipa comprometida e unida, Anicet Lavodrama convertiuse no líder indiscutible dentro e fora da cancha. Con Manolito Aller, Ricardo Aldrey, Miguel Loureiro e Manolo Saldaña fixeron historia nun momento nada propicio para outras alegrías.

Con Manolito Aller, Ricardo Aldrey, Miguel Loureiro e Manolo Saldaña fixeron historia nun momento nada propicio para outras alegrías.

Pero nada é casual, porque detrás dos acertos e das alegrías sempre estiveron nomes propios nada destacados socialmente, primeiro porque o presidente Juan Fernández ocupaba todo o espazo e porque sempre tivemos en Ferrol persoas destacadas polo seu traballo colectivo sen mais pretensión que o disfrute dese mesmo traballo.

Lavodrama cos netos do autor, Alfonso Tellado.

Unha desas persoas sen dúbida é aquel vicepresidente e delegado do primeiro equipo, Juan Roca. Formou parte do pequeno grupo de persoas que se presentaron en Madrid e solicitaron do Consejo Superior de Deportes que Ferrol fora sede do Campionato Mundial de Baloncesto, competindo coas cidades mais importantes do estado. Non sei como nin a quen tiveron que convencer nin moito menos como o fixeron. O caso foi que Ferrol, da man dun equipo e non da administración responsable de reclamar e organizar esta clase de acontecementos, conseguiría unha das sedes do mundial, do que tiven a sorte de participar como membro da mesa.

As Seleccións da Unión Soviética, Israel, Cuba, Australia, Uruguai e Angola fixeron as delicias dunha cidade que daquela, ano 1986 contaba con 86.000 habitantes e co único soporte económico derivado do sector naval. Como pano de fondo, aquela equipa de persoas tiña un obxextivo mais ambicioso como resultado do espaldarazo da sede do Mundial: a ampliación de Punta Arnela para situar o baloncesto na elite tamén mellorando as infraestruturas

A desfeita de Ferrol, pola falla de respaldo político dende as administracións a partires dos anos 90, tamén se levou por diante aquel extraordinario equipo liderado por aquel africano xa convertido en galego despois de nove anos de “ferrolanismo” militante. Daquel soño estamos a padecer aínda un amargo despertar complicado todo coas pandemias que pola falla de investigación non somos capaces de aturar. O IGE certifica unha poboación en Ferrol a dia de hoxe, inferior a 66.000 veciños e veciñas.

A desfeita de Ferrol dos 90 tamén se levou por diante aquel extraordinario equipo liderado por aquel africano xa convertido en galego.

Daquela etapa tamén quedan lembranzas sorprendentes porque se Anicet Lavodrama personaliza a conexión con esta terra, o respecto polo entorno, o valor da amizade, a defensa do que nos rodea, outros exemplos dan vida e poñen rostro ao que significa para xente foránea o valor do noso País. Hai uns días pasada contactou conmigo Arturo Corts, aquel «gafotas» fichado polo OAR con 18 anos e cedido a Obradoiro que militaba na categoría inferior. Xa no OAR formou parte daquel equipazo con Nate Davis e no verán de 1984 fixo as maletas e regresou á súa Granada natal. Alí rematou a carreira de dereito que escomenzara en Compostela.

Arturo Corts cando formou parte do OAR e despois militou no Obradoiro

Foi unha gran sorpresa porque aínda que lembraba perfectamente o seu paso por Ferrol, o motivo si que me deixou abraiado. Preguntábame como se podía facer co libro escrito por min, porque sabía que contaba situacións vividas en Ferrol e polas súas xentes, e quería seguir conectado. Exerce a avogacía en Consuegra, na provincia de Toledo. Para alí enviei Antes de perdermos a memoria (Edicións Embora). Non tardou en respostar mostrando agradecemento e puidemos comentar xuntos parte daquelas vivencias escritas por un galego e no idioma que lle é propio, o galego. Lido por un granadino que non viviu o baloncesto galego dando as costas á nosa realidade, senón incorporando ao seu coñecemento a nosa cultura.

Non mencionarei que recibín como resposta unha revista de historia que recolle o «Congreso da Paz» celebrado en Ferrol o 29 e 30 de abril de 1915 e un formidable queixo de ovella, porque teño algo de reparo.

Os exemplos de Arturo e Anicet só son dous a destacar pero sei que temos moitos mais que deron vida á historia de Ferrol

Sempre pensei que o baloncesto ferrolán agochaba personaxes e situacións sobresalientes que necesariamente tiñamos que recuperar. Os exemplos de Arturo e Anicet só son dous a destacar pero sei que temos moitos mais que deron vida á historia de Ferrol máis aló das súas marcas na cancha de xogo. Anicet Lavodrama sempre volve, unhas veces para convencernos de que podería ser un bon alcalde de Ferrol, no seu día xa participara na candidatura con Juan Fernández, e outras, as máis das veces para visitar os amigos e a parte da súa familia. A súa filla Danique Lavodrama é modelo e actriz de recoñecido prestixio así que dende aquel ano 1985 temos novas incorporacións na nosa terra. Con Arturo Corts agardo atoparme calquera día cando levanten o confinamento aínda que sexa polas terras de La Mancha. Grazas aos dous. Bouzamaior, primavera do 2020

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here