Manuel RIvas. ©X.C.

Se teclean en google e escriben “escritor galego” inmediatamente sairalles o seu nome. En maio, Xerais publicou Contra todo isto e en outubro a mesma editorial puña nas librarías Vivir sen permiso e outras historias do Oeste. Tamén escribe en prensa e concede múltiples entrevistas, pero sabemos, de verdade, quen é Manuel Rivas?

Non sei se é cousa miña, pero a pesar de coñecelo cando ambos eramos estudantes de xornalismo en Madrid, de terlle lido boa parte dos libros e un feixe de artigos e de telo mesmo entrevistado algunha vez, sigo coa mesma sensación de que apenas sei quen é en realidade.

Manuel Rivas, ademais do seu éxito e recoñecemento, ten dúas cousas que o diferencian de case todos os seus compañeiros de oficio: nunca fala nin escrebe sobre técnicas literarias e case nunca fala de si mesmo. Sostén que o que lle interesa aos lectores son as historias e a iso se dedicou sempre.

Rivas sostén que o que lle interesa aos lectores son as historias e a iso se dedicou sempre.

A pesar de ser famoso, aínda hoxe segue preparando a conciencia as súas intervencións, con ducias de citas e frases de colleita propia, relacionadas coa obra que está a promover. Como sucede con boa parte dos autores célebres, ás veces dá a impresión de que non o coñecemos a el senón ao seu personaxe.

É certo, que ao longo do tempo, e a través das súas declaracións, puidemos saber algo da súa vida. Por exemplo que o seu pai fora saxofonista ou que a súa nai lle dicía que buscara un traballo no que non tivese que mollarse. Pero calquera destas anécdotas podía parecer irreal, propia do seu estilo entre lírico e humorístico.

Tamén sabía de primeira man que era un obsesivo do traballo, o que baixo o esquerdismo dos setenta chamabamos un stajanovista. O Manuel Rivas que sempre está escribindo, que acumula datos, frases e referencias, para nutrir a súa xa enorme obra.

Díptico de Manuel Rivas na redacción de A Nosa Terra, nos anos 80. ©Xan Carballa/Fundación ANT

Hai pouco, sen embargo, encontrei tempo para ler un libro seu que me quedara atrás: As voces baixas, editado no 2012. É unha obra inusualmente autobiográfica, que abrangue desde a infancia até os seus comezos como escritor. Conta que, en clase, roubaba algúns momentos para escribir versos. Un día, o mestre encóntralle o papel e pregúntalle: Por que escribes cousas tan tristes? Rivas comenta entón que o mestre non se decatara de que escribía de cousas tristes pero de xeito alegre.

Esa pareceume que seguía sendo a clave da súa obra: contar a realidade dun modo que non provocase rexeitamento na maioría dos lectores.

Tamén encontrei a explicación da súa permanente laboriosidade. O seu pai tocaba o saxofón, pero vivía do que gañaba como albanel. Non podía pensar en pagarlle os estudos aos fillos, sobre todo á irmá de Rivas, que chegou a levar un premio e que, ao día seguinte, tivo que ler na prensa o titular: “La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción”. Rivas admirou sempre a súa irmá, un pouco maior ca el e falecida aínda nova. “Marchou a estudar Filoloxía a Santiago –escribe– á procura sempre de traballos para manterse. Facía a súa propia roupa, os seus móbeis”. 

Sendo aínda un mozo, Rivas subiu as escaleiras de El Ideal Gallego de dúas en dúas. Traballaba canto podía, ao principio como “meritorio”, e non faltaba nunca, aínda que tivese que despedirse de mala gana dalgunha noiva potencial. O mesmo fixo ao chegar a Madrid. Tiña unha bolsa e enviaba crónicas case diarias, cunha sección titulada “Estación del Norte”. A súa forma de traballar non era unha obsesión senón unha necesidade. “O estigma da raza maldita”, como el mesmo di.

Pero hai outros signos da súa identidade que encontran explicación na súa biografía. Os seus dous avós estiveron á beira da morte na cacería do 36. Un deles escribía cartas para os emigrantes.

Manuel Rivas, nacido e criado nos barrios populares coruñeses de Monte Alto e logo de Elviña, “onde dá a volta o aire”, sabe desde o comezo o que custa dar cada paso. Enténdese esa tristura, envolta en alegría, que esparexe polos seus libros. Recorda un pouco a dos grandes pallasos, aínda que el se esforce en ser unha persoa discreta.

1 comentario

  1. As suas tecnicas literarias son simples, consisten en cortar as historias con digresions (vid. Os libros ardens mal), ou en resumir libros e xogar coas ideas alleas nos ensaios. Escritor sobrevalorado, que asemade, ultimamente, se repite como unha fabada con mal chourizo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here