Manuel Chaves e José Antonio Griñan, expresidentes da Junta Condenados en primeira instancia a penas de prisión.

«Ninguén pode crer que en Cádiz haxa case 800 xordos polos estaleiros, que nos anos 90 tiveron o visto e prácet do Goberno para prexubilarse e cobrar unha pensión. Coñezo a algúns dos de «verdade», como nunha ocasión me apuntaba o presidente da Federación de Peñas Caleteras, Manuel Henry, un traballador desta factoría que sufriu as consecuencias do ruído no seu aparato auditivo o que lle obriga a levar un audífono. Pero hai quen se pregunta como outros xordos de estaleiros poden cantar nunha comparsa e afinar más que Paco Alba. ¿Que bo oído!».

É este un relato publicado en abril do ano 2008 en La Voz de Cádiz.

Eu tamén me fixen esa pregunta e foi Afonso Tellado, do Comité de Empresa de Bazán, quen me sacou de dúbidas:

– Cando estabamos na mal nomeada reconversión naval, un día chamounos o presidente andaluz Manuel Chaves e sen máis preámbulos díxonos: os de Ferrol e Cartaxena que fagan como queiran, pero aquí ningún traballador andaluz da Bazán marcha para casa con menos do 100% do salario. Chamou alí mesmo ao director xeral da Saúde Pública da Junta de Andalucía e ordenoulle que lle desen a todos os traballadores a «permanente absoluta por xordos».

Foi así como apareceron os famosos Xordos de Cádiz, que oen coma ninguén.

Asemblea de traballadores do Naval en Cádiz.

E tamén como se desmantelou grande parte do tecido produtivo do Estado naquela rexión sen case conflito social. Os traballadores ían para a casa co 100% do soldo e os sindicatos levaban unha parte en comisión por ‘conseguir’ esa xordeira.

Muxían así a Caixa da Seguridade Social até que non podía dar máis leite. 

O bo era que non funcionaban as inspeccións pertinentes, e, aínda que toda aquela renartería era executada polo PSOE, os outros partidos, principalmente o PP, tamén estaban calados. Esa picaresca formaba parte do sistema político propio no que viviu Andalucía e que, en certo xeito, se sustentou nos acordos da Transición, na que Andalucía e os seus dirixentes socialistas foron peza clave. Lémbrese que equipararon esta comunidade con Galiza, saltándose a legalidade no referendo.

Ter a Andalucía calma era vital para o Réxime. Todos lembraban os problemas do campesiñado andaluz durante a República. As súas demandas e as súas loitas que seica desestabilizaran ao Goberno.

O PP chega a Moncloa

Cando no 1996 os socialistas perden o goberno central e chega  J. Mª Aznar á Moncloa, os socialistas andaluces, aínda no poder, tanto no partido como na súa comunidade, idearon outro xeito de poder beneficiar os miles de traballadores que ían quedando no paro e tratando de salvar algunhas empresas en crise.

Con José María Aznar na presidencia o procedemento seguiu sen críticas nin advertencias.

As axudas do Estado aos parados e a certas empresas pasaron a ser prestadas polo erario autonómico andaluz, aínda que trataron de premer sempre ao goberno central, coas súas reclamacións e cos pactos PSOE-PP por debaixo da mesa.

Tanto que os ERE na Franxa Pirítica de Hueva, onde pecharon varias minas, foron financiados conxuntamente polo goberno central e a Junta de Andalucía. Estas axudas do Goberno central tamén foron outorgadas sen concorrencia nin publicidade, aínda que a xuíza Alaya, que instruíu a macrocausa dos ERE andaluces, decidiu non investigar estas partidas.

«As axudas a empresas en crise», afirman diversos cargos socialistas andaluces procedentes do PCE, cos que puiden falar nestes días, «practicábanse non ás agachadas, senón a vista de todo o mundo. Sabíano no partido do Goberno e sabiámolo tamén os partidos na oposición, incluído o PP. Estas partidas estaban na Lei de Orzamentos, así como o financiamento dos ERE e as prexubilacións en grandes empresas como Santana ou Delphi. Todo o mundo as coñecía!».

E non só as coñecía, senón que, entre os anos 2000 e 2011 no que funcionou este xeito de realizar política por parte da Junta, non atopei a ningunha persoa que non considerase estas axudas socialmente necesarias. Todos afirmaban que o destino do diñeiro estaba xustificado.

O que critica hoxe esa  mesma maioría que o aceitaba, despois de ter coñecemento da sentenza e dos 680 millóns que se malversaron, «son as contías e o xeito en que se outorgaron e tramitaron as axudas».

O que podemos dicir é que estas teñen moi pouco que ver, desde os tempos do desmantelamento naval, coas que se concedían en Galiza. Así o recoñecen sindicalistas galegos e sindicalistas andaluces.

Ao servizo dos PSOE

Se o destino do diñeiro estaba xustificado e era necesario socialmente, os 22 cargos socialistas condenados usárono para tecer unha rede clientelar para axudar a empresas e traballadores afíns, pero tamén para mercar a vontade dos sindicatos, anulando toda oposición, e aínda para desmantelar a unha boa parte do PCE, que pouco a pouco se foi pasando ao PSOE.

Javier Guerrero é un vértice principal en toda a trama.

Foi así como nas zonas máis beneficiadas polos ERE, como Riotinto ou na serra norte de Sevilla, as alcaldías, tradicionalmente en mans dos comunistas, pasaron aos socialistas. Hai que ter en conta que foron beneficiadas directamente máis de 6.000 persoas de empresas e sectores en crise.

Porque esa transparencia que lle daba ás axudas o ser aprobadas no Parlamento, quedaba despois anulada, como indica a sentenza, ao creárense mecanismos para adxudicalas sen control, sen concorrencia e sen publicidade.

Foi así como este mecanismo se converteu «nun fondo de reptís», en palabras de Francisco Javier Guerrero, director xeral de emprego da Junta ante a xuíza Alaya. Un dirixente socialista que manexou, ao seu bo entender, discrecionalmente ese diñeiro e que posuía tanto poder interno, non só polo diñeiro que manexaba senón polo que sabía e calaba. Até que falou cando cavilou que lle querían facer apañar con toda a culpa.

Un exemplo desa discrecionalidade co diñeiro sería o millón de euros que lle entregou ao seu chófer para salvar unha empresa inexistente. Ou as ducias de persoas que na serra norte de Sevilla, entre elas a súa nai, percibiron diñeiro dos ERE e prexubilacións vantaxosas de empresas nas que nunca traballaran, algunhas situadas en Córdoba ou Xaén e outras inexistentes.

Dáse a circunstancia de que algúns traballadores, cando chegaban á xubilación se atopaban que esta aumentara por mor do seu traballo nunha empresa en creba que nin sequera coñecían. «Guerrero era así de rumboso», afirman algúns dos seus coñecidos.

Pero todo este sistema clientelar-caciquil montado polo PSOE non sería posíbel sen a a complicidade dos sindicatos, que non só se lucraban tamén deste sistema, senón que fixo rico a algúns dos seus cargos, e non tiñan porque ser moi importantes.

Aínda quedan 146 causas que xulgar, nas que, segundo as persoas coñecedoras do macro proceso, «van causar un auténtico terremoto social”

Aínda quedan 146 causas que xulgar, nas que, segundo as persoas coñecedoras do macro proceso, «van causar un auténtico terremoto social, pois agora só se condenaron aos grandes políticos e funcionarios, pero cando saian á luz os fraudes dos seguros (os cartos dos ERE ían parar a determinadas compañías que eran as que pagaban logo), os cursos realizados á forza por moitos traballadores, o diñeiro que foi parar a man de funcionarios sindicais…, van caer moitas persoas que ninguén pensaba».

Pode ter tanto impacto social como as declaracións da nai do ex dirixente de UGT  e home clave no fraude dos ERE segundo a sentenza, Juan Lanza: «temos tantos billetes na casa que nos chegan para asar unha vaca».


A reconversión de Boliden despois do desastre de Aznalcóllar, tamén está vinculada ás causas aínda pendentes.

Boliden como antecedente

Se o fraude dos ERE se descubriu logo de saltar o escándalo de Mercasevilla, aínda que finalmente os implicados non foron condenados por vender terreos e ameazas, pode dicirse que verdadeiramente non empezou, como afirma a sentenza, no ano 2000, senón un ano antes.

No ano 1999, a empresa sueca Boliden, propietaria da mina de Aznalcollar, a 30 quilómetros da capital sevillana, decidira pechar a explotación logo do desastre que supuxo a ruptura da súa balsa de decantación. (A verdadeira causa era o prezo das materias primas que baixara alarmantemente).

No mes de novembro, comunicoulle aos 425 traballadores que xa non pagaría a nómina de decembro. Os traballadores, que xa estaban mobilizados desde o desastre medioambiental, ameazaban con fortes mobilizacións.

Así que desde a Junta, o director xeral de emprego, Francisco Javier Guerrero se achegou á empresa con 450 millóns de pesetas para pagar aquelas nóminas e garantir a paz social.

Javier Arenas foi durante todo o periodo auscultado no xuízo o home forte do PP andaluz.

O peche definitivo da empresa consumouse dous anos despois, pero a Junta de Andalucía axudou os traballadores daquela zona deprimida para que o ERE non fose tan traumático, pois non había outra fonte de emprego.

Como o apoio da Junta aos traballadores de Boliden foi louvado por todos os partidos, incluído o PP, sendo beneficiarios algúns cargos desta organización, pois  F. J. Guerrero, co coñecemento tanto de todo o seu goberno como da dirección do PSOE, exportou o procedemento e as mañas a outras empresas na mesma situación.

Os PER da industria

O que puxo en marcha a Junta de Andalucía, deseñado polo seu goberno, e coa permisividade da oposición e complicidade dos sindicatos, foi unha adaptación dos famosos PER que levaban anos percibindo os traballadores do campo.

Un sistema de axudas necesario, cando non se ten máis nada que o seu traballo, e este é estacional, só factíbel na recolección da oliva ou do cotón, pero que tamén, pouco a pouco, se converteu en fonte de picaresca e fraude.

Moita xente que non era traballadora do campo, facíase cos seis meses de «peonadas» necesario para cobrar os outros seis meses do ano o soldo. Cando non eran os seus amigos dos cortijos os que asinaban os días traballados, eran os concellos ou outros entes públicos os que poñían en marcha plans (como pintar de branco as pedras das beirarrúas ou varrer as estradas) para que a xente que necesitaba eses días cotizados para chegar ao mínimo puidese cobrar do PER.

A dereita calaba. Amainaba o conflito social, desmantelábanse os organizacións reivindicativas, e os donos dos cortijos tamén cobraban o PAC

Que se colocaban moitas persoas que nunca foran traballadoras agrícolas, sabíao toda a veciñanza e fomentábano desde os concellos, que, con esa bolsa de traballo social nas súas mans, facía política clientelar e, tamén se castigaba aos rebeldes.

A dereita calaba. Amainaba o conflito social, desmantelábanse os organizacións reivindicativas, e os donos dos cortijos tamén cobraban o PAC, aínda que non lle correspondese. En contías moito maiores, todo hai que dicilo, que os traballadores do campo. O exemplo máis claro é a Casa de Alba, con cortijo La Pizana, a escasos quilómetros da mina de Aznalcollar, que no ano 2012 recibiu dous millóns de euros de axuda. Lindando mercara outro cortijo Alfonso Guerra, La Alegría, aínda que o vendeu hai algún tempo.

Xa se ve, Andalucía non é un país só de xordos, senón tamén de mudos, aínda que canten as súas penas polos «tablados».

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here