Lamas é director técnico da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (FEJAR).©Xan Carballa/Fundación ANT

Gástanse 40.000 millóns de euros cada ano en todo tipo de loterias e xogos (apostas, bingo, comecartos, intermet…) dos que o Estado ingresa 8.000. As empresas operadoras non queren ter límites á publicidade, condicionan os medios de comunicación e os clubes deportivos. Mentres tanto os efectos da ludopatía apenas son considerados no sistema público sanitario.

Coñecín a Xan Lamas como mozo militante nacionalista logo da morte de Franco. Vivimos xuntos en Ourense e fomos amigos. Contemplei despois, coa frustración de non saber que facer, como entraba no fondo do pozo da ludopatía, unha enfermidade que entón nin se tiña por tal nin se lle daba nome. Agora leva case trinta anos rehabilitado, é director técnico da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (FEJAR). Volvemos atoparnos para falar dun fenómeno que se debate con máis apertura, pero mantén unha dobre imaxe: dunha parte do brillo que lle dá a omnipresente publicidade; da outra o dano a miles de persoas afectadas por un trastorno que rompe familias, vívese con vergoña e permanece desatendido polos servizos públicos. Un gorentoso negocio de 40.000 millóns de euros anuais, con beneficios para o estado de 8.000 millóns.

Nunca como hoxe o xogo tivo tanta presenza social e influencia económica. Como se chegou até aquí?

Contan que o ditador Francisco Franco fixo unha política de prohibición do xogo atormentado porque seu pai perdera cartos e terras. Daquela deixou só a lotería nacional, máis adiante legalizou o cupón da ONCE (nada que ver en dimensión co de hoxe). Todo o demais era ilegal pero funcionaba tamén: as timbas seguíanse organizando con certa vista gorda e complicidade gobernativa. En Vigo, no cine Plata ou no café Mónaco ou no Stromboli, xogábase ao póker de xeito máis ou menos disfrazado. Cando comeza a eclosión? No 1977 legalízanse os bingos, cun certo disfrace porque debían vincularse a unha entidade benéfica. Na miña cidade, por exemplo, estaba o do RC. Celta, o Apetesfra chamábase así porque estaba ligado á Fundación San Francisco para xente discapacitada, noutras cidades aos Liceos ou ao Casino… A partir de 1981 xa se produce o big bang coa instalación masiva das máquinas comecartos nos bares: en meses 70.000 sen apenas control legal. A irrupción está ben contada na historia dos irmáns Franco, un deles camareiro na base americana de Torrejón de Ardoz, que consegue permiso para instalar máquinas de bólas e de aí en pouco tempo ergue un imperio [pódese consultar o libro La gran trampa do xornalista Salvador Molina].

Nos primeiros anos do século XXI tampouco hai un salto exponencial, porque o que se incorpora é o xogo na rede , que move en España uns 7.000 millóns de euros anuais, dentro dunha cifra global de 40.000 millóns, na que o subsector maior segue a ser a Lotería que xunto coa ONCE copan o 40% de todo o xogo. Pero estes dous operadores están interiorizados socialmente e o que chamou a atención foron as máquinas comecartos nos 90, aínda que en Galicia só hai unha por establecemento. Este límite que foi “positivo” agora inverteuse porque Galicia é a única comunidade autónoma que deixa instalar máquinas de apostas deportivas nos bares, porque nas outras comunidades hai salas independentes con control de acceso. En Galicia son de uso libre e nin se pode utilizar a autoprohibición [mecanismo da administración en vigor desde 1977, polo que solicitas voluntariamente que non che deixen pasar aos locais de xogo: bingos, casinos ou locais de apostas]. E en canto ao xogo online non é certo que sexa máis vulnerábel, porque a regulación é máis severa no acceso que no xogo presencial, aínda que como toda limitación pode eludirse porque se pode usar a documentación dun terceiro.

Para o Estado é gorentoso recadar 8.000 millóns anuais.

O xogo online ten unha taxa fiscal do 15% e o presencial do 25%. Pódense facer ben as contas.

O bombardeo publicitario do xogo é unha realidade, en particular no campo das apostas deportivas, que xa anos antes de ser legais esponsorizaban clubs para preparar o terreo.

O xogo online legalízase en 2012, pero xa había publicidade dos operadores: o Real Madrid ten desde anos antes o patrocinio de BWin. As apostas estaban nunha situación alegal, porque se podía xogar pola Internet, pero desde ese ano os máis de 50 operadores internacionais actúan co amparo da lei, que basicamente os obrigou a facer pasar toda a súa operativa por un nodo .es e tributar en España, porque antes facíano en paraísos fiscais como Malta ou Luxemburgo. A cambio desas esixencias déuselles a baza da publicidade en todos os soportes.

Agora é masiva e omnipresente en todo o relacionado co fútbol.

No xogo por internet o petardazo deuno o póker, publicitado as máis das veces por futbolistas. No 2014 as comunidades autónomas viron o choio. O xogo online é competencia da administración central que é a que recada, pero os gobernos autonómicos decatáronse de que as apostas deportivas se multiplican cando baixan a terra e saen da nube de internet: aparecen as salas de apostas presenciais. Quen as montan son os operadores internacionais asociados con empresarios locais, moitas veces os mesmos das comecarts . Velaí comeza o gran dano, sobre todo na mocidade, porque se normalizan as salas de xogo como lugares de encontro e de ocio.

Hai 24 equipos, de 1ª e 2ª división, patrocinados por empresas de apostas.

As figuras de referencia (actores, deportistas,…) que o publicitan danlle aval social, coa omnipresenza nos medios de comunicación e a sospeita fundada de que as apostas corrompen a propia competición deportiva.

Hai 24 equipos, de 1ª e 2ª división, patrocinados por empresas de apostas. Collemos a Marca ou o As e vemos os anuncios, poñemos a TV ou escoitamos a radio deportiva e o panorama é desolador. A estratexia é fidelizar clientes e se pode ser antes da maioría da idade mellor. Que están facendo as redes sociais? Fidelizar con xogos de puntos e actuando por esa vía que semella inocente como captadores de novos usuarios, por iso as operadores de xogos fan acordos coas redes sociais. Se imos unhas décadas atrás era igual: a min no bingo pagábanme o xantar ou non me cobraban o garaxe, agora é un pouco máis sofisticado pero a intención é a mesma. Agora son esas mentiras de “nós dámosche os primeiros 100 euros para apostar” pero tamén se usa o método tradicional: Coca-Cola máis barata no salón de apostas que nos bares. E con todo non podemos dicir que a ludopatía aumente, o que mudou é o perfil da xente que precisa terapia. Eu botei dez anos da miña vida enganchado, comecei a tratarme con 29 anos e era dos novos. O perfil medio naquel tempo tiña 45 anos, con dúas décadas de xogo, con ruptura familiar, desestruturación económica e agora falamos dun rapaz de 20 anos que leva un ano enganchado e que lles rouba aos pais da carteira ou usando a tarxeta. En psicoloxía chámase período de latencia: desde que comezas a actividade até que configuras a dependencia. Antes co xogo presencial eran 6 ou 7 anos e agora coas apostas deportivas ou no xogo online estamos en ano e medio.

A canta poboación afecta?

Xoga dunha maneira ou outra o 95% da poboación e o que sabemos é a porcentaxe de persoas con problemas de ludopatía: algo máis dun 2% do total. Iso supón mais do dobre que as persoas afectadas por toxicomanías. E imaxino que o estado non saca cartos da droga, pero do xogo si e os recursos que fornece para tratamentos nada teñen que ver entre si. O que nos preocupa é que a poboación, sen estar na ludopatía, ten unha escada de valores e transmite unha educación que non é saudábel respecto ao xogo.

Ten límites a publicidade do xogo nos medios?

Cando se legalizou a publicidade o único que acordaron foi un código de autorregulación, sen contemplar nin siquera un decreto. Sentan nunha axencia de boas prácticas e deciden. Ou sexa, que sentan os lobos e as ovellas. En cinco anos revisaron dúas denuncias e nós xa presentamos catro que non admitiron. Nos ano 2014 e 2015 fixeron un borrador de decreto de publicidade, alegamos, pasou por Bruxelas, polo Consello de Estado, e entrouse no impasse de falta de goberno de 2016. A primeiros de 2017 retomouse e aínda estamos esperando. Unha das conclusións do Congreso que celebramos en Cáceres é reclamar que entre en vigor esa regulación que marque a franxa de horarios protexidos, mensaxes subliminais, etc… Nós pensamos que vai quedar curto pero limita o que estamos sufrindo agora que en aparencia só pode emitirse libremente de 22h a 6 da mañá. Pero o bingo podes anuncialo nos Simpson e a ONCE e a Lotería son de interese xeral e danse despois dos principais informativos nocturnos. Podes facer a proba calquera día: nun descanso da película da noite en Antena-3 (no chamado prime time) dan once anuncios seguidos de xogo nun intervalo de 6 minutos. Iso hai que limitalo, hai que destacar a mensaxe hoxe ridícula de “xoga con responsabilidade” e que na radio nin se escoita… As restricións hoxe son mínimas. E se os medios son os que deciden van primar o número de páxinas ou insercións de BWin, William Hill ou calquera outro operador que anda sobrado de cartos. Para entendernos mellor: nós falamos do xogo desde o punto de vista da saúde pública e no estado o interlocutor é Facenda e Sanidade non ten intervención.

Nós falamos do xogo desde o punto de vista da saúde pública e no estado o interlocutor é Facenda e Sanidade non ten intervención.

Paradoxalmente o deporte foi pioneiro na supresión da publicidade de alcol e tabaco, e agora é cabeza da invasión publicitaria do xogo.

Primeiro foron os vaqueiros e despois os pilotos de Fórmula 1. Aquí están no negocio as empresas deportivas e os clubs. O Celta montou unha boa lea cando deixou a Luckia como patrocinador secundario, o Real Madrid ten a Codere (unha empresa de xogo) como patrocinador preferente… Isto levaría ao debate de como afecta á limpeza da competición a presenza das casas de apostas. Quizais non sexa posíbel nos grandes clubs, pero a medida que se baixa na escala das divisións e as apostas en deportes menos seguidos pola opinión pública a posibilidade da corrupción está servida. Xa se coñecen moitos casos no tenis e en divisións menores de fútbol.

“A ludopatía é unha adicción sen substancias polo medio, por iso custa aceptar que é unha enfermidade”

Custou moitos anos e esforzo que a ludopatía pasase da consideración social de “vicio” á científica de enfermidade.

No ano 1982 o estado español acepta a clasificación como tal da Organización Mundial da Saúde, pero aínda hoxe non é efectiva no sistema sanitario nin na visión da xente. Ninguén, a non ser que lle toque perto, ten moi claro que unha persoa que esnaquiza a súa vida e a do seu contorno co xogo está enferma. Iso que mudou, parcialmente, co alcol ou moitas drogas, non sucede co xogo. A detección no sistema sanitario dos problemas do alcol e as drogas é doada na mesma atención primaria cunha analítica, pero non sucede igual co xogo. Eu sempre tiven unha aparencia de persoa completamente sa, mesmo nos anos máis duros que pasei antes de rehabilitarme. E ademais cando a persoa ludópata está xogando a súa cara é de felicidade e a desesperación permanece oculta no ámbito privado. Cando nos chegan as persoas aquí veñen pola familia, que tampouco está convencida e só conta o que está pasando, que non pode pagar o alugueiro, que ten cinco créditos abertos… Pero esas son as consecuencias, tes que convencelos a todos de que ten un enfermo, unha persoa con dependencia… Cústalles aceptar que é unha enfermidade, pero se lle dis que entón a única razón que explicaría as cousas é que se trata dun canalla… “Ah non, é boa persoa pero algo lle ten que pasar”. Esa primeira fase sempre se dá, como non se acepta a definición “ludópata”, hai que ir por outras: dependente, non capaz de controlar as súas ansiedades,… Pero a persoa ludópata ten un problema de vontade. Sempre lles conto o meu caso “eu non me quixen foder a vida, e sempre me repetía que ao día seguinte non me ía pasar. E era erguerme e pensar a quen lle quitaba os cartos para ás catro da tarde estar no bingo”. Despois do tratamento vas adquirindo estratexias para evitalo pero aos pacientes hai que dicirlles que durante seis meses nin se lles pase pola cabeza dicir “é que non quero xogar”, porque o problema é que non podes xogar. Esa fase inicial pode chegar aos oitos meses e cando remata o tratamento de ano e medio poden ter gañado esa capacidade para non xogar, para dominar a vontade. Porque o expresan moi ben os alcólicos rehabilitados, “hai moito alcólico abstinente”.

Dispoñen dun tratamento condutual, pero non unha curación química.

A ludopatía xera depresión e ansiedade e hai unha parte dos síntomas a tratar por ese camiño, pero a conduta hai que abordala desde outro lado. A maioría dos que veñen acordan ao cabo de poucos meses co seu médico deixaren o tratamento químico e seguir a terapia psicolóxica.

É un problema individual ou social?

Pódese lavar a conciencia dicindo que hai un 2% da poboación singular, cun problema se acaso xenético. Iso é o que di un operador do xogo, Codere, apoiado no estudo sobre prevalencia da ludopatía dunha universidade que financiaron eles mesmos. A Administración tratouno como problema psiquiátrico. Admitindo que o xogo existe desde sempre, o problema da ludopatía é máis contemporáneo en cantidade. Na Ditadura, coa prohibición, o índice non chegaba ao 0,2%, con menos oferta e difusión baixa a prevalencia. Pero se esquecemos toda esa presión social e o deixamos nun asunto individual estamos perdidos, porque o lobby do xogo vai ir a tope. E que facemos cando muda o perfil do ludópata (máis novo e con adicción en menos tempo) e aumenta de xeito exponencial? Admitimos entón que esta é unha xeración con máis taras xenéticas? Calquera adicto ten unhas variábeis de personalidade orixinais e os estudos non nos levan a falar dun problema de xenética. E o tipo de adicción pode aparecer por calquera lado. Eu vivín na Universidade Laboral de Ourense a irrupción do haxix, e tiven unha amiga e o seu home que co tempo morreron de sobredose de heroína. Estiven nun piso con eles, no bairro do Couto, e viñan de Marrocos con dúas maletas cheas de chocolate e axudeinos a facer pranchas. Non me enganchei porque a primeira vez que fumei sentoume fatal porque tal como vivía daquela engancharíame.

As mulleres teñen máis dificultade para chegar aos centros de tratamento. Veñen soas, sen apoio da familia. Facemos a terapia con grupos de autoaxuda, podes imaxinar a situación dunha muller reunida con catorce homes.

En certo sentido esta é unha sociedade de xerar consumidores, de todo tipo, e mesmo compulsivos sen ter en conta necesidades reais.

Por iso está a responsabilidade social. A nicotina desaparece en poucos días do corpo, e a dependencia á substancia é rápida. No xogo o problema está todo na cabeza e por iso é tan prolongado o tratamento.

Falamos maioritariamente de homes?

No estudo epidemiolóxico aparece unha muller para cada dous homes dentro dese 2% de poboación afectada. Hai moitas variábeis que habería que analizar, e ademais en canto ás persoas que se tratan en vez de manterse esa porcentaxe é unha muller por cada quince homes. As mulleres teñen máis dificultade para chegar aos centros de tratamento e para máis cabronada veñen soas, sen apoio da familia. Tendo en conta que nós facemos a terapia con grupos de autoaxuda podes imaxinar a situación dunha muller reunida con catorce homes. Nós temos feita unha guía terapéutica especialmente pensada para a muller. En contraste hai que dicir curiosamente que na FEJAR hai máis mulleres psicólogas e tamén monitoras ca homes.

Axudas teñen poucas.

En cada comunidade as asociacións teñen relacións distintas. As asociacións en Andalucía teñen un convenio co Servizo de Saúde e nós en Galicia, despois de moito tempo atendidos por Benestar Social e Traballo, agora estamos con Sanidade. Acabamos de recibir a subvención deste ano, de 7.700 € para un orzamento de 80.000 €, que se sostén polas cotas. Nós atendemos cen pacientes cada ano, que habería que multiplicar por 2 porque se acompañan dun familiar. Desde o ano 1990 que fundamos a asociación debemos ter unhas 4.200 historias clínicas. O máis sangrante é que a nós derívannos pacientes desde os psiquiatras do sistema de saúde porque eles non saben como atender a ludopatía. Cos recursos que temos de todos os pacientes que atendemos, ao cabo dun ano de rematar o tratamento o 66% permanecen afastados do xogo, pero coas cifras pódense facer malabares, porque tamén hai un abandono alto das terapias que son duras e longas.

“Pedía con desespero ser querido”

“En 1989, en Córdoba, cando por fin saín dun túnel de dez anos, explicáronme que a ludopatía é unha enfermidade crónica e dexenerativa, pero pasados case 30 anos da miña rehabilitación véxoo diferente. Hai unha etapa da túa vida na que tes problemas, carencias ou límites, pero se se intervén nese momento vas funcionar con normalidade.

Xan Lamas á frente dunha manifestación da Universidade Laboral en Ourense. @Xan Carballa/Fundación ANT

“Os adictos son viscerais, compulsivos e se vexo a miña historia confírmome. Era o pequeno dos homes, nunha familia de doce fillos, o único que choraba con Heidi, o máis sensíbel de todos. Con 14 anos métenme interno na Universidade Laboral de Ourense. Como pincelada psicanalítica, que non me gusta nada, eu até ese momento era o único fillo home que quedaba na casa, era o secretario de meu pai, érao todo… De súpeto bótanme da casa porque tiña unha bolsa na Laboral. Vivino desde o primeiro momento con rebeldía e rabia, somaticeino, tiña ataques epilépticos, unha crise afectiva feroz, porque perdín o rol privilexiado que tiña na familia, cos meus pais, eles arrincáronmo de golpe. Ao principio reaccionei vitimizándome, chorando, con intentos máis ou menos reais de suicidio,… e como nada diso me funcionou para regresar, e acababa de morrer Franco, a reacción contra meu pai foi meterme en política e nas opcións máis contrarias a el, de esquerdas e nacionalista. Ademais, non podía ser un militante sen máis, era o delegado, era o que máis protestaba, o líder. Sempre lembro a mesma anécdota: lía a Marca cando non me interesaba nada o deporte para poder convencer os compañeiros de ir á folga. Con 15 e 16 anos fíxenme un furioso lector de centos de libros cada ano, cun nivel de comprensión con esas idades até os 18 anos, que podemos imaxinar. Até lle metín o dente a Materialismo e empirocriticismo” de Lenin, que cando pasaron os anos abrín e por suposto non entendía nada… Todo isto era compulsivo. Primeiro estiven dous meses nas Xuventudes Comunistas e axiña empatei con outras compañías, apareceu ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e tamén mudo de idioma. Contemplado hoxe era o xeito meu de responder radicalmente ao que sentía intimamente inxusto.

Xan Lamas intervén nun congreso da Unión da Mocidade Galega en 1979. ©Xan Carballa/Fundación ANT

“Foron catro anos de dedicación política compulsiva, e con moita actividade social. Porque sempre tiven esa característica, de tomar a iniciativa, poñerme á fronte do que facía. Cando empecei a rehabilitación en Córdoba o psicólogo díxome que, para o bon e para o mao, debía aceptar que tiña que convivir con ese xeito de funcionar e aos poucos días de empezar o meu tratamento xa comecei eu a dar clases de rehabilitación. Explícome todo iso porque preciso que a xente me queira, e traballo para iso. Até cando entro a falar nun grupo de terapia, se non noto aceptación non volvo.

“O xogo apareceu na miña vida para substituír todo o problema de autoestima e ao pouco de cumprir os 18 anos, o 26 de decembro de 1979, acaso fatalmente, ou non, entrei unha tarde nun bingo con 200 pesetas e saín con 60.000. Ao principio merquei con eses cartos algúns libros e roupa pero ás catro da tarde do día seguinte regresei a xogar. Instalouse na cabeza con forza a idea de que ese era o choio da miña vida e así botei dez anos que foron devastadores para min, o meu contorno de relacións e por suposto a miña familia.

Tes un complexo de culpa do que non sabes como saír e igual que pasaba as noites chorando e chamándome de todo, pola mañá a única solución que atopaba era volver a xogar coa fantasía de que ía resarcir todo o dano feito..

“O xogo era unha actividade lúdica e socializadora na familia desde sempre. Xogabamos no nadal, no verán ao mus e ao póker dese moi cativo. Pero iso non foi problemático, pero cando me fago maior de idade mudo a política polo xogo, reconduzo a miña visceralidade e se quero ser sincero quizais despois mudei o xogo pola terapia… Hai que aprender a conducir as propias características dándolles un sentido.

“A época de xogo dura dez anos, con intentos de saída, de buscar solucións, teño varios traballos, caso e teño un fillo…. Nese tempo fixen de todo, falsifiquei, roubei, mentín, desfalquei… tiven condenas xudiciais e zafei quizais porque, en xeral, o ludópata precisa manter tamén unha fachada pública diferente. Nese período eu engano a todo o mundo todo o tempo, e o meu contorno só sabía unha parte do problema. Como todos os adictos era capaz de ir enmascarando a profundidade da miña compulsión. E ese esforzo de simulación levoume dúas veces a urxencias con trastornos de ansiedade. Contas tantas mentiras que a bóla medra ao infinito día a día. Tes un complexo de culpa do que non sabes como saír e igual que pasaba as noites chorando e chamándome de todo, pola mañá a única solución que atopaba era volver a xogar coa fantasía de que ía resarcir todo o dano feito… cando é xusto o camiño contrario que hai que tomar”.