Xohana Torres fotografada no xardín da súa casa en Monteferro. ©Xan Carballa. Fundación A Nosa Terra

SAN ANDRÉS DE LONXE

Vales riquísimos,

mancheas de augas soterradas de orixes fondas

que se abren na superficie en mananciais.

Polo Freixo e a Barqueira mineral de cobre,

o filón de prata da Capelada, níquel no Teixedelo,

o maquis cuberto de uces e xestas, arboredas, altas serras,

as encostas da bocarribeira

e as bravas formas dos cons.

Aquí a montaña xorde do val e avanta nos cabos até o mar,

soutos, abelairas, loureiros, xesteiras, regachos sonoros, cabalos salvaxes

-Arbora moita mar –

brétemas lixeiras que desdebuxan os brancos edificios ,

bravas formas  onde un mar escachoa nos cons

fura e desfai goios, acantilados, pedras afogadas, illotes, rochas libradas dende as alturas.

Érguese na Estaca un facho octogonal.

Nomenclatura arrepiante de puntas, baixos,

un relevo para morada de titáns:

Concha de Dorna, Punta Bandexa, Penafurada,

enorme frontón de contorno durísimo

pirámides ou prismas, irtas, crueis,

os cantís a pico que se erguen

e as rompentes onde se escoita inmisericorde o roncallo do mar.

É un moi vello país de mortos.

E mais alá das ondas e das sombras?

As illas, quizais.

 

Capela de San Andrés de Teixido. ©Xulio Gil

Podería ser un poema de Xohana Torres, éo de feito, un poema non, mais si un conxunto de versos que non lemos en ningún dos seus libros de poemas senón neste libro.

O que veño de ler son frases tiradas de distintos parágrafos de  Teixido San Andrés de Lonxe : Mitos e Ritos. Frases que logo coloquei nesta disposición na que emerxe o poema -unha ousadía pola miña banda-. Tan profundamente está  a poeta Xohana Torres neste traballo etnográfico co que gañara en 1972 o Premio Federico Maciñeira. É, claro, un traballo de investigación, un estudo arredor do universo simbólico e mítico de San Andrés de Teixido, unha pescuda e rexistro  dos ritos e das lendas. É  tamén percorrido por un territorio xeográfico, retrato natural, memoria de labores e traballos do Ortegal  que a autora esculca e documenta. E fíxoo  nun tempo sen internet, nun tempo de escasas investigadoras -subliño o feminino- con procedementos laboriosos do século pasado.

San Andrés de Lonxe acubilla un poema, moitos poemas, e unha viaxe,  a dunha nena

Mais tamén, San Andrés de Lonxe acubilla un poema, moitos poemas, e unha viaxe,  a dunha nena. Porque este libro ten moito que ver creo -é unha hipótese, non o sei de certo- cun tempo feliz da infancia, navegación pola biografía mítica e literaria dunha nena. “Nun tempo fun a dona da xerfa e das tormentas, dos rumbos e das illas.  Naveguei polos nomes máis fermosos do mapa e dei en debuxar ronseis”.  Escríbeo en “Eu tamén navegar”, o seu magnífico discurso de ingreso na Academia. Descubrimos nel o Ortegal cos ollos desa dona da xerfa e das tormentas que é en realidade unha nena. Dispómonos con ela a facer unha travesía.  Propóñovos seguir a Xohana Torres nesa súa viaxe da infancia polo Ortegal porque abrolla aí, creo, a paixón que logo a levará a facer un traballo de etnografía,  un ensaio sobre San Andrés de Teixido. A viaxe á que me refiro é a que ela  evoca no discurso da Academia. Sería real?. Non o sabemos, pero verídica…si. Escribe: “Calquera de nós pode atopar no pasado a fantasía necesaria para alzar a barreira do tempo e crear actores, cómplices das nosas iniciativas. Estamos a falar do amor polos libros, liña de profecía onde estaba escrito o porvir como nos pousos de café da cunca; pero a navegación verídica era outra” E aí comeza o seu relato polo mar do Ortegal.

Advirte, por certo,  que a navegación ha ser polos idus de xuño, nunca antes. A derrota é de Ferrol polo arco ártabro e Santo Andrés desde o mar.  “Nese campo da mirada, entre a punta do Cadro e a do Limo, cos tres Aguillóns e a caída da serra Capelada  a morrer no Ortegal, técese un escuro tapiz, a zona tenebrosa. Esta intensa beleza aterroriza”. E segue “ Este é o Atlántico e as temidas rexións da brétema que unha nena contempla sempre atónita. Santo Andrés de Teixido era a montaña cósmica, o centro de dominio sobre os mares do medo, a navegación como primeiros pasos para entender o mundo. Un xa chegamos ao punto certo, ónfalos, todo o universo infantil das polifonías”. “As nenas, como as tribos primitivas, manexan os símbolos con  facilidade, tentan inocentemente os mitos que alguén creou moitos anos antes para axudalas”. Son ese mitos os que a nena Xohana Torres xa medrada, xa moza,  rastrea, procura, le, relaciona e documenta neste traballo etnográfico do ano 1972. Nel descubrimos unha comarca, a do Ortegal, o seu mar e a súa memoria, tamén as formas do seu territorio, a xeografía acuática, ese océano a bater nos cantís, fervenzas e regatos a atravesar os vales, a serra, os traballos e os labores, un detallado rexistro dos sanandreses, as lendas e o milladoiros, a  fonte do santo e con ela todas as fontes. Na lectura gozaremos desa escritura única da poeta, tamén aquí, no ensaio, no que desprega  o seu amplo coñecemento do universo de mitos e lendas europeas que relaciona cos rituais e paisaxes de Teixido. A súa ollada é a do detalle en perspectiva, e no horizonte o mar sempre. Un mar este que bate nos poemas do seu libro Estacións ao mar, tan diferente do mar ultimo de Tempo de Ría, calmo coas Cies no fondo.

Os sanandreses de pan recollen as figuras míticas que explica Xohana Torres.

Hoxe cos mitos virados a outras pantallas, aínda segue a ser de precepto –non o digo eu dío Xohana Torres- “contemplar en Ortegal un ocaso, Tabor, alquimia da luz operadora da nosa cultura.”.  “Teixido ten aínda a complicidade dun mundo que oculta secretas consignas na natureza do sol que morre. É que moitos dos nosos desafíos xurdiron fronte a este mar sen illas nin refuxio; a nosa ollada dirixíuse aquí a averiguar as claves da distancia oceánica, se cadra veriamos aparecer unha barca”. E nesa barca – engado eu – tal vez  teñades a fortuna de ver a sombra  leve dunha nena a soñar, termade dela con coidado, é a dona das xerfas e das tormentas, que nunca para. Porque como apunta a propia Xohana Torres “Que sería senón do sentido da vida se nos detivésemos?. Os símbolos só se manteñen se evolucionan. Sen esquecer que as mais fermosas andanzas foron sempre irreais”

Texto da presentación de  Teixido San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos. Compostela 2018