gtag('config', 'UA-106570544-1');
Luns, 28 Abril 2025

Xornalismo de argalladas, ruído e noticias inventadas

Levaba  tempo amolado comprobando como xornalistas progresistas difunden, comentan, defenden, dun tempo a esta parte ideas, feitos e datos falsos que teñen todos eles un denominador común: estar en sintonía co movemento ultraconservador, xenófobo e machista, que percorre Europa.

Comprobaba como nos medios de comunicación doutros países, maiormente Italia e Francia, había medios e líderes políticos da extrema dereita que usan os mesmos argumentos, feitos análogos e datos semellantes, adaptados a cada realidade.

Non pensen só en Vox, senón tamén no PP e Ciudadanos e nos medios que os apoian que, no Reino de España, son maioría.

A rede de noticias Integrity Initiative foi denunciada por Anonymous por estar dirixida por membros dos servicios secretos británicos.

Andaba eu a dar estas voltas cando coñezo que en decembro Anonymous destapa a existencia dunha rede chamada Integrity Initiative. Esta ONG defínese como ”Defending Democracy Against Disinformation” (Defensa da democracia fronte a desinformación).

Dirixida por dúas persoas vinculadas aos servizos secretos británicos, Daniel Lafayeedney e Christopher Donnelly, creada desde o goberno británico, con antenas nas embaixadas do Reino Unido en moitos países, a Integrity Initiative está financiada polo goberno británico, a OTAN, o Departamento de Estado americano, o ministerio de Defensa de Lituania e Facebook, segundo documentos filtrados que ninguén desmentiu aínda.

Creada para “contrarrestar a desinformación e maligna influencia de Rusia en Europa”, a Integrity Initiative dedícase a realizar operacións de propaganda en países europeos. En moitos deles a organización dispón de “equipas” de xornalistas, académicos, profesores…, militantes da defensa de occidente. Cada equipoa ten un líder e, tamén, o que parece un contacto na respectiva embaixada británica do país en cuestión.

O xornalista Rafael Poch (www.ctxt.es) relata como, segundo un documento de Anonymous, o 7 de xuño púxose en marcha unha operación para impedir o nomeamento do coronel Pedro Baños á fronte da Dirección Nacional de Seguridade.

Primeiramente emprendendo unha campaña en Twitter, con novas inventadas e comentarios ferintes, contra o militar, para desacreditalo e impedir o seu nomeamento.

A “información” tamén foi enviada a El País e a El Mundo. Finalmente PP e Ciudadanos fanse eco delas e premen ao goberno. Pedro Sánchez claudica. Nomeamento abortado.

Este é un xeito de como aparecen as argalladas, tanto nas redes como na chamada prensa seria. Existen xornalistas e opinadores pagados para inventalas, redactalas e difundilas. Tamén os hai que por desleix ou por deixarse engatar por uns ideais que creen honestos e coincidentes co seu xeito de pensar, se prestan non só a difundilos, tamén a defendelos, facendo súa a causa.

Tanto nas redes como na chamada prensa seria existen xornalistas e opinadores pagados para inventalas, redactalas e difundilas.

Esta última situación levou a que ben xornalistas, abrazasen a causa da unidade de España fronte aos “golpistas cataláns”, axudados, iso si, polo fondo de réptiles incrementado polo ministro Fernández Díaz, que superou en moito ao existente cando a “loita contra  ETA”.

As novas falsas, fake news, non existen. Non existen agora e nunca existiron. Son argalladas. Se son falsas, non son novas.

Ben é certo que moita prensa e moitos xornalistas sempre utilizaron, a mantenta, as argalladas, segundo a súa comenencia ou as das súas empresas.

En Galiza levamos moito tempo sufrindo unha modalidade destas argalladas: un político invéntase un dato ou difunde unha afirmación mentireira. Os xornalistas difúndena, sabendo que falta á verdade. Todo o máis, ao día seguinte, con moito menor relevancia, danlle voz aos prexudicados ou acusados.

Excúsasense afirmando que eles non teñen culpa, só recollen o que dixo, literalmente, unha fonte oficial.

Renegan así da función do xornalista como intermediario entre a fonte e a sociedade. E levan premios e gabanzas.

Cal é a diferenza logo entre esta etapa das argalladas e outros tempos?

A primeira, é a aparición das redes sociais e o seu poder para difundir estas argalladas.

A segunda, a aparición de medios dixitais que teñen precisamente ese xeito de facer xornalismo –ás veces extorsionador– como identidade.

A terceira, a aparición de mecanismos, a cada máis poderosos, que repiten e difunden esas argalladas, unhas veces monotorizándoas, outras inventando nomes de supostas persoas que semellan moi reais.

A cuarta é neutralizando mecanicamente a denuncia destas argalladas e o seu enmascaramento.

Como facerlles fronte? Sabendo ler: quen é quen, a que intereses responde, quen está detrás do medio… Logo aportando datos que desmintan estas presuntas informacións e poñéndolle nas redes, claramente a etiqueta: argallada.

Afonso Eiré López
Afonso Eiré López
Afonso Eiré López (Laxe-Chantada 1955). Aos 7 anos xa escribía coplas. Aos 14 comeza a colaborar en El Progreso. Aos 15 anos leva o primeiro premio literario, o de Narracións da Caixa Rural de Lugo. Aos 18 marcha estudar xornalismo a Madrid. No 1977 incorporase ao equipo que pon en marcha A Nosa Terra e no 1981 lidera un grupo para evitar o seu peche e traslada o periódico de Compostela a Vigo. Ocupou o posto de director máis de 30 anos e tamén o de Conselleiro Delegado e Presidente na empresa editora do semanario nacionalista. Postos que compaxinou coa colaboración en diversos medios de Galiza e da península, como correspondente e comentarista político, función que tamén desempeña aínda hoxe. A súa traxectoria está premiada polos principais galardóns xornalísticos, entre eles a Medalla Castelao. Escribiu máis dunha ducia de libros, ensaio, crónica e novelas. Na actualidade tamén ocupa o cargo de Presidente

Outros artigos

Lembranza documental da asemblea fundacional do BNG

Nas páxinas de A Nosa Terra, entre xaneiro e...

Luísa Villalta, no día das galegas nas letras 2022

Chega a novena edición da celebración en agosto das...

González Mariñas, homenaxe a un valedor do autogoberno galego

O 8 de xuño vai recibir unha homenaxe na...

Lembrando a María Xesús Arias, Pitusa

Golpea a desaparición da xornalista María Xesús Arias o...

Antía Cal, a mestra do Rosalia de Castro

Naceu no 1923 e foise na fronteira do centenario....

Maxín Alfredo Froiz: ‘Os hipermercados franceses estannos colonizando’

A entrevista ten tres décadas, pero o modelo e...

Artigos relacionados

Cinco anos sen os abrazos de Eduardo Galeano

Cumpriuse o 13 de abril o primeiro lustro sen a voz do uruguaio Eduardo Galeano. Visitante do noso país desde os anos 70, foi...

Evo Morales: ‘Temos a obriga de buscar a unidade latinoamericana’

Hai quince anos, ás portas da que finalmente foi a súa elección como presidente de Bolivia, Evo Morales particicipou na XXI Semana de Filosofía...

26-M, un retrato cara ás próximas eleccións galegas

Estas eleccións do 26 de maio son moi semellantes en tendencias e, aínda en resultados, ás de 2003, cando se podía albiscar como socialistas...
Share via
Copy link
Powered by Social Snap