Os tratamentos con samesugas volveron coller forza nos últimos anos. A orixe do seu us remóntase a máis de 3.000 anos atrás.

Nós séculos XVIII e XIX a principal exportación da Limia eran as samesugas. Os seus principais mercados estaban en Francia e Portugal, ademais de España. O negocio desapareceu co desecado da lagoa de Antela. Agora volven usarse.

Nin as patacas de tanta sona, nin o trigo que aparece no escudo de Xinzo de Limia. Nin sequera os bois. O produto que máis exportaba a comarca Limia hai dous séculos eran as samesugas.

García Bayón escribía no ABC: “Sangradores franceses, os mellores clientes no século XVIII, dicían delas que posuían un certo estilo profesional, un elegante xeito de cumprir co seu cometido. As samesugas de Antela de Ourense, honráronse bebendo o sangue dos máis ilustres do Enciclopedismo e o Romanticismo galo”.

E que o francés, conxuntamente co portugués eran os mercados que máis demandaban as samesugas que se criaban na lagoa de Antela.

Ademais de Carlos Bayón, Jaime Solá, en Vida Gallega, Xosé María Castroviejo ou Clódio González, referíronse á importancia destes vermes na economía limiá.

Vista da Lagoa de Antela cara 1880.

Pero non se exportaban todos estes vermes, que se podían mercar na mellores farmacias do mundo, tamén se vendían por España adiante, competindo coas de Doñana, ás que superaban en calidade. E tamén por toda Galiza, aínda que eran frecuentes nos nosos ríos e regatos antes das chegadas dos zurros.

No Boletín Oficial da provincia de Ourense aparecía todos os anos o anuncio para mercar samesugas, da variante Hirudo medicinalis.

“O 17 do corrente e de once a trece da mañá, terá lugar no Hospital de San Roque desta cidade, o subministro de samesugas para o establecemento desta capital para o ano entrante”. Está a falar de 1885.

Segundo a historiadora Elena González, nesta ano, a Deputación de Ourense pagou un real (“cen reais o cento”) por cada un destes vermes.

Antonio Gómez, de Folgoso, lembra como o negocio se mantivo até que no 1959 comezaron os traballos de desecado da lagoa de Antela.

“Viñan, sobre todo, os da parte de abaixo e os de Xinzo, traían uns botellóns de cristal, cunha angarela de aramio para penduralos, no que ían metendo as bichas”, cóntanos
Antonio, porque nas terras da Limia, as samesugas tamén eran nomeadas como “bichas” ou “cemezugas”.

“Había tantas samesugas que as vacas e bois viñan cheos delas cando saían de pacer dos lameiros da lagoa”, lembra Antonio que vai para os noventa anos.

Os animais, pero tamén as persoas, cando se ían bañar aos pozos traían pegados estes vermes que, grazas ou seu analxésico e poder anticoagulante do seus cuspe, “un non o notaba cando te mordían”.

Pero a seca da lagoa, rematada no ano 1963, supuxo “a destrución do mellor criadeiro de samesugas que a España posuía”, segundo recolle a Sociedade Galega de Historia Natural.

As samesugas volven a estar de actualidade

Agora as samesugas volven a estar de actualidade, pois o seu uso é frecuente en cirurxías plásticas, tan en voga, nas reconstrutivas e na traumatoloxía, así como para fabricar varios medicamentos, sobre todo analxésicos e coagulantes.

A única granxa existente na actualidade atópase en Gales, sendo propiedade da multinacional Biopharm. Ten máis de 50.000 vermes nos seus depósitos, que exporta a máis de 30 países a unha media de 20 euros o exemplar.

A única granxa existente na actualidade atópase en Gales, sendo propiedade da multinacional Biopharm.

Prezo que vai en aumento ano a ano, non só porque se está xeneralizando o seu uso, senón porque cada vez quedan menos exemplares da caste Hirudo Medicinalis. Un “descenso alarmante” por mor da súa “explotación cada vez máis incontrolada”, afirman nas revistas científicas.

A súa utilización na medicina, que tivo o grande auxe nos séculos XVIII e XIX, receitando o sangrado para case todas as enfermidades, moitas veces de xeito incongruente, pois era peor o remedio ca enfermidade, ven de tempos inmemoriais.

Xa aparecen en pinturas das cavernas así como nas pirámides exipcias.

Na actualidade existe máis de 600 castes deste verme hermafrodita, que está formado por 32 aneis, pero as da caste medicinalis son as mellores para chuchar sangue.
Da Limia desapareceron case totalmente, e ninguén lembra que secada a lagoa de Antela, rematou un negocio que, nun tempo foi importante e, conxuntamente coas ras, que tamén alá van, lle deu sona á comarca.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here